Mostrando entradas con la etiqueta Castelao. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Castelao. Mostrar todas las entradas

jueves, 5 de agosto de 2021

CASTELAO, MÁGOA NON TELO COÑECIDO




 É sabido que levo uns anos estudiando a figura de Xosé Filgueira Valverde na súa faceta de educador e de profesor. Achegándome a este personaxe podo comprobar a riqueza do seu entorno persoal, a enorme riqueza das súas relacións humanas.

Ademais da importancia da súa familia, quero subliñar a súa relación cos membros da Xeración Nós e co grupo dos fundadores e compoñentes do Seminario de Estudos Galegos, unha institución da que nunca faremos o necesario para loar a súa importancia capital na historia da cultura galega.

Mais, hoxe, quero centrarme na figura de Castelao, personaxe sobranceira da historia galega do século XX. El entregou con xenerosidade a súa vida ao servicio de Galicia, á que tanto amaba.

Filgueira Valverde tiña en moi alta estima e moitísimo aprecio pola persoa de Castelao. Todos os de Nós e todos os do Seminario de Estudos Galegos querían moito ao irmán Castelao. Filgueira dedícalle integro o IV tomo da súa colección de ensaios titulados Adral.

Tamén apreciaban e admiraban moito a Castelao dous íntimos amigos e mestres de Filgueira, como foron Francisco Xabier Sánchez Cantón e Antonio Iglesias Vilarelle. Sánchez Cantón e Filgueira Valverde costearon e mimaron a edición do álbum Nós da autoría do gran Castelao.

Filgueira fixo todo o posible e máis por xuntar no Museo de Pontevedra a maior parte da obra e do legado de Castelao. Museo moi querido polo rianxeiro e que axudou a configurar nos máis mínimos detalles.

Castelao tiña especial aprecio e debilidade por Pontevedra, onde pasou anos cruciais e moi produtivos da súa vida.

Desgraciadamente e por motivos políticos a partires do ano 1935 Castelao e Filgueira comezan a se distanciar e xa dun xeito definitivo a ruptura total confírmase a partires dos tristes sucesos de xullo de 1936, tal como nos indicou e manifestou nunha conversa mantida en 1998 Francisco Fernández del Riego.



Estas lembranzas viñeron ao meu maxín ao visitares hoxe, entre outras salas, as dedicadas a Castelao no Museo de Pontevedra. Sen dúbida, eu desexaría ter coñecido ao grande Castelao, que aparte de político, artista, escritor, creo que foi un home simpático, irónico, gran persoa; foi un dos “bos e xenerosos” da Nosa Terra.

Recomendo achegarse á persoa de Castelao, coñecer a súa vida, a súa obra e gran parte dela esta custodiada no magnífico Museo de Pontevedra, o museo filgueirián, que compre visitar unha e outra vez, un tesouro ao alcance de todos. 


Todas as imaxes son de Carmen Sánchez

domingo, 31 de enero de 2016

UNHA FERMOSA VERSIÓN DE OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE



O sábado 30 de xaneiro de 2016, ás 12:00 h. non tivemos mellor cousa que facer que aproveitar a estupenda oportunidade de presenciar no Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra a estrea oficial e exclusiva dunha versión mixta de marionetas e actores da famosa peza teatral do admirado Castelao.


Mira por donde, despois de moito tempo de acudir en 2015 a numerosos actos neste mesmo lugar, coincidín aquí, neste histórico día, co deputado provincial, delegado de Cultura, Xosé Leal, co Alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e coa concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. Nunca é tarde. Ademais dun numeroso público que encheu por completo o salón, entre as persoas que alí estabamos tamén puiden ver ao fillo de Filgueira Valverde, o Dr. Fernando Filgueira, a súa irmá Araceli e a algún neto e bisneto do egrexio pontevedrés, protagonista no ano 2015 de moitos actos neste espléndido marco cultural e que foi amigo e admirador do gran Castelao, asimesmo atopábase presenciando o espectáculo o discípulo e continuador de Filgueira, o actual director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez. Tamén foime moi grato atoparme con algún membro do grupo de marionetas de Redondela, Tanxarina, que noutrora me asesoraran na parte de monicreques na miña publicación: Ó galego polo teatro (1996), abríndome as portas do seu obradoiro e dos seus arquivos, fornecéndome de moitos e interesantes materiais. Pois ben, xa estabamos todos, aproximadamente un cuarto de hora despois do momento previsto, comezou a función.

Todos gozamos dun magnífico espectáculo cunha excelente posta en escena, moi lograda. Os monicreques con moita perfección, moi ben deseñados, cun axeitado vestuario, moi ben caracterizados e moi ben manexados. A luz, o son, os diversos efectos estiveron extraordinarios. Gustoume especialmente a voz de D. Ramón, o fidalgo borracho, un dos personaxes máis logrados. A representación foi moi fiel ao orixinal de Castelao. Quedou moi plástica, cunha boa interpretación das cancións, como por exemplo a de Lela e cunha banda sonora moi axeitada. A parte de actores no epílogo dos esqueletes no cimeterio estivo moi acertada e os fondos de escenario e a realización escénica tamén foi do máximo agrado. Unha versión moi satisfactoria, chea de beleza e de verosimilitude. O público aplaudiu ao final a rabiar, tendo que saír varias veces a saudar os protagonistas do espectáculo: actores e manipuladores. Parabéns, noraboa  a Fantoches Baj, Compañía Galega de Comedias e grazas por esta oportunidade de gozar de Castelao, 130 anos despois do seu nacemento e 100 anos de cumplírese a súa chegada a Pontevedra en 1916 e na que permanecería ata 1936, tendo que ausentarse obrigatoriamente e abandonar o Meu Pontevedra xa saben vostedes por que.

Para rematar, lembrar que hai xa moitos anos, mediados ou finais dos sesenta do pasado século, nunhas festas de agosto de Vilagarcía de Arousa, estando na comisión organizadora das mesmas e non sei se de presidente, o lembrado Nito Campos, puiden achegarme na miña vila por primeira vez a esta simpática,  didáctica e única peza teatral de Castelao: Os vellos non deben de namorarse, que foi estreada no teatro Mayo de Bos Aires en 1941 pola compañía de Maruxa Villanueva e coa intervención dela e de Tacholas como actores, dirixidos polo popular home do teatro galego, Daniel Varela Buxán. 

Oxalá leven esta versión mixta de monicreques e actores por todos os recunchos da nosa Galicia.



lunes, 23 de noviembre de 2015

XIV MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE







Este luns, 23 de novembro, ás 20:00 h. e no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra tivo lugar a inauguración do XIV Memorial Filgueira Valverde centrado na figura de Castelao, xa que o vindeiro ano conmemorarase o centenario da súa chegada á cidade de Pontevedra, coincidindo co centenario da fundación das Irmandades da Fala, coas que Castelao tamén colaborou.

Formouse unha mesa presidida polo Vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho Valencia, acompañado por Xosé Carlos Valle Pérez, Director do Museo de Pontevedra, e Xosé Fernando Filgueira Iglesias, Presidente da Fundación Filgueira Valverde. Foi o momento dos agradecementos mutuos e da presentación do Memorial, realizada polo Sr. Valle Pérez. Despois deste breve acto, o Vicerreitor cedeulle a palabra ao primeiro dos conferenciantes, Antonio Garrido Moreno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) quen disertou sobre:

A renovación das pensións para artistas da Deputación de Pontevedra

Previamente na presentación do conferenciante, por parte de Valle Pérez, este comentou que o profesor Garrido ademais de experto na Historia da Arte é un gran coñecedor do mercado da Arte. É a persoa máis axeitada para falarnos do labor da Deputación de Pontevedra na promoción dos artistas galegos. Coincidía Castelao naquela Pontevedra da eclosión cultural e presidía a Deputación, D. Daniel de la Sota, un dos máis ilustres e efectivo político, de todos os que pasaron ao longo da historia pola cidade do Lérez. Grazas á súa acción política reformuláronse as bases das pensións para os artistas, creouse o Museo de Pontevedra, instalouse a Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra, fundouse a Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra. Os vinte anos que pasa Castelao aquí (1916-1936) son os mellores anos da súa vida, que el lembraba con cariño e con nostalxia soñando con volver e que provocan a súa amorosa alocución sobre Pontevedra no seu exilio arxentino, Meu Pontevedra!

Reflectimos agora o contido das nosas notas da conferencia do profesor Garrido Moreno:

Aos pensionados, grazas ás bolsas concedidas aos artistas, especialmente por parte de Deputación de Pontevedra seguida a gran distancia pola da Coruña, facilitáronlle o contacto coas vangardas europeas e españolas e axudando a formar unha vangarda galega de gran nivel e moitas veces pioneira.

Que son as pensións de estudos para artistas?

Indicar que xurden gracias a creación  das Deputacións Provinciais pola Constitución Española de 1812. En 1836, xenéranse as Deputacións. E estas crean as bolsas, as axudas de formación e estudo para os artistas, constituíndo unha especie de importante e decisivo mecenazgo cultural.

No período 1925-1936 vanse desenvolver as vangardas históricas europeas e españolas.

Xa indicamos que a Deputación de Pontevedra vai sobresaír no tema das bolsas de axuda aos artistas por riba das demais Deputacións galegas, seguida a gran distancia pola Deputación Provincial da Coruña.

En 1915 Castelao xa é unha persoa de renome, é un intelectual, un universitario, tiña cursado a súa carreira de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Xuntábase a este compoñente de intelectualidade a súa calidade de galeguista. Recibe ben axiña a 3ª Medalla Nacional ao mérito artístico e pode ser considerado o pai dos continuadores da Arte Galega.

Carlos Maside, excelente gravador e debuxante en 1915 viaxa a Madrid para facer o servizo militar, pero el aproveita tamén para poñerse en contacto cos artistas máis importantes e significativos do momento, como por exemplo, Federico Ribas.

En 1909 publícase no xornal parisino, Le Figaro, un artigo a xeito de manifesto titulado: Le Futurisme.

O escritor e artista, Ramón Gómez de la Serna, publica na súa revista Prometeo a súa traducción do manifesto futurista e proclama o futurismo para España.

En 1916 Antón Vilar Ponte funda as Irmandades da Fala, institución fomentadora e sustentadora do galeguismo. Que convivía co chamado Regionalismo. Antonio Palacios en 1917 organiza a exposición regionalista de Arte Galega.

A vangarda ultraísta española foi un movemento artístico e tamén literario. Destacamos as seguintes revistas deste movemento:

- Cervantes, Madrid, agosto-1916 / decembro-1920.

- Grecia, Sevilla, outubro-1918 / marzo-1920.

Personaxes deste movemento: Cansino - Assens - Guillermo de Torre.

O movemento ultra, que vai máis alá, que busca o novo ten a súa propia revista, chamada tamén Ultra.

Destacamos a dous influintes artistas sudamericanos desta tendencia:

- Norah Borges (Bos Aires, 1901-1998). Recibíu a influencia dos gravadores suízos, que se comproba nos seus linóleos.

- Rafael Barradas (Montevideo, 1890-1929).

En outubro de 1920 e dirixida por Vicente Risco nace en Ourense a revista Nós, da que chegará a ser director artístico, Castelao. Nesta revista terán espazo e lugar as vangardas galegas.

Paralelamente, na Coruña atopamos a revista ultraísta, Alfar. Dita revista chegaría aos 30 números (A Coruña, setembro-1922 / xuño-1926. Sendo o seu máximo valedor, Julio J. Casal, cónsul de Uruguai e poeta.

Destacamos a Francisco Miguel, que promove dita revista na súa Librería de Arte, 1917, na Coruña.

Na mesma cidade atopamos ao grupo La Peña, que publica a revista, Vida, 1920, que editaría cinco números.

Sinalar pola súa importancia na arte de vangarda, a tertulia dos "alfareros" cerca da estación de Atocha de Madrid.

En 1920, Castelao obtén unha bolsa de estudos da Xunta para a Ampliación de Estudos (JAE), o que facilita o seu viaxe por Europa (Francia e Países Baixos), que daría lugar ao seu famoso e importante Diario de 1921.

Temas tópicos da arte vangardista galega: dólmens, faros, ventos e lóstregos, flor de toxo, gaiteiros.

Hai unha arte nova, a arte da decoración, Art Decó.  A arte pragmática, utilitaria, cotiá.

Citar a figura de Guillermo de Torre, quen promove a arte nova, movemento vangardista da arte do utilitario, a arte nas casas (cortinas, tapicerías, cadros, mesas, cadeiras, alicatados, lámpadas, alfombras, vaixelas,...). A cor está en liberdade.

O moderno na moda. Muller moderna, independente, loitando pola igualdade cos homes.

Deixar o rexionalismo para pasar ao vangardismo.

Nomear a Luís Seoane, discípulo de Maside.

Ter en conta a importancia das viaxes ao estranxeiro e os intercambios e contactos coas vangardas nos novos artistas.

OPCIÓN REXIONALISTA:

- Carlos Sobrino

- Acuña

- Villafinez

Contemplar ao escultor Asorey como un artista ponte.

OPCIÓN RENOVADA:

- Maside

- Manuel Torres

- Colmeiro

- Arturo Souto

- Laxeiro

Importancia da Xeración de 1927 e a Revista de Occidente.

Citar ao máximo representante do chamado realismo máxico, Franz Roz.

Recoñecer a importancia das tertulias no movemento vangardista, como a tertulia da Granja de Henar, na que participaron tantos artistas galegos.

Topamos a arte de denuncia.

A aparición dunha pintura moi solta, moi sintetizada. E tamén a irrupción da abstracción.

Finalmente, destacar que grazas as deputacións provinciais foi posible a introducción das novas estéticas na arte.

miércoles, 9 de septiembre de 2015

LEMBRANZAS DE XAQUINA TRILLO





Aquelas conversas coa poeta da Praza de España


Contaba ela que cando estudaba no colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa, nunha ocasión, cando recitaba un poema de Rosalía e algún propio coincidiu alí no centro co gran Castelao, quen a animou a continuar coa poesía, pois gustoulle moito a súa intervención. Tamén me indicou que un curmán de Castelao que se chamaba Manuel Castelao, un home moi ben parecido e moi agradable fora seu profesor de debuxo no xa citado popular colexio vilagarcián, desgraciadamente acabaría morto por mor dos acontecementos da nosa triste guerra civil do 36.
No León XIII houbo un compoñente importante de irmáns galeguistas relacionados coas actividades docentes que alí se celebraban, estaban o propio Xesús Garrido, Xosé Núñez Búa, Aquilino Iglesia Alvariño, por citar tan só aos máis salientables, tamén tiñan contacto co centro, Otero Pedrayo e Filgueira Valverde, este último foi examinador no instituto de Pontevedra do alumnado do León XIII que acudían alí aos exames por libre, o colexio vilagarcián era un centro asociado da institución docente pontevedresa. O alumnado de Vilagarcía obtiña alí, na maioría dos casos, moi boas notas, Xaquina dicía porque ían moi ben preparados. O querido e lembrado Fernando Quintela Novoa explicoume moi fachendoso como conseguiu a súa matricula de honra en Latín, recordaba que D. Aquilino Iglesia Alvariño amais de eximio poeta era un extraordinario profesor de Latín.
Pero Xaquina que era todo expresión e graza, contaba moitas máis cousas co seu sorriso tan explosivo. Lembraba o seu encontro co gran poeta e dramaturgo Federico García Lorca, quen estivo aquí en Vilagarcía o ano 1932 coa súa compañía de teatro universitario LA BARRACA, que recorría os pobos de España dando a coñecer aos clásicos, sobre todo a Cervantes e a Lope. Pois ben, naquela época, vivía aquí un médico militar de medicina exterior, que prestaba os seus servizos no porto, coa súa familia, que era de orixe andaluza. A nai desta familia encomendoulle as súas fillas e a Xaquina, que era amiga delas, que se acercasen a Federico e no seu nome que lle entregaran un ramo de flores, para honrar ao seu ilustre paisano. Desta forma foi como Xaquina coñeceu ao poeta granadino, indicándome que García Lorca era moi simpático e ben parecido. Isto mesmo contou Xaquina Trillo nun congreso, que se celebrou xa hai anos, sobre Lorca en Compostela.
Pero, Xaquina non paraba de expresarse, teremos oportunidade outro día, D. M., de contar algunha anécdota e vivencias compartidas coa poetisa das camelias e de Compostela, sen esquecernos da súa amada Arousa.    



domingo, 22 de marzo de 2015

UNHA CARTA DE VIRXINIA, VIÚVA DE CASTELAO


Do epistolario de Filgueira Valverde (que consultamos no Arquivo Provincial en Pontevedra), reproducimos unha significativa carta da viúva de Castelao, que aparte da dor pola perda do seu lembrado esposo, reflicte dificultades na vida de tan ilustre señora, coa que Galicia ten unha clara débeda, que sería pagada coa debida difusión e posta en valor da obra do irrepetible Castelao. A carta que non leva data, sen dúbida pertence ao ano 1952.



                                                       "Sr. D. José Filgueira Valverde
                                                     Director do Museo de Pontevedra


                       Mi distinguido amigo:


Creo interpretar fielmente el sentir de mi llorado esposo y cumplir un deber de gratitud hacia ese Patronato del que fue miembro fundador al ofrecer al Museo de Pontevedra el conjunto de sus apuntes, dibujos, originales y los libros de su pequeña biblioteca, asegurando así que lo mejor de su obra quede reunido y en esa ciudad, donde precisamente fue producido. Al propio tiempo, cedo los derechos de edición y los que pudieran caber para la reivindicación de lo que fue incautado. Mi situación no me permite, como fuera mi deseo, hacer donación de todo ello; por eso acepto la cantidad de trescientas mil pts.
Le ruego reciba y trasmita a los miembros del Patronato el testimonio de mi consideración y afecto".


                           [Firma]:     Virginia V. de Castelao