Hoxe xoves, día 9 de outubro de 2014, o famoso escritor e académico galego, Xosé Neira Vilas, vén de recibir o prestixioso premio OTERO PEDRAYO nun acto solemne celebrado no Salón de Plenos da Deputación Provincial de Pontevedra, a partires das 20:00 h. Dito premio está auspiciado polas catro deputacións galegas e a Xunta de Galicia. Precisamente, o presidente galego presidiu o acto, no que interviron por orde de actuación, Xesús Alonso Montero, Presidente da Real Academia Galega; o premiado, Xosé Neira Vilas; o Presidente da Deputación, Rafael Louzán Abal e finalmente, o Presidente da Xunta de Galicia, Xosé Núñez Feixoo. No intermedio e ao final do acto interviu un dúo musical, voz e teclados, que versionaron poemas de Otero Pedrayo e de Xosé Díaz Castro.
Ampliaremos a feliz nova próximamente, despois desta reseña de urxencia.
O primeiro discurso foi pronunciado polo Presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, quen comezou indicando que existen moitas concomitancias entre Neira Vilas e mais el, incluso cronolóxicas xa que os dous naceron en novembro de 1928, Neira Vilas o 3 e Alonso Montero o 28 (axiña estarán os dous de cumpreanos). Os dous son homes de aldea, Neira, fillo de labregos; Xesús Alonso Montero síntese un neno campesiño.
Neira Vilas, na súa emigración en Bos Aires, achégase antes que Alonso Montero ao mundo dos intelectuais galegos, sobre de todo aos exiliados alí. Neira sabe antes que Alonso de Castelao, recibe unha formación galeguista por contacto.
Casa en 1957 con Anisia Miranda, escritora cubana de pais galegos. Ambos os dous fundan en Bos Aires a librería, editorial, distribuidora FOLLAS NOVAS, de tanta importancia para o libro galego.
Marchan para Cuba, onde desenvolven un gran labor cultural e educativo.
Logo, Xesús Alonso Montero fala do Neira Vilas escritor (narrador, poeta, ensaísta, divulgador...) Fala da súa variada e voluminosa obra; pero MEMORIAS DUN NENO LABREGO, é un fito fundamental da historia da literatura e da cultura galega; o libro máis editado e traducido da lingua galega. Ademais da súa monumental obra é un extraordinario activista da literatura e da cultura galega. Nos destacaríamos polo seu interese para os cativos galegos o libro infantil, tan fermoso, ESPANTALLO AMIGO.
A continuación fala o premiado, XOSÉ NEIRA VILAS, que fai un canto de loanza a D. Ramón Otero Pedrayo, patriarca das Letras Galegas, extraordinario intelectual, profesor, escritor e subliñou varias veces HOME DE BEN.
Sempre tivo en conta á emigración galega, cancro da nosa terra, na liña de Rosalía quen se laia da miserenta vida dos emigrados e das súas tristes consecuencias: despoboación da terra, o deixar orfos de pais vivos a tantos nenos e mozos. Otero Pedrayo comparte os laídos rosaliáns e rexeita ese éndemico mal da Nosa Terra. Otero Pedrayo foi homenaxeado pola diáspora galega en América, a onde viaxou varias veces.
Mantivo unha relación de amizade con Neira Vilas, a quen se dirixe en varias ocasións como irmán, na liña das Irmandades da Fala. Neira Vilas repite varias veces que o lembrado e querido do Ramón era un home de ben, un galego bo e xeneroso.
Seguidamente, os discursos dos representantes políticos, clausurando o acto o Presidente da Xunta de Galicia e poñendo o final musical o dúo de voz e teclados. Finalmente houbo un viño galego e ágape de confraternidade.