FLASH
DUN VERÁN
Xermán
Torres
Peto, In memoriam
Na praia de Compostela nun
solpor de calquera día dun verán da década dos 70 do pasado século XX.
A néboa do tempo tan só me
permite contemplar a catro de entre outros mociños xuntos, sentados na daquela fina
e dourada area da praia de Compostela.
Embaixo da terraza do
Balneario vexo a Peto coa súa inseparable guitarra, ao meu curmán Alfonso con
algunhas das súas frautas, Xulio coa súa non menos inseparable cámara
fotográfica, máis eu coa miña frauta doce e coa miña harmónica.
Parolabamos do divino e do
humano, sobre todo de música e faciamos soar os nosos instrumentos, sobre todo
Peto, era un virtuoso coa guitarra. Pasabamos as longas e cálidas tardes de
verán na nosa praia. Estabamos placidamente alí ata a noitiña. Incluso nos
temos bañado nalgunha daquelas madrugadas de mocidade.
Eu pedíalle a Peto, tócaa
para min, amigo Peto, tócaa outra vez... e interpretaba maxistralmente na súa
guitarra para min, porque sabía que me gustaba moito A casa do sol nacente de Animals. E así pasabamos de vagar aqueles
pracenteiros seráns da canícula arousán dun tempo pasado, perdido; mais
inesquecible.
Agora, alá, no alén, Peto
interpretará para sempre, nun tempo sen fin calquera canción nos seus máis de
trescentos instrumentos de corda de case todas as latitudes. Quizais A casa do sol nacente de Animals...
No hay comentarios:
Publicar un comentario