sábado, 22 de julio de 2023

A FARSA DO CARRIL XA TEN SEU LIBRO

 

Carlos Rey coautor do libro explicando as súas pescudas

Xa vai uns anos, temos dedicadas varias entradas deste blog á chamada Danza de Espadas de Carril, ou Farsa, que se representa todos os anos á tardiña na festa patronal de Carril, os 25 de xullo, día de Santiago Apóstolo, no transcurso da procesión en homenaxe ao patrón das Españas, tamén Día da Patria Galega. Festa rachada na capital de Galicia e en moitas parroquias da nosa Terra. É un espectáculo e unha festa extraordinarios na famosa vila arousá, coñecida pola súa gastronomía, polas ameixas de Carril e por ver a fermosa illa de Cortegada deitada no seu mar. Xa meu pai gustaba moito desta danza e das festas de Carril, no Día do Carme, nas Festas de San Fidel e claro está no día do patrón. Nos meus anos mozos teño desfrutado moito con todas as festas do meu Carril nativo e gozo e gozaba con numerosas amizades daquela vila, algunhas, lamentablemente, xa definitivamente ausentes.
Pois ben, o pasado martes, día 18 de xullo de 2023, a partires das 20:30 h. e nas instalacións da Sociedade o Gato Negro de Carril tivo lugar a presentación do libro de Carlos Rey Cebral e de Cristian Silva Bóveda, o primeiro, meu prezado amigo da mocidade, encargouse da parte histórica e descriptiva da Farsa. Cristian fixo o estudo técnico e musical da danza, documentando a orixe e a evolución da farsa con interesantes ilustracións musicais. Parabéns aos autores polo seu traballo e tamén ao Concello de Vilagarcía de Arousa por patrocinar e editar esta necesaria obra e por promocionar a autores e artistas locais como son Carlos e Cristian.





Tendo en conta que o principal obxectivo da publicación é o divulgativo nada hai que obxectar é unha publicación excelente, agás que na parte iluminativa e de documentación, sobre todo na primeira parte, habería que reflectir mellor e máis amplamente as citas documentais para xustificar axeitadamente  a argumentación, utilizando mellor as notas a pé de páxina e concretando máis as citas bibliográficas, indicando as páxinas de onde se obtiñan datos e aspectos históricos e argumentativos. Pero, non perdamos de vista que non é unha publicación de carácter estrictamente académico, senón para dar a coñecer ao público xeral todo o de interese desta danza, desta farsa de orixe gremial, da vida pescadora; por iso cumpre perfectamente os seus obxectivos. Habería que realizar moitas máis publicacións sobre diversas cuestións do noso Concello. Animando a Carlos e a Cristian para que nos sorprendan con máis estudos divulgativos para coñecer a historia e as curiosidades do noso pobo.

O lugar de celebración do acto, quizais non foi o máis axeitado, tendo en conta a cantidade de público interesado por asistir, moita xente quedou fóra e moitas persoas tiveron que estar de pé e de forma incómoda. Tamén estivo un tanto desequilibrado o acto na participación dos distintos relatores.

E se é certa a queixa que apareceu en La Voz de Galicia - Arousa por parte do fotógrafo e artista Xosé Duarte Rañó, habería que rectificar e nunha próxima edición citar axeitadamente aos autores/as das fotografías e das imaxes; hai que procurar ser coidadosos nestes aspectos e respectar e citar esas autorías obviadas, a parte técnica da edición debera contemplar estas cuestións para non ferir sensibilidades e obrar con correción.

Neste enderezo electrónico poden ler a opinión, do bo amigo Rañó.


A pesares, destas pequenas críticas, trátase dun libro moi necesario e digno de ser loado e lido.

Agora todos a Carril, sobre as 19:30 h., do día 25, poderemos gozar da beleza e dos case 500 anos de historia desta Danza das Espadas, desta Farsa do pobo de Carril, que desde o adro da igrexa parroquial recorre as principais rúas e prazas da belida vila carrilexa.





2 comentarios:

Xose Rañó dijo...

Grazas Xerman pola tua comprension e pola tua analise persoal desa publicacion. Eu sain de ali moi decepcionado pois hay unha foto miña aparte das dos meus pais e podo interpretar que estamos sendo discriminados por non acostumar a dar pomada e ter bo rollito cos poderes facticos. Xa te irei informando. Un saudo

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Por honestidad e é o habitual ao publicar e facer ciencia citar correctamente as fontes e aos autores dos documentos, incluidos os gráficos. Estás no teu pleno dereito en pedir unha reparación. Apertas. Xermán Torres