martes, 17 de julio de 2012
A FESTA DA BANDERITA EN CALDAS DE REIS
Non se trata dunha festa da Cruz Vermella, como a que se celebra na capital do Reino, recordo na miña alma de neno que nos anos sesenta do pasado século, na parroquia de Santo Tomás Bécquet de Caldas de Reis, en tempo de Pascua, máis concretamente, no domingo de Resurrección, celebrábase unha procesión moi alegre e chea de corido, que quedou gravada na miña lembranza da infancia na querida vila termal, tratábase da procesión chamada da Banderita, na que se celebraba a Resurrección de Xesús. Os protagonistas eramos os nenos e nenas, que levabamos unha pequena bandeira de cores, que axitabamos ao vento. Algunhas delas coas cores da bandeira nacional española, a galega, desgraciadamente non a coñecíamos, era inexistente.
Constituía un acto pintoresco e cheo de ledicia. A maioría dos cativos e cativas tiñan confeccionado eles mesmos a súa bandeira, pintando e coloreando os papeis que se colocaban nun mastro de cana e que se levantaban e axitaban ao paso da imaxe de Xesús. Aquelo era algo impresionante, alegre; multitude de bandeiras multicores que percorrían as principais rúas de vila de dona Urraca, sobre todo ao longo da rúa Real, tan fermosa daquela, cos seus estupendos soportais, a maioría, lamentablemente hoxe perdidos. A xestión urbanística na nosa terra case sempre tan lamentable, canto bo se perdeu! Naqueles días de pascua era cando os rapaces estreaban algo (poucas oportunidades había para elo), que se uns zapatos, unhas zapatillas, algunha peza de vestir. Logo estaban as gorentosas bicas, co rico pan de Caldas, coas bicas os padriños agasallaban aos afillados na Pascua. As bicas eran uns saborosos bolos de pan cun ovo no medio. Este típico producto gastronómico preparabase e cocíase nas numerosas e excelentes panaderías da vila. A da miña rúa, rúa dos Fornos, era a panadería da señora Nilda e do señor Manuel, un forno excelente que lembrarei noutra oportunidade. Venme o sorriso cando aínda lembro a baixada desta procesión pola costa da "Plazuela", fronte a antiga zapatería de Zarategui, cos cantos e co balbordo infantil, que se producía naquela alegre e pintoresca procesión que quedou impresa no meu corazón, como todo o de Caldas, así sigo a Proust e rescato o tempo perdido, un xeito de revivilo e facelo presente.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario