domingo, 15 de noviembre de 2015

POUR LA PAIX AU MONDE ENTIER



En hommage du peuple de Paris.

Il y avait un jardin qu'on apelle la Terre...

Había un xardín, fermoso e acolledor,
era un xardín para todos:
os nenos e as nenas xogaban libres e ledos,
os adultos compartían pensamentos,
inquedanzas, sentimentos e emocións,

Todo era diverso, distinto
biodiversidade de seres, de crenzas.
Non existía a palabra estranxeiro,
non se crearan as artificiais fronteiras,
non era tempo de guerras nin de violencias.

Non había deuses que dividiran aos homes.
Había un Deus acolledor, amoroso, misericordioso
era o dono do xardín que compartía,
alí cabiamos todos, negros e brancos,
os netos de Abraham,
os fillos de Isaac e de Ismael,
sen loitas nin dor;
era o xardín de todos.

Comiamos de todos os froitos,
compartiamos o pan e o sal,
a auga pura era para todos.
Todo era limpo, inxenuo;
non había contaminación.
Escoitabamos deleitados os paxaros,
mirabamos compracidos
a beleza das frores,
respectabamos a nai Natureza
e adeprendiamos do libro da vida.

A carón da luz e da calor da fogueira
escoitabamos a sabiduría dos vellos
e eramos quen de facérmonos preguntas
e de filosofar,
tiñamos tempo de vagar
para nos contar historias,
para gozar da compaña dos veciños,
para cantar e para bailar...

Onde está ese xardín perdido?
Fillos do Oriente, onde estará?
Quizais atópase entre o Tigris e o Éufrates...
Entre todos o encontraremos,
un xardín para vivir e para soñar.

miércoles, 11 de noviembre de 2015

PONTEVEDRA EN FILGUEIRA VALVERDE



Hoxe ás 20:00 h., unha nova mesa redonda no Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, moderará Xosé Carlos Valle Pérez e coa intervención dos seguintes poñentes:

- Xosé Fuentes Alende: Historia e tradicións.

- Xosé M. López Vázquez: Manifestacións artísticas.

- Mª Mercedes Álvarez Lires: Sarmiento.

Como sempre recomendamos a asistencia e participación nestes actos, fannos máis humanos e máis sabios, dentro da ignorancia que sempre nos envolve: Só sei, que non sei nada.







sábado, 7 de noviembre de 2015

FILGUEIRA VALVERDE EN PONTEVEDRA




O martes 10, ás 20:00 h. celebrarase unha mesa redonda, a primeira dunha serie delas, que terán lugar en distintos puntos de Galicia, no Salón de Actos do edificio VI do Museo de Pontevedra e que estará moderada por José Fernando Filgueira Iglesias, fillo do autor homenaxeado ese día co gallo de ir dando cumio a este Ano de Filgueira Valverde  e ademais presidente da Fundación homónima. Dita mesa contará coa participación dos seguintes poñentes:

- Rafael López Torre, que abordará a vida política.

- Xermán Torres de Aboal, que repasará a vida educativa.

- Xosé Carlos Valle Pérez, que falará da vida cultural.

Este tipo de actos de exposición e participación encol de diversos temas deben ser promovidos e organizados e a xente debera acudir para aprender, contrastar, opinar. Deberamos recuperar a idea da ágora clásica, onde a xente escoita e fala; comparte coñecementos, experiencias, vivencias, opinións. Vivir a  idea de cidadanía actuante, participante da vida social, da vida da "polis"; debemos abrirnos e colaborar todos, recuperando humanismo e humanidade, sendo veciños, conciudadáns, uns dos outros; convivir e compartir con. Buscando o enriquecemento persoal e o ben común. Cidadanía activa, participativa, preocupada e ocupada de todos os asuntos de tipo social. Debemos ser partidarios de tertulias, de conferencias, de mesas redondas, de recitais poéticos, de actividades musicais, deportivas, culturais, dándolle protagonismo á xente. Invitamos a todos a asistir, gustaríame ver a moita xente, a moitos amigos, a moitos conveciños. O home que pensa, que fala, que se comunica, será un home máis libre.






jueves, 29 de octubre de 2015

NOVA EXPERIENCIA POÉTICA




Comezamos unha nova andaina e na Sala de Conferencias do Auditorio Municipal, tivemos a LII Mesas das Verbas con novas incorporacións e con algúns dos históricos doentes e dos que agardamos que axiñan se repoñan e volvan con nós.
Da man de Tere Briones ofrecemos a seguinte testemuña gráfica:


Enrique Brumbéck

Carme Darriba

José Tizado

Tere Briones

A caldense, Luz Rey

Carmen Abalo

Manuel Lage

O decano, Tito Porto

Antonio Quiñoy

José González

Augusto Guedes
Xermán Manuel Torres
Unha parte do grupo que participou nesta Mesa

Eu, nesta xuntanza de amizade e poesía, manifestei o meu horror e rexeitamento de todo tipo de violencia e de guerras con este poema de mocidade:

Boicot á guerra
ningún soldado empuñará as armas,
boicot á guerra,
non obedecerán.

Ningún civil sementará odio,
boicot á guerra,
ninguén se anoxará contra ninguén.

Boicot á guerra,
pensaremos distinto;
respectarémonos.

Boicot á guerra,
viviremos a paz
non nos dividiremos,
boicot á guerra.


domingo, 18 de octubre de 2015

LII MESA DAS VERBAS - COMEZO DUNHA NOVA ETAPA






Despois de cincuenta e unha edicións da Mesa das Verbas, baixo o amparo do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, lembremos que estes recitais poéticos mensuais naceron hai máis de catro anos, segundo unha idea de María Palacios, Manoel Xosé de Oliveira, Andrea Fernández e Xermán Torres, idea que foi acollida no Liceo Casino baixo a presidencia de Alfonso Saavedra, sendo Vicepresidente e encargado de Cultura de dita sociedade, Xermán Torres, emprende un novo percorrido, unha nova xeira lonxe do Liceo Casino e respaldados pola Concelleira de Cultura do Concello de Vilagarcía, Sonia Outón.

Pois ben esta nova xeira comeza coa LII MESA DAS VERBAS, que terá lugar na Sala de Conferencias, do Auditorio Municipal o próximo sábado, 24 de outubro de 2015, a partires das 18:30 h., co seguinte guión:

I.- Proxección de vídeos e de fotografías de edicións anteriores.

II.- Recital poético. Todos os asistentes que o desexen poderán declamar un poema propio ou doutro autor/a da súa libre elección. Nun clima de amizade e respecto, ceibando os versos ao ar. (Pedimos brevidade, mellor poemas curtos ou fragmentos para dar a oportunidade de expresión poética ao maior número de persoas posible).

SAÚDE E POESÍA!!!

martes, 13 de octubre de 2015

III FESTIVAL SOLIDARIO CÁRITAS PARROQUIAL-16-OCT-20:30 H.


Sexamos solidarios: vémonos todos e todas o venres 16, ás 20:30 h. no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa. O primeiro de todo as persoas; todos somos iguais, compartamos cos demais.

Gozaremos con este programa que nos ofrecen os grupos musicais participantes, aos que lle amosamos o noso agradecemento e agardamos para o ano próximo si Dioloquere poder organizar o IV Festival, onde queremos vernos todos. Gracias.

 

domingo, 4 de octubre de 2015

QUE FERMOSA É A VIDA SEN ESTRÉSS!

Porque levamos unha vida demasiado frenética, picando en todo e sen apousar en nada. Esa inquietude, esa impulsividade trasladámola á infancia e á mocidade. Cantas veces teño falado do valor do inútil, do lento. Que os nenos e nenas teñen que aprender a aburrirse e poñer en funcionamento a súa creatividade para saber divertirse por eles mesmos, sen esperar sempre solucións para todo desde fóra deles mesmos. Hai demasiada inxerencia dos adultos na vida dos nenos, que precisan máis que nunca xogar coa xente da súa idade, sen estar sempre na omnipresencia do adulto que me vai solucionar todo. Os nenos se os deixamos vivir a súa infancia teñen recursos dabondo para solucionar os seus problemiñas e senón aprenden dos outros e entre eles organizan os seus xogos e a súas cousas. O adulto, claro está, debe estar atento ás necesidades do neno e intervir cando a gravidade ou natureza do asunto así o pida. Os pais e mestres deben escoitar aos nenos e deixar que estes se expresen. Mais, tamén é preciso deixalos voar libremente para que aprendan axeitadamente.

O artigo da profesora Mª Antonia Casanova, que insertamos como imaxe e que se publicou na revista Escuela, do 24 de setembro de 2015, núm. 4.069, é moi esclarecedor e digno de que lle boten unha ollada, eu estou perfectamente conforme con todo o que di. E os dous xa somos uns docentes con certo recorrido.



E pensemos que non se chega máis lonxe por ir máis de presa. Podemos repasar cos nosos nenos as fábulas da Tartaruga e da lebre ou a dos Dous caracois. Eu cóntollas aos meus alumnos/as e son quen de sacar as súas conclusións, mesmo do refrán: Máis vale maña que forza. Tamén nos podería servir: "No por mucho madrugar, amanece más temprano". Así que "sen presa, pero sen pausa". E todo se andará, aprendamos a gozar detidamente dun poema, dunha música suave, dun solpor sentados tranquilamente na praia, da conversa de vagar, tranquila e sosegada cun amigo ao pe dunha árbore. Pasemos pola vida, non que a vida pase por nosoutros e tranquilos que hai curvas.