Este artigo aparecido no Faro de Vigo o martes 13 de xaneiro de 2026 deume pé para retomar e reflexionar sobre un tema para min do máximo interese e para coñecer a historia de persoas próximas e coñecidas, moitas veces esquecidas e silenciadas. E houbo na historia da educación do Concello de Vilagarcía de Arousa moitas mestras e mestres dignos de ser lembrados e de coñecer o seu traballo como educadores. Este é un obxectivo que me marco ao comezar esta serie de artigos.
Houbo unha represión física, brutal contra os mestres e mestras, a partires dos tristes, lamentables, noxentos dos chamados acontecementos de xullo de 1936. Pero, aínda máis cruel e nefasto foi o control que se realizou sobre a educación a partires deses sucesos, a castración, o dominio sobre o pensamento de docentes e alumnado, a falta de liberdade, a represión do espírito e das ideas. O medo estendeuse sobre a comunidade educativa. Xa nada volvería ser igual, aínda é hoxe un lastre que levamos con nós. A ver se coñecendo a historia de vida de tantos mestres e tantas mestras, a intrahistoria da educación aprendemos e tratamos de superar erros e por fin somos quen de respectarnos, de convivir pacificamente nunha sociedade democrática que nos faga traballar e construir unha escola inclusiva, onde residan todos e se confronten as distintas ideas e modelos de entender a vida dun xeito civilizado e con argumentos, co uso axeitado da linguaxe sen violencias, sen intrasixencias. Todos cidadáns que desexamos vivir en paz, con tranquilidade, sen medos, sen complexos.
Eu penso que dos mestres e dasmestras dos que falarei, imos aprender moito, e traballar por unha sociedade, por un mundo mellor onde cabemos todos.
Alá, no xa lonxano ano de 1998, cando eu remataba o meu primeiro programa de doutoramento na UNED e estaba a intentar escoller e decantarme por un tema para a miña futura tese de doutoramento e antes de terme inclinado polo FILGUEIRA VALVERDE, EDUCADOR, naqueles intres eu contemplaba a posibilidade de investigar no tema das mestras e dos mestres represaliados do Concello de Vilagarcía de Arousa despois da guerra de 1936-1939 e a conseguinte ditadura militar. Abandoei ise proxecto porque ao contactar cun profesor universitario galego versado neses temas, el díxome:
- Verás para tratar sobre estes temas hai que ser de esquerdas. Ti es de esquerdas?
Ao tal oir e diante de tal inaudita resposta, foi cando definitivamente me decantei sobre o tema do meu querido e lembrado profesor Filgueira Valverde, quen tamén foi vítima daqueles escuros e violentos acontecementos. Que violentaron conciencias, persoas, familias, amizades. Filgueira Valverde non se puido amosar como era, padeceu represión e un exilio interior. Pensan que non sufriu co que lles pasou aos seus amigos? Entre outros Alexandre Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo, Antón Fraguas por tan só citar uns poucos exemplos.
Eu sabía e era coñecedor da historia e da traxectoria de algúns mestres e mestras que exerceron en Vilagarcía naqueles difíciles tempos da guerra e da posterior arbitraria e represora ditadura militar. Mestres como Segundo Abal, Josefina Villaverde, Casimiro Martínez Altimir, Xesús Garrido Álvarez, Faustino Álvarez Blanco, Perpetua Ruiz Ortiz, afectados polos condicionantes e os feitos daquela "longa noite de pedra".
A algúns chegueinos coñecer persoalmente e mantiven unha relación de amizade, claro aos que sobreviviron como poderon naquelas lamentables circunstancias, aqueles tempos da nosa guerra incivil, da II Guerra Mundial, os miserentos anos 40 e 50 do pasado e cruento século XX, cando pugnaban por facerse co poder e ter o domnio sobre o mundo o capitalismo, o fascismo, o comunismo. Para a fin consolidarse o imperio dos EE.UU. e do capital.
Ese período histórico foi violento e sanguinolento, moi difícil e semella que aínda non aprendemos nada polo devir do noso mundo.
O de Segundo Abal, foi especialmente cruel e inxusto, ensañáronse con el, segaron a súa vida, frustraron o seu proxecto vital. O que lle sucedeu a este mozo mestre da Escola de Castroagudín cóntase en sintese no artigo de Carolina Sertal (Faro de Vigo, 13/01/2026, p. 31). Estando en capela e pouco antes de ser asasinado polas forzas rebeldes e traidoras escribiu unha conmovedora carta aos seus pais que foi difundida polas redes sociais, eu teño copia (se a atopo, incluireina nunha foto), unha carta a xeito de doorosa despedida. Segundo, nesta carta, pídelles aos seus pais que coiden e protexan á súa noiva Otilia Vázquez. Quen curiosamente, refaría a súa vida e casaría con outro mestre, tamén represaliado e amigo de Segundo, trátase do coñecido mestre e director escolar de Vilagarcía, Casimiro Martínez Altimir, a quen tamén nos refereriremos e co que ao final da súa vida, case chegou a centenario, mantiven unha fonda amizade, durante moitos anos eu visitaba todos os domingos ao meu querido don Casimiro, co que tiven a oportunidade de falar moito. Algo que foi imposible con don Segundo Abal. Esta lembranza quere ser unha homenaxe e un recoñecemento a Segundo Abal, o mestre de Castroagudín.


No hay comentarios:
Publicar un comentario