domingo, 26 de mayo de 2013
A LENDA DE MONTELONGO
Por fin xa temos aquí a tan ansiada restrea de A LENDA DE MONTELONGO, será o sábado 1 de xuño ás 22:00 h. no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa cando poderemos gozar coa zarzuela da autoría dun equipo artístico de egrexios vilagarciáns: LIBRETO: Manuel Rey Posse e Juan Buhigas Olavarrieta; MÚSICA: Bernardo del Río. Nesta oportunidade, despois de máis de medio século dende a súa última representación, o cadro artístico estará composto por BANDA DE MÚSICA DE VILAGARCÍA, CORO LICEO DE VILAGARCÍA, GRUPO FOLCLÓRICO MALVEIRAS. Facilitou a reconstrucción das partituras, libreto, decorados e ambientación o profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo, JAVIER JURADO, quen fixo un traballo de pescuda e de información diante dos herdeiros de Bernardo del Río e de Rey Posse, achegando os materiais necesarios para poder ofrecer na nosa cidade este tan esperado espectáculo. Sabemos do traballo e da entrega altruísta para que todo chegara a bo fin do noso bo amigo e neto de Rey Posse, CARLOS REY CEBRAL. Había xa certo tempo que algunhas persoas tiñamos feito un traballo coa intención de recuperar a obra de MANOLO REY (está pendente unha edición facsimilar da súa obra –algo que sería moi interesante para Vilagarcía-) e de restrear A LENDA DE MONTELONGO, por diversos motivos, que agora non veñen ao caso, fracasamos no noso intento. Fai uns poucos anos fixémoslle unha homenaxe a Manolo Rey Posse no Liceo Casino de Vilagarcía, coa representación dalgunha das súas obras teatrais, musicais, cunha conferencia, coa convocatoria dun certame teatral co seu nome. Agora felicitámonos de que por fin chegara o día. Será un día histórico para Vilagarcía. Gozaremos do momento e do valor histórico da obra, unha das escasas zarzuelas en lingua galega, comprobaremos como resiste o paso do tempo. Nela predomina o texto falado por encima do cantado; pretende ser a proclama para soerguer Galicia fronte a un imperialismo e nacionalismo español exacerbado, que ocultaba e asoballaba a Galicia e ao galego, non esquezamos que a obra estréase en 1924 en plena dictadura do xeneral Primo de Rivera. Agardamos que o elenco artístico teña moito éxito e a asistencia de público faga pequeno o Auditorio. Parabéns para todos.// Na primeira imaxe, vemos a Juan Buhigas Olavarrieta e a Manuel Rey Posse de traxe e garabata xunta a un grupo de artistas dunha das primeiras representacións da LENDA DE MONTELONGO. (Esta imaxe atópase no fondo fotográfico do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa). / Na segunda, o cadro de artistas doutra representación de dita zarzuela (Facilitada por CARLOS REY CEBRAL, neto dun dos libretistas). / Na terceira, o polifacético e socio de honra do Liceo Casino, Manuel Rey Posse, un dos libretistas desta famosa zarzuela. (Tamén facilitada por Carlos Rey, o netísimo). / Na cuarta, reproducción do cartel da restrea en Vilagarcía da LENDA DE MONTELONGO (Auditorio Municipal, 01/06/2013; 22:00 H.).
PÓDESE CONSULTAR:
www.vilagarcia.es / www.turvilagarcia.com / www.pontevedraviva.com
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario