Mostrando entradas con la etiqueta Lugo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lugo. Mostrar todas las entradas

viernes, 20 de noviembre de 2015

ANTÓN FRAGUAS E XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE COMPITEN POR UNHA PRAZA DE ARQUIVEIRO-BIBLIOTECARIO

Foto: Consello da Cultura Galega

Consultando no Arquivo do Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela diversa documentación do legado de D. Antón Fraguas Fraguas, de tan grata lembranza, en concreto o seu epistolario custodiado na carpeta nº 5 - 1930/1938, atopeime cunha carta que lle dirixe Florentino López Cuevillas, na que lle promete a Fraguas o seu apoio para que poidera alcanzar unha praza de arquiveiro-bibliotecario na cidade de Lugo e pola que tamén aspiraba Xosé Filgueira Valverde. Cuevillas é partidario de Fraguas porque este estaba nunha situación económica, naqueles intres, máis precaria ca de Filgueira, quen ocupaba desde 1928 a praza de secretario e xefe provincial da Oficina de Turismo de Pontevedra, ademais de exercer a auxiliaría de Letras no instituto da capital pontevedresa. Aínda que Cuevillas era amigo dos dous galeguistas, aposta por Fraguas polas razóns xa indicadas. Veleiquí a transcripción dunha parte do contido de dita misiva:


"Ourense, 11 do Sant-Yago 1930

Querido Fraguas: Xuzgando pol-o que se ve o Filgueira debía de deixar de pretender a praza de arquiveiro de Lugo, pois a mais de ter millor acomodo económico que vostede conta ca segredaría do turismo que non digamos que sexa unha cousa pra soster familia, mais é unha boa axuda. A súa pretensión é lóxica e se na miña man estivera agora mesmo dáballe a praza. (...)". [Segue a dicirlle que lle facilite datas, ademais de datos sobre o tribunal, nomes, filiación política]. O que queda claro é que Cuevillas ponse ao carón de Fraguas, as últimas verbas transcritas son significativas.

sábado, 3 de mayo de 2014

O ROMÁNICO LUCENSE DA RIBEIRA SACRA (I)

O día 1 de maio, o colectivo de catequistas da Parroquia de Santa Baia de Arealonga fixemos unha viaxe cultural e de convivencia á Ribeira Sacra da parte da provincia de Lugo. Como xa temos indicado noutras oportunidades a Ribeira Sacra é unha comarca ben rica (magníficas paisaxes, riqueza natural, cultural, termal,...), unha zona para descubrir e gozar. Nós imos ir ofrecendo algunhas instantáneas e experiencias vividas nesta extraordinaria viaxe desde todos os puntos de vista (da convivencia, da cultura, dos encontros...).

A primeira parada foi en Ferreira de Pantón, onde visitamos o interesante mosteiro das bernardas, que foi fundado no século X pola comunidade benedictina. No século XII, pasa a pertencer á orde do Císter, de aí o nome que recibe das bernardas. Un complexo histórico e monumental con restos medievais e de distintas épocas por exemplo da época barroca e tamén neoclásica. Pero, o fundamental e de máis interese é todo o que se conserva do románico. Na desamortización non sufríu moito porque había no mosteiro monxas da comarca que de forma disimulada foron coidando e protexendo o máximo que puideron, por eso foi posible que chegará ata nós tan ben conservado. Entre as cousas de máis valor e que a comunidade garda como ouro en pano, unha imaxe románica da Virxe María, do século XII.

Recomendamos a visita obrigada a este mosteiro e non deixen de mercar os gorentosos doces que elaboran as monxas da comunidade. Ademais de mercar outros obxectos como lembranza do paso por este marabilloso entorno, onde tamén as cegoñas fan o seu niño.
















lunes, 11 de junio de 2012

UN PASEO POR LUGO

A cidade de Lugo, unha cidade milenaria, distintas culturas e povos asentaron nos seus lares; pero, foi a civilización romana a que deixou maior e máis visible pegada, e pola que mellor se coñece LUCUS AUGUSTI. A romanización foi esencial para Lugo, conformou a cidade e deixou o símbolo máis notable e máis característico desta etapa, a famosa muralla. Mais Lugo é moito máis: a Catedral, o Museo, as distintas igrexas, o encanto das rúas e os seus recunchos típicos. Lugo, unha cidade cosmopolita para desfrutar e non só nas afamadas festas de San Froilán, o bispo por excelencia de Lugo, sempre acompañado do lobo. É Lugo terra de bo xantar, o mellor polbo degústase aquí nas festas xa citadas. Ten moitos outros atractivos, o río Miño, o pai Miño, o balneario, as termas, os mosaicos,... A pouco que se remova aparecen novos e ricos restos arqueolóxicos. Lugo, unha cidade por decubrir, un lugar para soñar. Regalamos algunhas imaxes tomadas no noso recorrido por esta emblemática e fermosa cidade galega, o pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas.