lunes, 21 de noviembre de 2022

COLEXIATA DE SANTA MARÍA DEL MERCADO DE BERLANGA DE DUERO

Casa do Concello de Berlanga


 Berlanga de Duero é un concello e unha vila da provincia de Soria na Comunidade Autónoma de Castela-León. Constan nesta zona poboamentos da etapa prehistórica; pero, a vila cobra singular importancia na etapa medieval, onde os Tovar e os marqueses de Berlanga chegan a ter moito poder e influenza ao vincularse e relacionarse estreitamente cos Condestables de Castela.

Unha das prazas


Berlanga posúe unha enorme riqueza patrimonial. Nós ímoslle prestar especial atención á Colexiata de Santa María del Mercado xa que fixemos unha visita moi detida e un percorrido moi atento por tan impresionante monumento o sábado, 22 de outubro de 2022.

O impoñente castelo


Pero, entre outros tesouros patrimoniais, tamén contemplamos dun xeito máis xeral o Castelo, que preside este fermoso e interesante pobo. Tamén e digno de especial interese o Pazo dos marqueses de Berlanga.

Foi a parte cultural da nosa visita ao CEINCE, ao que xa lle temos dedicado unha entrada.

A Colexiata é construída grazas ao apoio económico e ao interese dos Señores de Berlanga, titulares do Castelo e da estirpe dos Tovar e co fin de afianzar o seu poder e a súa influenza e vinculacións coa Igrexa.

Altar maior da Colexiata


O arquitecto da obra é Juan de Resines. É un templo de estilo gótico-renacentista. Impresionan as súas naves e principalmente a súa nave central cunhas extraordinarias e grandes columnas que semellan unhas enormes palmeiras, que sosteñen unhas fermosas bóvedas.



Destacar o coro de madeira cos 63 asentos para os cóengos, estando só decorado o dedicado ao prior, que consta con dúas esculturas que representan a San Pedro e a San Paulo.



O altar maior está presidido pola escultura tardorrománica da Virxe do Mercado de fins do século XII. O retablo de estilo churrigueresco de madeira de pino sen policromar, datado en 1704. Cunha pintura no centro que representa á Asunción de María, atribuída a Antonio Palomino. Sinalar, finalmente, o retablo hispano flamenco da capela de Santa Ana.





Como curiosidade, preto da porta norte e no interior amósase o “Lagarto de Frei Tomás”, trátase dun caimán negro desecado que foi traído de América por frei Tomás de Berlanga en 1543. Frei Tomás foi o terceiro bispo de Panamá, quen chegou ser conselleiro de Carlos V e descubridor das Illas Galápagos.


Capela das tumbas dos nobres xemelgos

Sarcófagos dos nobres xemelgos




(Foi posible a redacción destas liñas grazas ás exhaustivas e amplos datos ofrecidos polo guía da Colexiata que nos acompañou no noso percorrido ese día).

 

E todo tivo lugar grazas á viaxe formativa e informativa a Berlanga de Duero organizada polo Dr. Cid Fernández, Decano da Facultade de Educación e de Traballo Social do Campus Sur de Ourense da Universidade de Vigo e pola acollida e as suxestións do Dr. Escolano Benito “alma mater” do CEINCE e ilustre veciño de Berlanga de Duero.

No hay comentarios: