miércoles, 16 de febrero de 2011

II MESA DAS VERBAS


O luns 21 de febreiro, ás 21:00 h. e no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, celebrarase un segundo encontro poético coa denominación MESA DAS VERBAS, aberto á participación dos socios e público en xeral. Compartiranse poemas, respectando as quendas de participación para que todo o mundo teña oportunidade de intervir. Seremos moi escrupulosos cos tempos, de inicio, de participación, tentarase que o acto non exceda moito da hora de duración.

Renderemos unha pequena homenaxe ao vilanovés, José Losada, quen foi un poeta da diáspora galega en Bos Aires e a Álvaro Cunqueiro, do que se celebra o centenario do seu nacemento.

Nesta oportunidade, teremos música en vivo, correrá por conta do pianista, Germán Jesús Torres Sánchez, quen nos ofrecerá fragmentos escollidos de pezas de BACH e CHOPIN.

Tamén é posible a participación dalgún rapsoda, que interpretarán e declamarán poemas de poetas coñecidos e populares.

Temos pois, unha cita coas musas, presidirá o encontro a deusa Palas Atenea, baixo a forma dunha curuxa. Están todos e todas convidados.

domingo, 13 de febrero de 2011

AUXILIA, BREVE PERO ILUSIONANTE EXPERIENCIA EN AROUSA



Nas décadas dos 70 e 80 do pasado século, levouse a cabo en Vilagarcía de Arousa e comarca unha experiencia digna de lembrar e que foi mágoa que esmorecera por falta de relevo. Dita experiencia era alentada polo equipo directivo do Colexio Sagrada Familia, estaban á fronte dúas filipenses de grata lembranza, a madre Lourdes e madre Aurora, participaban tamén alumnos/as, ex alumnos e amigos da comunidade filipense. Formouse naqueles anos un grupo estable de AUXILIA, institución de orixe belga moi arraigada en Barcelona e aquí en Galicia había grupos notables en Lugo, Ourense, e Vigo. Dita institución perseguía e aínda persigue, mágoa que aquí xa non haxa grupo, a plena inclusión e promoción das persoas discapacitadas fisicamente, na experiencia vilagarciana tamén traballamos e disfrutamos con discapacitados psíquicos. Daquela, na nosa comarca, as persoas discapacitadas estaban totalmente abandonadas e á maioría das familias dáballe vergoña manifestar que un dos seus membros era discapacitado e moitas veces trataban de os ocultar.

AUXILIA (cando non había centros específicos de educación especial nin con moito se falaba de inclusión das persoas con necesidades especiais nos centros ordinarios de ensino) ofrecía clases a domicilio e a distancia (por correspondencia) co apoio dunha revista propia que levaba o mesmo nome que a organización, para estas persoas discapacitadas, abandonadas e olvidadas pola sociedade. Existía un voluntariado que colaboraba de bo grao coa filosofía de AUXILIA, todos estabamos moi unidos, monitores e persoas con algún tipo de discapacidade. Traballábase con nenos e mozos, pero tamén con persoas adultas.

Eu participei moi activamente naquela grata e inesquecible actuación con persoas como nós, quen non ten algún tipo de discapacidade! Eu pensaba xa daquela e agora aínda máis, quen non é discapacitado en maior ou menor medida? AUXILIA axudoume a tomar conciencia dunha realidade, moitas veces oculta. Eu algo aportei, pero foi moito o que recibín.

Os membros de AUXILIA ademais de dar clases, tentabamos de que os discapacitados participasen activamente na vida social, que atoparan algún traballo ou actividade acorde coas súas características persoais, pero, tamén na vida do ocio e da diversión. Íamos todos aos bares, discotecas, canchas deportivas, actividades culturais e relixiosas; paseos polas vilas, baños nas praias, organización de colonias de verán,... Buscando unha vida o máis normalizada e autónoma posible.

Que eles se incluiran na sociedade, que non houbera “ghetos”, organizabamos viaxes e as tan queridas e lembradas colonias de verán. Eramos todos amigos en plano de igualdade, deso se trataba. Eu podería contar mil e unha anécdotas e vivencias que foron moi importantes na miña vida e na visión que me fun facendo dela. Xa dixen que non só daba, senón que recibía, moito máis do que eu poidera dar. Foi algo moi enriquecedor para todos e moi bonito no tempo que durou, lástima que non tivera continuidade, os camiños da vida, novos destinos; en fin, unha pena que alguén non continuase coa experiencia.

Nese precioso tempo pasado, fixemos moitas cousas. Atendéronse moitas persoas e familias, faciamos reunións periódicas no colexio filipense, festas para todos. Organizamos unha subasta para recadar fondos, que fora todo un acontecemento na cidade, na pista polideportiva (que se usaba como sala de usos múltiples) do antigo Liceo Marítimo, na súa antiga sede de Ravella, algúns festivais no antigo Cine Arosa, cedido gratuitamente para tal fin. Un deles, se non me falla a memoria o 6 de maio de 1978, que presentamos Mª José Rubianes e mais eu (tal como se comproba nunha das imaxes). Neste festival participaran grupos artísticos da zona e tivera unha sonada actuación o mítico Xan das Canicas. Outro festival moi emotivo por múltiples circunstancias foi o que contou coa actuación totalmente xenerosa do lembrado cantante galego, Suso Vaamonde, envolto naqueles intres en dificultades, pero non faltou á cita e encadilou ao numeroso público asistente.

Eu mantiven unha relación moi especial, cun amigo, Juan Luis Seoane, un carrilexo, ao que a vida non lle resultou nada fácil, agardo que donde estea todo lle vaia ben, xa fai moito tempo que non sei nada del (na imaxe estamos xuntos, nun dos nosos numerosos paseos, que dabamos pola nosa cidade), tamén eramos asiduos seguidores do fútbol do noso Arousiña. Que tempos aqueles, xa non voltarán! Quédannos as lembranzas, a amizade, os tempos de loita, nos que se ían dando pasos e conquistando novas metas e rachando con tantos prexuízos, cousas que hoxe están asumidas, naqueles tempos costaban moitos sacrificios e incomprensións. Pero, pagou a pena e AUXILIA fixo un gran labor que compre lembrar e recoñecer.

AUXILIA pretendía e penso que pretende, aínda que eu agora estou totalmente desvinculado da asociación, facer xustiza cos máis débiles, e tiña un soño, a plena inclusión dos discapacitados na sociedade por medio dos estudos, do traballo, da vida social e de lecer. Unha sociedade para todos, onde os distintos tamén contan, e todos somos distintos. Ese ideal que vivín de mozo, con outros mozos, aínda é posible, ese soño de M. Luther King, dunha sociedade igualitaria e xusta, na que todos cabemos, é un soño polo que compre traballar, e eu ademais de noutros sitios, mameino na añorada AUXILIA.

domingo, 6 de febrero de 2011

CONCURSO TEATRAL




I CONCURSO DE CREACIÓN TEATRAL
“MANUEL REY POSSE”

ORGANIZADO POLO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA DE AROUSA



B A S E S


1.- O Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa convoca o I CONCURSO DE CREACIÓN TEATRAL “MANUEL REY POSSE”, en homenaxe a este querido, popular e lembrado artista local e socio de honra da nosa sociedade. Poderán participar nel todas as persoas que así o desexen e o xulguen oportuno, nunha única categoría, aberta a todas as idades e que someten as súas obras ao indicado nestas bases e á valoración do xurado do concurso que serán quen de xulgar a calidade e mérito suficiente das obras, para seren no seu caso agraciadas cos distintos premios.

2.- As obras poderán ser de calquera xénero e modalidade de teatro, a condición necesaria e indispensable é que estean escritas en lingua galega, seguindo a normativa vixente para a nosa lingua emanada das directrices da Real Academia Galega.

3.- Cada autor/a só poderá participar cunha única obra, que será presentada mecanografada a doble espazo, encadernada e coas páxinas numeradas.

4.- A temática será totalmente libre; pero, ha ser respectuosa coas persoas e institucións e non atentará contra os valores de defensa dos Dereitos Humanos e de Igualdade de Xénero, o que non impedirá que sexa crítica, chea de creatividade e orixinalidade.

5.- Estableceranse tres premios:

1º) Premio, que será dotado con 600€

2º) Premio, dotado con 300€

3º) Premio, cunha dotación de 150€

Os premios non poderán ser declarados desertos, agás que non haxa o número suficiente de obras para adxudicalos todos. A súa adxudicación será sempre partindo do primeiro.

6.- As obras premiadas pasarán a ser propiedade do Liceo Casino, que poderá, se hai lugar e oportunidade, publicalas ou representalas (xestionándose as estreas con grupos locais de teatro e para representar na seguinte edición da SEMANA DE TEATRO “MANUEL REY POSSE”, que organizará cada ano o Liceo Casino. Os dereitos da primeira posible edición e da estrea serán cedidos polos autores en beneficio do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa. As seguintes, devengarán en beneficio dos propios autores/as.

7.- O veredicto do xurado será inapelable e será o único autorizado para a interpretación e execución destas bases.
8.- O xurado estará formado por:

a) O Presidente do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, quen poderá delegar en calquera membro da súa Xunta Directiva. Exercerá como Presidente do Xurado.

b) Un docente especialista en lingua e literatura galega ou un escritor/a, designado polo Liceo Casino.

c) Un representante da Admón. Pública ou Entidade privada que subvencione esta actividade, designado por elas mesmas.

d) Un representante dos grupos de teatro locais, nomeado polo Liceo Casino.

e) Un representante dos medios de comunicación locais, designado polo Liceo Casino.

f) O Xerente do Liceo Casino, que actuará como Secretario do Xurado con voz, pero sen voto.

O xurado para poder actuar, estará alomenos constituido pola metade dos seus compoñentes, este será o quorum mínimo.

Ao final das deliberacións elaborarase unha acta, comunicarase o resultado aos premiados e aos medios de comunicación social.

9.- As obras serán enviadas ao Liceo Casino, R/ Castelao, 5 – 36600 Vilagarcía de Arousa por correo ordinario, indicando no sobre o nome do concurso. Enviaranse baixo plica con lema, incluindo nun sobre pechado co mesmo lema os datos identificativos do participante (nome e apelidos, NIF, enderezo postal, números de tlfno., correo electrónico).

10.- O prazo de entrega de orixinais rematará o 15 de marzo de 2011, as obras que cheguen fóra de prazo non serán tidas en conta baixo ningún concepto.
Os orixinais non premiados poderán ser retirados nas instalacións do Liceo Casino en horario de oficina, demostrando co NIF a súa identidade e asinando un recibí. Transcorridos tres meses despois da entrega de premios, as obras non premiadas serán totalmente destruidas.

11.- A entrega de premios será o día 25 de marzo de 2011, no transcurso da clausura da SEMANA DE TEATRO “MANUEL REY POSSE”, que se celebrará dito día a partires das 21:00 h, no Salón de Actos do Liceo Casino. Prégase encarecidamente a tódolos premiados/as acudan a ese acto a recibir persoalmente o seu premio, previa a correspondente identificación. (Os premiados asinarán un recibí e un documento de cesión de dereitos, tal como se recolle nestas bases).

12.- Os premios, se é o caso, estarán suxeitos á fiscalidade vixente.

13.- O galardonado/a co 1º premio será invitado a participar no xurado da seguinte edición.

14.- A participación neste concurso implica a aceptación plena e absoluta das presentes bases.



Vilagarcía de Arousa, 31 de xaneiro de 2011

sábado, 29 de enero de 2011

UNHA DE CONTOS


Tiña eu un proxecto para propor a algunha editorial de publicar un traballo didáctico de promoción da lectura por medio dos contos, fábulas, lendas e outros textos, pero son malos tempos para as editoriais galegas e ademais, moitas delas constitúen cotos vedados a autores que non sexan dos seus círculos pechados e non arriscan con cousas novas. Predomina o exitoso o lucrativo, os autores novos e modestos témolo crú.
Velaí un exemplo do meu proxecto (a imaxe que ilustra a entrada é unha miña acuarela para esta historia concreta que teño escoitado algunha vez e da que fago a miña versión):

RELATO 1: Conto: Quérote máis que o sal.

ACTIVIDADES PRE-RELATO:

Traballar o vocabulario dos seguintes campos semánticos:

NOBREZA: Rei, princesas, castelo, servidores,…

COCIÑA: Cociñeiro, comidas, olas e demais utensilios de cociña, alimentos de orixe animal, vexetal, mineral.

CONCEPTOS TEMPORAIS: Érase unha vez…, Había unha vez, noutro tempo, anos, días, principio, desenvolvemento, fin.

MUNDO SOCIAL DOS AFECTOS. VIVIR EN GRUPO:

•FAMILIA: pai, irmás.
•AMIGOS
•PERSOAS DESCOÑECIDAS

- Práctica do debuxo e da pintura.

- Dialogar. Saber intervir en grupo, respectar as quendas. Aprender a escoitar e a respectar os momentos de silencio.

- Aprender a apreciar unha obra literaria e un espectáculo.

- Conversar sobre reis e princesas (quen leva unha coroa na cabeza? Tamén pode haber coroas de príncipes e princesas, de duques e duquesas, de marqueses e marquesas,…
- Onde viven os nobres, rodeados de colaboradores e servintes?
- Un rei tiña tres fillas: a maior, a mediana, a pequena. Debuxar ao rei e as súas tres fillas, as tres princesas.
- Como se chama o que traballa na cociña?
- Tipos de alimentos.
- Que podemos comer? O menú dun banquete: entrantes, primeiro prato, segundo prato, postre; bebidas, infusións,…
- As comidas do día: almorzo, comida do mediodía, merenda, cea.
- Debuxar os pratos co contido dun menú.
- Saber os personaxes do conto: principais (o rei e as princesas), secundarios (o cociñeiro, os leñadores).


RELATO: Quérote más que o sal. (Pódese narrar coa axuda de bonecos de guiñol, dándolle certo misterio e parafernalia ao levalos no curioso maletín das historias, tamén se pode simular o sal, levando un cacharriño con boliñas de papel de aluminio).

Había unha vez, nun remoto país, un rei que tiña tres fillas. A maior era a princesa Salomé, a mediana era a princesa Siloé e a pequena era a princesiña dona Urraca.
Eran tres mociñas moi boas e aplicadas, cumpridoras de todos os seus traballos e tarefas. Ás tres gustáballes moito ler e aprender cousas novas, eran moi curiosas e intelixentes.
Sucedeu que un día, díxolles o seu pai, o rei Sexismundo:

- Gustaríame saber canto me queredes cada unha de vosoutras.

As tres princesas quedaron un pouco sorprendidas; pero Salomé, a maior, comentoulle ao seu pai:

- Mais papá, ti sabes que as tres querémoste moito.

- Si, si. (Responderon á vez Siloé e Urraca).

- Xa o sei, ( dixo o pai). Pero, canto? Como a que?

- Quérote máis que a todos os meus vestidos. (Dixo Siloé).

- Ben, (dixo o rei), pódese crer ben, xa que ti es moi presumida e aprecias moito o teu vestuario.

- Quérote máis que a todos os meus xoguetes. (Dixo Salomé).

- Es unha nena moi xoguetona, e é ben sabido que mozos e mozas apreciades moito ós vosos enredos.

- Papá, quérote máis que o sal. (Dixo Urraca, a máis pequena).

- Como dis? Máis que o sal? (Exclamaba pensativo e cada vez máis enfurecido o rei). Máis que o sal…! Pero, esto que é? (O rei todo enrabechado), fóra da miña vista, vaite, non quero verte máis, o sal! O sal! Lisca, vaite xa…

A princesiña, dona Urraca, ao ver ao seu pai fóra de si, berrando e braceando, botouse a chorar desconsoladamente e escapou a correr, ao ver que o seu pai estaba feito unha furia.

Os soldados acompañaron a Urraca fóra do castelo, alonxouse de alí e quedou soa no bosque, andivo e andivo, foise adentrando na espesura toda triste e amargada. Estaba perdida e soa, cando estaba a piques de se escurecer, porque ía sendo a noite, albiscou ao lonxe unha luceciña, aproximouse máis e veu unha fumarada branca que saía dunha cheminea, era unha cabana no medio dun craro do bosque. Chegou, petou na porta e ao pouco abríuna unha mulleriña de aspecto bondadoso.

- Quen es miña neniña?

- Son a princesa Urraca.

- Unha princesa! Que fas aquí?

- É unha historia un pouco longa de contar.

- Perdoa neniña, pasa que se está a facer de noite e vai xa un pouco de frío. Dentro estaremos mellor, axiña chegará o meu home de traballar.

- Grazas, señora, moitas grazas; é vostede moi amable.

Pouquiño tempo despois, chegou o marido canso do seu duro traballo no monte. Ao principio quedou estrañado pola presencia daquela meniña, non deixaba de fitar nela. A súa muller dándose conta da súa curiosidade dille:

- Esta é a princesa dona Urraca, que acaba de chegares á nosa casa, agora dispúñase a me contar a súa, disque, triste historia; tamén ti a podes escoitar.

O bondadoso home, antes de nada di:

- Dacordo, pero antes desexo saudar á princesiña e dicirlle que estaremos dispostos a axudala no que faga falta. Encantado de vos coñecer (dándolle un bico na fronte) fermosa princesiña.

- Grazas, moitas grazas polas súas amables e cariñosas palabras.

- Muller, dalle unha boa cunca de caldo, ben quente. Poñémonos todos preto da lareira e xa terá tempo de nos ir contando a súa historia.

Cando os tres estaban tomando o caldo que sabía a groria e estaba no seu punto exacto de sal, o home deuse conta de que o anaco de pan estaba soso, non sabía a nada, porque a muller ao facelo, olvidarase de poñerlle o sal. Por esto houbo unha pequena discusión. Pero alí, así quentiños ao carón do lume da lareira, Urraca escomenzou a súa historia que precisamente tiña moito que ver co sal.
Cando rematou, díxolle o leñador:

- Penso que teño a solución ao voso problema, dona Urraca, e o voso pai caerá da burra e darase conta do moito que vos o queredes e todo volverá a ser como antes.

- Que teño que facer? (Dixo ansiosa a princesa).

- Moi sinxelo, mañán, despois de ter descansado aquí na nosa casa, acompañarémosvos ás portas do castelo do voso pai. Unha vez alí e sen que el vos vexa, aínda que iredes vestida de campesiña, encamiñarédesvos á cociña e falaredes co cociñeiro, preguntarédeslle cando haberá un gran banquete en palacio e rogarédeslle que suprima o sal en todos os alimentos que nel se van servir. Logo, agardaredes á reacción do voso pai.

- Pensades que surtirá efecto? (Comentou a princesa).

- Sen dúbida, o meu home é moi xuizoso e intelixente.

- Igual ca ti miña boísima muller. Agora vou recoller a mesa, fregar os cacharros, mentres vos as dúas ides descansar na cama, eu quedarei aquí preto da lareira. Mañá terei disposto o almorzo e despois, acompañaremos a dona Urraca ao seu castelo, lugar que endexamais debeu abandoar.

- Moitísimas grazas. Sodes moi bos comigo, eu saberei corresponder.

- Veña! A durmir!


Á mañá seguinte, erguéronse axiña. O leñador tiña xa preparado un bo almorzo, composto dun zume de laranxa, un bocadilliño de xamón, un ovo duro e unha cunca de sopas con leite. E íalle decindo á princesiña:

- Xa sabes miña filla que un bo almorzo é moi importante; pois, sosténnos toda a mañá e debedes estar moi vigorosa, ben a tomalo todo sen un chío.

Despois de ter rematado de almorzar, o leñador e a súa dona acompañaron á princesiña dona Urraca ata as portas do seu castelo. Unha vez alí déronlle ánimos á meniña e despedíronse con moitos bicos e apretas daquela loira e bondadosa princesiña. Ela díxolles:

- Nunca esquecerei o que fixestes por min. Ata pronto.


A princesiña puido entrar no castelo entre as xentes, campesiños, artesáns e vaxalos que alí acudían pola mañá cedo, unha vez que se abría a porta principal e se extendía a ponte levadiza para poder cruzar o foso.
Xa dentro, dirixiuse á cociña, ía vestida como unha humilde campesiña. Ninguén a recoñeceu, pero tronou a voz do cociñeiro:

- Que fas ti aquí?

A princesa quitou a caperuza que a cubría e díxolle ao cociñeiro:

- Non me coñeces agora?

O cociñeiro fixouse ben e exclamou:

- Dona Urraca, vos aquí? Non sabedes que o voso pai está moi alporizado e indignado pola vosa causa. Que non saiba que estades aquí!

A princesa falou co cociñeiro, explicoulle ben as cousas e pedíulle colaboración. O cociñeiro que parecía un home uraño e malhumorado, era, nembargantes, un cacho de pan; moi humano e cariñoso; acabou aceptando todas as propostas de dona Urraca. Esta indicoulle:

- Cando se celebrará un gran banquete no castelo?

- Pois, precisamente hoxe hai unha cea de gala en palacio, no comedor real e para recibir aos novos embaixadores, o rei, voso pai, organizou un gran banquete.

- E que menú vas preparar?

- Ao principio, serviremos uns entrantes variados a base de canapés de foie gras, de caviar, espuma de mariscos, croquetas variadas. De primeiro prato, unha suculenta sopa de tartaruga. De segundo, un ollomol ao forno con guarnición de trufas ou un estofado de xabarín. Como postre, tarta de Santiago e xelados variados. Para beber zumes naturais de laranxa, de pomelo, de piña, de coco, de mazá e as mellores augas minerais da terra.

- Se che pido un gran favor, cumprirás a túa palabra?

- O que vos digades, querida princesiña.

- Pois, cociña todos eses ricos manxares sen botarlles nin un grao de sal.

- Que dicides? Estragar este magnífico banquete! Como pode ser!

- Cumprirás a túa promesa?

- Si, non sei o que pretendedes; pero, si, cumprirei a palabra dada.

A noitiña, soan as trompetas e as fanfarrias, os estandartes e as bandeiras ondeaban maxestuosos coa lixeira brisa. Había unha grande expectación. Van chegando en fermosas carruaxes os embaixadores e os invitados á cea de gala de introducción de diplomáticos. O rei recíbeos a todos no Salón do Trono, acompañado das dúas irmáns de dona Urraca. Moitos botábana de menos a ela e había rumores e moitos comentarios de estrañeza.
O rei dirísexe a todos, na apertura do acto, e indica que se pase ao gran comedor real para celebrar a monumental e prestixiosa cea de gala para dar a benvida aos novos representantes dos países estranxeiros no seu reino.
O rei entra no gran comedor seguido de toda a comitiva. Comeza a cea, os comensais van poñendo caras raras ao ir comendo, o rei estoupaba de furor, aqueles ricos manxares non sabían a nada, cheo de ira exclama:

- Esto está insípido, non sabe a nada, todo está soso. Que veña o cociñeiro! Mandareino prender, condenareino a traballos forzados. Esto non se me pode facer! A cea de gala perdida, deslucida; que bochorno! (fachenda)

Desolado, decatouse de súpeto das verbas da súa filla, a princesiña dona Urraca: “Quérote máis que o sal”. Da rabia pasou ás bágoas, exclamaba:

- Que desgraciado son. Onde estará a miña querida filla, a princesiña dona Urraca? Que será dela? Agora decátome do moito que me quería, sen o sal fáltalle a chispa aos alimentos, non saben a nada. Buscade a miña filliña! (Berraba entre bágoas).

A princesiña dona Urraca vestida coas súas mellores galas entra no gran comedor, detrás dela viña o cociñeiro. Camiñaba presurosa cara ao seu pai, este dase conta, levántase e corre cos brazos abertos na procura da súa filla, cúbrea de bicos e restáuraa na súa posición, dicindo con alegría e moi emocionado:

- Esta é a princesiña dona Urraca, a miña filla querida; respetadea todos. Eu quéroa, quéroa como ela me quere, máis que o sal!


Como a min mo teñen contado,
a vos volo teño relatado
e ata aquí temos chegado.

sábado, 22 de enero de 2011

A MESA DAS VERBAS (I)







Respaldado polo Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, o pasado venres, 21/01/2011, celebrouse o I ENCONTRO POÉTICO, chamado A MESA DAS VERBAS. Nesta primeira edición, traballaron na organización e coordinación do mesmo, María Palacios, Andrea Fernández e Xermán Torres coa colaboración da Agrupación Poética "Brétema" de Vigo (www.grupo-bretema.blogspot.com). Deseñou o cartel anunciador Andrea Fernández e participaron na difusión e divulgación desta actividade literaria, os seguintes medios de comunicación local: FARO DE VIGO, LA VOZ DE GALICIA, DIARIO DE PONTEVEDRA, RADIO "AROSA"-SER, DIARIO DE AROUSA, CANAL RIAS BAIXAS-TV 7, www.turvilagarcia.com, www.aelg.org, http://axendaaelg.blogaliza.org, e o ATENEO MAR DE AROUSA, que espallou a nova do evento entre os seus seguidores, dos que algúns nos acompañaron nesta velada poética. A todos os colaboradores, difusores e asistentes moitas grazas pola súa axuda.
Pois ben, ese día ás 20:30 h., puntualmente demos comezo á primeira xuntanza poética da MESA DAS VERBAS. O Vcpte. e Secretario de Actividades Culturais do Liceo Casino, Xermán Torres, pronunciou unhas verbas iniciais de saúdo e acollida, fai unha lembranza de Carlos Berride, arquitecto e Secretario do Ateneo "Mar de Arousa", falecido ese mesmo día. Logo fai memoria dalgúns poetas de Vilagarcía e da tradición poética na capital arousana, García Lago, Fermín e Lucho Bouza Brey, Matilde Alonso, Jesús Garrido, Xaquina Trillo, Manuel Trigo, fai mención da Xeración da revista poética xuvenil RODADA (de finais dos 70 e principios dos 80), algúns dos seus membros estaban presentes (Manoel Xosé de Oliveira, Suso Recio, Loreto Conde Durán). Tamén indicou que nos atopamos nun ano moi especial, o ano do centenario do natalicio de Álvaro Cunqueiro. Finaliza a súa intervención indicando que na mesa onde se atopan varios libros de poesía, hai tres rosas vermellas e unhas ponliñas de mirto, que xunto coa cítara son os atributos cos que se representa á musa da poesía, Erató (sobre todo da poesía amorosa), tamén hai dúas figuras de curuxa, que representan a deusa da sabiduría, Palas Atenea. Preto deste elementos hai tamén un reloxio de area, que nos indicaba que foramos breves para que todo aquel que quixera participar tivera a oportunidade (hai que dicir que fomos moi disciplinados neste tema do tempo). Sen máis, fixéronse dúas quendas de intervención, nas que os asistentes que o desexaron, recitaron cadanseu poema en cada rolda de intervención. Participaron compartindo poemas:

- José González Moreno (rapsoda)
- Rafa Gómez
- Jean Carballo,
- Andrea Fernández
- Jesús Recio
- María Palacios
- Gonzalo Bouza Brey
- Tito Porto
- Carmen Darriba
- Manoel Xosé de Oliveira
- Salvador Alcalde, RINREIRO
- Alfonso Saavedra
- Xermán Torres

Ademais léronse poemas de distintos poetas, Andrea Fernández recitou dous poemas do senegalés Bilal Traoré (que por compromisos artísticos non nos puido acompañar nesta ocasión), Gonzalo leu un poema de Celso Emilio Ferreiro que por casualidade atopou nunha esquela recente, moi orixinal e agarimosa, Xermán recitou o poema MESTRE MATEU de Xaquina Trillo e tamén declamou o poema de clausura, GALICIA, de Manuel María. Finalizou o encontro cunhas verbas do Presidente do Liceo Casino, Alfonso Saavedra Lourido.

O tempo da xuntanza resultou ben acompasado, durou unha hora, ás 21:30 h. tiña rematado e as persoas que o consideraron, prolongaron o tempo de convivencia dun xeito libre tomando algo ou dando un pequeno paseo.

Agardamos que este acto poético fose do agrado de todos e todas os asistentes e quedamos emprazados para un venres do mes de febreiro que xa concretaremos. Ata outra millorada!

AS FOTOGRAFÍAS QUE ILUSTRAN ESTA ENTRADA SON DE GONZALO FEIJOO (grazas pola súa colaboración).

Agora imos ofrecer algúns dos poemas recitados neste encontro:


A crise ameaza con deixar unha "xeración perdida"
O paro xuvenil alcanza a cifra histórica de 81 millóns.
Os expertos avisan das graves consecuencias para a sociedade



Xeración perdida

Afógome nun mar inmobiliario
i espido vou tentando de xantar,
o tempo convertiuse en reaccionario
i os nenos xa non soñan con medrar.

Políticos noxentos que dan medo,
banqueiros que non deixan de roubar,
ladróns de “guante” branco,
que se agochan,
nos tempros da “Xustiza” anti-social

Maldita trashumancia pelegrina,
cascallos do ladrillo e formigón,
herdeiros dunha terra clandestina,
pantasmas da perdida Xeración

Manoel Xosé



EN TI BANCO

Banco de plaza o paseo:
¡Cuánta historia recogida
en tu pétrea memoria
como ráfagas de luz,
de viento,color, de vida,
de lluvia, fuego o amor!

¡Cuánta vida sostenida
para recobrar color
o para alimentar sueños
nacidos del corazón !

En ti, banco que recibes
de la mañana el albor,
de las noches su silencio,
la música de la lluvia
y el fuego y la luz del sol,
se detiene mudo el tiempo
y en tu memoria de piedra
como con fuego grabadas,
deja el anciano , en silencio,
sabiduría, añoranzas...
Revive su ayer dormido
y despierta su esperanza ,
porque, en ti, banco, en tu piedra,
queda el fuego del amor
del joven que, en ti lo sueña
y del anciano que, al sol,
lo revive y lo recuerda

María Palacios

jueves, 13 de enero de 2011

AQUELES ANOS MOZOS (I)






Nos anos setenta e principios dos oitenta do pasado século XX, vivín en Vilagarcía unha fecunda e interesante actividade societaria da mocedade sen influencias, ao principio, dos partidos políticos e da chamada mobida daqueles anos. A nosa mobida era doutro estilo, de carácter máis social e participativo.
Vou tentar dar conta, ofrecer a miña testemuña persoal do meu paso polo “Club de don Daniel”, Auxilia e o “Club Juvenil Villagarciano” por medio das páxinas do noso periódico ONDAS DE AROSA, en entregas sucesivas.
Dicir que teño a impresión (non sei se será cousa da idade) de que eramos uns mozos e despois mozas e mozos cun marcado carácter social e altruista e que eramos os verdadeiros protagonistas do que faciamos. Non tiñamos un interese material, eramos máis ben desprendidos e gozabamos máis da presenza das xentes que das cousas, máis de experiencias que de aparellos.
Boto de menos un tipo de agrupamento así para a nosa mocedade actual, que topo máis materialista e egocéntrica. Hoxe a mocedade é máis explotada, as súas diversións enténdense en plano de negocio. A súa interacción é máis artificial e mecanizada, máis absurda, máis pueril. As cousas véñenlle feitas, nós eramos máis activos, imaxinativos; organizabamos e xestionabamos as nosas actividades directamente, sen intermediarios, sen substancias extrañas e cun marcado carácter social e altruista. “Oh tempos, oh mores”.
O Club que chamaremos de don Daniel estaba aglutinado arredor do cura, D. Daniel Luis Espiño Otero, daquela coadxutor da parroquia Santa Baia de Arealonga. Máis tarde, incorporouse ao mesmo a relixiosa filipense, Dna. Esther Guadalupe de las Cuevas Ortiz, para todos, “a madre Guadalupe”. O Club de don Daniel estivo formado por distintas xeracións de mozos e mozas, na súa etapa final foi a que eu vivín e á que se incorporou a madre Guadalupe. Na miña época houbo un grupo inicial formado por Carlos Rey Cebral, Toño Casares Frieiro, Cándido Meijide e eu mesmo. Despois fóronse incorporando Juan Carlos Dorgambide Jambrina, Jesús Serantes Diz, Francisco Lemiña Patiño, Manolo Portas, J. Manuel Rey Rañó e tamén Juan Lago e Ángel Rey Doval. Logo, chegaron as mozas, Julia Quintela Gallego, Remedios Padín, Begoña Sobrido, Loli Bravo. Este sería o núcleo central ao que se irían engandindo en sucesivas épocas máis mozos e mozas.
O lugar de xuntanza, o local, era o chamado baixo da casa da señora Lola, sacristana da nosa parroquia. Fixemos moitas actividades. Unha delas, era a recollida de papel e de cartón. Don Daniel axudaba co seu coche, o mítico Renault-4 blanco (chamado popularmente catro latas). Amontoabamos as recolleitas no local, onde dun xeito moi artesanal prensabamos todo o papel e o cartón. Ás veces o local estaba totalmente ateigado de material, que case chegaba ata o teito. Logo viña o camión para a recollida, quedaba o local valeiro e volta a empezar. Con esta actividade axudouse a financiar a construcción e posta en funcionamento da escola xitana de San Pedro de Cornazo, que rexentaría a madre Guadalupe, pasando a ser escola de padroado para logo obter a titularidade estatal, como escola pública anexada ao colexio público “José Antonio” de Vilagarcía, para ser despois unha escola unitaria que se clasurou a mediados dos anos dous mil. Os mozos e mozas do Club colaboramos moito con esta escola.
Tamén axudabamos moito a D. Daniel nos barrios de Trabanca Badiña / A Torre e de A Laxe, participabamos na catequese de ditos barrios, así como axudabamos nas tarefas escolares a nenos e nenas destes barrios, e colaboramos para alfabetizar adultos, entre eles, aos ciganos (xitanos portugueses), recén chegados ao noso Concello naquelas datas.
Participamos activamente na promoción do asociacionismo veciñal, colaboramos na fundación e posta en funcionamento do grupo folclórico OS DE SAN MIGUEL de Trabanca Badiña, igualmente na creación da asociación cultural CONTRA VENTO E MAREA de A Laxe, da que axudamos ata físicamente a construir o seu local social. En ámbolos dous grupos participamos na súa dinamización social por medio de distintas actividades: actuacións, festivais, excursións, viaxes culturais, acampadas, coros, festas típicas de Galicia (Nadal, Entroido, Maios). Todas estas actividades tiñan unha intensa repercusión social nos respectivos barrios e na propia cidade, lembro que para axudar a recadar fondos para a construcción do local de Contra Vento e Marea xestionaramos a actuación do grupo lugués FUXAN OS VENTOS, que representou o seu espectáculo, “Galicia canta ao Neno” cun enorme éxito no desaparecido cine “Arosa” de Vilagarcía.
Pero o grupo tamén tiña unha ricaz vida interna, xuntabámonos no local para xogar ao tenis de mesa, ao xadrez, as damas...; pero, sobre todo para cantar, conversar, estudar xuntos, convivir; así como para organizar unha grande cantidade e variedade de actividades. Naqueles intres, a maioría, considerabámonos como mozos cristiáns comprometidos. E xunta outros mozos e mozas do antigo colexio de Aprendices de RENFE de Bamio, rexentado polos salesianos, do colexio filipense Sagrada Familia e do colexio San Francisco da nosa cidade organizamos uns grupos de reflexión e de acción social. De aí xurdeu a idea de organizar a I Pascua Xoven, na que tamén participaba o xérmolo do que sería a parroquia de A Nosa Señora da Xunqueira, que foi, posteriormente, asumindo a organización de dita actividade.
Organizamos tamén varias edicións dunha exitosa Feira do Libro, que era todo un acontecemento en Vilagarcía. Esta actividade tamén servía para financiar as actividades que promoviamos, así como as acampadas que comenzamos a facer por Galicia enteira. D. Daniel e a madre Guadalupe axudáronnos a coñecer Galicia e o galego.
Lembro a primeira acampada no Terrón, en Vilanova de Arousa. Cando o Terrón era verdadeiramente fermoso, totalmente deserto e salvaxe. A gula de Cándido privounos de disfrutar de máis días alí; pois, pillou unha indixestión por atiborrarse e mezclar todo tipo de conservas. Houbo que chamar ao cura para que co seu catro latas poideramos evacuar aquel marabilloso e natural campamento. Logo, visitariamos e percorreriamos nos veráns as serras do Courel e dos Ancares, antes houbera unha fenomenal acampada en Ribeira e no Barbanza cos mozos dos barrios de Trabanca Badiña / A Torre.
Gustábanos moito a música, cantar e tocar. Había algúns compañeiros que chegaron ser uns virtuosos de distintos instrumentos. Juan Carlos Dorgambide tocaba o piano e a guitarra, Fresquín (Francisco Lemiña) a guitarra e o violín, Carlos Rey a gaita e a zanfoña, os mesmos instrumentos que dominaba Cándido Meijide, Toño Casares manexaba os instrumentos de percusión, eu poñía interese na frauta doce e na armónica. Temos participado no popular concurso de vilancicos de Vilaxoán. Sucedeu que un ano, animados por Xulia Quintela, entregamos a contía do premio a uns obreiros que estaban nun conflicto laboral e que despregaban unha pancarta a saída do local da Confraría de Pesacadores de Vilaxoán. (Con esta boa acción víanse mermados os nosos ingresos para facer a nosa anual acampada na montaña luguesa).
Esta nosa afección pola Música e polo noso folclore levaría ao grupo, máis adiante, a formar algunhas agrupacións xa míticas, como Talanqueira e Pallamallada, cos que se chegaría a conseguir un premio importante de carácter nacional do Ministerio de Cultura pola investigación e conservación do folclore galego.
Co transcurso natural da vida e a evolución de cada un dos membros do Club, noivados, estudos, novos derroteiros o grupo deixou de funcionar, a etapa da mocedade tiña pasado, novos rumbos persoais e profesionais fixeron pasar esta etapa das nosas vidas. A historia foi a bonita historia da nosa mocedade. En todos nós quedou a semente dunha fonda amizade e os tesouros dunhas lembranzas e vivencias enriquecedoras que nos axudaron a medrar como persoas. En todos nós o agradecemento a un cura e a unha monxa que foron para nós como uns pais máis, a súa fonda pegada e a súa marca non nos abandoarán máis, grazas a D. Daniel e á madre Guadalupe. Sinto que a mocedade de hoxe non sexa a verdadeira protagonista nas súas actividades de lecer e que escuros intereses dominen o mundo dos mozos e sobre todo é mágoa que non poidan contar para eles cuns educadores da talla de D. Daniel e da madre Guadalupe. Mais, penso que calquera tempo pasado non foi mellor e que a mocedade de hoxe ten os seus valores; pero, quixera que fóra máis altruista e soubera rexeitar con rotundidade o hedonismo fácil e o escuro, tortuoso e escravizante camiño das perniciosas adiccións.
Como unha reflexión final, despois de lembrar aquela xa lonxana experiencia dos meus tempos mozos, na actualidade debera promocionarse un san asociacionismo xuvenil e crear os educadores de rúa para intervir en situacións de risco e que houbera equipos multidisciplinares para traballar coa mocedade (integrado por psicólogos, pedagogos, sociólogos, traballadores sociais, directores e monitores de tempo de lecer), que suplisen o magnífico labor que fixeron connosco D. Daniel e a madre Guadalupe. Son novos tempos, hai que buscar novas solucións e adoptar medidas preventivas, o malo e non facer nada ou case nada.
Noutra oportunidade, seguiremos falando daqueles anos mozos.

NAS DÚAS PRIMEIRAS IMAXES, O GRUPO EN ACCIÓN, LOGO OS MEUS RETRATOS, UN DEBIDO A JUAN CARLOS DORGAMBIDE JAMBRINA E O OUTRO DE FRANCISCO LEMIÑA PATIÑO, AMIGOS DE MOCEDADE. NA ÚLTIMA FOTO, COS MEMBROS DA CATEQUESE DO BARRIO DE A LAXE, NUNHA EXCURSIÓN A SANTIAGO A FINAIS DOS 70.

sábado, 1 de enero de 2011

A CRUZ DA MOCEDADE




LIMIAR

Nunha sociedade que se di democrática e plural caben todas as opcións e todos han ter a oportunidade de expresar os seus sentimentos e ideas. E todos debemos traballar para que eso poida ser así nun marco de liberdade e de paz.

Nunha actitude de respecto e de racionalidade pódense manifestar libremente a crenza e a non crenza. A palabra última e definitiva sobre a existencia ou inexistencia de Deus non está ao alcance da súa demostración meramente especulativa, ou ambas posturas poden ser defendidas dun xeito equiparable e son paralelas a outras formas de entender a vida e a orixe da mesma, así como a defensa das distintas visións da cosmoloxía.

Cada quen é libre de tomar as posturas que xuzgue oportunas sobre as distintas concepcións ideolóxicas de entender a existencia. E todos teñen as mesmas probabilidades de que as súas posicións poidan ser defendibles ou non. O misterio e os eslabóns perdidos están aí. Todo pode ser posible, todo debe ser posiblemente defendido. Uns e outros deben ter acollida nun plano de igualdade.

Os crentes deben defender as súas posturas cos mesmos dereitos que os demais. Todos somos cidadáns dun país que se di libre. Todos xogamos coas mesmas regras, cos mesmos dereitos e cos mesmos deberes. Todos sen complexos e sen medos.

DÍA 30 DE DECEMBRO DE 2010 EN VILAGARCÍA DE AROUSA

Unha vez expostas as anteriores verbas introductorias, quixera subliñar un feito que o pasado xoves 30 de decembro de 2010 tivemos a sorte de vivir na parroquia Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa, a experiencia única e histórica de poder custodiar e honrar a Cruz de Xoán Paulo II, a que deixou como legado á mocedade mundial. Acompañaba á dita Cruz un icono da Virxe María, tamén herdanza do mesmo lembrado e carismático papa. Ambos símbolos están a percorrer Galicia co gallo do próximo pasado ano santo compostelán. Despois percorrerán España para desembocar en agosto de 2011 na cidade de Madrid, onde se celebrará unha nova xornada mundial da mocedade.

Este legado de Xoán Paulo II estivo xa en moitos lugares do mundo aflixidos polas desgrazas e polas guerras. E queren ser símbolo de esperanza e Boa Nova.

A Cruz significa a Redención, a Salvación e elas viñeron grazas á Virxe María.

Nos distintos actos celebrados ese día na parroquia de Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa participaron activamente nenas e nenos; mozas e mozos dos grupos: AGRUPACIÓN DE CORNETAS E TAMBORES DA CONFRARÍA 2ª ESTACIÓN,de dita parroquia; ASOCIACIÓN CORAL Z. KODÁLY DE VILAGARCÍA, representantes da ASOCIACIÓN CULTURAL "PERLA DE AROSA" DA ESCOLA DE DANZA "PERLA DE AROSA" de Vilagarcía, así como unha multitude de persoas que con tal motivo se achegaron á parroquia mencionada.

Sobre o tema pódese atopar máis información nas edicións dixitais do FARO DE VIGO:
www.farodevigo.es (edición Arousa) dos días 29, 30 e 31 de decembro de 2010.

Así como na seguinte páxina web: www.depasxuventude.org