domingo, 3 de febrero de 2013
A VOLTAS COA NOSA LINGUA
Para todo cidadán e político galego debería ser unha honra utilizar e defender o idioma galego, como un tesouro herdado con tanto sacrificio dos nosos devanceiros. As análises sociolingüísticas reflicten que Galicia e a súa lingua están en perigo de extinción por razóns da situación social e demográfica, da crise económica e política; Galicia está a quedar sen xente, unha cultura en transo de suicidio, moitos galegos condicionados ou non por políticos e políticas que semellan alleos e hostís, non valoran, mesmo desprezan a propia lingua e a propia cultura, os complexos de castración e a problemática da digloxia fan que non levantemos cabeza, semella como se estivesemos condenados a non comprendérmonos e non aceptar ás nosas peculiaridades históricas.
Temos moitos politiquiños sen conciencia de Estado e que defenden intereses pouco claros e sen sentido da ética e sen ter comportamentos morais exemplares para toda a poboación, que ten unha imaxe nefasta da política o que leva a comportamentos fascistoides e doutras épocas que xa se crían esquecidas. Hai que mellorar e elevar o nivel das prácticas políticas, é precisa unha actitude moral que conduza ao respecto polas persoas, polas diversas culturas, mesmo chegar a valorar no máximo grao ás formas institucionais e parlamentarias que revelen o xeito de actuar plenamente democrático. Hai que mellorar o nivel do discurso político. Todo co fin de alonxar da nosa realidade o que asevera aquel famoso verso dunha coñecida e interesante canción, “Señora Azul” do ano 1974: “la mediocridad está en tu corazón”. Pois si, hai moito político mediocre na nosa Galicia, que falan, ou mellor, non falan galego cando lles peta e fan defensa e promoven máis as linguas de poder e de prestixio, basados estes, en razóns materialistas e económicas (esas linguas poderían ser o inglés, o castelán, o chinés, que están a devorar aos outros idiomas), son eses “imbéciles e escuros que non nos entenden, non”; non saben que a lingua e a cultura ameazadas e que ao paso que vamos acabarán por desaparecer son a nosa pobre lingua galega e a nosa aldraxada cultura galega. Aínda podemos facer algo, coñecelas e chegalas a amar.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario