miércoles, 30 de diciembre de 2020
lunes, 7 de diciembre de 2020
REMEMBERING FILGUEIRA VALVERDE - RELEMBRANZAS DE FILGUEIRA VALVERDE
Derradeira conferencia de Filgueira Valverde en Vilagarcía de Arousa
(17-NOV.-1994)
Agora,
en tempos de invernía e ao carón do lume agarimoso da lareira, facemos
lembranza dun grande “obreiro da causa galega” como foi Xosé Filgueira Valverde.
A
primeira vez que tiven contacto con Filgueira Valverde debeu ser no verán do
ano 1967, tiña eu 10 anos, cando eu frecuentaba a parroquia de Santa María de Caldas
de Reis, da que era párroco daquela D. Marcelino Torres Villar. Dicía inquedo don
Marcelino, vai vir o alcalde de Pontevedra... e chegou don Xosé coa súa cámara
fotográfica enfundada nunha cartucheira de cor marrón e lle reprochaba ao crego
o abandono e a mala colocación dunhas pedras, que estaban tiradas preto dun
valado no adro, medias cubertas de silvas, segundo Filgueira Valverde tiñan
moito valor e era indigno que estiveran así, reprochaba duramente ao crego
aquela situación e pedíalle un mellor trato para aqueles valiosos restos.
Andando
moito tempo e lendo un Adral (en concreto o primeiro, de 1979, páxs. 263-266)
de D. Xosé, dinme conta do que eran aquelas abandonadas pedras, nada máis e
nada menos que un baldaquino do século XV e que hoxe pódense contemplar nun dos
muros interiores da nave central da igrexa románica de Santa María de Caldas de
Reis.
A
segunda vez que tiven a sorte de establecer contacto co sabio pontevedrés foi
no ano 1978, nunha visita que realicei ao Museo de Pontevedra cuns nenos da
miña academia de Trabanca Badiña de Vilagarcía de Arousa. Nesta oportunidade
falabamos con el sobre o Pazo de Patiño dese barrio vilagarcián, amosabámoslle
unhas moedas que alí atoparamos e as fotos do escudo da dita casa señorial,
atendeunos con moita amabilidade e explicounos as cousas de interese para facer
un estudo dos restos do pazo, que hoxe lamentablemente xa non existe ao ser
derruído por unha especulación inmobiliaria o seu espazo está ocupado por unha
anódina urbanización de chalets.
Coincidimos no
ano 1980, o ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Afonso X, das
súas cantigas era Filgueira Valverde un grande especialista, á CIII dedicoulle
a súa renomeada tese de doutoramento en 1935. Con tal motivo, era eu daquela
presidente do Club Xuvenil Vilagarcián, inviteino o 9 de maio a dar unha
conferencia (a 875) no Salón de Actos (gran salón de actos) que a Caixa de Aforros
de Vigo tiña na rúa Dr. Tourón en Vilagarcía.
Nos anos 1993,
1994, 1995 e 1996 mantiven con el un trato frecuente epistolar, telefónico e
presencial. Fixo o prólogo para o meu libro Ó GALEGO POLO TEATRO (Cumio, 1996), o 17 de novembro de 1994, inviteino a
pronunciar unha conferencia, a número 1.544 (a derradeira en Vilagarcía) co
motivo dunha homenaxe que lle rendemos na parroquia de Santa Baia de Arealonga
a Aquilino Iglesia Alvariño.
Tamén é posible
que na década dos 60 do pasado século XX coincidira con el nalgún acontecemento
académico no colexio San Fermín dos Padres Somascos en Caldas de Reis; pero,
era eu moi neno e xa non teño recordos.
Gábome de ter
mantido unha relación de amizade co home que máis sabía de Galicia e á que
deixou para agasallo da súa cultura unha magna obra.
lunes, 19 de octubre de 2020
QUE BOA XORNADA TIVEMOS O SÁBADO 17!
Un grupo de amigos xuntámonos este pasado sábado para celebrar a CIV Mesa das Verbas e a VI Xornada Filgueira Valverde, sempre en Galicia, entre versos e verbas fomos gozando da poesía e da lembranza dun ser inigualable na cultura de Galicia, como é Xosé Filgueira Valverde.
miércoles, 14 de octubre de 2020
VI XORNADA, FILGUEIRA SEMPRE EN GALICIA-17-10-2020
Para manter vivo e acceso o lume da galeguidade. E lembrar a Xosé Filgueira Valverde, gran "obreiro da causa galega". A súa magna obra e a pegada da súa personalidade permanecerán por sempre connosco. A lembranza vai relacionada coa efeméride do seu nacemento: Pontevedra, 28 de outubro de 1906. Parabéns Filgueira, ti que nos contemplas no alén, despois de ben cumprida a túa misión na Nosa Terra!!!
domingo, 20 de septiembre de 2020
SUCEDEU NA ENCARNACIÓN
Meu compañeiro da infancia Eugenio Torres, o fillo do veterinario
O colexio da Encarnación de Caldas de Reis é un dos colexios máis queridos da vila termal. Alí cursei nos meus tempos de parvuliño, rexentaban o colexio daquela as "Hermanas de la Doctrina Cristiana".
De cando empecei, teño unha anécdota verídica e un pouco rocambolesca, era o ensino daquel tempo e por persoas que tiñan pouco de mestras, esta historia é posible que a contara máis dunha vez, perdoade, son cousas da vellez. Como ten o seu chiste vouna relembrar outra vez.
Xa levaba o curso empezado, alá a principios dos anos sesenta do pasado século XX, e un compañeiriño, Eugenio Torres, o fillo do veterinario, veu ao colexio uns días máis tarde, chegou chorando, sentárono na miña mesa, ao meu carón, e o pobre seguía a chorar sen parar, desconsoladamente. Eu para ver se se calmaba, tiven unha idea, cunha folla da miña libreta, que fun plegando ata facer unha especie de acordeón e dinllo como agasallo, non me lembro se parou de chorar ou non. Decatouse deste xesto unha profesora seglar, que era moi ruín por certo, colleu o acordeón, fíxome levantar e colocoume o acordeón na cabeza a xeito de laciño e non tivo outra feliz idea que levarme a recorrer o resto das clases desta maneira, para que se riran e burlaran de min.
Chegamos a unha clase onde estaba unha nena, que era veciña miña, a filla da señora Nilda e do señor Manuel que tiñan unha panadería na rúa dos Fornos. Cando me veu daquel modo, botouse a rir e a min tamén me deu a risa; dounos un ataque de risa e non parabamos. Nesta clase estaba a directora, unha monxa que rivalizaba en ruindade con aquela malvada mestra, era mala e fea, o terror do colexio, castigounos aos dous poñéndonos de xeonllos, como no parabamos de rir, non tivo outra ocorrencia que lanzarnos, ás reboladas, unha campaíña de bronce que tiña na súa mesa. Sorte que non tivo puntería algunha e non nos deu con ela, senón houbéranos mancado e podería ter sido unha desgraza.
Pero, nese cole, a Deus grazas, había algunhas monxas boas e excelentes mestras, lembro unha moi boíña coa que rompín a ler, colléralle moito cariño a un libro, Hemos visto al Señor, que andado o tempo recupereino, comprándoo de novo. Tamén recordo nesa aprendizaxe da lectoescritura e do cálculo outros libros como: Amiguitos, Rayas e os cadernos de escritura e cálculo, os famosos cadernos Rubio. E daquela os polvos de cacao, que eu tomaba no leite e que me gustaban moito, chamábanse: Tody.
E finalmente, non me esquecerei dunha monxiña que era tan pequeniña coma nós, que cando estabamos en parvuliños cantábanos e ensinábanos cancións moi bonitas con xestos e acenos que nos gustaban moito, era unha monxa moi alegre e simpática, a madre Aurelia... Que tempos aqueles!
domingo, 23 de agosto de 2020
A BOBI, NOSO CANCIÑO
Tivemos un bo canciño
moi gracioso e
algareiro,
dounos todo o seu
cariño
amoroso compañeiro.
Agora foi durmir fóra,
ladra baril ás
estrelas,
move con frenesí a
cola,
alí comerá máis costelas
e ósos moi gorentosos.
Rube por todas as nubes
cos seus ollos tan
xeitosos
ollará por onde subes
a levarlle á súa amiga
a nosa gatiña bonita
para bicar súa
barriga,
que amizade tan
infinita!
Adeus ao noso canciño,
lembrarémoste con amor
sempre guiado e
mansiño,
o pequeno labrador!
domingo, 26 de julio de 2020
TOMA DE POSESIÓN DA DIOCESE DE ASTORGA
lunes, 6 de julio de 2020
A BONDADE E O TRABALLO, CARACTERÍSTICAS DO NOVO BISPO DE ASTORGA
viernes, 5 de junio de 2020
Antón Fraguas Fraguas e Xosé Filgueira Valverde
viernes, 1 de mayo de 2020
FESTAS DOS MAIOS - 01-05-2020
sábado, 25 de abril de 2020
Tito Castro López - Evcalo durmeu fóra
Foise o noso amigo Eduardo Víctor Castro López, un dos compoñentes da Mesa das Verbas, un poeta de raza, de xenio, cunha voz baril e comprometida. Como dí o noso amigo Alonso Montero en expresión por el acuñada: foi durmir fóra. Que a terra lle sexa leve e que alá no Ceo, no Olimpo siga a ceibar seus comprometidos versos ao ar. O noso cariño e agarimo para toda a súa familia, esposa, fillos e netos, son momentos difíciles e tristes; pero el quérenos fortes e loitadores. Ánimos!