domingo, 26 de octubre de 2025

CRÍTICA REPRESENTACIÓN GRUPO TEATRO ANÓNIMO: MEDEA - Auditorio de Ribadumia, 19-10-2025 20:00

 



CRÍTICA TEATRAL

SÍNTESE DA TRAMA:

As desgrazas de Medea non minguan o seu forte carácter e as súas firmes resolucións de por en marcha a súa sede de vinganza nin da renuncia polo seu grande amor, por Jasón, por quen mata e por quen morre.
Versión baseada no mítico personaxe clásico da traxedia grega e da súa tráxica e accidentada existencia.

REPARTO POR ORDE DE APARICIÓN EN ESCENA:

- Manuela Hermida
- Popeta G. Gregorio
- José Rodríguez
- Fernando Oubiña

DIRECCIÓN: Fernando Oubiña

GRUPO: Teatro Anónimo


DIÁLOGOS:

O peso desta versión teatral reside nos diálogos e nos monólogos, que constitúen a súa base. Coidada e grandilocuente expresión lingüística, que nos fai lembrar que estamos diante unha obra de corte clásico. Grandes parrafadas dos protagonistas que nos poñen en situación e nos van narrando e desvelando esta triste e arrepiante historia, baseada na traxedia clásica grega.
Boa expesividade lingüística, excelente dicción con boa entoación, con boa altura e timbre de voces, que fai que se escoite e entenda perfectamente o parlamento de cada un dos catro actores.




TRABALLO DRAMÁTICO DOS ACTORES:

- Xa está referida a boa expresión lingüística, así como a excelente entoación, claridade e axeitada altura das voces, a ton con cada personaxe, enténdendose e escoitándose perfectamente as voces das dúas actrices e dos dous actores. Gran esforzo na memorización e subsanados excelentemente os pequenos erros de memoria, que pasaron de forma axeitada desapercibidos, anque os houbo. Coidada expresión nos diálogos e monólogos, acertados para o tipo de obra da que se trataba.



TRABALLO DE DIRECCIÓN:

O director Fernando Oubiña, coa súa longa experiencia no mundo da farándula e do espectáculo amosa un claro dominio da linguaxe dramática e do xénero dramático. El foi fundador do grupo Teatro Anónimo, foi un activista cultural de Paradela de Meis, valedor e sostedor das representacións vivintes da Paixón de Cristo, na Semana Santa da parroquia de Paradela, durante moitos anos representou o papel de Cristo nesta popular representación da Paixón na Semana Santa da parroquia; el foi o artífice da posta en marcha e do mantemento desta coñecida e recoñecida recreación da Paixón ao aire libre.
Nesta obra nótase o peso da experiencia de Fernando, domina a técnica teatral e os recursos de expresión dramática, nas súas distintas modalidades: técnicas de actuación (el mesmo é un grande actor, que tamén o amosa nesta obra), escenografía, iluminación, son, efectos especiais, vestiario, caracterización, marketing, difusión,... El éo todo nesta obra, sen el nada sería posible. Parabéns Fernando, segue así por moitos anos, homes de teatro coma ti necesitámolos na cultura galega, o teatro popular na comarca do Salnés débeche moito. Grazas.

    



- EXPRESIÓN CORPORAL:

Popeta no papel de Medea, que interpretou de forma maxistral, adoptou boa expresividade facial, desprazamentos axeitados polo escenario, enchía a escena, ás veces, un pouco esaxerados. Revisaría o excesivo braceo para facelo un pouco máis natural. Mais, tratouse dunha súa extraordinaria actuación, que como protagonista principal levaba o peso da obra.

Manuela Hermida fixo un papel extraordinario como ama de Medea. Cunha expresión e movementos moi naturais e con moita versosimilitude. Gustoume moito a súa interpretación, moi crible.

José Rodríguez, no papel do rei Creonte estivo a un gran nivel ao igual que os seus compañeiros. Quizais un pouco estático e inexpresivo por veces, debería enfatizar un pouco máis.

Fernando Oubiña, no papel de Jasón, mantivo unha posición de dignidade do seu personaxe, cunha excelente expresividade. Ten madeira de actor e nótase a súa longa experiencia. Dou signos de verosimilitude e de grande actor.




- MOVEMENTO ESCÉNICO:

En liñas xerais, movementos mínimos e escasos no escenario, a acción e a narración véñennos dadas polos diálogos e polos monólogos. Moito estaticismo. Agás na última escena onde hai máis acción cos asasinatos dos dous nenos, que se nomean, pero que non aparecen en escena, o suicidio de Medea e axeitada queima do carromato. 
As dúas actrices pasan gran tempo sentadas nas súas banquetas a carón da fogueira. Non hai moita acción.
O acuchillamento da ama é pouco crible e inverosimil por un detalle que se pode subsanar. O puñal vese totalmente limpo sen rastro de sangue, podía coidarse este aspecto e traballalo por algún medio ou recurso que lle dea un maior senso de verosimilitude.
O que sucede sábese fundamentalmente por medio dos diálogos e dos monólogos, tal vez, un exceso de verbalismo.
Os asasinatos dos nenos e o suicidio de Medea por medio da tea transparente do carromato e do xogo da iluminación suxírense e intúense perfectamente, como tamén a forma de denotar a queima de todo o carromato. Foi un recurso moi axeitado e ben manexado.

- VESTIARIO:

Sinxelo e moi correcto, induce e nos sitúa ben no contexto da época, no mundo clásico. Nos parece moi axeitada a caracterización da ama e co seu caxato, un dos papeis, ao meu parecer máis logrados. Tamén a representación parécenos dignamente lograda, dándolle o aire que precisaba ao personaxe. Medea nunha caracterización dominante, revelando o poder do personaxe que enche o escenario, unha personalidade de xenio, de forza. A caracterización e vestiario de todos os actores merécenos unha valoración positiva, estaba consonte á natureza da cada uns dos personaxes, que podían identificarse ben.




- MAQUILLAXE:

Axeitada, moi natural. Gustounos o fondo de ollos dos actores que representaban a Medea e a Jasón, estaba moi logrado e acorde coa natureza dos personaxes. Ese fondo escuro facilitaba a expresividade facial e outorgáballe dignidade e clasicismo aos personaxes.

- ESCENOGRAFÍA:

Na liña do minimalismo do teatro actual. Poucos elementos e economía de medios que non restan realismo e versosimilitude ao que ocorre no escenario, hai un xogo coa denotación / connotación.
Existían tres grupos de elementos que daban unha boa representación e nos situaban onde estabamos.
1.- A fogata coas banquetas, os caldeiros e a simulación do lume, paréceme correcto, tal vez incluiría un efecto de fume e de arrecendo, nun efecto sinestésico. Luz, arrecendo-cheiro, son... habería que xogar coa sinestesia e cos sentidos para favorecer a versosimilitude. Estes elementos de primeiro plano ocupan o centro da escena onde ocorre gran parte da acción.

2.- A carreta, recurso ben deseñado. Coa forma da carreta e co xogo das transparencias e dos efectos de luz e sombras, que permiten intuir e captar o que alí sucede. Algo importante para o desenlace da obra.

3.- O tendal coa roupa complementa a idea do lugar do exilio, da marxinación e do paso.

ILUMINACIÓN:

Tamén minimalista e sinxela, favorecendo á verosimilitude e a intuición do que pasa. Os tons escuros predominantes coinciden co ton da obra. A iluminación que se focaliza en Medea reforza e magnifica a grandilocuencia do personaxe. As transparencias, o xogo de luz vermella e sombras no carromato permite captar e denotar o que se quere narrar.

SON:

Nítido e claro. Escoitábase perfectamente e dun xeito natural, sen estridencias. A sala parece ter unha boa acústica e unha boa dotación de materiais de son o que permitiu seguir, escoitar e entender perfectamente os parlamentos dos actores.
A ambientación con música galega, de temas populares facíanos volver a realidade e establecía unha conexión de tempos o da ficción coa realidade do público, axudaba a contextualización, dando un salto, conectando o mundo clásico coa realidade actual. E que os grandes conflictos, os problemas das xentes, as emocións e os sentimentos son algo universal e común ás distintas culturas, aínda respectando as características propias de cada pobo e e as diatancias de tempo / lugar.

Falando de recursos técnicos eu botaría man da sinestesia, combinando efectos visuais, acústicos, olfativos. Poñer en xogo o máximo de sentidos, acordes co que sucede no escenario.

Globalmente unha actuación de dez.




AFORO: O Auditorio Municipal de Ribadumia ten un aforo de 346 espectadores e unha superficie de dous mil metros cadrados. Foi inaugurado o 27/04/2007, sendo alcaldesa Salomé Peña e Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra Rafael Louzán. Un auditorio moi digno para o que é a poboación total de Ribadumia. Mais, hai que fomentar a asistencia ao teatro e demais actos culturais e artísticos.
Asistencia de público o día de hoxe na representación de Medea, moito menos de 1/4 de entrada.

Acollida moi favorable do público asistente desta formidable representación que nos ofreceu Teatro Anónimo, tendo que saír a saudar varias veces os actores e as actrices diante dos repetidos e entusiastas aplausos do público.

E veño sostendo desde hai xa moitos anos que hai que apoiar moito máis ao teatro en lingua galega e ao teatro en xeral. O teatro é moi positivo para todos, favorece a expresión e a expresividade e serve como catarse colectiva.

ARRIBA O PANO!









jueves, 2 de octubre de 2025

GALICIA NUEVA, 24-07-1933: artigo de Xaquina Trillo Sánchez

 Xaquina Trillo Sánchez, Ultre Eja. Galicia Nueva, luns 24-xullo-1933, portada.



Artigo de Xaquina Trillo sobre o cantigueiro e os trobadores medievais galego-portugueses e unha clara referencia a súa querida cidade de Santiago de Compostela, facendo alusións aos cantos e aos berros dos peregrinos a súa chegada á catedral do Apóstolo Santiago na cidade eterna galega que constitúe un compoñente galeguista moi significativo e que hoxe é a capital de Galicia.

Na portada do primeiro diario da cidade arousá, GALICIA NUEVA (1907-1938) do luns 24 de xullo de 1933, xunto ao artigo de Xaquina Trillo figuran textos de autores, como Vicente Risco, Ramón Villar Ponte, Curros Enríquez, Luis Peña Novo, que Galicia Nueva recolle nesa data "asociandose afervoradamente no Dia de Galicia as arelas de Futuridade, limpa e farta, que tremen alampadas no espirto da Raza".




Xaquina Trillo (Vilagarcía de Arousa, 1916-2004)