Os días 21, 22, 23 deste mes de abril de 2023, tiven a sorte de descubrir un pobo fermosísimo: CASTRO LABOREIRO, cunhas impresionantes paisaxes de montaña. Un pobo moi interesante por moitos motivos históricos, antropolóxicos,... Un pobo da raia portuguesa, doutro lado o pobo de ENTRIMO da provincia de Ourense. A Raia crea vínculos coas xentes dun e doutro lado con historias de contrabando, de refuxiados,... de vivencias inesquecibles.
Pero, descubrín que a maior riqueza do pobo de Castro Laboreiro, pertencente ao Concello de Melgaço do fraterno PORTUGAL é a das súas xentes, persoas acolledoras, solidarias. O demostraron amplamente cando por mor da nosa triste Guerra Civil (mellor Incivil) do infausto ano de 1936, un ano que nos marcou a fogo, acolleron aos pobres refuxiados galegos, que escapaban da barbarie e da senrazón dunha represión cruel e dunha posterior criminal ditadura. Entre eses refuxiados e guerrilleiros houbo moitas mestras e moitos mestres perseguidos e represaliados. E foron acollidos, ocultados e defendidos polo exemplar e heroico pobo de Castro Laboreiro. Serva esta humilde entrada para amosar agarimo, respecto e admiración por estes nosos irmáns portugueses.
Brindoume esta inesquecible vivencia o Programa de Doutoramento de Ciencias da Educación e do Comportamento da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, coordinado polo recén reelexido Decano, o Dr. Cid Fernández, que ademais é o meu director de tese. Agradézoche que me facilitara esta grata e ricaz experiencia, aparte doutras moitas que xa temos vivido. Desenvolvemos o día 21, en Castro Laboreiro, un Seminario de Intercambio sobre teses doutorais.
Mais, como o Dr. Cid é un home polifacético e dinámico, aproveitamos a oportunidade para celebrar alí mesmo os días 22 e 23 o XXXIV ENCONTRO GALEGO-PORTUGUÉS DE EDUCADORES POLA PAZ, organizado pola NOVA ESCOLA GALEGA (con múltiples actividades, mesas redondas, puntos de encontro, un excelente roteiro por Castro Laboreiro para amosar os lugares en que foron ocultos e protexidos os nosos refuxiados e guerrilleiros, naqueles momentos de tanta penuria e miseria en ambos os dous lados da raia, e tamén un interesante acto do Couto Mixto, como foi a admisión como académica da Academia de Ciencias Sociais do Couto Mixto, da antropóloga e profesora portuguesa Paula Godinho, da Universidade Nova de Lisboa, que pronunciou un extraordinario discurso, que foi respostado polo presidente do Couto Mixto, Luis García Mañá. Tamén tivemos unha festa da Paz, onde o pobo de Castro Laboreiro agasallounos nun seu rancho, con ledas músicas, cantos e danzas, onde chegamos a participar todos cos nosos extraordinarios anfitrións, dos que estaban á fronte o inesquecible experto historiador do pobo, Américo Rodrigues, a quen acompañaba a Presidenta da Junta da Freguesía de Castro Laboreiro e Lamas de Mouro.
TESTEMUÑA GRÁFICA
Xosé Manuel Malheiro e Antón Costa
O profesor Antón Costa Rico disertando sobre o mestre republicano Luis Soto, quen estivo refuxiado en Castro Laboreiro
No hay comentarios:
Publicar un comentario