Mostrando entradas con la etiqueta Club Juvenil Villagarciano. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Club Juvenil Villagarciano. Mostrar todas las entradas

jueves, 25 de septiembre de 2014

OFRENDA FLORAL A SAN ROQUE DO CLUB XUVENIL


A imaxe que ilustra esta entrada refírese a unha ofrenda floral a S. Roque por parte de representantes do "Club Juvenil Villagarciano". Ofrecimos o ramo de flores preceptivo e un meu poema a S. Roque naquela xornada inicial das festas. Quizais se corresponda coas Festas Patronais de Vilagarcía de Arousa dun mes de agosto do ano 1982 ou 1983, xa non me lembro ben. Estou acompañado de catro socias e amigas do Club, nestes intres só recoñezo a dúas, empezando pola dereita aparece Mª del Carmen Conde Durán e Andrea Fernández Maneiro "Nei". O "Club Juvenil Villagarciano" estaba moi presente na vida social e cultural da Vilagarcía dos ano 80 do pasado século. Foi unha experiencia breve, pero intensa e fructífera a deste Club.

miércoles, 27 de agosto de 2014

Lembranza do Club Xuvenil e de Ramón Rubianes



Como moitas cousas e experiencias boas, lembro a existencia do Club Juvenil Villagarciano, en pleno apoxeo alá polas décadas do setenta e dos oitenta do pasado século. Un grupo entusiasta de mozos e mozas, respaldados por unhas persoas xenerosas e altruístas viviron e organizaron toda unha serie de actividades culturais e deportivas moi enriquecedoras para a Vilagarcía daqueles tempos idos. Unhas dez edicións do chamado Marathon Popular, que convocaba a tantos atletas de toda Galicia e que espertou aquí verdadeiras vocacións atléticas. (A foto correspóndese cunha desas edicións e nesa imaxe, na parte superior esquerda, figura Ramón Rubianes, gran amigo e colaborador do club, dinlle clases particulares aos seus fillos Ramón e Manuel, dos que gardo felices e agarimosas lembranzas, sirva esta entrada como unha homenaxe ao inesquecible amigo, Ramón Rubianes). Tamén organizamos torneos escolares de xadrez, de fútbol, de fútbol-sala, de tenis de mesa, conferencias, concertos, concursos literarios, os seis números da extraordinaria revista de poesía RODADA, festas infantís e xuvenís, a convivencia nas instalacións da chamada Casa da Xuventude, sede do Club, e tantas e tantas vivencias. Foi mágoa que Vilagarcía e as súas autoridades non souberon ou non quixeron apoiar na súa xusta medida, esta iniciativa xuvenil aberta, de todos e plenamente democrática, agás o apoio recibido pola primeira Corporación democrática de Vilagarcía, é xusto recoñecelo. Na súa breve existencia, o Club Juvenil Villagarciano desenvolveu un gran labor e unha intensa actividade, foi unha oportunidade para Vilagarcía de Arousa, á que aqueles mozos e mozas, hoxe homes e mulleres, amaban moito e desexaban o seu crecemento cultural e deportivo, co protagonismo e participación de todos. De cando en vez, é de xusticia volver a vista atrás e lembrar a unha institución xuvenil exemplar, de Vilagarcía para Vilagarcía.

sábado, 12 de julio de 2014

FOISE MANOEL XOSÉ

MANUEL OLVEIRA HORTAS, "MANOEL XOSÉ DE OLIVEIRA", IN MEMORIAM












Como dicía el "meu caro amigo"; pois tristemente, fóisenos un grande amigo, quen estará agora a tecer os seus fermosos e sentidos versos no polvo cósmico dos espacios interestelares, onde ao fin voará libre, como quería ser e era el, libre, "fieramente humano", orixinal. Descanse na paz e na harmonía un ser entrañable, un amigo insustituible.

Eu coñecín a Manolo no "Club Juvenil Villagarciano", eu fora o segundo presidente na historia, breve; pero, intensa e fructífera historia dese añorado Club, Manolo sería o terceiro, sucedéndome a min. Moito temos traballado, gozado e mesmo sufrido xuntos nese club para organizar moitas cousas con poucos medios, mais con moita ilusión: actos culturais, literarios, deportivos, lúdicos...

El sempre foi amante da poesía, era un fino, exquisito e sensible poeta. Participou na creación e mantemento da revista poética RODADA, nos principios dos anos 80 do pasado século, a revista copiábase e montábase na fotocopiadora propiedade dun gran amigo común, Xosé Lois Vila, "Ulisis Figueroa". Podemos falar dunha xeración de RODADA, de mozos poetas vilagarciáns, entre os que se atopaban xunto a Manolo Olveira, seus amigos Calixto Vázquez Míguez, Jesús Recio,...

Seguía a vida e Manolo chegou a exercer profesionalmente como policía local, primeiro na súa cidade natal, Vilagarcía, e logo en Pontecesures, onde se tivo que xubilar anticipadamente por enfermidade, unha cruel enfermidade que o foi minando lentamente, pero sen pausa. Aínda que el foi exemplar, loitando pola vida, desexando vivir. E así, a derradeira etapa da súa vida transcorreu en Vigo, onde participou en múltiples actividades, sempre axudando, colaborando sempre. Alí foi vicepresidente e "alma mater" do Grupo Poético "Brétema" e do seu magnífico blog, que el mantiña e confeccionaba.

Participou, desde o primeiro momento, na creación da experiencia poética do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, que coñecemos como a MESA DAS VERBAS, todos os meses, puntualmente, contabamos coa presencia e colaboración de Manolo ao fronte de amigos e amigas do Grupo Brétema que el trasladaba no seu coche desde Vigo. Moito botaremos de menos na Mesa das Verbas a Manolo, pero el estará sobrevoando cos seus versos, vitais, valentes versos, coma berros por facer xustiza, por cantar ao pobre e desprotexido, seus laídos non se apagarán, retumbarán nos nosos corazóns. Por sempre, Manolo, na nosa lembranza, no noso ceibar os versos ao ar.

Para saber un pouco máis de Manolo, coas súas propias verbas e ideas, consultade o post ou entrada deste blog con data: sábado 31 de decembro de 2011.

Foise sen facer ruido,
coma un marmurio de auga fina.
Foise Manoel Xosé,
un verso libre,
un home propio, orixinal
deixando forte pegada
en todos nós,
os seus caros amigos e compañeiros
da Mesa das Verbas.

Quedámonos sen un irmán
discreto, silandeiro,
sinxelo coma o vento,
traballador do verso,
coma o líder
que "leva na fronte unha estrela,
no bico un cantar".
Fráxil coma unha delicada flor,
forte coma un irmán maior,
coma un patrón en alta mar.
Todo sentimento, todo tenrura,
era unha ledicia, un amor.

Adeus, Manoel, adeus.

Xermán Manoel Torres  



domingo, 13 de marzo de 2011

AQUEL "CLUB JUVENIL VILLAGARCIANO"






AQUELES ANOS MOZOS (III)

A BREVE PERO INTENSA TRAXECTORIA DO “CLUB JUVENIL VILLAGARCIANO”


A restauración da democracia, na chamada época da Transición, supuso o abandono da OJE (organización xuvenil do anterior réxime político) da chamada Casa da Xuventude, que está situada ao comenzo da rúa Xoán Carlos I, no barrio de San Roque, que pasaría a ser ocupada durante algo máis dunha década por unha nova organización da mocedade de carácter democrático, denominada “CLUB JUVENIL VILLAGARCIANO”, entidade que quería acoller a todos os mozos e a todas as iniciativas que se quixeran propoñer nunha sociedade netamente xuvenil, composta por mozos e mozas e gobernada pola mocedade dun xeito totalmente democrático.
Distintos sectores xuvenís da cidade xestionaron a fundación da nova entidade xuvenil, cuns estatutos e principios democráticos, administrativamente despendíase directamente do Instituto Nacional da Xuventude do Ministerio de Cultura, por medio da súa Delegación Provincial en Pontevedra; pero, totalmente autónomos e independentes no seu funcionamento. O Ministerio era o propietario do edificio, encargábase do seu mantemento e dispoñía do persoal (un director/a, un conserxe, e unha persoa encargada da limpeza).

Nun proceso democrático, foi elexido primeiro presidente, Ricardo de la Torre, vicepresidente, Germán M. Torres, secretario, Carlos González e entre os primeiros vocais, lémbrome do moi mociño, Pablo García Giménez.

Os socios disfrutaban das instalacións co seu salón (equipado dun televisor en cor) coa sala de xogos (con xogos de mesa, coa equipación para xogar ao ping-pong), diversos espazos para distintas actividades, sala de xuntas, despachos. Alí víamos en grupo os partidos de fútbol, xa que o deporte foi unha actividade importante do club. Os fins de semana había lugar para a convivencia, o canto e a música, os xogos de mesa, o xadrez, o ping-pong,... Eramos protagonistas do noso tempo de lecer, sen intermediarios, sen gastos e dunha maneira sá.

Organizábanse moitas actividades, ciclos de conferencias (recordo unha sobre cine e fotografía a cargo de Rafael Sabugueiro, pai. Felipe Suárez disertou sobre baloncesto,...). Organizáronse concursos e recitais de poesía, concertos musicais, moitas actividades deportivas (campeonatos de fútbol, utilizando as instalacións do IES “Castro Alobre”, daquela “Calvo Sotelo”, xenerosamente cedidas, así como outras instalacións, do CEIP “A Lomba”, do campo da Pelada, do Colexio de RENFE, rexentado polos salesianos), 24 horas de fútbol sala, colaborando coa comisión das festas de San Roquiño. Leváronse adiante unhas dez edicións dunha proba atlética que chegou ser moi popular e participativa, que chamabamos o Marathon Popular, na que tanto traballaron uns activos socios, como foron: Luis Mario Vázquez, Calixto Vázquez, Manuel Rañó, Xermán Torres, sendo un dos promotores da actividade, outro socio, José Manuel Tarrío e colaboraban con dita proba moitas persoas, entre elas, Moncho Rubianes, de grato recordo. A proba foi gravada coas primeiras cámaras de vídeo, que se viron por Vilagarcía e que pertencían a D. Servando Pérez, foi retransmitida en directo pola asociación de radioafeccionados local, desde a meta íase coñecendo o transcurso da carreira. Na prehistoria dos ordenadores, Calixto Vázquez intentou axilizar a clasificación e a entrega de premios, mediante un programa informático e un ordenador instalado en meta. As ideas tan orixinais para facer os controis en distintos puntos da proba, que moitas veces foron copiados para outras probas importantes do circuíto galego. Apoiaron esta carreira popular, ademais das entidades bancarias, industrias e comercios de Vilagarcía, o Concello, a Deputación, o Gobernador Civil, o Gobernador Militar, Coca-Cola, Larsa, Clesa,... Cantas xestións non fixemos Alberto Pérez Soutullo e eu mesmo para recadar fondos para mercar trofeos e medallas cos que agasallar aos numerosos atletas participantes de todas as idades, daquí xurdiron vocacións atléticas como as de Castro, Pedro (sobriño de Pérez Soutullo), por tan só citar dous exempros. Chegou a ser unha importante cita atlética á que acudían deportistas de toda Galicia e en gran número e en todas as súas edicións, practicamente a todas elas asistiron un grupo de alumnos da Escola Naval Militar de Marín e era seguida por numeroso público, os medios de comunicación local e galegos facíanse eco deste acontecemento, que foi unha das actividades estrela do Club. Outra actividade moi importante foi a organización duns exitosos campionatos escolares de Xadrez, así como campionatos de tenis de mesa.

Había relacións moi estreitas co Concello de Vilagarcía, con moitas asociacións e entidades, como o club de mozos pintores “Carlos Maside”, os mozos e mozas de D. Manuel Trigo Díaz, mestre moi recordado e colaborador e asesor do “Club Juvenil”, coas comisións da Cabalgata de Reis, da organización do Entroido, coa Comisión de Festas,...

Un grupo de mozos e mozas que eramos xestores e protagonistas do noso tempo e das nosas actividades. Divertiamonos moito sen gastar un duro e sen perxudicar a nosa saúde. O “Club Juvenil Villagarciano” chegou a ter moito prestixio na cidade e foi unha institución moi popular e moi tida en conta na vida social e cultural daquela Vilagarcía dos anos 70 e 80. As presidencias que máis directamente coñecín foron as de la Torre, por suposto, a miña propia, e a do meu sucesor Manuel Olveira, a partires de aí xa me desvinculei totalmente do Club, por razóns de idade e da dinámica vital; pero non quería rematar sen mencionar a algunhas compañeiras que participaron daquela xuvenil experiencia, como foron, Andrea Fernández, Loreto e Mª del Carmen Conde Durán, entre outras. Pouco tempo despois de que eu me fora o club foi esmorecendo paseniñamente e desgraciadamente, para a mocedade local, desaparecería da escena asociativa da nosa cidade.

Conseguimos moitas cousas, unha, e non se gran traballo, foi que as instalacións abriran en horario xuvenil, os venres, sábados e domingos, tamén en horario de tarde/noite, cuestión que custou que entendera o Sr. Delegado Provincial.

E finalmente, un recordo, para dous funcionarios da casa, cos que conseguimos levarnos ben (a pesares das dificultades iniciais) e fraguar con eles unhas relacións de amizade, salvando as distancias da idade, trátase de Mimí Viqueira (quen foi directora) e Guillermo Chanes, q.e.p.d., quen exerceu como conserxe, para eles o noso respeto e o noso agarimo nas lembranzas.

E aínda sigo a pensar que as instalacións da Casa da Xuventude están infrautilizadas e con pouca proxección na mocedade actual.

(NAS IMAXES, ALGÚNS DOCUMENTOS DO "CLUB JUVENIL VILLAGARCIANO" QUE ILUSTRAN ASPECTOS QUE SE MENCIONAN NO CORPO DO TEXTO DESTA ENTRADA).