sábado, 6 de octubre de 2012

COMENTARIOS Á MARXE DO ANTEPROXECTO DE LEI ORGÁNICA PARA A MELLORA DA CALIDADE EDUCATIVA-6-10-2012

“HOMES MÁQUINA CON CORAZÓN DE MÁQUINA” (CHAPLIN, Ch.: O GRANDE DICTADOR, 1940). Hai que ser cabezudos neste país para que cada forza política que accede ao poder pretenda impoñer a súa lei educativa. O anterior Ministro de Educación, Ángel Gabilondo, pretendeu un pacto pola educación, tan necesario por outra parte; pero, non tiña a suficiente forza no seu goberno nin a oposición política quería brindarlle a foto do posible pacto por razóns electoralistas e partidistas. E agora está aberta a maquinaria política para a enésima reforma educativa. Como a todas as precedentes vaille fallar o acompañamento orzamentario necesario, nace na precariedade, na penuria financieira e máis nestes tempos da chamada crise de especulación bancaria e bursátil, na dictadura dos mercados. As reformas educativas neste país nacen en momentos críticos e sen o apoio entusiasta dos Ministerios de Economía e Facenda; polo que son inútil letra morta, unha vez máis, outra oportunidade perdida, outro despropósito máis. Imos ir facendo comentarios que nos xurden ao ler o mencionado ANTEPROXECTO. I.- No mesmo observamos que se constrúe sobre unhas bases fundamentalmente economicistas esta reforma educativa e a entende dun xeito restrictivo, elitista; cando no ensino básico hai que traballar por unha educación para todos. Está ben a democratización do ensino, un ensino inclusivo que ofreza un currículo básico e común para a toda a poboación sen discriminacións e sen camiños con bifurcacións antes de tempo, hai que elixir cando se esgotou o itinerario curricular común e se brindaron todas as medidas de atención á diversidade, non promover eleccións discriminatorias a idades temperás e sen madurez suficiente para poder elixir. Unha educación de calidade para todos, non só para uns poucos privilexiados. Ademais da busca do éxito e da competitividade o ensino debe ser altruista e buscar a mellora persoal e social e o crecemento espiritual e cultural de todas as persoas, transmitindo valores de igualdade e solidariedade. Non queremos monstros con moitos coñecementos, cun espírito moi competitivo e materialista; pero, sen alma e con pouca humanidade. A educación debe conducir á felicidade de todos, a realización das persoas, non na escravitude en función de parámetros meramente económicos e de utilidade, dun desmedido pragmatismo; onde queda aquel concepto de educación para o ocio? Ou da sociedade do ocio? Onde o home tivera tempo e espacio para cultivar as artes, para a convivencia, para o tempo de lecer. Precísase humanizar a educación, tamén humanizar ao Ministro de Educación e aos responsables políticos, que non se convertan nos “homes de negro”. O traballo e o esforzo están ben, son imprescindibles; pero tamén o disfrute e o de dispoñer suficiente tempo de lecer. Educar para a ledicia, para a satisfacción e o desenvolvemento armónico persoal e social. Hoxe co pragmatismo e economicismo reinantes só se pensa no Inglés, Alemán e Chinés e nas Matemáticas e a Economía e a Tecnoloxía ao servicio destas; non importan nada: Linguas Clásicas, Filosofía, Historia e non digamos das Artes Plásticas, Dramática, Música... as que nos fan verdadeiramente homes, creativos e orixinais, únicos; esto non ineteresa, estamos inmersos no Mundo Feliz de Aldous Huxley e no maquinismo e deshumanización da que falaba Chaplin. En función de todo esto, as autoridades educativas de hoxe e aquí expoñen algo así (que hai que tratar de ler entre liñas e descifrar o que realmente queren dicir): “partiendo de la premisa de que la calidad educativa debe medirse en función del ‘output’ (resultados de los estudiantes) y no del ‘input’ (niveles de inversión, número de profesores, número de centros, etc). Pensamos que o input e o output estan ou deben estar interrelacionados, un condiciona ao outro: o que sae ten moito que ver co que entra; que queren descapitalizar o sistema educativo público? Ou buscan a excusa ou a desculpa para invertir moito menos? A educación non é un gasto, é unha inversión a longo prazo, unha inversión de futuro. Que razón ten esta frase atribuída a Otto Von Bismarck: O POLÍTICO PENSA NA PRÓXIMA ELECCIÓN; O ESTADISTA NA PRÓXIMA XENERACIÓN. O que pasa é que hoxe estamos cheos de políticos e faltos de estadistas. As institucións educativas non son empresas nin os educandos son frías pezas de metal, tornillos ou tuercas, simples pezas que encaixar. Na escola hai persoas cos seus problemas vitais, coas súas expresións de emocións, de sentimentos. Viva a escola como lugar de encontro, como lugar de festa do coñecemento humano, como lugar de expresión, como lugar de biodiversidade!

No hay comentarios: