Imaxe: Faro de Vigo
O
HOME QUE SOÑABA E INVENTABA AS PALABRAS E AS HISTORIAS
De
cando coñecín a Álvaro Cunqueiro en 1969
Era unha tarde luminosa
e calorosa de verán, posiblemente do mes de agosto de 1969. Eu atopábame no
recibidor do Hotel Balneario Dávila de Caldas de Reis, onde traballaba de
botóns. Era pouco despois do xantar, na sobremesa.
Senta moi preto de min
un ilustre hóspede do hotel, unha persoa moi respectada e moi ben considerada.
Saúdame e fálame moi amablemente. Para miña estrañeza dirixíase a min en
galego. Daquela o galego era moi desprezado. Cando os nenos intentabamos
falalo... –Fala ben! Na escola os nenos que se expresaban en lingua galega eran
aldraxados e obxecto de burlas. Naquelas alturas da historia eu non tiña
consideración ningunha cara o galego. Iso que os meus avós o falaban entre eles
e a miña avoíña cantábame unha cantiga galega que a min me gustaba moito: Se vas a San Benitiño. Mais sorprendíame
que un cliente do hotel, un señorito se dirixira a min en galego.
Contoume unha historia
fantástica e moi bonita, chea de imaxinación e de cousas sorprendentes. E
falaba, falaba... e contaba, contaba... Semellaba que desfrutaba e se recreaba
en cada palabra que pronunciaba. Eu, a dicir verdade, estaba un pouco aburrido
e dábame o sono, pero por respecto aguantaba o tipo. E escoitaba ao cliente
aparentemente con moita atención e interese.
Mágoa que non fora hoxe
cando Don Álvaro Cunqueiro narraba a súa historia para min en exclusiva. Todo
un privilexio que no seu momento non estaba capacitado para escoitar e valorar,
que pena!
Don Álvaro e a súa dona
estaban instalados na suite do hotel e cada mañá á hora do almorzo eu leváballe
ao seu cuarto a prensa, o Faro de Vigo,
(do que fora director), e o ABC. A
min dábame a sensación de que o matrimonio non tiñan moi boas relacións entre eles.
Moitas tardes Álvaro
Cunqueiro pasaba uns momentos de descanso, á sombra do fermoso e fresquiño
canaval do hotel, botaba unhas cabezadas e tamén lía algo.
Don Álvaro Cunqueiro
apreciaba moito a boa cociña do Hotel Balneario Dávila, sobre todo a magnífica
repostería de dona Balbina, a nai da dona do hotel.
Tamén combinando
literatura e gastronomía don Álvaro xuntábase co grupo dos Endovélicos, unha
serie de intelectuais e escritores, entre os que se atopaban Maximo Sar e penso
que tamén andaba entre eles Hipólito de Sá, este grupo de eruditos compartían
mesa e mantel nun bar restaurante que coñecíamos como O Cabaret, que estaba situado no Cruceiro e alí entre bos viños e
gorentosos manxares da terra discorrían letras e historias.
É para min moi grato
rememorar estas vellas lembranzas da miña infancia de botóns, aos meus doce e
trece anos, foron dous veráns inesquecibles que vivín no Dávila, que valen máis
que algúns cursos universitarios.
Ademais de don Álvaro
ían alí de veraneo personaxes tan importantes, e que tiven a sorte de coñecer e
de tratar, como o Dr. Santos Junior, un grande intelectual e profesor da
Universidade de Porto, sabio portugués moi amigo de Filgueira Valverde,
Cunqueiro tamén foi grande amigo do vate pontevedrés. Tamén o escritor lugués
Trapero Pardo e posiblemente outros dos que xa non teño lembranzas.
Os amigos aos que lles contei estas historias e anécdotas anímanme a que as poña por escrito, para que o paso do tempo e a mingua da memoria non as fagan perder. Non obstante, creo que noutras ocasións xa me teño dedicado a narrar ditos feitos, mesmo nalgún programa de televisión. A miña infancia en Caldas foi moi rica e feliz. Pero, imos vellos, e sen dúbida, ás veces, repetímonos. A vida vai e ben nunha continua e cíclica narración.
Hotel Balneario Dávila - Caldas de Reis
No hay comentarios:
Publicar un comentario