jueves, 19 de marzo de 2009

XOSÉS


(Na imaxe vemos a tres xeracións de Xosés da familia Filgueira)


Xosé é un nome de uso común en Galicia e en España, é un nome de orixe hebreo: “Yosefyah”, de uso moi frecuente en Israel, significa “engade Iahvé” ou “el engadirá”. Así se chamaba o personaxe do Antigo Testamento, undécimo fillo de Xacobe e de Raquel, quen chegaría ser primeiro ministro de Exipto, segundo contan as Escrituras. Durante o éxodo a momia de Xosé acompañou ao seu pobo e foi enterrada en Sinquem. Tamén recibe este nome Xosé o esposo da Virxe María e pai adoptivo de Xesús de Nazaret. San Xosé é un santo moi popular e é o Patrono da Igrexa Universal.
Este nome xunto con Manuel, ten unha alta frecuencia de uso en Galicia e na Península Ibérica polo xeral, pode aparecer na forma simple ou en acepcións compostas. Variantes súas son: Pepe, Pepito, Pepa, Pepita, Chema.
Xosé noutros idiomas:

CASTELÁN: José.
CATALÁN: Josep. Var.: Pep.
ITALIANO: Giuseppe. Var.: Pepe, Beppe, Geppe
FRANCÉS E INGLÉS: Joseph. Var.: Joey, Joe, Josip.

Na familia Filgueira, ademais de D. Xosé Fernando Filgueira Valverde, levan dito nome como primeiro da forma composta, o seu pai, lembrado médico de Pontevedra, D. Xosé María Filgueira Martínez, e o fillo de Filgueira, o tamén recoñecido médico, D. Xosé Fernando Filgueira Iglesias, quen é ademais un contertulio habitual de Radio Pontevedra da Cadea Ser.

Este día de S. Xosé era un día de reunión e celebración na familia Filgueira. Serva este artigo como recoñecemento desta famosa saga de Xosés e como felicitación pública ao fillo de Filgueira, ao Dr. D. Xosé Fernando Filgueira Iglesias, quen tanto nos ten aportado sobre a figura do seu pai e da súa ilustre familia.

lunes, 16 de marzo de 2009

OS NENOS


(Na imaxe unha páxina do Álbum “Nós” de Castelao, Filgueira foi un dos pontevedreses que axudaron a costear a magnífica primeira edición desta obra)

Filgueira Valverde, ademais de manifestar as súas ledas lembranzas da súa nenez, manifestou sempre un grande respecto por esta etapa da evolución humana e traballou por conseguir que moitas persoas tiveran unha mellor infancia. O seu labor a fronte do Tribunal Tutelar de Menores foi premiado coa concesión da Cruz de San Raimundo de Peñafort.
Tamén nas súas primeiras obras literarias fai alusión á nenez, unha titulándose, OS NENOS, e a outra constitúe a primeira farsa teatral en galego, dirixida e protagonizada por nenos e da que xa temos falado noutra entrada, AGROMAR.
Ofrecemos un fragmento da primeira obra e que foi recollida en QUINTANA VIVA e que leva por título O BEN:

“Cando tiven dez anos a miña nai deixoume baixar a xogar ao adro da igrexa. Miña nai ficaba no sobrado ollando se me facía mal e chamábame se ía moi lonxe. Mais eu xamais fuxín moito, porque non sabía xogar ren, e ollaba soamente o que facían os outros. Iso gustáballes, pois cando xogaba, tiñan que perder para que gañase o neno do pazo e a cousa non tiña divertimento. En troques, para que fixera algo, facíanme xuíz das liortas que decote tiñan e dábanme a gardar as formas.
Alí xogaban Xunquiño de Lousame e Manuel o fillo de don Pedro. Xunquiño era moi cativeiro, un larafouciñas, pobre, moi bo. Manuel, un foupeiro de moito trasacordo, fillo de home ricaz, era ruín como o diaño. Xunquiño perdía case sempre, e Manuel gañaba, gañaba…
Manuel non sabía as formas que tiña. Xunquiño, ¡meu pobre!, sabía ben que só lle quedaban tres. Eu tiña na man dereita as de Manuel e na esquerda as de Xunquiño. Cando gañaba Manuel non lle quitaba ningunha a Xunquiño, cando gañaba Xunquiño, quitáballe dúas a Manuel.
Así foron as primeiras boas obras que eu fixen”. (XFV).

Compre que nos acheguemos a coñecer a inmensa obra de D. Xosé, tamén a literaria dos primeiros tempos, chea de tenrura, de simple beleza. Era don Xosé un mestre da lingua.

miércoles, 11 de marzo de 2009

COLÓN GALEGO









(Nas imaxes, Colón, recibido polos Reis Católicos en Barcelona, despois da súa primeira viaxe. Fragmento da transcrición da carta en que Colón da noticia da súa fazaña. Reproducción da copia orixinal das Capitulacións de Santa Fe. As dúas últimas son recollidas nos traballos que se citan de Filgueira Valverde)

Sobre o personaxe, Cristovo Colón, hai todo un halo de misterio e de controversias, algunhas verdadeiras elucubracións que se achegan ao esotérico e ao tenebroso. Segue sen haber confirmación fidedigna do lugar do seu nacemento, son bastantes as cidades que se disputan a orixe do Almirante, algúns manteñen que era veciño de Poio, esto desexarían que se confirmara, sen dúbida, o noso benquerido e lembrado D. Xosé e o noso bo amigo, o historiador autodidacta e popular, Xosé Lois Vila Fariña, quen lle adicou unha peza teatral ao tema, titulada O TOLO DE PORTOSANTO, coa que tenta reivindicar a nacionalidade española do ilustre mariño e confirmar as teses de don Celso García de la Riega, quen foi tan mal tratado no seu momento e de xeito equivocado polo mundo académico.
Tense escoitado nun famoso programa de radio dedicado ao lado máis escuro e estraño das cousas, que Colón cando emprende a aventura da Descuberta xa sabía da existencia de terras e persoas á outra beira do Atlántico. Noticia que lle fora dada por curiosos náufragos amerindios, que foran recollidos en Portugal cando el estaba por aquela fraterna terra.
Pero, aínda teño lido, que mesmo en vez de ser un home, Colón ben poidera ser unha muller! Cousas veredes! A identidade de Colón está ben enmarañada. Existen tamén versións de se quizais fora o nobre galego Pedro Madruga. Os cataláns anda coas probas do ADN, como podemos comprobar o tema da para moito.
Era e é un tema grato para os dous amigos que teño citado, tanto é así que a primeira entrega da serie PONTEVEDRESES UNIVERSALES, correspondente ao ano 1956, Filgueira titulouna: CARTA DE CRISTOBAL COLÓN ANUNCIANDO EL DESCUBRIMIENTO. Resulta ademais moi significativo que cada entrega desta importante serie histórica aparecía en conmemoración da Descuberta de América, puntualmente, cada 12 de outubro, no que se denominaba Día da Hispanidade.
A segunda entrega da serie titulábase: CAPITULACIONES DE SANTA FE, a importancia de Colón e a súa xesta para D. Xosé queda ben demostrada.
Filgueira mantén a tese de que a nao capitana, chamada primeiramente LA GALLEGA e que despois pasará a denominarse SANTA MARÍA, fora construída no arrabalde mariñeiro pontevedrés da Moureira, feudo do famoso e influínte gremio dos Mareantes de Pontevedra. Pero a vinculación de Galicia e de Pontevedra coa Descuberta vai máis alá, ao ser Baiona a Real o primeiro lugar que tivo noticias de tan transcedental acontecemento histórico universal, xa que alí arribou para ser reparada a carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón o 1º de marzo de 1493. E xa temos falado nunha entrada anterior do baldaquino de finais do XV ou principios do XVI, conservado na igrexa románica de Santa María de Caldas de Reis, do que D. Xosé mantiña a tese de que poidera ser a primeira representación en granito da Descuberta.
D. Xosé coa súa mentalidade científica e humanista inclinada a formular novas e fundamentadas teses sobre temas vellos e a descubrir camiños novos para as pescudas históricas, gozaba coa presencia de persoas inquedas, activas, ilusionadas, que desexaban estimular a súa curiosidade investigando, abrindo novos vieiros; aínda que fosen persoas humildes, dende o punto de vista académico, pero que lle botaban paixón e rigor ao que facían. Esas persoas sempre eran ben acollidas por el no seu despacho do Museo, tal como lle aconteceu, entre outros moitos, a meu amigo Xosé Lois Vila Fariña, que espero me perdoe esta miña intromisión nun tema por el moi querido e traballado. Esto tan só ten un valor divulgativo e de homenaxe a Filgueira e a Vila Fariña, Cronista Oficial de Vilanova de Arousa.
E recollendo a sabedoría popular, o misterio que arrodea a un personaxe histórico tan importante, lévanos a comentar, non sen certa ironía: “Que foi primeiro, o ovo ou Colón?”.

PARA SABER MÁIS:

RODRÍGUEZ-SOLANO PASTRANA, Emilia: “CRISTÓBAL COLÓN” en Gran Enciclopedia Gallega, tomo 8. Vitoria, Silverio Cañada, 1974, pp. 33-36.

XFV: CARTA DE CRISTÓBAL COLÓN ANUNCIANDO EL DESCUBRIMIENTO. Pontevedreses Universales I, Pontevedra, 1956.

____: CAPITULACIONES DE SANTA FE. Pontevedreses Universales II, Pontevedra, 1957.

VILA FARIÑA, Xosé Lois: “O TOLO DE PORTOSANTO” en THEATRALIA. Vigo, Cardeñoso, 2008, pp.8-43.


BLOG RECOMENDADO:

http://www.ascronicasdeulisis.blogspot.com/

lunes, 2 de marzo de 2009

A CAMELIA







Filgueira foi un dos promotores da creación fai máis de corenta e cinco anos do concurso exposición internacional da camelia, organizado, de xeito itinerante, polas tres capitais das Rías Baixas: Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo, que altenativa e sucesivamente cada ano celebran esa xa famosa exaltación da fermosa flor que nos chegou de Oriente e que tan ben se aclimatou entre nós.
Un bo amigo de Filgueira e do Museo, Antonio Odriozola, que sempre levaba prendida na súa lapela unha flor, as máis das veces, unha camelia, era un gran sabedor de todo o relacionado con ela, como tamén dominaba outros moitos temas, entre eles, os seus saberes bibliográficos e musicolóxicos.
Pois Filgueira e Odriozola, entre outros, animaron aqueles primeiros concursos exposición da camelia e fixeron todo o posible para que se consolidara esta festa sobre unha flor, que é hoxe a raíña das Rías Baixas.
Filgueira, en artigos dos seus Adrais, refírese ás flores e aos fermosos xardíns de tantos pazos de Galicia, destacando, neste aspecto, dous moi próximos a nós, os de Rubiáns e A Golpelleira, templos da Botánica e pazos das camelias e tantos xardíns públicos e rúas que se adornan con estas flores que viñeron de lonxe.
Recollemos unhas verbas de Filgueira Valverde sobre as flores que nomeou Linneo homenaxeando ao xesuita moravo P. Kamell, que viñeron de Luzón ata Galicia alá polo ano 1733, dicía D. Xosé:

“Este cumprido xardín botánico que son as Rías, este paraíso dos naturalistas que é un don de Deus –lede a Sarmiento, a Merino, a Areses, a Luis Iglesias- revela o lecer señorial polas plantas exóticas, os raros froitos, as belidas flores… Porque aquí tense cultivado, dende hai moitas séculos –lembrade as palmas de Herbón- a capacidade estética para gozar da beleza dunha árbore ou do efímero engado dunha flor.
A camelia é cifra e símbolo do espírito da nosa vizosa beiramar.
Festa da Camelia, 1965” (1)

E referíndose a Antonio Odriozola, gran amante das camelias, dos libros e da Música, comentaba Filgueira:
“Unha flor na lapela. Tanto tiña que premiada nun concurso ou ventureira, collida nun valado. Era a súa insignia, o seu brasón. E na man dereita un groso e pesado cartafol negro. Dentro del unha incrible mestura, espello das variegadas xeiras do dono: o libro do trinque mercado en Seoane, (…).
Coa carga ía cara á Biblioteca, viña ó Museo, saudaba ós siareiros na que el chamou ‘a roita dos viños’, demorábase nas rúas a falar con traballadores e con estudiosos…”. (2).

As camelias enchen de beleza á nosa Galicia, son xa unhas flores que forman parte da nosa identidade, e como dicía Federico García Lorca nun fermoso verso:

“Branca camelia no ar”.


(1) XFV: V-ADRAL, A Coruña, Do Castro, 1989, pp. 95-98.

(2) ____: VIII-ADRAL, A Coruña, Do Castro, 1994, pp. 244-245.

martes, 24 de febrero de 2009

FILGUEIRA, POETA NEOTROBADORISTA




Xosé Filgueira Valverde como literato tentou as musas en tódolos xéneros, foi narrador, ensaísta, dramaturgo e poeta. A súa vida e a súa obra dan para escribir moito. Eu sempre atopo unha faciana nova del, matices e perspectivas novas na súa traxectoria e no seu traballo. Sempre hai un Filgueira novo por descubrir.
Hoxe, ímonos referir a súa faceta poética. Despois da lectura das 6 CANCIÓNS DE MAR IN MODO ANTICO, atopámonos co Filgueira poeta “neotrobadoresco”, como dicía Ricardo Carballo Calero, ou co poeta “neotrobadorista” nunha acepción máis moderna, á que alude a profesora Camino Noia. O camiño do neotrobadorismo foi percorrido por eminentes poetas galegos, parece que o primeiro que se achegou a tal movemento foi o bardo Eduardo Pondal; pero, máis próximos a nós, xunto con Filgueira, os seus amigos, Fermín Bouza Brey, Álvaro Cunqueiro, Xosé Mª Álvarez Blázquez e o propio Aquilino Iglesia Albariño tocaron ese modo de facer poesía, polo entusiasmo que espertaba neles a nosa lírica medieval, descuberta cando son achados e divulgados os cancioneiros medievais ben andado o século XIX e incluso no século XX.
Os poetas neotrobadoristas tratan de imitar, con xeitos e perspectivas novas, os recursos estilísticos característicos da poesía medieval, utilizan pois, as formas paralelísticas, as repeticións, o leixa-pren. A pesares de seren modismos antigos, conseguen con eles unha beleza nova, un aire fresco que nos vén do medievo e nos descobre o goce estético das cousas próximas como o mar, o amor, unha nova espiritualidade de orixe mariano; tal como podemos comprobar nas 6 CANTIGAS DE MAR IN MODO ANTICO de Filgueira e concretamente nunha das súas cantigas:


II

NO SANTO DO MAR


Un loureiro esguío
un cantar antigo,
no Santo do Mar.

Un loureiro illado
un cantar lonxano,
no Santo do Mar.

Un cantar antigo
por amor amigo,
no Santo do Mar.

Un cantar lonxano
por amor amado,
no Santo do Mar.

Por amor amigo
das ondas traído
ó Santo do Mar.

Por amor amado
das ondas levado
ó Santo do Mar.

Das ondas traído
co loureiro esguío
do Santo do Mar.

Dos ventos levado,
co loureiro illado
do Santo do Mar.

XFV




PARA SABER MÁIS:


CARBALLO CALERO, R.: Historia da Literatura Galega Contemporánea. 1808-1936. Vigo, Galaxia, 1981, pp. 737-738, 740, 744-745, 752-753.

FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F.: Historia da Literatura. Vigo, Galaxia, 1984, pp. 134, 140-141, 143-144, 169-170.

NOIA CAMPOS, C.: “O neotrobadorismo das 6 canciones de mar ‘in modo antico’”. En A.A.V.V.: El Museo de Pontevedra LII. Homenaxe a Xosé Filgueira Valverde. Vigo, Museo de Pontevedra, 1999.

viernes, 20 de febrero de 2009

MÚSICA NO MUSEO






Mario Prisuelos, un pianista aínda mozo, nado en Madrid e cun currriculum xa importante, ofreceu o 19 de marzo de 2009, ás 20:00 h. un magnífico concerto de música de compositores españois desde o Barroco ata a actualidade no salón de actos do edificio Fernández López do complexo museístico pontevedrés. Ofrecemos imaxes do programa e unha nosa instantánea do pianista que deleitou coa súa interpretación ao numeroso público asistente.

Esto danos pé a comentar que no Museo de Pontevedra son tradición os actos musicais, e por algo veñen todas esas actividades musicais que se organizan, non debemos esquecer que D. Casto Sampedro y Folgar, o primeiro director era un extraordinario musicólogo e un apaixonado intérprete de órgano, e que dicir do terceiro director, que en realidade vén sendo o segundo, porque o seu antecesor o foi de transición; pois ben, Filgueira Valverde era un gran amante da Música, no seu despacho tiña un ambiente para escoitar música e ler, eran dous praceres nos que ocupaba o seu tempo de lecer. Tamén no seu lugar de traballo había un armonio, onde D. Xosé tecleaba as melodías de certas partituras e onde trataba de descifrar a música das cantigas medievais e do cantigueiro popular galego. Foi un dos impulsores da creación e mantemento da Coral Polifónica de Pontevedra, editou o Cancioneiro Musical de D. Casto Sampedro, colaborou co certame internacional Música en Compostela e cunha extensión do mesmo no Museo, Música á luz dos candelabros, amigos íntimos seus, dous homes cruciais da Música en Galicia, Blanco Porto e Iglesias Vilarelle, os dous primeiros directores da Coral Polifónica de Pontevedra, gozou da amizade dun gran mestre e musicólogo galego o Padre Calo S.J., no Museo dende moi antigo gárdanse gravacións e obxectos musicais dignos de mérito. En Pontevedra sempre tivo grande relevancia a Música, lembremos os célebres concertos no pazo das Mendoza, ao gran violinista Manolo Quiroga, a Filarmónica, o Coro dos Cantores do Instituto, promovidos por Filgueira,…

Seguindo esa longa traxectoria musical, onte no Museo tivemos a ocasión de gozar dun estupendo concerto, Mario Prisuelo interpretou maxistralmente dez composicións de música española para piano e debido aos enfervorizados aplausos do público tivo que facer un bis, interpretando a “Danza del Fuego” do “Amor Brujo” de Manuel de Falla.

lunes, 16 de febrero de 2009

"PONTEVEDRESES UNIVERSALES" (1956-1996), UNHA SERIE DE ENSAIOS BIOGRÁFICOS NOS QUE FILGUEIRA NOS DESCOBRE A RIQUEZA HISTÓRICA DA NOSA PROVINCIA





(Na imaxe José Antonio de Mendoza y Sotomayor, Marqués de Vilagarcía, Vizconde de Barrantes, Virrei do Perú e a súa rúbrica, tal como figuran no tomo XXXVII de “Pontevedreses Universales”)


Filgueira comeza en 1956 unha colección de biografías de personaxes históricos relevantes da provincia de Pontevedra, que se publicaban puntualmente cada 12 de outubro, coincidindo coa chamada festa da hispanidade, a edición auspiciada pola Deputación Provincial, o Concello de Pontevedra e o Goberno Civil. Os persoeiros e os feitos polos que destacaban eran, a maioría, descoñecidos para o gran público e, ás veces, tamén para os especialistas; por tanto, eran un descubrimento co que nos regalaba Filgueira cada outono, e no que se poñía de manifesto a erudición histórica do polígrafo pontevedrés. Dende aquí recomendamos a súa lectura e consulta.
Filgueira era un gran coñecedor de todo o que concernía á cidade de Pontevedra e a toda a provincia. Precisamente, nos seus últimos días, estando xa coa saúde e coas forzas moi minguadas, Filgueira tiña entre mans unha nova entrega para a colección, un traballo sobre novos aspectos dun tema que xa tratara, San Telmo e do chamado lume de San Telmo, pois viña de descubrir novos matices sobre o asunto en bibliografía francesa que estaba a consultar. Pero, segundo nos manifestaba o seu fillo a memoria traicionábao (el que fora durante toda a súa vida posuidor dunha feliz memoria) e nas cuartillas manuscritas que tiña feito (de moi difícil lectura) repetía ideas e conceptos dun antigo traballo e non era quen de saír de aí. Xosé Fernando Filgueira Iglesias comentáballe ao seu pai que non ía ser capaz de rematar dito traballo e menos o podería ler no pazo provincial polas dificultades físicas que lle afectaban. Filgueira traballador e loitador incansable solicitaba un administrativo a quen lle dictaría os textos e falaba dunha cadeira de rodas, non lle faltaba a ilusión deica o derradeiro momento. Era toda unha lección como un home minado pola saúde e practicamente sen folgos quería seguir mantendo viva a súa actividade intelectual.

Nós quereriamos subliñar hoxe o tomo XXXVII das conmemoracións de “Pontevedreses Universales”, correspondente ao 12 de outubro do ano 1992 e que leva por título: CUATRO VIRREYES PONTEVEDRESES EN AMÉRICA. E dos catro personaxes dos que trata Filgueira, destacar un, pola súa relación con Vilagarcía de Arousa e a comarca do Salnés, falamos de José Antonio de Mendoza y Sotomayor (13 de marzo de 1667 – 14 de decembro de 1746), Marqués de Vilagarcía, Vizconde de Barrantes, Virrei do Perú.
Imos entresacar as primeiras páxinas do traballo (XXV-XXVI), nas que se fan referencia as orixes e relacións familiares. Mais, antes diso indicar que o seu virreinato foi moi accidentado e con moitos problemas, porque como dicía Filgueira, “gobernó en tiempo aciago”. Imos cos temas familiares deste nobre que toma posesión do virreinato de Perú en 1736:




“LOS MENDOZA, SEÑORES DE VILLAGARCÍA

Don José Antonio de Mendoza y Sotomayor era descendiente del Mariscal Suero Gómez de Soutomayor, Tenenciero del Señorío de Pontevedra y de García Camaño, ‘el Hermoso’, fundador de Vilagarcía por una carta puebla de 1461; y sobrino del gran do Fernando de Andrade, Capitán General y Arzobispo de Santiago. Heredaba el Marquesado de Villagarcía, el Vizcondado de Barrantes y los señoríos de Vistaalegre, Rubianes, Lamas y Vilanova. Fue Marqués de Monroy y de Cussano por su casamiento con doña Clara Barrionuevo y Monroy. Los Mendoza alcanzaron auge en Galicia, desde la presencia del Arzobispo don Lope en Compostela, en el siglo XV; los Caamaño que pretenden un origen helénico y se ufanan en descender de posesores romanos, pueden remontar sus genealogías hasta la alta edad media.
Aunque siempre se tuvo por gallego, y lo fue por linaje y títulos, nació en la casa materna de Vegas de Matute (13, marzo, 1667); su padre, sí, fue bautizado en Pontevedra. Los cargos que desempeñó señalaban ya el futuro del hijo; porque don Antonio Domingo de Mendoza fue Embajador en Venezuela y electo de Francia, y Virrey y Capitán General del Reino de Valencia.

Sus hermanos ocuparon también puestos importantes: Álvaro fue Arcediano de Trastámara y Sumiller de la Casa Real; Francisco, Arzobispo de Farsalia; María Antonia casó con el Conde de Villardompardo”.

O ensaio sigue relatándonos as peripecias do virreinato de Don José Antonio e outros aconteceres da súa vida. Traballos deste xeito, de carácter divulgativo, pretenden darnos a coñecer aspectos que doutra maneira quedarían para sempre no anonimato. Os pontevedreses deberamos manifestar a nosa gratitude ao traballo sen desmaio de D. Xosé Fernando Filgueira Valverde que conservou o patrimonio histórico da nosa provincia para goce das xeracións vindeiras.