miércoles, 28 de octubre de 2009

VIII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE, 26-10-2009; 20:00 H.





A presidencia do acto correspondeulle ao Vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Xosé Xoán Durán Hermida, acompañado do Vicerrector de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Carlos Area Carracedo, do Presidente da Fundación Filgueira Valverde, Xosé Fernando Filgueira Iglesias, do Director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez e do representante de Caixanova, Antonio Gómez Rivera.

O Sr. Durán Hermida, na apertura do memorial, cédelle a palabra ao Presidente da Fundación Filgueira, quen agradece á organización do Memorial e aos conferenciantes por manter viva a figura do seu pai e porque nos memoriais trátanse temas moi achegados ás súa liñas de traballo e que el no seu momento tratou. Como nesta ocasión, e oportunamente se tratan temas relacionados con Santiago e coas peregrinacións, que el tanto apreciaba e ás que profusamente lle dedicou tanto tempo.
Finalmente, agradeceu aos presentes a súa asistencia.

O Vicepresidente da Deputación dalle a palabra ao representante de Caixanova, quen salienta o traballo da Cátedra Filgueira mantida pola Universidade de Vigo e Caixanova e que foi creada en 1997, indica que nestes anos a cátedra becou máis de 70 traballos de investigación e que a cátedra ten a súa sé en Pontevedra, íntimamente relacionada co campus de Pontevedra. Entre outras destacadas accións da mesma, subliña a catalogación da obra de Xosé Filgueira Valverde, a organización de seminarios e destes memoriais que se achegan a súa oitava edición. Para rematar, desexa que estas xornadas sexan do agrado de todos e singularmente ao tratarse dun tema tan oportuno que foi proposto polo Director do Museo de Pontevedra, gran colaborador da cátedra Filgueira.

Intervén a continuación o Vicerrector de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo coa venia da presidencia. O Sr. Area Carracedo comenta que un ano máis no memorial seguimos con temas da liña de investigación do Dr. Filgueira. Continúa engadindo que o froito desta cátedra é de difícil cuantificación. Non obstante, consultando o buscador Google aparecen máis de 44.500 entradas referidas a Filgueira Valverde en combinación coa Universidade de Vigo. O que indica a importancia de Filgueira e o necesario que é seguir mantendo accesa a chama de D. Xosé, como pretenden os memoriais.

Como última participación da mesa, intervén o Sr. Durán Hermida quen reitera o saúdo, a acollida e o agradecemento a todos os asistentes. Indica que os memoriais axudan a deixar constancia do gran labor de D. Xosé Filgueira Valverde, quen deixou “unha pegada indeleble na cultura galega”. Para D. Xosé, eran moi queridos e traballados os temas sobre Santiago e as peregrinacións, precisamente este memorial é un magnífico limiar para o Ano Santo que se aveciña. Nestes e noutros temas o “maxisterio de D. Xosé é impresionante”. O tema é moi axeitado pola próxima celebración do Ano Santo Compostelán, o contido do VIII Memorial é como a “antesala do Xacobeo 2010”, no que se celebrarán múltiples acontecementos e actividades. Finaliza a súa intervención, reiterando as grazas a todos os presentes neste acto de apertura do VIII Memorial Filgueira Valverde.

Seguidamente, prepárase a conferencia inaugural, que impartirá, Ángela Franco, do Museo Arqueolóxico Nacional, que disertará sobre: O acibeche compostelán e a peregrinación e o culto a Santiago.

Fai a presentación da conferenciante e do tema o Dr. Valle Pérez. Empeza a dicir que os temas do Memorial relacionados, este ano, con Santiago son como un limiar, como xa se ten dito, dos acontecementos que viviremos en 2010.
Segue a comentar que a Dra. Ángela Franco é a experta máxima no tema dos acibeches no mundo, por iso foi elixida para impartir esta conferencia inaugural. Ela é a xefa da área medieval do Museo Arqueolóxico Nacional. O Museo de Pontevedra, posúe, ao menos, numericamente, a colección de acibeches máis importante do mundo. Aproveita estas verbas de presentación para darlle as grazas a Dra. Ángela Franco por vir a Pontevedra a impartir esta conferencia e participar neste Memorial.

Comeza a súa intervención a Dra. Ángela Franco agradecendo as verbas do seu colega e de antemán expresando á gratitude aos presentes e a súa ledicia por estar en Pontevedra inaugurando coa súa conferencia este memorial.
Prosigue comentando que D. Xosé coas súas publicacións sobre o acibeche convértese nunha autoridade sobre a materia. Que ela comezou co seu interese sobre este tema, alá polo ano 1983 e recoñece que as mal chamadas artes menores aportan solucións para as artes maiores (arquitectura, pintura, escultura).
Os temas sobre o acibeche que ela vai tratar, son principalmente:

- Iconografía de Santiago
- Vestimenta e atributos do peregrino
- A Quinta Angustia
- Obxectos de culto (candelabros, que non chegou ningún ata nós, portapaces, cruces)
- O rosario

O acibeche era considerado como unha xoia, os Reis Católicos, Xoana a Loca, o Marqués de Santillana, entre outros notables da historia, posuían, entre as súas pertenzas, acibeches.
A través da longa serie de rutas en Europa achegábanse os peregrinos a Santiago de Compostela. As peregrinacións achegaron moitos peregrinos dos máis alonxados lugares, establecéndose vínculos e interconexións, intercambiando riqueza. Os peregrinos traían a súa cultura e levábanse os acibeches. Estes cobran singular importancia a partires do século XIV, aínda que se documentan en séculos anteriores.
Importancia do concepto de porta (porta santa), no medievo entendíase a Cristo como a Porta de Salvación.
Por que viñan os peregrinos a Compostela?

- Por devoción
- Por mor dun miragre
- Por cuestións sociais e políticas
- Por razóns altruístas para cumplir promesas póstumas

Santiago Apóstol cobra moita importancia, sendo considerado un dos principais apóstoles de Xesús, tal como se pode comprobar no Apostolado dos Beatos, por exemplo no chamado Beato de Xerona do ano 975. En Burgo de Osma está moi destacado o mapa da cidade de Santiago, como principal foco de atracción de peregrinacións, os peregrinos acudían a Compostela como os “palmeiros” que acudían aos Santos Lugares e os “romeiros” a Roma.

Subliñar a presenza das cunchas veneras, como “signacula” que amosaba o ter feito a peregrinación á tumba do Apóstolo. Esténdense o uso das cunchas veneras de acibeche na Idade Media. Como mostra da importancia desas cunchas, cita tres xoias de acibeche con ese motivo:

- Cuncha venera da Colección Valderrey, que introduce a figura de Santiago
- Cuncha venera do Instituto Valencia de D. Juan
- E cuncha venera da Biblioteca Ambrosiana de Milán

Poidemos observar a súa beleza por medio das diapositivas da presentación en Power Point.
Chegados a este punto cita ao estudoso D. José Ferrandis, quen fixo numerosos traballos sobre marfís e acibeches.

Na colección Valderrey aparece Santiago con túnica corta. Santiago peregrino nace no acibeche da escultura monumental. Representa a Santiago descalzo, como apóstol, en Palermo consérvase un acibeche con Santiago calzado. Para pergrinar a Santiago e debido ás longas camiñatas é preciso vir ben calzado.
Desde o século XIII o Santiago peregrino leva a cuncha venera no sombreiro. Nalgunhas representacións tamén leva o báculo bastante alto e o calacú ou cabaza, nalgúns casos leva o libro, que representa a fermosa epístola atribuida a Santiago. Tamén figura a esclavina.
A conferenciante preséntanos imaxes de Santiago en acibeche:

- Santiago peregrino do Museo Arqueolóxico Nacional
- Santiago peregrino de The Cloiters
- Santiago peregrino do Instituto Valencia

Podemos atopar esa mesma iconografía nas coleccións de García Casado e Valderrey. Neste punto, comenta que as coleccións privadas foron formadas por persoas con entusiasmo, cousa que non sucedía, na maioría dos casos, cos descendentes quenes as vendían e disgregaban as coleccións. Fai unha chamada ás institucións para que indiquen onde se atopan as pezas.
Indica que hai unha importante colección de acibeches na Hispanic Society de Nueva York e así mesmo localízanse importantes pezas, entre elas un Santiago cun peregrino no Richmond Museum de Virxinia. Ao outro lado do charco chegaron os acibeches polo proceso de conquista, atopándose unha moi interesante colección na Catedral de Santo Domingo. No Museo de Pontevedra tamén podemos ver un Santiago cun peregrino, dentro da súa extraordinaria colección.
Polas distintas características e estilos peculiares sabemos da existencia de distintos obradoiros de acibechería. En Santiago de Compostela había moitísimos (lembremos a praza da Acibechería, a praza das Praterías, etc.).
O século XVI é moi importante para o relanzamento desta arte menor.

FERRANDIS clasifica os acibeches atendendo a criterios cronolóxicos, comenta que os acibeches dos séculos XV e XVI son os máis importantes, precisión coa que non está completamente de acordo a Dra. Franco, ela estima que os acibeches do XVII, por tanto, os do Barroco, teñen moito interese, que a partir de aquí van introducirse novos motivos na creación dos acibeches.
Felipe II chegou a prohibir as peregrinacións porque baixo o manto dos peregrinos escondíanse moitos maleantes e delincuentes.

FILGUEIRA VALVERDE realiza a súa clasificación atendendo á tipoloxía dos acibeches e establece as seguintes categorías:

- Peregrinacións (cunchas, Santiago)
- Obxectos de culto (cruces, portapaces,…)
- As supersticións (as figas)
- Os rosarios paternoster (xunto cos colares que levaban as abadesas e as monxas)

Hai outras clasificacións polo uso, e tamén atendendo aos acibeches das grandes familias.

Comenta sobre a iconografía dos peregrinos e mostra a capa e sombreiro de Stephan Praun III, que se conservan no Museo de Nuremberg. Tamén menciona o armorial, libro de armas do mesmo nobre. Indica que o sombreiro está decorado cunha grande cuncha venera e cuns bastonciños, algúns situados formando unha estrela.
Indica tamén que hai uns santiaguiños, que son figuras que ían cosidas aos sombreiros.
Menciona un libro de frei Llompart, relixioso mallorquín, que leva por título: FOLCLORE DE EUROPA. FOLCLORE DE ESPAÑA.

Retoma o tema dos rosarios e da súa importancia a partires do século XIII e menciona algunhas representacións:

- Santiago co rosario e dous peregrinos da Seo de Zaragoza.
- O que se conserva no convento de Santa Clara de Murcia.

Así mesmo, amósanos unha tabla procedente de Astorga do Museo de León.
Fala das características dos rosarios, mencionando o rosario dos quince deces e que moitos colares de acibeche levan a cuncha venera.
Comenta que a partires do século XV existe unha vinculación do rosario coa morte. É o tempo das danzas macabras, das lendas dos tres mortos e dos tres vivos.

No século XVII introdúcense as Inmaculadas tamén nos acibeches, e aparece na iconografía o Santiago a cabalo. Introdúcese a figura tan popular de San Antonio de Pádua.

As supersticións tamén están moi misturadas na iconografía relixiosa (as figas, por exemplo, que se utilizaban contra o mal de ollo).

Dentro dos obxectos de culto, as cruces cobran singular significación, menciona á Cruz de Ourense, da que existe documentación desde o ano 1498.
Aparecen as figuras chamadas piedades, con orixe nas figuras bizantinas e nos prantos.
Moitas pequenas figuras de Santiago peregrino, piedades que se atopan soltos, sen dúbida eran pezas que ían incrustadas en altarciños e “hornacinas”.

Ata o de aquí, estes apuntamentos que son unha síntese da exposición da Dra. Ángela Franco.

O presente memorial continuará coas seguintes conferencias:

- 27 de outubro, martes: Peregrinación e comercio na Idade Media. Por XOSÉ SUÁREZ OTERO (S.A. de Xestión do Plan Xacobeo).

- 28 de outubro, mércores: O padroado de Santiago: orixe, desenvolvemento e consecuencias. Por OFELIA REY CASTELAO (Universidade de Santiago de Compostela).

- 29 de outubro, xoves: A iconografía de Santiago no gravado compostelán. Por YOLANDA BARRIOCANAL LÓPEZ (Universidade de Vigo).

miércoles, 21 de octubre de 2009

SABER GALEGO NON PREXUDICA GRAVEMENTE Á SAÚDE


Semella paradóxico que quen debera estar na vangarda de defensa da lingua e da cultura galega (lease Admón. Pública Galega), sexa a primeira en adoptar unha postura hostil, ou cando menos unha postura pouco ou nada correcta cara a lingua propia da comunidade galega. A Constitución de 1978 e o Estatuto de Autonomía de Galicia, actualmente vixente, recoñecen o respecto e a defensa das linguas das comunidades autónomas, entre elas a lingua galega, herdanza dos devanceiros e tesouro conservado en Galicia grazas ás clases baixas, labregos, mariñeiros e obreiros da nosa terra.

Cando se estaba a confeccionar a Lei Villar, lei de educación de 1970, Filgueira Valverde e Rosón Pérez, fan un alegato encendido a prol da lingua galega nas Cortes Españolas. Argumentaron pedagóxica e culturalmente a favor do necesario uso vehicular da lingua materna na escola, defendendo á lingua de Rosalía, citan, entre outros, a frei Martín Sarmiento, ilustrado galego, que se caracterizou polo estudo e polo amor á nosa lingua, postulando xa no seu tempo, o uso escolar do galego. E mantendo a tese de que o bilingüismo non é un impedimento de nada senón unha riqueza que ofrecía moitas avantaxes para o coñecemento e para a educación.

Os nosos complexos, a nosa castración lingüística, que padecen en grao sumo quenes nos gobernan, indúcennos aínda no século XXI a aldraxar ao noso propio idioma, aducindo toda unha serie de falacias moi estendidas. Que si o galego non serve para nada (cando é útil como todas as linguas para comunicarnos, para expresar os nosos sentimentos e os nosos coñecementos, para a creación literaria –tan rica e variada no noso idioma-, para demostrar cariño e respecto polos nosos antergos e polo noso patrimonio cultural inmaterial-). Vívese para máis que o puramente material e crematístico e que para un mero pragmatismo mercantilista. Pensemos en algo máis que en dólares, euros, libras… a vida é moito máis ca eso. Non pensemos en reducir a diversidade e variedade cultural e lingüística a tan só inglés, puramente por intereses economicistas, se pensamos así, ao mellor sería máis práctico aprender só chinés.
O galego non nos limita, ao contrario ábrenos moitas perspectivas, non nos esquenzamos dos fraternos Portugal e Brasil e todo o seu ámbito de influencia. Aprendamos por estimar o noso para logo poder estimar outras moitas cousas. Dame verdadeira lástima cando os galegos non aprecian o propio, a lingua, a cultura, a paisaxe. E cando non sabemos ou non queremos, por múltiples razóns, amar a nosa fermosa terra e todo canto ela conleva. Tomemos exemplo de pobos tan avanzados como Cataluña e País Vasco. Amando o noso somos quen de respectar e valorar aos demais.
O idioma galego non nos fai dano, non o aldraxemos, pois cando o facemos somos uns fillos mal nacidos que desprezamos aos nosos propios antepasados. Desexemos como Cunqueiro, mil primaveras máis para a lingua galega.

lunes, 12 de octubre de 2009

TEN FUTURO A TERRA?


Con estes niveis de crecemento e cos actuais sistemas de producción pouco ou nada sostibles hipotecamos a existencia das futuras xeracións neste planeta azul, cada minuto que pasa, menos azul.

Coa contaminación que provocan os países de economía occidental, fundamentalmente, Estados Unidos, Europa e Xapón estamos a destruir a vida no planeta e escravizando aos países empobrecidos. Esencialmente, as antigas colonias de África, que siguen a ser expoliadas polas chamadas potencias mundiais. Levámoslles fame, guerras, enfermidades. Roubámoslles coltan, ouro, diamantes, petróleo, cacao, café…

Máis lles valera a eses países empobrecidos que o home blanco non puxera endexamais neles o seu pe. E hoxe, o mellor que lles podería pasar é que marcharamos de alí e os deixaramos simplemente en paz; eso sí, devolvéndolles todo o que lles roubamos a través dos séculos de invasión e de colonización.

O sistema capitalista non é sostible, en vez de crecemento sostible, deberamos falar de decrecemento. Consumir menos, aforrar enerxía, empregar fontes de enerxía renovables, non contaminar (lembrémonos dos tres “r”: reducir, reutilizar, reciclar), levar un estilo de vida máis sinxelo; non desexar tantas cousas, contentarse con pouco e buscar a verdadeira riqueza.

Qué é a riqueza?

Cal destes homes é o máis rico?

a) Un oriental está sentado a entrada da súa tenda, toma pracidamente unha cunca de té, mentres fala de vagar cun estranxeiro que acolle na súa casa, a hospitalidade é sagrada. Entre grolo e grolo, observa con interese as estrelas dun ceo totalmente despexado. Conversa sosegadamente, explállase nas explicacións, cunha linguaxe ricaz e imaxinativa, non ten présa. Ofrécelle outra taza de té ao estranxeiro, invítao a que pernocte no seu fogar, mañán poderá emprender a súa viaxe coa luz do día. Ladran os cans e os dromedarios remóvense na corte.

b) Volve á casa despois de oito horas de duro traballo nunha fábrica ruidosa e contaminante. Está canso e desexoso de chegares á casa. Topa unha autorruta colapsada de tráfico, está dos nervos na retención, ruido e máis ruido de claxons e de motores, fume e máis fume, está estresado, doelle a cabeza. Aínda lle queda ata chegar á casa. Por fin, no fogar, berros dos nenos que están moi inquedos, non paran de facer un enorme barullo coa wii. A muller non deixa de queixarse do caro que está todo. Que ten que facer horas extra, senón o xornal non chega ata fin de mes. A cea, composta de patacas fritas, salchichas, hamburguesas. Bebe unha botella de viño, toma un café con caña de herbas, fuma un puro antes de ires para a cama, mentres olla coa muller telebasura, os nenos ainda berran antes de se durmir. No pequeno piso hai un arrecendo característico a fume de puro e “humanidade”. Son máis das 24:30 h., intenta o sexo na cama, queda durmido roncando coma un porco. A súa muller tamén cansa e frustrada, toma uns somníferos para poder durmir. Son as 7:45 h., soa o despertador. Volta a empezar un día tóxico e anódino.


O FUTURO OU É DE TODOS (PAÍSES RICOS E POBRES) OU NON É DE NINGUÉN.

MIGUEL A. MARTÍN

viernes, 2 de octubre de 2009

QUE PODERÍA SER A NEGRA SOMBRA DE ROSALÍA?








Sen dúbida, ese adxectivo que acompaña a ese substantivo convertéronse nun tandem moi famoso polo poema homónimo publicado por Rosalía de Castro no seu libro máis lírico, FOLLAS NOVAS. O fermoso e triste poema foi musicado e divulgado en múltiples versións por moitos artistas ao longo do tempo. Quizais non pode ter outro significado que evocar cousas negativas da vida da ilustre literata galega. Falamos de suposicións e de conxeturas, para coñecer o que Rosalía non fixo explícito, habería que penetrar nos seus pensamentos, sentimentos e inquedanzas. Cal sería esa negra sombra que asombraba a nosa máis popular e coñecida poetisa?

Pode ser que non fose plenamente feliz no seu matrimonio co erudito arquiveiro, Manuel Murguía. Quizais sempre se lembrase dun posible amor xuvenil co poeta Aurelio Aguirre, morto prematuramente e en estrañas circunstancias nunha praia da Coruña. Con Aguirre coincidira en moitas xeiras culturais e teatrais na súa Compostela natal.

Quizais as desgrazas familiares, a morte dun fillo pequeniño nun accidente no fogar familiar. A fraqueza de forzas, as dores e molestias da cruel enfermidade que a levaría á tumba, as dores polas inxustizas sociais, as aldraxes que se cometían contra Galicia e a súa lingua (sobre este aspecto, canto sufriría hoxe Rosalía de Castro!). Todo iso e moito máis podería ser a Negra Sombra rosaliana.

Se tivesemos connosco a D. Xosé Filgueira, experto en todo o que tiña que ver con Rosalía de Castro, fora un dos fundadores do Padroado “Rosalía de Castro”, director da Casa-Museo da Matanza en Padrón… Moito nos podería clarexar o ilustre pontevedrés sobre este tema. Quédanos a súa obra que poderemos consultar.

PUBLICACIÓNS COA PARTICIPACIÓN DE FILGUEIRA sobre Rosalía de Castro:


1925 - 65 - “Polas terras de Padrón”. GALICIA, Vigo, 31-V.

102 - “Vieiros”. EL PUEBLO GALLEGO, Vigo: XXIV. “A casa de Rosalía”, 23-IX.


1962 - 533 “Sobre la ‘Alborada’ y la aptitud musical de Rosalía”. EL
MUSEO DE PONTEVEDRA, XVI, páxs. 55 e ss.

1963 - 546 “Rosalía en el centenario de sus ‘Cantares Gallegos’”.
ATLÁNTIDA, nº 2, marzo-abril.

1964 - 554 Castro, Rosalía de: POEMS. Traducido do galego por Charles
David Ley. Introducción e selección de X. Filgueira Valverde.
Ministerio de Asuntos Exteriores. Madrid. (L.F. 100).

1967 - 590 “Escritos no seleccionados de Rosalía de Castro. Unha boda
n’aldea”. Separata de CUADERNOS DE ESTUDIOS
GALLEGOS. T. XXII, fasc. 68. (L.F. 118).


595 - “Dos poemas rosalianos de Ramón Cabanillas”. CUADERNOS
DE ESTUDIOS GALLEGOS. T. XXII, fasc. 68. (L.F. 119).


1974 - 746 Con Rosalía de Castro no seu fogar / Con Rosalía de Castro en su
hogar. Vigo, Artes Gráficas Galicia. (L.F. 175). Reedicións:


Con Rosalía de Castro no seu fogar. Versión do limiar da edición
do Consello de Europa. Guieiro da visita. Escolma de poemas galegos. 1984.


Con Rosalía de Castro en su hogar. Introducción de X. Filgueira Valverde. Selección de poemas casteláns. Vigo, editorial Galaxia, 1984.




1975 - 774 “Pintos e Rosalía. A colaboración no glosario dos ‘Cantares’”. En
PRESENCIA DE ROSALÍA. Vigo, editorial Galaxia, páxs. 23-24



1985 - 1.395 Rosalía cos rapaces. Escolma comentada. Xunta de Galicia.
Consellería da Presidencia. Santiago de Compostela. (L.F. 287).


1.405 “Para un estudo dos caracteres de Rosalía e de Losada Diéguez”.
En: O LIBRO GALEGO. Barcelona, editorial Sotelo Blanco.


1.406 “Visión de Rosalía”. En Montero, Eugenia: ROSALÍA DE
CASTRO. LA LUZ DE LA NEGRA SOMBRA. Entrevista
a X. Filgueira Valverde. Madrid, Sílex.


1.418 “Eva Llorens a Rosalía”. HOMENAJE A ROSALÍA.
Presentación da exposición de X. Filgueira Valverde. A Coruña,
decembro.

1.439 “A habelencia teatral de Rosalía”. LA VOZ DE GALICIA, 24-XI.


1.441 “Camoens en Rosalía”. LA VOZ DE GALICIA, 9-XII.



1.442 “Teatro y antiteatro en Rosalía”. Peña Labra, nº 55. Santander.

“Adral”. Artigos publicados periodicamente en Faro de Vigo:

1.446 “Liérmentov en Rosalía”, 13-VII.

1.451 “O silencio de Rosalía”, 28-XII.


1986 - 1.454 “Rosalía de Castro e a música”. Separata das Actas do Congreso
Internacional de Estudios sobre Rosalía de Castro. Consello da
Cultura Galega. Santiago de Compostela. (L.F. 294).

1993 - 1.993 “Cara Ortoño, pola Amaía. A primeira ‘xeira’ do Seminario de
Estudos”. EL CORREO GALLEGO, 9-X.


1995 - 2.070 “Camoens y Rosalía”. En Liñares, J.: Arredor do centenario de
Rosalía. Padrón. Patronato de Rosalía de Castro.



FONTE: Mª Jesús FORTES ALÉN (coord.): Ó Dr. Filgueira Valverde nos seus noventa anos (1906-1996), Pontevedra, 1996.

domingo, 13 de septiembre de 2009

O MOSTEIRO DA ARMENTEIRA








Hoxe cúmprense trece anos do pasamento do profesor Filgueira Valverde, este blog xurdíu como unha homenaxe a súa figura, nel lembramos a D. Xosé e aos seus seres máis queridos e próximos. Asimesmo a temática do blog encádrase no que podemos chamar cultura galega; xa que Galicia era o que máis amaba o Dr. Filgueira.
E para conmemorar este día, nada máis apropiado que falar do Mosteiro da Armenteira, fundado por San Ero, tal como recolle a tradición secular, e onde se sitúa a lenda do monxe e da “pasarinha”, que é a temática da famosa Cantiga CIII de Alfonso X o Sabio, da que xa temos referencias neste blog e que foi obxecto da tese de doutoramento de D. Xosé, tese publicada por primeira vez en Santiago no ano 1936.
O Mosteiro da Armenteira ten un atractivo especial, situado nunha paraxe privilexiada do Concello de Meis, nun entorno natural exhuberante, rodeado de bosque e vexetación, coa ensoñación mítica do canto do paxariño que engaiolou ao monxe durante trescentos anos.
Ese ambiente atractivo e misterioso que arrodea ao mosteiro do século XII envolve ao visitante que precisamente queda extasiado diante de tanta beleza e ante o engado das pedras graníticas que prenden a un coa súa feitura.
No interior do templo unha preciosa talla de Nosa Señora das Cabezas, que preside o altar maior e que é venerada por tantos devotos da bisbarra e de Galicia. Está ademais a interesante imaxe que representa ao monxe do paxariño. Todo constitúe un motivo dabondo para xirar visita a este histórico mosteiro.
Foi boa a idea das autoridades dos Concellos de Ribadumia e de Meis, xunto coas autoridades provinciais de recuperar e acondicionar as chamadas rutas das Pedras e da Auga, que conflúen no mosteiro benedictino, hoxe habitado por unha comunidade de monxas de dita orde.
Estamos na hora do lusco e fusco no claustro do mosteiro, oénse as voces brancas das monxiñas cantando as vésperas e nós lembrámonos de D. Xosé Filgueira Valverde, quen seguramente no paraíso, estará abraiado xunto con San Ero da Armenteira escoitando aos paxaros celestiais que rechouchían na honra da Nosa Señora.

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá.

domingo, 6 de septiembre de 2009

O CASTRO ALOBRE












Podiamos definir os castros como poboados autodefensivos construídos en zonas estratéxicas. Dentro das súas diversas edificacións combinaban vivendas familiares con locais comunais. Xeralmente construíanse en zonas elevadas cunha boa e extensa visión da comarca onde estaban ubicados. Contaban con murallas e fosos defensivos concéntricos. A maioría das veces con saídas cara o mar ou cara os ríos.
Este tipo de construccións pertencen a poboadores pre-romanos de Galicia, da época coñecida como da Idade dos Metais, máis concretamente de Idade de Ferro. Falamos da cultura castrexa, da que hai restos espallados por toda Galicia.
No Museo de Pontevedra custódiase o tesouro castrexo atopado en Caldas de Reis e constituído por máis de 30 Kg de ouro. Tendo en conta, que é tan só unha parte do que se poido conservar.
En Vilagarcía de Arousa foi estudiado por Fermín Bouza Brey o chamado Castro Alobre, que é o berce, a orixe da Vila de García medieval, a carta puebla da mesma fóralle outorgada ao nobre García de Caamaño, fundador do que hoxe é Vilagarcía de Arousa. O documento da carta puebla foi atopado por Bouza Brey entre a valiosa documentación do pazo do Señorío de Rubiáns e donada polos herdeiros de Bouza Brey ao Concello de Vilagarcía de Arousa.
No Castro Alobre estanse a realizar excavacións que están dando a coñecer restos castrexos, como os da máis antiga telleira coñecida de Galicia e outros restos de singular importancia. O Concello de Vilagarcía de Arousa trata de museizar ditos achados e darlle valor á zona. Ao mesmo tempo deséxase promocionar o coñecemento do xacemento e o do seu entorno no chamado Montiño, facendo campañas entre os escolares e invitando a toda a poboación e visitantes para que se acheguen a tan importante lugar. Trátase de coñecer as nosas orixes.




Procedencia das imaxes:




- Fotografías propias


- Documentos extraídos de folletos do Concello de Vilagarcía de Arousa