viernes, 8 de febrero de 2013
O SALÓN VARIETÉS DE VILAGARCÍA DE AROUSA
Sabemos que a piqueta destructora no noso país e nas nosas cidades levou por diante tantas xoias arquitectónicas e patrimoniais de xeito irreparable, que as lamentacións xa non serven de nada. E a nosa Vilagarcía non se libra da queima, a política urbanística e de deseño da cidade deixa bastante que desexar, téndose cometido historicamente bastantes barbaridades.
Hoxe queremos lembrar un local emblemático e de certo interese, tal como era o chamado e lembrado Salón Varietés, que nos anos vinte e trinta do pasado século foi lugar de diversión e de lecer de tantos vilagarciáns. Nel proxectábanse as películas de cine mudo, con interpretacións musicais de piano en directo. Tito Porto informounos que o local tiña espacios diferenciados; por exemplo, a zona de “general” e a de preferencia. Lembra Tito Porto que quen tocaba o piano chamábase don Cirilo, e había unha canción popular que se refería a el, tamén nos comenta Tito, que o porteiro de “general” era o señor Rañó. Había varias persoas que vendían lambetadas, castañas e outros productos para acompañar o visionado das películas, nas que a xente, ás veces confundía ficción con realidade e no salón gastábanse moitas bromas e algunhas bastante pesadas e desagradables, tal como nos manifestaba o noso amigo informante. Pero, no Varietés además de cine realizábanse populares espectáculos de cabaret, o que se coñecía como variedades, de aí a denominación do salón.
Nós lembramos unha das fachadas do edificio, onde estaba esculpido e remarcado o nome de Varietés así como a imaxe en relevo que representaba ao deus Baco e nos extremos superiores da dita fachada había a cadanseu lado as figuras duns arlequíns. Estes elementos deberan ser conservados e poideran moi ben ter sido instalados na nova fachada do actual edificio, construido no solar que antigamente ocupaba o Salón Varietés, de grata lembranza para tantos vilagarciáns, pero semella que a estética e conservación de certos elementos valiosos non entran nos plans dalgúns arquitectos e dalgunhas disposicións administrativas de xurisdición municipal. Os elementos dos que falo integreinos na portada do meu libro Ó GALEGO POLO TEATRO, e con fotos da autoría do meu bo amigo, Juan Mariño.
Nesta foto, tomada por min aproximadamente entre os anos 1995 ou 1996, amósase como era a fachada do Salón Varietés, hoxe desgraciadamente desaparecida. Onde estarán os seus elementos ornamentais característicos?
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario