lunes, 20 de noviembre de 2023

VI Congreso de Patrimonio Inmaterial e Educación - Ourense - Vilarelho da Raia, 16, 17, 18 - NOV - 2023

 


Con diversas conferencias, ponencias e variados actos culturais tivemos a sorte de participar activamente neste Congreso froito da colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, a  Asociación Ponte nas Ondas, entre outras entidades e institucións; Ponte nas Ondas  ten sido recentemente declarada pola UNESCO como unha actividade de boas prácticas culturais e educativas e tamén recibiu o premio de Cultura da Xunta de Galicia e a Consellería de Educación extende oficialmente esta experiencia de boas prácticas a 20 centros do sistema educativo galego para que leven adiante esta experiencia de Ponte nas Ondas dun xeito efectivo na realidade pedagóxica e didáctica de cada centro seleccionado.

Tendo como exemplo a Ponte nas Ondas na relación de Galicia e Portugal, principalmente, pero, tamén doutras comunidades e países coa idea de tender pontes de relación e colaboración nun traballo multidisciplinar de carácter cultural, educativo, etnográfico e antropolóxico, no Congreso había unha presencia significativa de profesorado e estudosos de distintos lugares do "fraterno Portugal", expresión utilizada polos galeguistas socios do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) e presentáronse outras tres experiencias recoñecidas como de boas prácticas pola UNESCO, como a Escola Puçol de Eltxe, o traballo sobre o patrimonio natural e cultural da comarca do Montseny de Cataluña e a Escola-Museo do Cal de Morón de la Frontera (Andalucía). Un profesor brasileiro presentou a realidade de tres pobos extremeños que manteñen A FALA, unha lingua propia, que tratan de conservar e que moitos estudosos manteñen a tese que dita "fala" provén do galego. Cando nos séculos XI e XII se repoboan distintas zonas da Península para facerlle fronte e frear a amenaza musulmana, e nese zona a repoboación foi feita por persoas oriundas de Galicia, por iso se conserva dita fala peculiar, unha variante lingüística que constitúe unha riqueza que non se debera perder.

O Congreso rematou cunha grata experiencia en vivo, moi práctica e interesante sobre o Contrabando na Raia, na parte portuguesa Vilarelho da Raia e o Rabal (Ourense), experimentamos dun xeito vivencial, alegre e de camaradería como era o contrabando das décadas dos 40, 50, 60, 70 e 80 do pasado século XX. Nosa experiencia recreando esas situacións foi moi grata; mais recoñecendo que naqueles anos era unha situación calamitosa, miserenta e con moitos riscos, que os raianos souberon resolver con intelixencia, picardía e ousadía, a necesidade activa o inxeño e aquelas tristes experiencias crearon vínculos, tenderon pontes entre aqueles veciños separados artificiosa e convencionalmente por unha raia de fronteira, que eles souberon saltar e esquivar de xeito exemplar, solidario e creando irmandade. Os pobos son separados artificialmente por razóns de tipo político e económico que eles souberon transgredir fronte ás forzas represoras utilizando a audacia e a intelixencia popular.


Como síntese, neste congreso tratábase de clarexar que é iso de patrimonio? e máis de patrimonio inmaterial? O patrimonio tanto material como inmaterial ha ser recoñecido, inventariado, protexido, valorizado, difundido, rexistrado,... para non perder tanta riqueza inmaterial como atesoura a Humanidade neste rico e xeneroso planeta Terra, patria común de todos os humanos e que debemos preservar e coidar para deixalo como legado ás xeneracións futuras.


REPORTAXE GRÁFICA DE XERMÁN TORRES:



























VIDEO CLIPS DE XERMÁN TORRES:






PONENCIAS DEFENDIDAS, 17/11/2023























































No hay comentarios: