domingo, 15 de febrero de 2026

PALABRAS PARA DON XESÚS

Con don Xesús, nunha das súas visitas ao Colexio O Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa
 


O moucho e as curuxas

da fraga de Ventosela

chían tristes porque o seu druída

foi durmir fóra,

está xa moi lonxe

ou quizais moi preto

fundido na Terra.

 

Fai bo “humus”

o corpo inerte do sabio da aldea

“como quen dis un ninguén”

cuberto de letras, de versos e de discursos...

 

A súa áurea pairea por todo o Ribeiro,

o eco da súa recia

e baril voz resoa

por todos os confíns de Auria

e esténdese por todo o territorio

da antiga Suevia.

 

As súas ansias de xustiza

da redención da boa

nazón de Breogán

van máis alá

no seu desexo universalista

de conseguir un mellor mundo

para todos.

 

As súas arelas

hano converter

á fin nun auténtico

e único comunista.

Alonso Quijano

foi aos soviets,

agora voa libre

e chouta polos outeiros,

polas fragas, polos montes

da súa querida Ventosela.

 

O pai Miño

coas súas xenerosas augas

rega o corazón morto do druída

que forte como un buxo

bate preto das estrelas

sucando os confíns do alén

e está a berrar:

-          Quero ser comunista! Quero ser comunista!

E conseguiuno.

El, meu caro amigo, estará por sempre

no meu corazón

e no corazón dos pobres

e de todos os traballadores do mundo.

 

Nun coro internacional escóitanse

como un laído os seus berros

e o seu puño no alto

pedindo a liberación

das cadeas que nos atan

e nos oprimen.

O Suso

coa súa bandeira vermella

lidera a manifestación.

 

Foise o druída de Ventosela,

quixo durmir fóra

e voar sempre ceibe

polos recunchos dun mundo máxico

onde se ha de atopar

con Curros, Rosalía e Castelao.

Tamén procurará a compaña

de Marx, Engels e Lenin.

Tamén estará a gusto

parolando con Dámaso Alonso

e con Rafael Lapesa.

Con todos

tentando topar xustiza

e loitando pola verdade

e pola emancipación

de todos os oprimidos

do mundo!

 

Descansa xa en paz

Suso de Ventosela

a túa semente

permanece aquí na Terra;

florecerá grazas a ti.

 

Xermán Torres

(No tren cara Vigo, 14/02/2026)



Con don Xesús no outono de 2014

Unha Cidade de Vigo para don Xesús







jueves, 15 de enero de 2026

HISTORIAS DE MESTRES DE VILAGARCÍA DE AROUSA (I)

 


Este artigo aparecido no Faro de Vigo o martes 13 de xaneiro de 2026 deume pé para retomar e reflexionar sobre un tema para min do máximo interese e para coñecer a historia de persoas próximas e coñecidas, moitas veces esquecidas e silenciadas. E houbo na historia da educación do Concello de Vilagarcía de Arousa moitas mestras e mestres dignos de ser lembrados e de coñecer o seu traballo como educadores. Este é un obxectivo que me marco ao comezar esta serie de artigos.


Houbo unha represión física, brutal contra os mestres e mestras, a partires dos tristes, lamentables, noxentos feitos, os chamados acontecementos de xullo de 1936. Pero, aínda máis cruel e nefasto foi o control que se realizou sobre a educación a partires deses sucesos, a castración, o dominio sobre o pensamento de docentes e alumnado, a falta de liberdade, a represión do espírito e das ideas. O medo estendeuse sobre a comunidade educativa. Xa nada volvería ser igual, aínda é hoxe un lastre que levamos con nós. A ver se coñecendo a historia de vida de tantos mestres e tantas mestras, a intrahistoria da educación aprendemos e tratamos de superar erros e por fin somos quen de respectarnos, de convivir pacificamente nunha sociedade democrática que nos faga traballar e construir unha escola inclusiva, onde residan todos e se confronten as distintas ideas e modelos de entender a vida dun xeito civilizado e con argumentos, co uso axeitado da linguaxe sen violencias, sen intrasixencias. Todos cidadáns que desexamos vivir en paz, con tranquilidade, sen medos, sen complexos. 
Eu penso que dos mestres e das mestras dos que falarei, imos aprender moito, e traballar por unha sociedade, por un mundo mellor onde cabemos todos.
Alá, no xa lonxano ano de 1998, cando eu remataba o meu primeiro programa de doutoramento na UNED e estaba a intentar escoller e decantarme por un tema para a miña futura tese de doutoramento e antes de terme inclinado polo FILGUEIRA VALVERDE, EDUCADOR, naqueles intres eu contemplaba a posibilidade de investigar no tema das mestras e dos mestres represaliados do Concello de Vilagarcía de Arousa despois da guerra de 1936-1939 e a conseguinte ditadura militar. Abandoei ise proxecto porque ao contactar cun profesor universitario galego versado neses temas, el díxome:

- Verás, para tratar sobre estes temas hai que ser de esquerdas. Ti es de esquerdas?

Ao tal oír e diante de tal inaudita resposta, foi cando definitivamente me decantei sobre o tema do meu querido e lembrado profesor Filgueira Valverde, quen tamén foi vítima daqueles escuros e violentos acontecementos. Que violentaron conciencias, persoas, familias, amizades. Filgueira Valverde non se puido amosar como era, padeceu represión e un exilio interior. Pensan que non sufriu co que lles pasou aos seus amigos? Entre outros Alexandre Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo, Antón Fraguas por tan só citar uns poucos exemplos.

Eu sabía e era coñecedor da historia e da traxectoria de algúns mestres e mestras que exerceron en Vilagarcía naqueles difíciles tempos da guerra e da posterior arbitraria e represora ditadura militar. Mestres como Segundo Abal Padín (1913-1938), Juana Argentina Villaverde Rey, Casimiro Martínez Altimir, Xesús Garrido Álvarez, Faustino Álvarez Blanco, Perpetua Ruiz Ortiz (estes dous últimos mestres serían do outro bando, pois a guerra supuso división, fractura, enfrentamentos), á fin todos afectados polos condicionantes e os feitos daquela "longa noite de pedra".
A algúns chegueinos coñecer persoalmente e mantiven unha relación de amizade, claro aos que sobreviviron como puideron naquelas lamentables circunstancias, aqueles tempos da nosa guerra incivil, da II Guerra Mundial, os miserentos anos 40 e 50 do pasado e cruento século XX, cando pugnaban por facerse co poder e ter o dominio sobre o mundo o capitalismo, o fascismo, o comunismo. Para a fin consolidarse o imperio dos EE.UU. e do capital.
Ese período histórico foi violento e sanguinolento, moi difícil e semella que aínda non aprendemos nada polo devir do noso mundo actual.

O de Segundo Abal Padín foi especialmente cruel e inxusto, ensañáronse con el, segaron a súa vida, frustraron o seu proxecto vital. O que lle sucedeu a este mozo mestre da Escola de Castroagudín cóntase en síntese no artigo de Carolina Sertal (Faro de Vigo, 13/01/2026, p. 31). Estando en capela e pouco antes de ser asasinado polas forzas rebeldes e traidoras escribiu unha conmovedora carta aos seus pais que foi difundida polas redes sociais, eu teño copia (se a atopo, incluireina nunha foto), unha carta a xeito de dolorosa despedida. Segundo, nesta carta, pídelles aos seus pais que coiden e protexan á súa noiva Otilia Vázquez. Quen curiosamente, refaría a súa vida e casaría con outro mestre, tamén represaliado e amigo de Segundo, trátase do coñecido mestre e director escolar de Vilagarcía, Casimiro Martínez Altimir, a quen tamén nos refereriremos e co que ao final da súa vida, case chegou a centenario, mantiven unha fonda amizade, durante moitos anos eu visitaba todos os domingos ao meu querido don Casimiro, co que tiven a oportunidade de falar moito. Algo que foi imposible con don Segundo Abal. Esta lembranza quere ser unha homenaxe e un recoñecemento a Segundo Abal, o mestre de Castroagudín. 
E remexendo nos meus papeis, claro que atopei a copia da triste carta de 1938, que Segundo Abal escribe como despedida aos seus pais e irmáns, tamén atopei un recorte de prensa de cando eu era secretario de formación en FETE-UXT de Arousa e lle dedicamos unha xornada formativa e de lembranza a tres mestres represaliados. Dita xornada celebrouse no meu querido e lembrado colexio de O Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa. Aí van as copias de tales documentos:




Na carta de Segundo Abal Padín do 5 de maio de 1938, apreciase como foi cruel e vilmente censurada.

Xosé Álvarez Castro, no seu blog: PONTEVEDRA NOS ANOS DO MEDO, fala doutra carta de Segundo Abal Padín datada o 13 de maio de 1938: