sábado, 27 de junio de 2009

XOSÉ FUENTES ALENDE, DISCÍPULO DE FILGUEIRA, PRESENTA UN LIBRO HISTÓRICO









O pasado día de San Xoán, o secretario técnico do Museo de Pontevedra, Xosé Fuentes Alende presentou un importante libro do que é responsable da edición, do estudo introductorio, da trancrición e das notas. Trátase do traballo de José Casal y Lois, que o colector, simplificando titula: XOGOS POPULARES EN PONTEVEDRA. Publicación que fixeron posible o Consello da Cultura Galega e a Deputación Provincial de Pontevedra.

Na mesa presidencial do acto atopábanse, ademais do autor, a Vicepresidenta da Deputación, Mª Teresa Pedrosa Silva, o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, o Director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez. Inicia o acto a Sra. Pedrosa, dándolle a palabra ao Dr. Valle Pérez.

Este indica que este acontecemento e un acto emotivo, por ser o primeiro acto estrictamente cultural que se celebra neste Salón de Actos das novísimas instalacións do Museo.
Tamén constitúe un acto histórico pola recuperación dun texto inédito sobre os nosos xogos debido a pruma e ao esforzo de José Casal y Lois, grande figura da cultura pontevedresa e galega. Foi un dos fundadores e presidente da fundamental Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Nesta institución traballou xunta a Casto Sampedro y Folgar, outra figura capital da nosa cultura, primeiro director do Museo de Pontevedra. Ambo-los dous traballaron arreo por salvar da piqueta destructora as ruínas de Santo Domingo en Pontevedra, e que se declarasen monumento nacional. Durante moito tempo na nosa provincia o único monumento con tal privilexio.
Filgueira Valverde referíase á Arqueolóxica como a sociedade máis importante de defensa da cultura galega e que supuso un antecedente do Seminario de Estudos Galegos e do Museo de Pontevedra.
Referíndose a Xosé Fuentes Alende, di que é unha persoa formada na casa. Felicítao pola minuciosidade e pola paixón postas neste novo seu traballo, ao que dedicou varios anos de concienzuda investigación. Considera este traballo como unha importante edición e agradece a colaboración co Consello da Cultura Galega, que non ha ser a última.

Rematadas as palabras do Director do Museo, a Vicepresidenta da Deputación cédelle o uso da palabra a Xosé Fuentes Alende.
O investigador comeza lembrando que hai aproximadamente un ano, estaba a presentar no edificio Fernández López, o seu traballo: XANCIÑO DE ZOXÍN, O CAN CANITO E O COELLO COLI. E hoxe tópamonos neste marco inmellorable para presentar un traballo pioneiro de José Casal, médico pontevedrés, defensor da nosa cultura e do noso patrimonio. É curioso, pero grande parte da obra dos homes da Arqueolóxica permaneceu inédita, aínda tratándose, moitas veces, de obras que abrían novos camiños á investigación, exceptuando a famosa Historia de Pontevedra de Casto Sampedro y Folgar. Do Dr. Casal sabíase que fixera un estudo completo dunha aldea galega, en concreto dunha aldea de Salcedo e algunha que outra investigación interesante dende o punto de vista da antropoloxía cultural no seo da Sociedade Arqueolóxica pontevedresa. Grazas a colaboración co Consello da Cultura Galega podemos dar á luz esta publicación. O orixinal consérvase no Museo, doume moito traballo porque é un material autógrafo e cunha caligrafía de médico! Casal describe xogos e xoguetes que tiña observado, incluso engade algúns debuxos sobre os mesmos, recollendo costumes populares sobre a forma de se entreter. Antes da investigación de Casal non se tiña feito nada igual, polo que podemos falar con rigor que foi un pioneiro con este estudo sistemático que máis adiante farían, dende o punto de vista da antropoloxía e a etnografía, homes como Vicente Risco, Fermín Bouza Brey, Antón Fraguas, Xaquín Lourenzo,…
Casal recollía directamente os seus apuntamentos dos nenos e nenas, homes e mulleres cando estaban a xogar. Recolle costumes, xogos, divertimentos, rituais que tiñan que ver, por exemplo, co Entroido, a festa dos maios, as festas de San Xoán, os xogos de mulleres, xogos mixtos,… Como curiosidade, recolle o regulamento de 1888 sobre un xogo de naipes propio da barriada da Moureira e que se chamaba A Malilla.
Remata as súas verbas dando as grazas aos presentes neste acto e tamén ao Museo e ao Consello da Cultura Galega.

A Sra. Pedrosa outórgalle o uso da palabra a Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, quen celebra que este acto coincida coa inauguración do Salón de Actos. De igual maneira, felícitase da colaboración entre o Museo e o Consello.
Tamén homenaxeando a José Casal, lémbrase do traballo dos devanceiros de finais do século XIX e principios do XX, que traballaron arreo pola nosa cultura e foron facendo patrimonio, asunto relativamente recente, deixáronnos uns tesouros inmateriais, que enriquecen o legado patrimonial de Galicia. Sen o traballo dos devanceiros non teríamos o patrimonio que hoxe temos; por eso, debemos honrar a eses homes na persoa de José Casal, que fai que non morran e que aínda lembremos eses xogos pre-televisión e pre-medios tecnolóxicos actuais.
E agradecer a homes como Fuentes Alende, polo seu traballo ímprobo de transcrición e publicación de traballos como o que vimos de presentar. É unha herdanza importante para a sociedade galega de hoxe e do futuro.

Finalmente, unhas palabras de clausura de Mª Teresa Pedrosa Silva, quen se congratula da colaboración entre o Museo e o Consello da Cultura Galega que pretenden achegar a cultura a todos.

Como remate, Fuentes Alende asina adicatorias do libro a algunhas das persoas asistentes a este acto de presentación desta publicación histórica.

miércoles, 24 de junio de 2009

A PROL DA NOSA LINGUA SEMPRE


A herdanza da lingua, un ben que debemos preservar. E temos como exemplo a Filgueira e aos membros da súa xeración do Seminario de Estudos Galegos, que admiraban aos seus mestres da xeración Nós, canto non loitaron e traballaron todos eles por soerguer Galicia e pola dignidade da nosa lingua e da nosa cultura?
Por eso redactei esta manda ou legado para os meus fillos:

O meu legado, mellor non poderá ser.

Eu moito non vos poderei deixar, pero penso que mellor que riquezas materiais, gustaríame vos deixar cousas coas que eu gocei de pequeno, así coma os meus soños e as miñas arelas.

A lingua nosa que escoitei no colo da miña avoa a carón dun bo lume na lareira nas noites de inverno e que despois conquistei nos tempos de mozo, intres de loitas e esperanzas.

Gustaríame que a miña vila, chamada “Perla de Arousa”, chegara a ser unha fermosa perla para todos e que nela non se perdera o mellor botín que temos: a lingua.

Tamén querería que os peitos da serra do Xiabre estiveran cubertos de carballos e castiñeiros, que o río do Con estivera arrodeado de bidueiros e ameneiros e ateigado de troitas que poder pillar. Que Vilagarcía non lle dera as costas ao mar, que sempre e como sempre Cortegada estivera deitada no mar bebendo os solpores e que as estrelas seguiran a bicar as limpas meixelas da nosa Ría.

Que as pedras da historia que conforman os nosos castros, os pazos e as igrexas permanezcan intactas para que as poidades ollar. E que preto das nosas vellas ermidas poidades escoitar: estes son uns “caghanacuncha” ou uns “afoghacristos” ou por que non imos á festa das “revenidas”? Desexo que Arousa permaneza por sempre nos vosos corazóns, é unha regalía dos nosos antergos, que todos debemos deixar en herdanza aos que sigan os nosos pasos, neste paraíso deste norte esmeralda que amo tanto, e que desexo que vós sigades a amar.

Dado en Vilagarcía de Arousa no mes de setembro de 2008.


(Publicado en: EN GALEGO. AGORA E SEMPRE, 2008, pp. 221-223).

lunes, 15 de junio de 2009

O HOME AMIGO DAS CAMELIAS E DOS LIBROS


Antonio Odriozola (Vitoria, 1911 – Pontevedra, 1987) era un dos asiduos do Museo de Pontevedra, chegaba sempre ao mediodía, cheo de novas e de ilusións. Frecuentaba a biblioteca e os arquivos, preparando algunha conferencia, ideando algunha mostra ou ciclo para o Museo, tal como nolo recordaba Filgueira no seu VIII-Adral (1994), pp. 244-245.
Era D. Antonio experto, entre outras cousas, en Bibliografía, de aí que fose bibliotecario da Misión Biolóxica de Galicia e presidira aos Bibliófilos Galegos. O seu amor aos libros compaxinábao co seu sumo aprecio pola Botánica e pola Música. Sempre levaba unha flor, moitas veces, unha camelia na súa lapela, por eso lle adicamos este acróstico:

Ondas do mar de Arousa
Dicide que a máis belida
Raíña da Ría, querida,
Imaxinada, fermosa; non é
Outra que a camelia
Zoupada aquí polo vento
Ou acariñada polas bágoas
Lanzais que os nubeiros
Ardorosos como bicos lle regalan.

(HIDROMEL, 2007)

Na sinxeleza das cousas,
como nunha flor,
escóndese a plenitude da vida.

viernes, 5 de junio de 2009

ANOS DE VACAS FRACAS

(Norte rico, Sur pobre)

Non imos caer no que di o refrán: “mal de moitos, consolo de bobos”; pero, esta crise por complexa e mala que sexa, non é máis que un problema máis, dos moitos que tivo e ten a Humanidade ao longo da súa penosa historia. E Galicia non podía quedar á marxe de todas estas cuestións. Foron moitos os anos da fame, durante distintas épocas. Mais, esto non é óbice para que todos poidamos aportar solucións a estes momentos difíciles como calisquera outros. Desgrazas da época prehistórica e dos tempos antigos, pestes, fames e represións na Idade Media, guerras e guerras en tódolos tempos, o século XX enteiro foi unha cadea de despropósitos: numerosas guerras: coloniais, I e II Guerras Mundiais, guerra civil en España, guerra de Vietnam, guerras, fames e enfermedades brutais en África, situacións de grave inxustiza no chamado terceiro mundo, depresión de 1929, dificultades económicas dos 40 e dos 50, crises dos 70, 80 e 90. É que hai algún momento sen problemas de todo tipo (persoais, sociais, mundiais)? Pódese entender ao ser humano sen conflictos? Ou estes son conxustanciais coa propia natureza humana?
A palabra crise, nas súas orixes grecolatinas, significa cambios, evolución. E o home e o mundo están en constantes cambios; uns máis profundos, outros máis superficiais. Hai momentos mellores e outros peores. Nestes intres, lembremos o famoso soño bíblico que falaba e interpretaba os dez anos de vacas gordas e os dez anos de vacas fracas. A sabiduría popular galega comenta que “hai que gardar das risas pras choras”. Desgraciadamente, non sempre impera ese espírito previsor. O difícil é non ter problemas, calquera nalgunha etapa da súa vida vai ter problemas, o que hai que facer é saber xestionar ben as situacións problemáticas para buscarlles solucións. Non hai que deixar vencerse polos problemas, nin caer na desesperanza. Hai que erguerse e tirar para adiante, deixarse de inútiles laios e poñerse a traballar, valorando a creatividade e a educación. O porvir dun país está na educación das súas xentes. O famoso factor humano. A riqueza dunha terra está en ter cidadáns ben formados que saiban afrontar as crises, xestionando os problemas para saír airosos das circunstancias de dificultade e así chegarán de novo os anos da vacas gordas; como saímos doutras, tamén sairemos desta co esforzo e ca solidariedade de todos. Na vida sempre pode haber problemas, o importante é estar capacitados para busca-las solucións.
Filgueira Valverde (1979) no seu primeiro Adral, nun ensaio titulado: NOS ANOS DA FAME, pp. 204-208, relata uns momentos difíciles vividos na Boa Vila alá por 1519, e que levou a persoas honradas a cometer roubos para solucionar a fame das xentes, que estaban a vivir situacións desesperadas. Nese mesmo artigo, menciona outros intres de extrema necesidade, graves problemas de moita fame no pobo galego ocurridos en 1853 e dos que se laian pedindo xustiza Rosalía, Murguía, Pintos, entre outros.
Todas as situacións de dificultade soluciónanse coa laboriosidade e co inxenio da xente. E constitúe unha mágoa que os pobres son os que máis sufren as consecuencias das sucesivas e numerosas crises. Constátase que a necesidade fainos máis agudos. “Non hai mal / que por ben non veña”.
Nesta ocasión, todos debemos sentirnos responsables e debemos axudarnos uns aos outros, tendo en conta aos desfavorecidos; son necesarias máis que nunca a Xustiza e a Solidariedade. Estamos en crise todos xuntos, debemos saír dela todos unidos.

sábado, 30 de mayo de 2009

É CHEGADO O TEMPO DE DEDICARLLE O DÍA DAS LETRAS GALEGAS A XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE



O luns 18/05/2009 ás 20:00 h. no Salón de Plenos da Deputación Provincial de Pontevedra, Filgueira Valverde recibiu a título póstumo unha merecida homenaxe, ao seres nomeado Fillo Predilecto da Provincia, nunha sesión solemne onde tamén recibiu merecido tributo, Enrique Rajoy Leloup, quen tamén postumamente foi nomeado Fillo Adoptivo da Provincia. Ámbolos dous personaxes, entre outras moitas cousas, traballaron sen descanso por conseguir o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936.

WEB de interese: http://www.depontevedra.es/


Quizais o recoñecemento que falta, e do que é merecente polo conxunto da súa vida e obra, é que se adique o Día das Letras Galegas a Xosé Filgueira Valverde, é “digno e de xustiza”.

jueves, 21 de mayo de 2009

"MÁS ALLÁ DEL RÍO MIÑO"






Se non me falla a memoria, no verán de 1968 pruduciuse un novidoso acontecemento no que participou unha grande parte do pobo de Caldas de Reis (de tan gratas lembranzas para min), a rodaxe de escenas da película: “MÁS ALLÁ DEL RÍO MIÑO”, tamén rodada noutros escenarios da nosa querida Galicia. E xa van alá corenta anos despois da súa estrea en 1969.

Era costume naquelas épocas rodar algunhas películas por distintas terras de España, facendo películas que se clasificaban e popularmente se chamaban “españoladas”. Tamén na Pontevedra de Filgueira se ten rodado algunha que outra película, como se pode comprobar revisando as actas municipais daqueles tempos. Xa que os productores dos filmes solicitaban axudas aos concellos para financiar as súas produccións.

“MÁS ALLÁ DEL RÍO MIÑO” resultou ser toda unha novidade para os cidadáns de Caldas de Reis, que durante uns días do caloroso verán do 68 viron alterada a súa rutina cotiá e tiveron que afacerse a compartir as súas vidas cos actores e persoal directivo e técnicos daquela rodaxe, que eu nunca puiden olvidar, constituiu unha experiencia única. Topabámonos polas rúas, prazas e outros recunchos da vila con focos, cámaras, cables e claquetas. Rodaron en distintos escenarios da fermosa vila, en espazos naturais e tamén en lugares típicos como na famosa e coñecida taberna O Muíño.

O que esto suscribe, que vivía naqueles tempos na acolledora vila termal, sae uns instantes na película acompañado dun señor maior, no lugar que chamabamos a “plazoleta”, onde hoxe hai un parque infantil, moi preto das “Palmeras” e da igrexa de Santo Tomás. Papel de figurante e de certa extensión desempeñouno na película Paquito Barros, funcionario municipal e dirixente local do “Frente de Juventudes”. Lembro que tamén saía na película o meu amigo Manoliño, o de Inés, xogando ao fútbol con outros amigos da miña infancia. Mais practicamente, na película sae case que todo o pobo.

Hai unha escena dentro e fóra do marco típico incomparable do bar O Muíño, onde os trouleantes acompañaban a cantar a unha engaioladora actriz loira. Logo no exterior, saen uns bailes folklóricos nese entorno do fermoso río Umia, onde aparece bailando outro meu amigo, “Yuyo”, compañeiro no colexio San Fermín, no que ámbolos dous con outros compañeiros de curso fixemos a nosa primeira comuñón. Os bailaríns e o grupo de gaitas pertencían ao grupo local de Coros e Danzas, que dirixía Clemente Viqueira e que tanto éxito conseguira naqueles tempos. Nesta mesma escena aparece moita xente contemplando as danzas, entre eles, D. Jesús Froján Alonso (médico moi popular na vila e os seus arredores) acompañado polas súas fillas e o seu fillo. Nesta película vese reflectido todo o pobo.

A súa estrea en Cuntis foi todo un acontecemento social para toda a bisbarra. Sería moi bonito que nos xuntaramos todos os caldenses e os que viviamos daquela na vila de Dona Urraca para lembrar xuntos aquela experiencia pouco corrente que supuxo a rodaxe daquela intranscendente, pero emotiva película para todos nós. Eu veríaa na gran pantalla no ano 1969 ou 1970 cando estudiaba no Seminario Menor de Tui.

Lembro con agarimo todo aquelo, que en certa medida, constituiu unha aprendizaxe e unha aproximación ao que era unha rodaxe de cine e logo a experiencia gozosa e divertida de ver reflectido todo un pobo na grande pantalla do celuloide. Toda unha asombrosa vivencia! Queda como testemuña dun tempo e dun lugar naqueles anos díficiles de finais da década dos sesenta do pasado século XX. Para min, un dos gratos recordos da miña infancia feliz nas terras dos silenos que honraban o deus local Edovio. Sempre me quedará Caldas de Reis!

lunes, 18 de mayo de 2009

AS VERBAS


Un apartado importante que aparecía na serie de ensaios de Filgueira Valverde, titulados ADRAL, ata o de agora publicados nove tomos nas edicións do Castro, era o rotulado AS VERBAS, onde se facían análises filolóxicas de verbas galegas con alusións a súa etimoloxía, a súa evolución e variantes. Atención especial recibía a toponimia. Filgueira foi un firme defensor dos topónimos galegos así como un gran valedor da riqueza léxica da nosa lingua.

Temos, todos os galegos, un gran tesouro na nosa lingua, que herdamos grazas aos nosos devanceiros, xentes do pobo, fundamentalmente, labregos e mariñeiros que souberon gardar e transmitir, a pesares dos graves atrancos e aldraxes que tiveron que sufrir ao longo da historia, as xoias da lingua que son as nosas verbas e que a súa vez, a nós correspóndenos preservar e transmitir ás novas xeracións para que non morra un idioma, o galego, que costou o esforzo de séculos para construílo e mantelo. Oxalá sexa certo o desexo de Álvaro Cunqueiro, mil primaveras para o galego.

Quero xogar hoxe, ao xeito de Filgueira, sobre unha fermosa verba: “pomar” e o seu diminutivo: “pomariño”. Existen tamén as variantes “pumar” e “pumariño”. Ditas verbas, proveñen do latín do plural neutro POMA e tamén da forma POMUM. Que é un pomar? É un lugar ou horto onde hai árbores frutais, especialmente maceiras, de onde se obteñen as mazás. Que ricas e variadas clases de mazás se producen na nosa Galicia! Poma; pois, significa mazá, dentro da familia léxica atopamos “pomal”, “pumareiro”.

De aí derívanse “pomoloxía”, que é a parte da horticultura que trata do cultivo da froita e o “pomólogo” é a persoa entendida en pomoloxía.

Pomar en francés dixe: “pommeraie”, en italiano: pometo, en inglés: apple orchard, en alemán: apfelgarten e na lingua irmá portuguesa é exactamente igual que en galego. En castelán existen igualmente as formas, poma e pomar.

Rematamos cos versos de Rosalía, recollidos en CANTARES GALLEGOS:

Xa se oen lonxe, moi lonxe / as campanas do Pomar.


BIBLIOGRAFÍA:


AA.VV.: DICCIONARIO ENCICLOPÉDICO UNIVERSAL. Vigo, Ir Indo, 2003, pp. 125-127.

AA.VV.: NUEVA ENCICLOPEDIA UNIVERSAL. DICCIONARIO. Volumen 31. Madrid, Durvan, 2005, p. 1526.

DÍEZ MATEO, Félix: DICCIONARIO ESPAÑOL ETIMOLÓGICO. Bilbao, Neguri, 1972, p. 294.

FRANCO GRANDE, X. L.: DICCIONARIO GALEGO-CASTELÁN. Vigo, Galaxia, 1980, pp. 702-703.