miércoles, 27 de agosto de 2014

Lembranza do Club Xuvenil e de Ramón Rubianes



Como moitas cousas e experiencias boas, lembro a existencia do Club Juvenil Villagarciano, en pleno apoxeo alá polas décadas do setenta e dos oitenta do pasado século. Un grupo entusiasta de mozos e mozas, respaldados por unhas persoas xenerosas e altruístas viviron e organizaron toda unha serie de actividades culturais e deportivas moi enriquecedoras para a Vilagarcía daqueles tempos idos. Unhas dez edicións do chamado Marathon Popular, que convocaba a tantos atletas de toda Galicia e que espertou aquí verdadeiras vocacións atléticas. (A foto correspóndese cunha desas edicións e nesa imaxe, na parte superior esquerda, figura Ramón Rubianes, gran amigo e colaborador do club, dinlle clases particulares aos seus fillos Ramón e Manuel, dos que gardo felices e agarimosas lembranzas, sirva esta entrada como unha homenaxe ao inesquecible amigo, Ramón Rubianes). Tamén organizamos torneos escolares de xadrez, de fútbol, de fútbol-sala, de tenis de mesa, conferencias, concertos, concursos literarios, os seis números da extraordinaria revista de poesía RODADA, festas infantís e xuvenís, a convivencia nas instalacións da chamada Casa da Xuventude, sede do Club, e tantas e tantas vivencias. Foi mágoa que Vilagarcía e as súas autoridades non souberon ou non quixeron apoiar na súa xusta medida, esta iniciativa xuvenil aberta, de todos e plenamente democrática, agás o apoio recibido pola primeira Corporación democrática de Vilagarcía, é xusto recoñecelo. Na súa breve existencia, o Club Juvenil Villagarciano desenvolveu un gran labor e unha intensa actividade, foi unha oportunidade para Vilagarcía de Arousa, á que aqueles mozos e mozas, hoxe homes e mulleres, amaban moito e desexaban o seu crecemento cultural e deportivo, co protagonismo e participación de todos. De cando en vez, é de xusticia volver a vista atrás e lembrar a unha institución xuvenil exemplar, de Vilagarcía para Vilagarcía.

No hay comentarios: