É sabido que levo uns anos estudiando a figura de Xosé Filgueira Valverde na súa faceta de educador e de profesor. Achegándome a este personaxe podo comprobar a riqueza do seu entorno persoal, a enorme riqueza das súas relacións humanas.
Ademais da importancia
da súa familia, quero subliñar a súa relación cos membros da Xeración Nós e co
grupo dos fundadores e compoñentes do Seminario de Estudos Galegos, unha
institución da que nunca faremos o necesario para loar a súa importancia
capital na historia da cultura galega.
Mais, hoxe, quero
centrarme na figura de Castelao, personaxe sobranceira da historia galega do
século XX. El entregou con xenerosidade a súa vida ao servicio de Galicia, á
que tanto amaba.
Filgueira Valverde tiña
en moi alta estima e moitísimo aprecio pola persoa de Castelao. Todos os de Nós
e todos os do Seminario de Estudos Galegos querían moito ao irmán Castelao.
Filgueira dedícalle integro o IV tomo da súa colección de ensaios titulados Adral.
Tamén apreciaban e
admiraban moito a Castelao dous íntimos amigos e mestres de Filgueira, como
foron Francisco Xabier Sánchez Cantón e Antonio Iglesias Vilarelle. Sánchez
Cantón e Filgueira Valverde costearon e mimaron a edición do álbum Nós da autoría do gran Castelao.
Filgueira fixo todo o
posible e máis por xuntar no Museo de Pontevedra a maior parte da obra e do
legado de Castelao. Museo moi querido polo rianxeiro e que axudou a configurar
nos máis mínimos detalles.
Castelao tiña especial
aprecio e debilidade por Pontevedra, onde pasou anos cruciais e moi produtivos
da súa vida.
Desgraciadamente e por
motivos políticos a partires do ano 1935 Castelao e Filgueira comezan a se
distanciar e xa dun xeito definitivo a ruptura total confírmase a partires dos
tristes sucesos de xullo de 1936, tal como nos indicou e manifestou nunha
conversa mantida en 1998 Francisco Fernández del Riego.
Estas lembranzas
viñeron ao meu maxín ao visitares hoxe, entre outras salas, as dedicadas a
Castelao no Museo de Pontevedra. Sen dúbida, eu desexaría ter coñecido ao
grande Castelao, que aparte de político, artista, escritor, creo que foi un
home simpático, irónico, gran persoa; foi un dos “bos e xenerosos” da Nosa
Terra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario