sábado, 18 de mayo de 2013
HOLANDA, COS OLLOS DUN GALEGO
Xa vai uns meses que tiven o oportunidade de facer unha pequena viaxe polos chamados Países Baixos, quedando impresionado da laboriosidade e organización daquelas xentes. E pensar que moitos daqueles territorios algún día pertenceron ao imperio español! Nesta oportunidade voume centrar en Holanda. Como quen di, o campamento base tíñao en Amsterdam, unha marabillosa cidade, cosmopolita, con moita vida. Así á primeira vista, chamáronme a atención dúas cousas; un aeroporto ben deseñado e moi ben comunicado, alí chegaban o tren, os autobuses, o metro. (Xa poideramos aprender en Galicia, debíamos ter un bo aeroporto e sobre todo ben comunicado). Practicamente, no centro da cidade estaba a Central Station, unha estación nodal, onde podías coller o tren, o autobús, o metro; mesmo o típico tranvía para viaxar onde quixeras. Quedei impresionado do deseño e da eficiencia das comunicacións. Logo é unha cidade para vivila, recorrer os seus canais, pasear polas súas concorridas rúas e parques e visitar os seus museos, recomendo a impactante Casa de Ana Frank e o Museo Van Gogh, asimesmo foi a cidade onde residiu e finou outro grande da pintura, Rembrandt. Tamén visitei Rotterdam (lembro as cancións do belga Jacques Brel) cidade natal do grande Erasmo. Percorrín tamén algunhas zonas rurais e pequenas cidades, sorprendeume a súa boa organización e a intelixencia á hora de traballar. No rural destacar a limpeza, a orde, o saber darlle valor engadido aos seus productos e a diversificación da oferta, obtendo o máximo rendemento de todo. Asímesmo quedei abraiado pola gran industria e comercio das flores, co funcionamento de grandes cooperativas e grandes extensións de invernadoiros, mercados e lonxas das flores. (Se na nosa querida Galicia puxeramos a intelixencia e organización dos holandeses na vida comunitaria, industrial, cultural outro galo nos cantaría). Tamén ofrezo unha selección das numerosas imaxes tomadas. Noutras ocasións, farei referencia a diversos temas que poden xurdir desa agradable e inesquecible viaxe. O meu admirado profesor, FILGUEIRA VALVERDE recomendaba as viaxes para aprender e enriquecerse; para tomar nota (como fan tan ben os xaponeses), no seu instituto fomentou este tipo de actividades. Aproveito, unha vez máis, para reclamar que xa é ben chegado o tempo de dedicarlle o DÍA DAS LETRAS GALEGAS AO LABORIOSO POLÍGRAFO, XOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE (1906-1996).
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario