lunes, 3 de diciembre de 2018

A PLEASANT EXPERIENCE IN ARMENTEIRA: EDICIÓN ESPECIAL DA MESA DAS VERBAS - SAN ERO



IMAXE DE IÑAKI ABELLA
FARO DE VIGO - AROUSA

O primeiro sábado deste decembro (01/12/2018), xuntámonos sobre vintecinco amigos da Mesa das Verbas para celebrar unha edición especial que chamamos SAN ERO, facendo realidade unha idea do noso compañeiro e amigo Xosé Ramón Quintáns Suárez. A experiencia foi, recollendo o sentir dos participantes, extraordinaria e que deixou un bo sabor de espírito e de boca. Que eu me lembre, e como moi ben recollía na súa edición de Arousa o Faro de Vigo (02/12/2018), é a primeira vez, despois de case sete anos (que cumpriremos o 21 de xaneiro de 2019), que a Mesa das Verbas celebra unha edición fóra do Concello de Vilagarcía, a pesares de recibires invitacións para celebrar sesións noutros concellos. O programa foi o seguinte:

12:30 h. - Visita guiada ao Mosteiro de Santa María da Armenteira polo noso compañeiro e amigo Augusto Guedes (historiador), quen previamente nos enviou un fermoso e interesante traballo del sobre dito mosteiro nunha presentación en formato pdf.

13:30 h. - Recital poético no Claustro do Mosteiro.

14:30 h. - 16 amigos e compañeiros celebramos unha comida de confraternidade con brindes poéticos, poemas e cancións no bar A FONTE, onde fomos moi ben servidos e atendidos.

18:00 h. - Recital poético na Casa da Cultura da Armenteira, coa colaboración, que agradecemos, do Concello de Meis.

Despois de tan grata e gozosa xornada, xurdiron xa moitas novas iniciativas, ás que intentaremos dar forma. Sempre nos quedará a Armenteira.


O PROFESOR AUGUSTO GUEDES
EN PLENA EXPLICACIÓN

DETALLE DA IGREXA DE SANTA MARÍA DA ARMENTEIRA

BRUMBÉCK EN ACCIÓN
TIZADO NON DURME 
ESTÁ EXTAXIADO COMO O MONXE
A ESCOITAR A PASSARINHA



AÍNDA CANTA A PASSARINHA

Na ponla unha passarinha
aínda di o seu doce cantar,
segue o monxe a pasar;
súa sombra egrexia camiña,

percorre toda a campiña
deste Salnés, preto do mar.
Párome ledo a escoitar
os belos sons desta terriña.

O mosteiro da Armenteira
debido ao paxaro e ao monxiño
ten fama pola Terra enteira.

Non quero deixar o camiño
nin deixar de estar á beira
do lugar sacro do seu niño.

XERMÁN MANUEL TORRES

No hay comentarios: