domingo, 16 de noviembre de 2014

XIII MEMORIAL FILGUEIRA - ALONSO MONTERO (I)






Ciencia y conciencia na biografía intelectual de Filgueira Valverde. Conferencia de Xesús Alonso Montero, Catedrático Emérito da USC e actual Presidente da RAG, pronunciada o mércores 5 de novembro de 2014, sendo as 20:00 h., no Salón de Actos do VI Edificio do Museo de Pontevedra co gallo do XIII Memorial Filgueira Valverde, do que é a conferencia de apertura do mesmo.

APUNTAMENTOS:

A mesa presidencial está composta por Ana Isabel Vázquez Reboredo, Deputada provincial delegada de Cultura; Juan Corbacho, Vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo; Xosé Carlos Valle Pérez, Director do Museo de Pontevedra, Xosé Fernando Filgueira Iglesias, Presidente da Fundación Filgueira Valverde e o propio conferenciante xa citado.

Toma palabra a señora deputada para inaugurar o acto e agradecer a asistencia de todos os presentes, seguidamente cédelle a palabra a Xosé Carlos Valle Pérez que fai unha pequena mención á historia dos Memoriais, xurdidos como unha iniciativa da desaparecida Cátedra Filgueira da Universidade de Vigo. Alude ás numerosas e importantes ponencias e conferencias pronunciadas nestes trece anos consecutivos de memoriais, lembra que o primeiro Memorial estivo dedicado ás cantigas medievais, tema tan importante na vida intelectual de Xosé Fernando Filgueira Valverde, aí está a súa fundamental tese de doutoramento de 1935, que ten como motivo a Cantiga CIII de Afonso X.  Subliña a idea de anticipación dos memoriais, este é a antesala  do Ano Filgueira, xa que en 2015 se lle dedicará o Día das Letras Galegas. Precisamente, ao humanista Filgueira nada humano lle era alleo. A Filgueira nada susceptible de ser estudiado e analizado lle era alleo, aí estriban as dificultades de abarcar todas as temáticas que a el lle interesaron e das que tratou na súa extensa e intensa obra. Seguidamente explica o que será este memorial e agradece que contaran con el para coordinar os memoriais tan vinculados ao Museo e a Pontevedra.

Toma o uso da palabra Xosé Fernando Filgueira Iglesias quen asevera que a familia Filgueira está aquí para agradecer, dito agradecemento faino extensivo á Real Academia Galega por ter escollido a Filgueira Valverde para conmemorar o Día das Letras Galegas de 2015. Alega, que sen dúbida, ao rematar o 2015 o coñecemento de Filgueira vai ser máis completo e axeitado.

O Vicerreitor, Juan Corbacho sinala que Pontevedra é unha cidade universitaria e os actos como o de hoxe reflicten ese espírito universitario tan do gusto do profesor Filgueira. Eu continúo e asumo a pretensión da miña antecesora no cargo, Antonia González, de que a Universidade debe fomentar a vida cultural. E ao estar presentes en Pontevedra, a Universidade debe dinamizar todos os aspectos culturais da cidade. Non quere rematar as súas palabras sen deixar de render unha pequena homenaxe a Xosé Carlos Valle Pérez, un dos promotores e mantedores dos memoriais.

Ana Isabel Vázquez fai unha loanza da importancia deste Memorial e da figura de Filgueira Valverde que nel se lembra. Filgueira foi fundador do Seminario de Estudos Galegos, fundador do Partido Galeguista, do Museo, profesor, alcalde, primeiro Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, presidente do Consello da Cultura Galega, escritor, investigador. Gran colaborador da Deputación Provincial de Pontevedra, que o nomeou Fillo predilecto da provincia de Pontevedra. Foi promotor de tantas exposicións, entendía o Museo como un ente dinámico, os museos cambian constantemente e el foi quen de potenciar este Museo que hoxe nos acolle neste acto. Despois das súas verbas, cédelle a palabra ao ilustre conferenciante de hoxe, Xesús Alonso Montero, quen comeza así a súa disertación:

Principia cun saúdo e con agradecemento, indica que se sinte emocionado e conmocionado e constatando o acerto do Memorial, o que se pode comprobar polo número de asistentes.
Filgueira é unha figura relevante das letras galegas de todos os tempos, Filgueira é un creador literario, un medievalista, un filólogo, un investigador. No ano 2015 vanse clarificar moitas cousas, non obstante, a figura esencial do intelectual Filgueira Valverde xa está perfilada. Desde o ano 1923, sempre estivo escribindo e publicando. Escribe incluso poesía, as súas fermosas 6 cantigas de mar in modo antico, a xeito de poesía neotrobadoresca, datan de 1941. Alonso Montero adianta que entre xaneiro e febreiro próximos publicará en Edicións Xerais unha monografía sobre o sabio, intelectual polifacético, polígrafo Filgueira Valverde. Precisar sobre este concepto, os últimos polígrafos do século XVIII, Feijoo, Sarmiento, Jovellanos xuntaban saberes das Humanidades e das Ciencias. Os últimos polígrafos galegos como Otero Pedrayo e Filgueira Valverde, o son no campo das Humanidades, xa que hoxe a árbore do saber é moi ampla e é imposible saber de todo, a árbore das ciencias é moi frondosa, con moitas ponlas, imposible abarcalas todas. Filgueira Valverde era un sabio en Arqueoloxía, Historia da Arte, Epigrafía (cunha obra desta materia elaborada xunto a D. Álvaro Dors), en Filoloxía... Os polígrafos xa non fan incursións no campo das Ciencias.

Na época de Aristóteles, este sabía de todo o que se sabía. Como dixemos a árbore das ciencias ten moitas e frondosas ponlas, non hai cabeza que as poida abarcar todas. Un polígrafo de moito predicamento para Filgueira foi Armando Cotarelo Valledor e aínda se atreveu a facer algunha incursión no campo das Ciencias.

Hai que recoñecer que o que se gana en extensión, pérdese en intensidade. Non sempre ese despilfarrarse é tan negativo, por exemplo, no caso de Filgueira. Os coñecementos de Arte e de Música axudan a Filgueira a penetrar na riqueza da lírica medieval e de Afonso X, esto axudáballe moito.

Foi un home precoz, coa precocidade do sabio. Xuntábase tamén unha laboriosidade extraordinaria, asombran a súa precocidade e laboriosidade. Tiña unha grande capacidade de organización de actividades e de institucións. Esto comprobámolo no Seminario de Estudos Galegos e na súa publicación Arquivos. No Seminario desenvolveu as súas labores organizativas dirixindo a subxección da Historia da Literatura.

Sorprende a actividade no ano 1935, amosa as súas dotes organizativas no traballo no Partido Galeguista, remata e defende a súa tese de doutoramento, prepara e aproba as súas oposicións, participa moi activamente na confección da revista Logos. Con todo esto aínda ten tempo para asistir a estrea de Yerma e ao final da representación intentar falar con Federico García Lorca para recordarlle de que non se esqueza de dar resposta ao seu inquérito sobre poesía galega en 1935. A súa tese de doutoramento pasa por ser un gran exemplo mundial de literatura comparada.

É considerado o máximo “pontevedrólogo”, o home que máis sabe sobre a súa amada Pontevedra. Pero, tamén é un “santiagólogo” os seus saberes sobre as peregrinacións, a cultura europea, as cantigas medievais, o Románico e o Barroco composteláns. Foi unha figura tan xigante da cultura galega porque tiña unha gran cultura hispánica. O libro que recolle a súa tese de doutoramento, editado polo Eco Compostelano en 1936, é o mellor libro da Historia da Literatura Comparada a esas alturas do tempo.

(DADA A EXTENSIÓN DA CONFERENCIA DE ALONSO MONTERO, IMOS A DIVIDIR OS NOSOS APUNTAMENTOS EN TRES PARTES PARA FACILITAR A SÚA LECTURA –ATA AQUÍ A PRIMEIRA PARTE-)  

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Filgueira un sapo na corte de Franco.
Corte de cuadra, claro

Anónimo dijo...

Filgueira, siempre preocupado por salir na "foto", quedou retratado como o que foi, un miserable, un cobarde e un traidor.

Anónimo dijo...

Ainda que algúns queiran reescribir a historia, lembraremos os seus discursos radiofónicos o estilo
Queipo, ....que noxo
Debemoslle tamén Celulosas, él cheiraba pior
Gustsballe sair nas " fotos" e alí quedou retratado para a posteridade, durante demasiados anos tivemos que soportar a sua cara de porco.
Debería ser recordado como un colaboracionista e un criminal de guerra, ese e o único premio que merece ese montón de merda

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Comunicante anónimo, penso que debes saír do anonimato e dar a cara, podes opinar libremente, sendo responsable do que dis e non amparado na cobardía. Hai que respectar ás persoas e opinar con datos obxectivos non con vileza e carraxe. Identifícate e opina libremente hai que ser honestos e valentes, saír á luz, sen medos; pero sendo responsable dos argumentos.