Mostrando entradas con la etiqueta A amizade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A amizade. Mostrar todas las entradas

martes, 7 de enero de 2014

MARÍA PALACIOS, IN MEMORIAM









Foise cara a Casa do Pai a nosa querida amiga, a mestra e poetisa, María Palacios, q.e.p.d. Aínda que castelá de orixe e nacencia, pasou os derradeiros anos da súa vida aquí en Vilagarcía, na Residencia “Divina Pastora”, chegou a admirar e amar esta a súa nova terra de adopción. Tiven o gozo e a honra de coñecela e de compartir unha mutua amizade. Trabei o seu coñecemento e trato como consecuencia dun encontro poético celebrado na Residencia, achegouse a min, entregoume uns fermosos poemas da súa autoría e meses despois, cunha amiga común, Andrea Fernández, deseñamos e demos lugar a unha idea, creando a Mesa das Verbas, uns encontros poéticos mensuais baixo o paraugas do Liceo Casino da nosa cidade. (Precisamente a XXXIII Mesa das Verbas que se celebrará neste mes de xaneiro será unha Homenaxe Poética a María Palacios).

María granxeouse axiña a admiración, o respecto e o agarimo de todos. Era unha muller digna, austera, auténtica; unha gran crente, unha gran amante de todo o humano e unha admiradora da Natureza, todo eso inflúe na súa poética, da que tivemos e aínda teremos a sorte de gozar aquí en ONDAS DE AROSA, da que foi colaboradora e asidua lectora. Era unha muller moi culta; por tanto, moi sinxela e moi discreta; ao mesmo tempo, moi avanzada. Todas as mañás acudía á Biblioteca “Rosalía de Castro”, da nosa cidade, a ler, a consultar Internet e a manter a súa conta de correo electrónico (moito vou botar de menos os seus correos, cargados de tantas cousas interesantes e importantes). Todos notamos a súa perda, fáltanos alguén, pero coa fe que compartimos, sabemos que ela sigue con nós. Foise cunha gran dignidade, con absoluta discreción e delicadeza, tal como ela era, estaba preparada e sentíase conducida para emprender a viaxe nesa “nave que nunca ha de volver a retornar” e foise lixeira de equipaxe, ela que foi “buena en el buen sentido de la palabra buena”. Agora, alá na Casa do Pai tecerá versos cos anxiños e comporá fermosos poemas coas estrelas do gran cosmos onde habitamos. María Palacios para sempre na nosa lembranza, que goce da Luz e da Vida como ela agardaba e quería, descanse na paz do seu amado Señor Xesucristo. Amén.


domingo, 3 de abril de 2011

SOBRE A AMIZADE



NO CAMPO DO ALTRUÍSMO FLORECE A ÁRBORE DA AMIZADE

Como di San Pablo sobre o amor que é desinteresado, podemos argumentar o mesmo sobre a amizade. Cando o que se di teu amigo tan só busca en ti o seu propio interese, tratando de sacar proveito da relación; evidentemente, non é o teu amigo. Mellor é que te decates das súas intencións e te alonxes del, non é unha relación conveniente.

A amizade é comprensiva e empática, comprende ao amigo e non o pon en situacións compricadas nin en cuestións comprometidas. A amizade quere sempre o ben para o outro, é altruísta e ten capacidade de sacrificio polo amigo, non pide nunca nada a cambio. A xenerosidade, a entrega son característica dos amigos, darse sen esperar nin buscar nada a cambio.

A amizade non entende de beneficios, de porcentaxes, de rentabilizacións; todo o fai por nada, non espera compensacións nin pago a cambio de nada; todo o fai gratis, da con abundancia, entrega sen precio, non agarda en sacar nada; senón, dalo todo, incluso dar a vida polo amigo. O que interesa é sempre o benestar do outro coste o que coste. Nunca fará reproches nin pedirá nada a cambio, non pedirá contas, nin despreciará ao amigo porque non obtivo del o que esperaba acadar. Non pon obxectivos nin límites a súa amizade, non a hipoteca.

A amizade, un tesouro, que xorde como unha flor, como unha paisaxe soñada sen ningún impedimento, sen ningunha condición. Un agasallo gratis, unha entrega total e absoluta. Amizade sen cadeas, sen atrancos, sen medida, para sempre e por sempre. Tesouro de amor, de vida; tesouro compartido sen horizontes, sen acotacións de tempo e de lugar; cun sistema de coordenadas propio, orixinal, eterno.