VEU
UN MERLO MINDONIENSE CANTAR Á VILA DE DONA URRACA EN AGOSTO DE 1969
Cando don Álvaro Cunqueiro agasallou a un “botones” de 12 anos cunha historia exclusiva, alá no recibidor do Hotel Balneario Dávila da vila de Caldas de Reis en agosto de 1969
Sería unha tardiña,
despois do xantar que na vila de Caldas, chamada de Reis por dona Urraca e polo
seu fillo Afonso VII, un cantor veu
declamar na nosa doce fala e viña das terras de Miranda ou da episcopal vila de
Mondoñedo, o vate tiña por nome Álvaro, da liñaxe dos Cunqueiro-Montenegro
e dos Mora, sempre viviu da súa fácil e xeitosa pluma e con aquel seu fermoso dicir, engaioloume, naquela inesquecible e
calorosa tarde dun agosto do 69, mágoa que daquela eu non fun quen de libar
aquel xarope de máxicas verbas e de misteriosos artificios orais, dignos do seu
bo amigo, o extraordinario mago, o druídico don Merlín.
Naquel
recibidor do familiar e acolledor Hotel Balneario Dávila caldense, escoitei por
primeira vez, verbas que endexamais volvería a escoitar.
Don Álvaro, que así lle chamaban no Hotel, ceibou, naquel ar, verbas ben
fermosas, nunha historia que quedou oculta pola néboa do tempo pasado.
Pídolle a don Merlín
que recupere, ao seu xeito, con todos os artificios e mañas que estime a ben e que el coñece
fondamente, aqueles marabillosos e divinos sons perdidos, as verbas que lle
escaparon dos seus beizos a aquel fénix inmortal das nosas letras e que xunte e
ordene as verbas que contaban unha bela
historia exclusiva, só para min, un humilde cativo que traballaba de “botones”
naquel querido, lembrado e familiar hoteliño.
Don
Álvaro era o mago das verbas, a divina ave cantora,
que eu, ao igual que un Felipe de Amancia, escoitaba abraiado e incrédulo aquel
torrente de frases fermosas e enigmáticas que eu, naqueles intres únicos, non podía apreciar nin entender
axeitadamente, estaban expresadas nunha
lingua próxima, mais descoñecida e aldraxada.
Que don Merlín me
devolva esas verbas roubadas polo tempo e por unhas circunstancias estrañas,
que as transmigre e transmute do 1969 ao 2024, que si el quere; pode, que
cousas difíciles e peores ten solucionado ao longo dos tempos. Quizais agora as
poida amar, entender, reverenciar.
Don Álvaro xa está no
alén; pero, don Merlín todo o ha poder e traerame o
galano agasallo que don Álvaro noutrora creou para min e que agora si,
sería quen de saborear e de gozar, maxia de verbas e tempo. Cando Merlín mas
entregue, heivos con elas premiar.
Don
Álvaro deixounos nos seus libros a alquimia, o tesouro das súas verbas; pero,
as que a min me deu en agosto de 1969, ninguén volas poderá entregar;
agás que don Merlín veña na miña axuda e xuntos as poidamos escoitar.
Cousas veredes!
No hay comentarios:
Publicar un comentario