domingo, 23 de agosto de 2020

A BOBI, NOSO CANCIÑO

 

Lembro o teu gruñido primeiro cando eras un cachorro recén chegado ao fogar, teu fogar de toda túa vida


Tivemos un bo canciño

moi gracioso e algareiro,

dounos todo o seu cariño

amoroso compañeiro.

 

Agora foi durmir fóra,

ladra baril ás estrelas,

move con frenesí a cola,

alí comerá máis costelas

 

e ósos moi gorentosos.

Rube por todas as nubes

cos seus ollos tan xeitosos

ollará por onde subes

 

a levarlle á súa amiga

a nosa gatiña bonita

para bicar súa barriga,

que amizade tan infinita!

 

Adeus ao noso canciño,

lembrarémoste con amor

sempre guiado e mansiño,

o pequeno labrador!


Todo un carácter, moi vivo!



domingo, 26 de julio de 2020

TOMA DE POSESIÓN DA DIOCESE DE ASTORGA

Mons. D. Jesús Fernández González tomou posesión como pastor da diocese de Astorga o sábado 18 de xullo de 2020, miña dona e máis eu fomos partícipes como asistentes a tan feliz acontecemento para D. Xesús, para nós o bispo amigo.

Todo comezou cun acto de entrada, por medio dunha procesión desde o Seminario á Catedral de Astorga, D. Xesús ía acompañado de numeroso público, así como dunha banda de música e un grupo folclórico, e de diversas autoridades e dignidades, e arroupado polo Nuncio da Súa Santidade en España e do Arcebispo de Santiago de Compostela.

Xa na Catedral de Santa María e despois de dar a coñecer e ler as Letras Apostólicas, das palabras do Nuncio, de cederlle a sede e de entregarlle o báculo, D. Xesús pasou a presidir unha Eucaristía solemne coa que oficialmente se procedía a súa toma de posesión da diocese asturicense. A presencia na catedral dun bo número de bispos, de representanción do Cabildo, do clero e de leigos da diocese de Astorga, así como de dioceses veciñas, sobre todo tamén estivemos unha boa representación da Arquidiocese de Santiago de Compostela encabezados polo noso Arcebispo Mons. D. Julián Barrio, destacar tamén a presencia do Cardeal Arcebispo de Madrid e Vicepresidente da Conferencia Episcopal Española Mons. Osoro e do Cardeal Arcebispo de Valladolid e ex Presidente da Conferencia Episcopal Española Mons. Blázquez.

A Eucaristía foi unha vivencia inesquecible pola súa significación, a entrada do seu bispo nº 138, nunha diocese, a de Astorga, de máis de 1.700 anos de existencia, conxugaba solemnidade, emotividade e historia. E para nós acompañar a unha persoa moi especial, que entrou nas nosas vidas coa súa ledicia, humanidade, humildade..., un amigo para sempre que nos fai lembrar a Xesús de Nazaret e á súa mensaxe.

D. Jesús, presidindo a Eucaristía
(Imaxe: Xermán Manuel Torres)

D. Xesús incensando o altar
(Imaxe: Xermán Manuel Torres)

Rematada a Misa, D. Xesús saúda e bendí á xente
(Imaxe: Xermán Manuel Torres)

Na comida, D. Xesús lucindo o pectoral agasallo de Compostela
(Imaxe cedida pola Arquidiócese de Santiago de Compostela)

O pazo episcopal de Astorga, obra de Gaudí
(Imaxe de Germán Jesús Torres Sánchez) 

lunes, 6 de julio de 2020

A BONDADE E O TRABALLO, CARACTERÍSTICAS DO NOVO BISPO DE ASTORGA

D. JESÚS FERNÁNDEZ GONZÁLEZ, NOVO BISPO DE ASTORGA

Por que non dicilo, sinto tristura pola marcha do noso Bispo Auxiliar, fixo "tanto en tampouco tempo", amou e traballou tanto pola nosa Arquidiocese de Compostela, deixa aquí tantos amigos, tanta xente que respodía ao seu afecto e ao seu benfacer. Pero, o bo é que el avanza no seu camiñar, na súa misión como sucesor dos Apóstolos.

Eu ben sei da súa amabilidade, do trato exquisito coa xente, da súa capacidade de traballo, da ilusión que poñía en todo o que facía, da súa alegría, foron tantas vivencias xuntos: o traballo na fase final do Sínodo, a posta en marcha da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral, foi fundamentalmente, nesas tarefas, nas que traballamos e colaboramos xuntos nun ambiente de amizade, de cariño, de eficacia, de respecto mutuo... moitas bágoas deitei despois da rolda de prensa do día 8 de xuño de 2020, cando se fixo pública a noticia da súa elección para a Sé da diocese irmá de Astorga, que boa nova para Astorga, que mala nova para Compostela, un sentimento agridoce; tristeza pola súa marcha, ledicia polo seu avance e logo xa Deus proveerá.

Tampouco esqueceremos na parroquia Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa a súa visita pastoral á nosa parroquia o 8 de marzo de 2020, un feito inesquecible, unha xornada histórica que permanecerá por sempre na nosa lembranza.

D. Xesús, que Deus o bendiga e acompañe na misión que vai comezar, sempre nos quedan os camiños que levan a Compostela e sempre nos volveremos a atopar.

Con afectuosa lembranza, unha aperta agarimosa, porque a palabra que mellor o define na nosa lingua é esa: agarimo. 


viernes, 5 de junio de 2020

Antón Fraguas Fraguas e Xosé Filgueira Valverde



Antón Fraguas (1905-1999) and Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), were two Galician scholars that shared a lifelong friendsship with the same goal. They both dedicated their life and work to uplift Galician education, culture, and science during the 20th century. In this article, we honoured their achievements  aiming to keep their memory alive.

Prezadas amigas e amigos teño o pracer de compartir convosco o novo libro que veño de publicar, no seu día, será unha satisfacción presentar este libro na presencia e compaña queridas de todos vós.

SAÚDE E LETRAS!!!

Tamén o podedes atopar on-line clicando aquí:

 

viernes, 1 de mayo de 2020

FESTAS DOS MAIOS - 01-05-2020








ÁNIMO VILAGARCÍA!

Ánimo Vilagarcía!
que imos gañar,
a este conavirus
imos derrotar.

Este conavirus
é malo, claro está;
mais, todos xuntos
imos botalo xa!

Parabéns sanitarios,
ánimos de verdá
con este microbio
ides rematar xa!

Vivan voluntarios,
policías e traballadores
sodes de verdade
grandes loitadores!

Os nosos exércitos
son estupendos
a este enemigo
vanno esmagar.

As nenas e os nenos
son un exemplo
o coronavirus
non vai triunfar.

Para nosos velliños
todo o noso amor
que a este mal bicho
non lle teñan temor.

Pois, coa axuda
de nós todos
ímolo alonxar,
ímolo esnaquizar.

Eu xa me despido,
ánimos quero dar,
outro, outro maio
sen dúbida ha chegar!

Viva Vilagarcía,
terra ben fermosa
sairemos desta
de forma airosa.

Esta belida Arousa,
sempre tan loitadora
a esta pandemia
poñerémoslle fin agora.

Ata o próximo ano
queridos conveciños,
agora o que queremos
é que a rosca chegue.



SAÚDE E POESÍA!
Xermán Manuel Torres
Mesa das Verbas



sábado, 25 de abril de 2020

Tito Castro López - Evcalo durmeu fóra

Eduardo Víctor Castro en actividades culturais do Liceo Casino de Marín



Foise o noso amigo Eduardo Víctor Castro López, un dos compoñentes da Mesa das Verbas, un poeta de raza, de xenio, cunha voz baril e comprometida. Como dí o noso amigo Alonso Montero en expresión por el acuñada: foi durmir fóra. Que a terra lle sexa leve e que alá no Ceo, no Olimpo siga a ceibar seus comprometidos versos ao  ar. O noso cariño e agarimo para toda a súa familia, esposa, fillos e netos, son momentos difíciles e tristes; pero el quérenos fortes e loitadores. Ánimos!

Agora os versos de Tito, dun poema que lembra a visita da Mesa das Verbas a illa de Cortegada, e que me enviou por medio do amigo común Carlos Álvarez Puga, Tito di así:

II
VISITAMOS CORTEGADA

Foi un nove de agosto

-volo quero recordar-

visitamos Cortegada

serea do Ulla e do mar.



Aproando cara ao norte,

puxémonos a navegar!

a Praia de Compostela 
 
saudounos ao pasar.



Gardiáns da Ría de Arousa

con celo a nos vixilar:

Barbanza Xiabre e Lobeira,

as gaivotas dende o ar.



A popa e a estribor as poetisas

de doce cantaruxar,

a proa e a babor os poetas

de mariñeiro rimar.



Pilotaba a lancha motora

con pericia e saber estar,

o Patrón Maior de Carril,

digno de agasallar.



Un abrir e pechar de ollos

tardou o barco en chegar,

no pantalán atracamos,

xa deixara de orballar!



Vestidas de hedra e carriza,

non ben a illa pisar,

a capela hospital e casiñas

da aldea do lugar.



Alí dedicámoslle versos

á Corticata insular

os membros da “Mesa das Verbas”

de requintado piar.



Non asistiu a este acto

como invitado estelar,

o conspicuo Alonso Montero,

persoeiro singular.



Rematado o recital

presto botamos a andar:

a foresta paradisíaca,

edénica a beiramar.



Amais de piñeiros carballos

e salgueiros proliferar,

un gran bosque de loureiros

que en Europa non hai par.



E se de fungos falamos,

especies danse a fartar,

segundo os da “Cantarela”

pasan do medio millar.



Porcos bravos e torcazas,
 
que maneira de abundar!

dos primeiros que o digan

as xentes de mariscar.



E se vestixios citamos,

merecente salientar
 
que ánforas se atoparon

na contorna do lugar.



Do presunto peirao romano

moi doado imaxinar

os seus vetustos alicerces

nas secas da beiramar.



Asimesmo fermoso pazo

poderiamos contemplar,

se Alfonso XIII aceptase

Cortegada como soar.



Máis cousiñas habería,

máis cousiñas que contar,

pero déixoas no caletre

que vos podedes cansar.



Case disipada a néboa

tornamos ao Club de Mar,

onde brinde alí fixemos

tras exquisito xantar.



Foi un nove de agosto

-volo quero recordar-

visitamos Cortegada

serea do Ulla e do mar”


  
 Tito de mozo como xogador do Arousa


Eduardo Víctor Castro López (+ 25/04/2020). In memorian.



lunes, 16 de marzo de 2020

SAIREMOS DESTA!!!

Coa colaboración responsable de todos e coa axuda de Deus e de todos os santos, sairemos desta, aínda que nos coste sangue, suor e bágoas, como dicía noutros momentos moi difíciles o meu admirado W. Churchill. A beira da súa estatua en París, retrateime hai uns poucos anos.

Imaxe de Carmen Sánchez

Coraxe! E ánimo a todas e a todos. Un bo xeito de ir superando esto é que nos comuniquemos uns cos outros, medios temos de sobra.