A Rondalla do Instituto de Pontevedra co seu director
O
CINE NO INSTITUTO DE PONTEVEDRA
Na
época de Xosé Filgueira Valverde como director
(1946-1976)
Xa teño falado e
pretendido demostrar que o profesor, o “vello profesor” Xosé Filgueira Valverde
foi un docente humanista innovador. Pretendía que o seu centro educativo fose
un foco de cultura para o alumnado, para as súas familias e para a cidade en
xeral; por iso, o seu centro tivo unha considerable proxección social e nos
medios de comunicación da época.
Filgueira Valverde foi
un gran comunicador e publicista, os seus saberes, as súas actividades non eran
para quedar inéditos, como o gran investigador humanista que foi, consideraba
que a ciencia hai que comunicala, poñela a disposición de todos, aproveitando
todos os medios de difusión dispoñibles, mesmo os máis avanzados en termos
tecnolóxicos e vangardistas.
Xa teño indicado e
subliñado que don Xosé valoraba o deporte, a música, a poesía, a oratoria, as
artes plásticas, o teatro,... que foron sabiamente practicados no seu Instituto
de Pontevedra e con gran aproveitamento para o alumnado. E loxicamente tampouco
podía faltar a chamada sétima arte, o cine.
Na súa época como
director, o seu instituto contou con varios proxectores de distintas
características (mudos, sonoros) e aos que se deu bo e amplo uso. Ademais do
goce do cine como medio de entretemento e de admiración artística, tamén se
aproveitaron as súas virtualidades e potencialidades educativas e didácticas.
Utilizando moitas películas como
complemento e como recursos didácticos de moitas materias, nun enfoque
multidisciplinar ou inter-áreas moi acaído para Filgueira Valverde desde os seu
tempo no Seminario de Estudos Galegos (1923-1936). No instituto filgueirián
foron invitados distintos técnicos e especialistas de cada tema a visualizar as
películas co alumnado, incluso empresas cos seus técnicos e obreiros asistiron
as proxeccións cinematográficas para dialogar co alumnado e servir de utilidade
para todos, como unha potente e atraente fonte de aprendizaxe.
Para fornecerse de
filmes, fixéronse solicitudes e xestións e mantivéronse contactos co Ministerio
de Educación e con distintos organismos oficiais, así como embaixadas e
institucións culturais estranxeiras (como por exemplo, o Instituto de Francia).
Tamén se acudía ás
salas comerciais de cine da cidade de Pontevedra en sesións para escolares e o
Instituto de Filgueira Valverde acolleu e prestou a súa axuda e a súa
colaboración ao Cine-Club de Pontevedra, mesmo potenciando e axudando á súa
creación e posta en marcha.
Motivábase ao alumnado
na redacción e publicación de
comentarios e críticas de cine, que se publicaban na revista do Instituto, a
revista TEUCRO.
O Instituto de
Filgueira Valverde foi moi recoñecido e premiado, chegando a ter un gran
prestixio, foi declarado nos anos 50 do pasado século XX instituto modelo polas
autoridades académicas do Ministerio de Educación polo seu estilo docente e
pola calidade innovadora das súas múltiples e variadas actividades educativas e
culturais, que se realizaban intentando implicar a toda a comunidade educativa
e mesmo á cidade de Pontevedra.
Coido que aínda hoxe o
Instituto de Pontevedra, dirixido por Filgueira Valverde desde 1946 e ata 1976,
é un espello ao que poden mirar os centros educativos para replicar coas
debidas actualizacións e contextualizacións moitas das actividades e dos
principios educativos que alí se desenvolvían, dun xeito innovador e avanzado.
Para iso, serve a historia e a historia da educación para adoptar exemplos e
modelos de utilidade co fin de avanzar por sendeiros firmes e consolidados que
poidan aportar riqueza e valor engadido ao que facemos.
E como adoitaba a exclamar Filgueira Valverde: Sempre aprendo! / Aínda estou a aprender!
No hay comentarios:
Publicar un comentario