Foise cara a Casa do Pai a nosa querida amiga, a mestra e poetisa, María
Palacios, q.e.p.d. Aínda que castelá de orixe e nacencia, pasou os derradeiros
anos da súa vida aquí en Vilagarcía, na Residencia “Divina Pastora”, chegou a
admirar e amar esta a súa nova terra de adopción. Tiven o gozo e a honra de
coñecela e de compartir unha mutua amizade. Trabei o seu coñecemento e trato
como consecuencia dun encontro poético celebrado na Residencia, achegouse a
min, entregoume uns fermosos poemas da súa autoría e meses despois, cunha amiga
común, Andrea Fernández, deseñamos e demos lugar a unha idea, creando a Mesa
das Verbas, uns encontros poéticos mensuais baixo o paraugas do Liceo Casino da
nosa cidade. (Precisamente a XXXIII Mesa
das Verbas que se celebrará neste mes de xaneiro será unha Homenaxe Poética a
María Palacios).
María granxeouse axiña a admiración, o respecto e o agarimo de todos. Era
unha muller digna, austera, auténtica; unha gran crente, unha gran amante de
todo o humano e unha admiradora da Natureza, todo eso inflúe na súa poética, da
que tivemos e aínda teremos a sorte de gozar aquí en ONDAS DE AROSA, da que foi
colaboradora e asidua lectora. Era unha muller moi culta; por tanto, moi
sinxela e moi discreta; ao mesmo tempo, moi avanzada. Todas as mañás acudía á
Biblioteca “Rosalía de Castro”, da nosa cidade, a ler, a consultar Internet e a
manter a súa conta de correo electrónico (moito vou botar de menos os seus
correos, cargados de tantas cousas interesantes e importantes). Todos notamos a
súa perda, fáltanos alguén, pero coa fe que compartimos, sabemos que ela sigue
con nós. Foise cunha gran dignidade, con absoluta discreción e delicadeza, tal
como ela era, estaba preparada e sentíase conducida para emprender a viaxe nesa
“nave que nunca ha de volver a retornar” e foise lixeira de equipaxe, ela que
foi “buena en el buen sentido de la palabra buena”. Agora, alá na Casa do Pai
tecerá versos cos anxiños e comporá fermosos poemas coas estrelas do gran
cosmos onde habitamos. María Palacios para sempre na nosa lembranza, que goce
da Luz e da Vida como ela agardaba e quería, descanse na paz do seu amado Señor
Xesucristo. Amén.
No hay comentarios:
Publicar un comentario