Mostrando entradas con la etiqueta Bucle no Labirinto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Bucle no Labirinto. Mostrar todas las entradas

lunes, 11 de junio de 2018

Meu segundo premio no I Concurso Literario Letras Galegas



Nese mencionado Concurso, organizado polo Centro Comercial Arousa e a Mesa das Verbas, o traballo que ofrezo nesta entrada levou o 2º premio:


BUCLE NO LABIRINTO

Sentados na ponte pequena, preto da fermosa fervenza e dos antigos muíños, mollando os nosos pes no río saudoso, que se perde nas brétemas do espazo e do tempo... eu co avó a soñar coas estrelas e cos mundos ignotos poboados de verbas e maxestosas bolboretas.

-        -   Avó colleranos aquí a noite?
-        - Ti es aurora; eu lusco e fusco, a noite moura virá.
-        -   E veremos o campo de estrelas que vai cara o norte?
-        -   Así será, ti verás durante lúas e lúas ese campo, eu axiña ficarei nel.
-        -   Nese campo haberá años e ovellas?
-        -   E haberá, irán pastar nas leiras de algodón que ti verás. Nos recunchos escuros estarei eu.
-        -   Non digas iso avó que me pos triste, poderei eu levarte a luz?
-        -   Ti es a luz, albíscase nos teus ollos.
-        -  E pasearemos ti e máis eu por alí?
-        -  Sempre que me nomees e me lembres eu estarei en ti.
-        - Entón, avó, sempre, sempre direi o teu nome, berrareilles aos ameneiros e aos bidueiros como te chamas, non si?
-         - E o murmurio das súas follas, levado polo vento xunguirán as nosas voces, eu desde alá.
-         -  Avó porque agora me sinto tan triste?
-        -  Cala, cala... non me fagas chorar e deitar as bágoas secas dos meus vellos ollos. Aquí, no río está o noso lugar por sempre. As ninfas ancho lembrar.
-        -  Avó dille ás ninfas que non se esquezan diso, por favor!
-        -   Cala, cala... que non o esquecerán...
                                                                                            ... ... ...
O avó colle da man ao seu netiño (e lémbrase da pasada e lonxana conversa co seu avó xa ido). Venus comezaba a despuntar no ceo e cara a estrela Polar o campo de estrelas comezaba a brillar... camiñaban de paseniño a carón do río, que deitaba mansamente as súas augas cara o mar, que estaba ao lonxe, ben lonxe... O neto a soñar co seu ledo parolar, o avó coa tristura nos seus ollos, en silencio, sabedor de que axiña deixarán de alumear. Pasa o río como a vida para as súas augas finar no mar e así a roda da vida, roda que roda sen parar.
                                                                               
                                Xermán Manuel Torres