domingo, 28 de noviembre de 2010

II CONGRESO SOBRE O ÉXITO EDUCATIVO - SEVILLA / 2010






En Sevilla os días 15, 16 e 17 de novembro de 2010 celebrouse a segunda edición do CONGRESO SOBRE O ÉXITO EDUCATIVO E A AUTONOMÍA DOS CENTROS, que congregou a preto de case setecentos representantes do eido educativo de toda España (docentes, inspección e delegados das distintas administracións educativas).

A idea en si é positiva, para debater, estudar e coñecer distintas realidades co fin de lograr a mellor educación posible para os nosos nenos e nenas e para toda a mocedade. O mellor do congreso foron (segundo a nosa persoal opinión) os distintos obradoiros e as visitas a algúns centros educativos modelo de Andalucía.

Esta xuntanza educativa foi inaugurada polo Ministro de Educación, Ángel Gabilondo. Imos facer o noso resumo da súa intervención, por medio de pequenos "flashes" e apontamentos do seu discurso:

- O mundo da educación e o mundo da escoita.

- Debemos apostar por camiños que debemos compartir.

- O profesor, o mestre é fundamental para conseguir o éxito aínda nos peores contextos.

- É importante aprender; pero, hai que reivindicar o ensinar.

- A programación, a planificación, o centro, a autonomía dos centros, o compromiso son cuestións moi importantes; mais, sempre necesitamos dos demais.

- O éxito é o dun proxecto, dunha estratexia plantexada pola comunidade educativa. É moi necesaria a implicación dos pais para conseguir a verdadeira educación.

- A lexislación educativa, as autoridades son necesarias, pero o éxito debe ter moi en conta ao profesorado. E concienciarse de que a familia é comunidade educativa.

- Non tan só se educa en horario escolar; a vida é o educativo.

- A educación é fonte de benestar e de xustiza.

- A educación é a mellor política social e económica.

- A equidade é necesaria para buscar a excelencia.

- O pacto educativo é o camiño, neste momento importante e difícil.

- Hai que buscar un crecemento sostible.

- No momento presente, hai que incentivar, entre outras moitas cousas, a educación infantil, a formación profesional, as ensinanzas de idiomas.

- A autonomía de centros implica respectar e promover a pluralidade e a diversidade. Tendo en conta as necesidades do entorno.

- A educación é un ben público.

- Temos que mellorar, pero todo non está mal.

- Na actualidade debemos loitar contra o abandono e o fracaso escolar. E traballar para conseguir a plena escolarización no tramo de 0-3 anos da Educación Infantil, así como incentivar e apostar pola Formación Profesional.

- Se non esperamos nada dos educadores e da nosa educación, camiñamos cara o catastrofismo e cumplirase a profecía de fracaso.

viernes, 19 de noviembre de 2010

IX MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE (II)



O pasado 28/10/2010 ás 20:00 h., no Salón de Actos do VI Edificio do Museo de Pontevedra e dentro das actividades do Memorial Filgueira, correspondente ao 2010, dictou unha conferencia o Dr. Ramón MARIÑO PAZ, profesor da USC, que levaba por título:

A LINGUA GALEGA NAS VÉSPERAS DO SOLPOR MEDIEVAL.

Comeza o acto cunhas palabras do Director do Museo, Dr. VALLE PÉREZ, que comenta que as verbas que se descubriron na restauración do retablo de Santa María de Belvís estaban en galego, en galego medieval. E continúa explicando que o Dr. Mariño é un dos mellores especialistas no galego medieval. É un filológo da lingua galega con autoridade máis que probada en textos baixo-medievais na nosa lingua.

O profesor MARIÑO PAZ principia a súa intervención indicando as etapas nas que podemos subdividir a Historia da lingua galega, que son as seguintes:

1.- Emerxencia (séculos IX-XV). No século XV a lingua galega comeza a súa perda de prestixio, no que podemos denominar o solpor medieval. Fálase da "rudeza do galego" en relación coa lingua imperante na corte.

2.- Dialectalización (ss. XVI-XVIII). "Simple dialecto ou variedade vulgar do castelán". Sitúase o idioma galego nun status inferior, meramente coloquial

3.- Reemerxencia (ss. XIX-XXI). Urbanización de Galicia, mellor escolarización, autonomía.

O retablo de Santa María de Belvís data de finais do século XIV, os textos galegos nel aparecidos reflectían un acto normal para un artista. Posteriormente, ditos textos ocúltanse por considerarse que pertencían a unha lingua vulgar que desmerecían a obra de arte.

No Concilio de Tours datado en 813, recomendábase que as homilías deberan ser pronunciadas na lingua rústica románica, xa que o latín xa non era a lingua única e derivara noutras que xa non se identificaban coa lingua imperial romana: "in rusticam Romanan linguam, aut in Theostiscam, quo facilius cuncti possint intelligere quae dicuntur".

A conciencia de que a lingua que falaba o pobo (as linguas romances) xa non eran latín, aínda que procederan do latín. (LIBER FIDEI - Braga, 1136).

Nunha segunda fase, coménzase a distinguir as distintas linguas romances (galego, castelán, francés, occitano). Para logo pasar á percepción do romance como unidade.

Clemente Sánchez, na súa obra: SERMONES CONTRA JUDÍOS Y MOROS (1435), no sentido da percepción do romance como unidade, recoñece estas linguas: "hebraico, arábigo, latín, romance".

Na GRAMÁTICA DE LA LENGUA VULGAR DE ESPAÑA (1559, I), recoñécense o "vazquense", catalán e aparece como lengua vulgar de España a "lengua portuguesa".

Rafael Bluteau no seu VOCABULARIO PORTUGUEZ E LATINO (1712-1728), repróchase por ter feito tanto esforzo no seu diccionario en algo que non é máis que a "corrupçam do castellano".

Jofre de Foixá, en REGLES DE TROBAR (1291)menciona xa o galego como lingua independiente para trobar poesía.

No traslado dos restos de D. Alonso de Acevedo y Zúñiga Monterrei (1572) podemos atopar o recoñecemento do galego como diferente do portugués. A lingua oral na Galicia baixomedieval é a lingua galega.

Na época medieval a maioría dos galegos tiñan competencia pasiva (entender) en dúas linguas galego/castelán e competencia activa en galego. Bilingüismo pasivo / monolingüismo activo.

D. Juan Manuel na súa publicación, LIBRO DE LOS ESTADOS (1330), recolle que o Arcebispo de Santiago, Rodrigo de Padrón falaba galego na súa entrevista co infante don Xoán, quen falaba castelán; mais, ámbolos dous comunicábanse amigablemente.

A día de hoxe, o primeiro texto en galego coñecido é unha acta notarial do 25/08/1231 do Mosteiro de Melón (Ourense).

A partires da segunda metade do século XV comeza o declive do galego que se consolida nas primeiras décadas do século XVI.

Na documentación de Santa María de Belvís de 1291 a 1401, dun total de 69 documentos, hai:

- 4 en latín

- 5 en castelán (trátase de privilexios reais)

- 58 en galego

Usos literarios:

- Poético: cantigas (finais século XII)

- Prosa: Historia Compostelana / Liber Santi Jacobi en latín. O mecenas era Xelmírez. O cultivo literario en galego precisa do mecenazgo.

Micer Gonzalo de Santa María na súa publicación: LAS VIDAS DE LOS SANTOS RELIGIOSOS (ca. 1486-1491) inclúe o galego entre as "lenguas groseras y ásperas" e outras distintas á lingua castelá. A lingua da corte é o castelán e disminúe pois o mecenazgo da lingua galega.

A utilización do galego no retablo de Santa María de Belvís nos textos explicativos que nel aparecen non debe extrañarnos xa que nunha obra feita no século XIV era algo normal. Eran uns dos usos lingüísticos na epigrafía medieval galega, para completar e complementar a obra artística. A inscrición máis antiga en idioma galego é a conservada nunha tumba de Santa María de Noia, pertencente ao século XIII.

O uso do romance galego na epigrafía é un pouco más tardía que nos escritos en pergamiño. O retablo protagonista deste memorial é de finais do s. XIV.

Outra inscrición en galego topámola no sepulcro de Fernán Pérez de Andrade, o Bo, que data do 1397 e situada na vila de Betanzos.

No primeiro cuarto do século XVI vai desaparecendo o galego da epigrafía e dos textos en papel. Se ben se atopa en 1522, unha inscrición tardía en Portomarín.

No estudo do Retablo de Belvís, no rexistro 1 atopamos a verba. VENCENON

- Esta forma verbal non aparece nin no portugués medieval nin no moderno.

- Pero, si está documentada no galego medieval e no galego moderno.

- Variante coloquial que chega a acceder a o texto epigráfico aínda que non en papel.

- Na elaboración do retablo participaban varias persoas. Esta variante verbal confirma ao autor como galego.

No rexistro 2 aparece o uso de -LES en vez de -LE, usual no galego do Sur da provincia da Coruña no século XIV: TRAGANLES é outra verba que proba a galeguidade das inscricións xa que en portugués en escritos desas datas aparecía a partícula:
- LHES.

O uso do galego neste retablo de finais do s. XIV era esperable nesa época, era o habitual. Estaría próximo o solpor da lingua galega.

O nacemento das linguas romances vén do latín coloquial, vulgar. Pasando por un protorromance ata chegar a un romance sentido como unidade e moi ben diferenciado do latín orixinal. Os factores diferenciadores xurden polo sustratos lingüísticos (contactos entre persoas que falan linguas distintas), tamén por causas sociolingüísticas e políticas.

O núcleo orixinario do galego-portugués é o que podemos denominar GALLAECIA MAGNA, que comprendía Galicia, a zona astur-leonesa e Portugal ata o Douro.
O latín galaico tivo a súa expansión cara o Sur portugués.

As Xustas Literarias medievais supuxeron a consolidación da lingua galega. O factor decisivo foi a lírica medieval para consolidar a diferenciación do galego e a súa percepción como unha das linguas poéticas. Importancia dos reixes de Castela, Alfonso IX, Fernando III e Alfonso X; máis o rei de Portugal, Don Dinís.

Galicia expándese cara o Sur. Toponimia común, léxico agrícola son os indicadores da vella unidade lingüística no noroeste peninsular, que nos fai lembrar a vella GALLAECIA romana.

miércoles, 10 de noviembre de 2010

IX MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE




Este ano o Memorial tivo o título xenérico seguinte: O RETABLO DE BELVÍS E A ARTE E A CULTURA DO SEU TEMPO EN GALICIA.
O día 27/10/2010, ás 20:00 h. asistimos á conferencia da Dra. Rocío SÁNCHEZ AMEIJEIRAS, profesora da USC, que pronunciou, no Salón de Actos do VI Edificio do Museo de Pontevedra, a súa disertación sobre:

"ROSA DAS ROSAS, FLOR DAS FLORES": DEVOCIÓNS E IMAXES MARIANAS NA GALICIA DE CONTRA 1400.

En primeiro lugar, pronuncia unhas verbas introductorias e de agradecemento o Dr. VALLE PÉREZ, Director do Museo, quen manifesta a súa satisfacción e gratitude cara a Dra. SÁNCHEZ AMEIJERIRAS por ter aceptado participar neste novo Memorial. Fai extensivo o agradecemento ao público asistente.

A continuación, coa súa gratitude ao público pola súa presencia e ao Museo, á Cátedra Filgueira e á Fundación homónima pola súa invitación para participar neste acto, a Dra. SÁNCHEZ da comezo a súa ponencia. Indica que no seu traballo de tema mariano, figurarán moitas imaxes da Virxe María.

Nós imos facer unha síntese da interesantísima intervención da profesora SÁNCHEZ, que foi ilustrada cunha presentación de diapositivas.

- Arredor do 1400 proliferan nunha porcentaxe moi elevada as imaxes da Virxe María. Naquel tempo semellaría que os galegos tiñamos unha deusa-nai, única entre as mulleres por ser virxe, nai, lactante; algo antinatural.

- Alusión a FILGUEIRA VALVERDE como estudoso das Cantigas de Santa María.

- As imaxes deben representar e motivar sentimentos de emoción que incentiven a piedade.

- Nova espiritualidade que achegaba ao devoto ás imaxes dun novo xeito.

- A imaxe máis antiga de Belvís era a Nosa Señora dos Anxos. Que tiña certa similitude ou parecido coa imaxe da Virxe de Villa Sirga.

- Semella que hai un prototipo de imaxes, onde o Neno aparece apoiado na perna esquerda de Nosa Señora e figuran os anxos incensando á Virxe. Aparece unha repetición de modelos, de tipos.

- A orixe dos prototipos é bizantino, baseados na sacrosanta imaxe da Virxe, que a tradición di, recollida da pintura que tiña feito da Virxe o evanxelista San Lucas.

- Falamos da Panaglia ou Diguitría. As copias tiñan que ter as características dos prototipos.

- O retablo de Belvís era un retablo pentagonal de orixe italiano, cun formato rectangular nos iconos.

- En San Andrés de Vea atopamos a imaxe de Santa María de Vea, que sigue os prototipos bizantinos. Aparece o Neno xogando co mantelo da Virxe, hai unha actitude tenra entre a Nai e o Neno. O que provoca unha devoción emocional.

- Menciona o concepto de Licofilusa.

- Os Nenos das Virxes do doce bico xogan co manto da Virxe.

- Na imaxe da Virxe Branca de Toledo, o Neno aloumiña o mentón da Virxe. (Este feito no século XIII era unha cuestión erótica).

- Na imaxe de Santa María de la Iniesta (Zamora) do século XIV a Virxe non responde aos desexos do Neno, que intenta xogar co velo da Virxe.

- Moitas destas imaxes marianas son como metáforas de amor que figuran no Cantar dos Cantares, un dos libros bíblicos do Antigo Testamento. "Os teus peitos saben a mazá", metáfora do amor de Cristo á Igrexa. As imaxes escondían unha lección teolóxica.

- Virxes do Leite. A Virxe dalle o peito ao Neno: Virgo lactans, como a da autoría de Ambrosio Lorenzetti. Atópanse imaxes marianas con variados alimentos. Vemos eiquí a orixe bizantina, a procedencia da lírica medieval e das metáforas do Cantar dos Cantares: "teus peitos son como racimos".

- A Virxe de Belén da Catedral de Ourense ofrécelle unha mazá ao Neno. E a chamada Virxe da Pera da Catedral de Tui, ofrécelle esa froita ao divino infante.

- En Santa María da Sede de Mondoñedo, o Neno come a mazá e dalle o Orbe á Virxe.

- Estas metáforas conxuntivas nas que o Neno comía, como os fieis que participaban na Eucaristía.

- Hai outra serie de imaxes nas que a Virxe figura cunha flor na man, como a Virxe do Portal en Belvís - Santiago de Compostela.

- A Virxe da Barca de Muxía (1400) levaría unha rosa nas mans, unha rosa con espiñas e o Neno levaba un xílgaro. É unha metáfora da Paixón (anticipo da paixón de Xesús). A Virxe está triste. A figura do xílgaro aparece porque había unha tradición que indicaba que o xílgaro alimentábase das espiñas das rosas.

- Os lirios son unha metáfora da pureza da Virxe.

- Lembremos os versos medievais: "Rosa das rosas, flor das flores / dona das donas, señor das señores". Os miniaturistas de Alfonso X, que recollen e difunden moitas destas imaxes, son os mellores da Europa daqueles tempos.

- Falamos agora das chamadas Virxes Preñadas, como todas as imaxes da Virxe están colocadas en alto, en peanas. Preto aparece o Arcanxo San Gabriel, vestido de casulla ou alba ou capa pluvial porque a Virxe o agasallou coa vestimenta litúrxica. Falamos da Virxe de Santa María de Budiño, das Virxes Preñadas de León, de Zamora. Difúndense as Virxes Preñadas na zona de Zamora entre 1300 / 1315.
Frei Juan Gil de Zamora atopou cara o 1270 o corpo de San Idelfonso, quen tiña escrito e difundido o tema da virxinidade de Santa María moito antes de que tal cuestión fose declarada como un dogma de fe.
Hai que ter en conta as festas marianas da Anunciación, da Expectación de María, a Virxe da Esperanza, que se celebra o 18 de decembro.
Estamos en Pontevedra e non debemos esquencer que a padroeira da cidade é a Virxe da O.

- Para finalizar, contemplamos as chamadas Virxes Abrideiras Trinitarias (lembramos a letanía do rosario: Turris eburnea). Como a imaxe mariana de San Salvador de Toldaos. A Virxe leva a todo o mundo no seu ventre.
Aínda que os alemáns e os franceses pretenden que as Virxes Abrideiras son oriundas dos seus respectivos países, o certo é que as máis antigas son as da Península Ibérica.
Menciona a imaxe que se conserva en Santa Clara de Allariz.
As Virxes abríanse igual que os códices. Presentar a María como porta (porta do Ceo), é un tema marial alfonsí.

Como remate da conferencia sobre a iconografía mariana arredor do 1400 houbo unha quenda de preguntas e respostas.

sábado, 30 de octubre de 2010

VALLE-INCLÁN EN ROMA (1933-1936)


Na Casa do Pescador en Vilanova de Arousa, o pasado día 26 de outubro á tardiña presentouse a publicación: TODO VALLE-INCLÁN EN ROMA (1933-1936), composta de dous volumes, o Vol. I en formato libro convencional e o Vol. II, un CD con 70 documentos en facsímil, moitos deles materiais inéditos. Neste traballo recóllese a investigación dun grupo de traballo coordinado pola profesora da USC, Dra. Santos Zas, que recibíu o premio de investigación VALLE-INCLÁN, auspiciado pola Deputación Provincial de Pontevedra.
Este traballo de investigación sobre a figura do insigne e valioso escritor vilanovés, recolle a estadía de D. Ramón en Roma como Director da Academia de Belas Artes de España na cidade eterna, durante os tres últimos anos da súa vida.
Nel reflíctense toda unha serie de documentos orixinais, onde se recollen as demandas e inquedanzas de Valle-Inclán á Admón. española, solicitando as melloras que precisaba a Academia naqueles intres históricos e informaba do seu labor, aparecen incluso facturas pormenorizadas de certos gastos.
Ao final D. Ramón pide que o relevaran do posto e lle adxudicaran outro máis tranquilo e cómodo que lle permitise adicarse por completo ao seu traballo como escritor ou que lle concedesen unha pensión vitalicia con tal fin. Xa que o cargo en Roma xeráballe gran tensión polas deficiencias que el atopaba e que demandaba subsanar e non vía o día en que todo se solucionara.
Viría enfermo para España e morrería en Santiago de Compostela no ano 1936. Estando aquí doente foi visitado e mantivo algúns encontros con Filgueira Valverde e sen ver cumplidas as súas expectativas.
O traballo foi co-editado polos servizos de publicacións da Deputación Provincial de Pontevedra e da Universidade Compostelá, respectivamente. Dita colaboración editorial considerámola moi beneficiosa para a nosa cultura.
Os premios VALLE-INCLÁN na vindeira edición ampliarán os galardóns, concedendo un ás montaxes teatrais.
O acto de presentación destas publicacións enmárcanse dentro da XV Semán da Cultura de Vilanova de Arousa, pobo que é o berce deste xenial escritor, pai do "esperpento". Vilanova ten moita importancia por ser a orixe de famosos literatos, como lembramos hoxe, entre eles, o inmortal, don Ramón María del Valle-Inclán, autor de obras tan importantes da literatura española, como LAS SONATAS (primavera, estío, outono e inverno), LUCES DE BOHEMIA, TIRANO BANDERAS, entre outras moitas.
O vindeiro ano 2011 acollerá diversas conmemoracións con motivo de importantes efemérides sobre este autor e nas que Vilanova cobrará o seu protagonismo, celebrarase o CL Aniversario do nacemento do escritor e o LXXV aniversario do seu pasamento.
Estaremos atentos a todos estes acontecementos, nos que a fermosa vila arousá se constituirá como o marco ideal e obligado para ditas celebracións.

domingo, 24 de octubre de 2010

FRATERNO PORTUGAL




Os galeguistas como Filgueira entendían que Galicia debía estreitar os seus vínculos con Portugal e que este país debera de deixar de ser un gran descoñecido para unha grande parte dos galegos. Non debemos esquecer que o Reino de Galicia estaba formado polo que hoxe é o Norte de Portugal (chegando case ata Porto) e a nosa Galicia contemporánea, sen deixar de lado a actual comarca leonesa do Bierzo. Estas comunidades deberan establecer políticas activas de relación para potenciar a cultura e as linguas (galego e portugués) así como a economía, a política e sobre todo a educación e a investigación. De xeito, para tentar esto mesmo que vimos comentando, xurdeu, en certa medida, o chamado EIXO ATLÁNTICO. Pero, coidamos que este organismo creado dentro da Unión Europea non está moi desenvolvido e as súas funcións adolecen de certa febleza. Todos nós deberamos ser conscientes do positivo que sería unha verdadeira relación nesta eurorrexión, conformada polos concellos de Galicia e do Norte de Portugal.
Lembramos a semana de Galicia en Portugal, celebrada en 1935 en Porto. Nas diversas actividades daquel evento participaron eminentes galeguistas entre os que salientamos a Vicente Risco, Filgueira Valverde e Fernández del Riego.
Filgueira mantivo contactos frecuentes co gran sabio portugués, o Dr. Santos Junior, que eu tiven a sorte de coñecer na miña nenez en Caldas de Reis. Filgueira fixo frecuentes viaxes a Portugal, moitas delas foron viaxes culturais cos seus alumnos do Instituto de Pontevedra.

Nunha nosa reciente viaxe ao Norte de Portugal, poidemos comprobar, unha vez máis, a súa riqueza cultural (artística, gastronómica,...). Paramos a comer e logo percorrer a cidade de Caminha, descubrindo algunha das súas xoias arquitectónicas e a súa interesante historia.
Tanto Galicia como o Norte de Portugal teríamos que promocionar un turismo de calidade e dar a coñecer os nosos bens culturais e paisaxísticos, aínda que dun xeito humanizado e equilibrado, respectando o medio ambiente e todos os bens históricos-culturais.
Formar axeitadamente aos profesionais da hostelería e aos axentes turísticos para aprender a tratar correctamente aos visitantes. (En Caminha, o trato recibido en algúns dos seus restaurantes non foi o máis adecuado, o que é mágoa; pois, a vila atesoura verdadeiros encantos, como a igrexa que podemos apreciar nas imaxes e da que imos dar algúns datos).

A chamada "igreja matriz de Caminha", a igrexa de Nosa Señora da Asunción ou dos Anxos foi construida nun período de tempo que se extende de 1488 ata 1556; polo que nela, podemos atopar distintos estílos artísticos e arquitectónicos, diversos estilos perfectamente harmonizados: o gótico final, nas súas expresións mendicante e manuelina, o estilo renacentista e mesmo podemos atopar o "mudéjar". É unha xoia constructiva, moi fermosa. A padroeira é a "Nosa Senhora dos Anjos", cuxa imaxe podemos contemplar nunha das fotografías que ilustran esta entrada. O conxunto foi declarado como Monumento Nacional polo Decreto de 16-06-1910.

jueves, 30 de septiembre de 2010

O CULTO AO ARCANXO SAN MIGUEL NO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA


Son os barrios de A Torre e de Trabanca Badiña os que renden culto a San Miguel, organizando unhas sonadas festas en toda a bisbarra. Ambos barrios pertencen á parroquia de Santa Baia de Arealonga, que alberga no seu templo unha imaxe moi valiosa do arcanxo, nunha das súas capelas, construida por D. Pedro de Monteagudo (1688), nun retablo de moito mérito da autoría do escultor Mateo de Prado e dos seus discípulos (1668), no mesmo destaca a impoñente imaxe de San Miguel, que foi restaurada xunto coas outras imaxes que o acompañan aínda non vai moito tempo. A antigüidade e valía do conxunto indícanos que o culto ao arcanxo xa vén de moi lonxe na parroquia.
San Miguel representa a victoria do ben sobre o mal, nesa mesma loita nos debatemos os humanos ao longo das nosas vidas. O arcanxo representa a esperanza de que o ben á fin triunfará.
San Miguel é un santo moi querido na Torre, que dende hai moitísimo tempo, constituíndo unha tradición herdada dos antergos, organiza as festas na súa honra, normalmente, o 30 de setembro, e ó 1 e 2 de outubro, nestes tres días os actos relixiosos son a referencia dunhas xornadas de ledicia, en tempos de vendima e de elaboración dos viños, por eso o dito: Polo San Miguel mete as uvas no tonel.
Antigamente, a Misa de San Miguel de A Torre celebrábase no templo parroquial de Santa Baia e os veciños trasladábanse en procesión ata alí. Máis adiante pasouse a celebrar todo no ámbito do propio barrio. As festas de A Torre son moi recoñecidas, cunhas verbenas de gran calidade, aínda que sempre mirando para o ceo. Lembro, hai anos, a exitosa actuación de Ana Kiro, ultimamente ten actuado a popular orquestra Panorama, entre outras de fama na nosa terra.
O Santo une a veciños e forasteiros en días de celebración gozosa e festiva. Hai actividades para todos, o vecindario participa con moito entusiasmo, a ledicia, os xantares, os bailes; pero, sobre todo a misa, a procesión, as pregarias fan que A Torre amose fachendosa as súas mellores galas.
Voltemos a vista atrás, grazas ao antigo xornal vilagarcián Galicia Nueva, ANO XXIII, Núm. 7.351 que dicía o seguinte sobre as festas na data do sábado 28 de setembro de 1929 e na sección de noticias:
“Hoy y mañana, se celebran en los inmediatos lugares de Trabanca Badiña y La Torre, las fiestas de San Miguel, que, como en años anteriores, resultarán brillantísimas”. Fálase de dous días de festa. Non sabemos se a festa se celebraba conxuntamente nos dous “lugares” ou simultaneamente. Sería interesante facer un estudo en Galicia Nueva sobre as festas de San Miguel. Quizais sexa tarefa doutra oportunidade.
No mesmo xornal con data: martes 1 de outubro de 1929, ano XXIII, núm. 7.353 e na sección de noticias lemos:
“Resultaron muy animadas y concurridas, las fiestas tradicionales de San Miguel, en los lugares de Trabanca y Torre de este término municipal”.
Se naquel lonxano ano de crise foron as festas “animadas y concurridas”; neste, non pode ser menos!

Rematamos con algúns refráns que fan referencia a San Miguel e ao tempo de outono:

- San Miguel, os figos son mel.

- San Migueliño das uvas maduras, tarde vés e pouco duras.

- Polo San Miguel semente quen poider.

- Polo San Miguel sabe o touciño a mel.

- Polo San Miguel, xa o coello se ve ben.

- Se queres mel, por San Miguel.

- Polo San Miguel colle a vara e o caravel.

- Polo San Miguel colle o cesto e o caravel.

FESTAS DE 2010.

lunes, 27 de septiembre de 2010

CAMBA, ÚLTIMA EDICIÓN (III)


A última das conferencias da xornada correspondeulle ao profesor, Fidel López Criado, Profesor Titular de Literatura Española da Universidade de A Coruña, quen disertou sobre: AMÉRICA Y EL MUNDO AUTOMÁTICO DE CAMBA. Insiste na plena vixencia de Camba, fai unha indicación sobre a emisión-recepción da obra do vilanovés, onde se reflicten os distintos e ricos mundos de Camba. Foi en distintas ocasións enviado especial ao estranxeiro, esta experiencia recollea especialmente na RANA VIAJERA, segundo a súa expresión. El tivo unha grande capacidade de adaptación ao distintos ambientes e países. Escribe baseándose na observación, no que percibía polos seus sentidos. Son celebradas e míticas as súas crónicas e os seus artigos dende os seus distintos destinos, en distintas épocas: Londres, París, Berlín, New York. El soubo sumerxirse nas vivencias dos distintos pobos, nunha especie de corpo a corpo. Camba gran escudriñador de esencias. Centrouse "no nacional": caracteres, lingua, ambientes, contextos, nos que se reflicten "sombras y pliegues" da sociedade.
Fixábase no seu horizonte visual, o que ve, sinte, palpa. Estuda experimentalmente o carácter nacional. Interpreta, personaliza, opina; mais, non intetou enganar a ninguén. Escribe como vive, vive como escribe, dun xeito cheo de amenidade, retranca, humor. O literario e o pedagóxico danse a man en Camba.
Máis que coñecer a realidade hai que vivila, máis que crónicas Camba escribe cartas saídas das súas vivencias cara os seus amigos, os lectores. Os sentimentos, sensacións, vivencias son certas; aínda que o narrado sexa literario. Destacar a autenticidade das súas observacións, ben distinta á veracidade. Aínda que eu sentín ao chegares a New York o mesmo que Camba: "Todo es aquí grande", "New York me parecía la ciudad de las mil y una noches". E sobre a sociedade americana seguía a dicir: ¿En qué consiste la libertad americana? En "la igualdad de oportunidades". "Aquí un zapatero puede llegar a Presidente de la República". Contrapoñendo dita realidade ao que sucedía e aínda sucede no noso país e en Europa onde a sociedade e máis clasista e máis pechada. Asombráballe a laboriosidade daquela grande urbe: "New York, la ciudad que no duerme nunca, la ciudad de la velocidad, del estrépito". E seguía o profesor a nos indicar os asombros de Camba: "New York es la ciudad en la que se construye siempre. Los neoyorquinos han decidido crecer a lo alto". Subliñaba Camba que a creatividade e a imaxinación son as principais fontes do progreso. E a cidade americana era boa mostra delo.
Tamén quedaba abraiado pola mecanización e a automatización, exclamaba: "New York, una ciudad automática, mecanizada". Chamáballe moito a atención o restaurante automático, onde tan só dispuñan de media hora para comer. "El hombre no se relaciona con el hombre, sino con la máquina". Destacaba Camba a aportación mecánica da sociedade americana e observaba moi certeiramente: "New York es ante todo el momento presente". E para Camba non era cambiar de mundo, cando el chegou a New York, senón cambiar de época, eles, os neoyorkíns, vivían xa noutro tempo. E seguía a comentar: "El español es rico o pobre por herencia. New York es la ciudad del mestizaje".
Non obstante, o profesor López Criado, remataba a súa intervención con esta advertencia: "Todo o mellor e todo o peor puiden coñecelo en New York".

Rematamos, facendo referencia a esta bibliografía de Julio CAMBA:

- LA CIUDAD AUTOMÁTICA. Barcelona, Alhenamedia, 2008.

- UN AÑO EN EL OTRO MUNDO. Madrid, Rey Lear, 2009.


ÁS 17:00 H. DO DÍA 15/09/2010, NA CASA DO MAR DE VILANOVA DE AROUSA, TIVO LUGAR UNHA MESA REDONDA: CAMBA WAY OF LIFE, moderada por Ángela Garra e na que participaron:

- Xavier San Martín, EL CORREO GALLEGO

- Benito Leiro, CONCELLO DE CAMBADOS

- Eduardo Riestra, EDICIONES DEL VIENTO

- Siro López Lorenzo, LA VOZ DE GALICIA