lunes, 19 de octubre de 2020

QUE BOA XORNADA TIVEMOS O SÁBADO 17!

 Un grupo de amigos xuntámonos este pasado sábado para celebrar a CIV Mesa das Verbas e a VI Xornada Filgueira Valverde, sempre en Galicia, entre versos e verbas fomos gozando da poesía e da lembranza dun ser inigualable na cultura de Galicia, como é Xosé Filgueira Valverde.




Xosé Ramón Quintáns brindounos unhas fermosas palabras de benvida e de acollida e de agradecemento aos representantes da familia Filgueira, representados por X. Fernando Filgueira Iglesias, presidente da Fundación Filgueira Valverde, quen nos dirixiría unhas sentidas palabras na segunda parte do acto na VI Xornada Filgueira Valverde, sempre en Galicia.
Seguiron desgranando versos, entre os que declamamos algunhas das fermosas cantigas de D. Xosé, da súa obra: 6 cantigas de mar in modo antico, e poemas propios:
Quintáns, Luis González, Maru (que declamou un poema da nosa querida compañeira Isaura Lago), Paula Cascallar, Manuel Lage, Al Guanella (recitou un fermoso poema de Rafael Alberti dedicado a un can), Rafa Villar e Xermán M. Torres, esto foi na primeira parte, na CIV Mesa.

Na segunda parte, na VI xornada, Xermán presentou o seu libro:
Antón Fraguas Fraguas e Xosé Filgueira Valverde, dous grandes amigos na galeguidade, Novas Ediçoes Academicas, 2020. E desenvolveu unha pequena disertación, titulada: Antón Fraguas e Xosé Filgueira, dúas vidas que converxen. A continuación tivo o uso da palabra X. Fernando Filgueira Iglesias, fillo de D. Xosé, a quen lembrou, ao mesmo que recoñeceu aos galeguistas que mantiveron aceso e vivo o espírito do galeguismo en circunstancias non favorables, tamén agradeceu a Vilagarcía por organizar estas xornadas en lembranza do seu pai. Pechou o acto cunhas verbas de recoñecemento aos galeguistas que en tempos complicados souberon manter o lume aceso da nosa cultura, quen o presidía no nome do Concello de Vilagarcía de Arousa, a nosa Concelleira de Cultura, Sonia Outón, a quen a proveitamos para agradecerlle o seu respaldo á Mesa das Verbas.
Logo continuamos en boa compaña e compartimos parladoiro con algo de comer e de picar no bar A Tertulia do Paseo da Mariña da nosa cidade, tal como se recolle na seguinte reportaxe gráfica, e ata outra millorada, como dicía o grande poeta Álvaro Cunqueiro.








miércoles, 14 de octubre de 2020

VI XORNADA, FILGUEIRA SEMPRE EN GALICIA-17-10-2020

 Para manter vivo e acceso o lume da galeguidade. E lembrar a Xosé Filgueira Valverde, gran "obreiro da causa galega". A súa magna obra e a pegada da súa personalidade permanecerán por sempre connosco. A lembranza vai relacionada coa efeméride do seu nacemento: Pontevedra, 28 de outubro de 1906. Parabéns Filgueira, ti que nos contemplas no alén, despois de ben cumprida a túa misión na Nosa Terra!!!



domingo, 20 de septiembre de 2020

SUCEDEU NA ENCARNACIÓN


Meu compañeiro da infancia Eugenio Torres, o fillo do veterinario


 O colexio da Encarnación de Caldas de Reis é un dos colexios máis queridos da vila termal. Alí cursei nos meus tempos de parvuliño, rexentaban o colexio daquela as "Hermanas de la Doctrina Cristiana".

De cando empecei, teño unha anécdota verídica e un pouco rocambolesca, era o ensino daquel tempo e por persoas que tiñan pouco de mestras, esta historia é posible que a contara máis dunha vez, perdoade, son cousas da vellez. Como ten o seu chiste vouna relembrar outra vez.

Xa levaba o curso empezado, alá a principios dos anos sesenta do pasado século XX, e un compañeiriño, Eugenio Torres, o fillo do veterinario, veu ao colexio uns días máis tarde, chegou chorando, sentárono na miña mesa, ao meu carón, e o pobre seguía a chorar sen parar, desconsoladamente. Eu para ver se se calmaba, tiven unha idea, cunha folla da miña libreta, que fun plegando ata facer unha especie de acordeón e dinllo como agasallo, non me lembro se parou de chorar ou non. Decatouse deste xesto unha profesora seglar, que era moi ruín por certo, colleu o acordeón, fíxome levantar e colocoume o acordeón na cabeza a xeito de laciño e non tivo outra feliz idea que levarme a recorrer o resto das clases desta maneira, para que se riran e burlaran de min.

Chegamos a unha clase onde estaba unha nena, que era veciña miña, a filla da señora Nilda e do señor Manuel que tiñan unha panadería na rúa dos Fornos. Cando me veu daquel modo, botouse a rir e a min tamén me deu a risa; dounos un ataque de risa e non parabamos. Nesta clase estaba a directora, unha monxa que rivalizaba en ruindade con aquela malvada mestra, era mala e fea, o terror do colexio, castigounos aos dous poñéndonos de xeonllos, como no parabamos de rir, non tivo outra ocorrencia que lanzarnos, ás reboladas, unha campaíña de bronce que tiña na súa mesa. Sorte que non tivo puntería algunha e non nos deu con ela, senón houbéranos mancado e podería ter sido unha desgraza.

Pero, nese cole, a Deus grazas, había algunhas monxas boas e excelentes mestras, lembro unha moi boíña coa que rompín a ler, colléralle moito cariño a un libro, Hemos visto al Señor, que andado o tempo recupereino, comprándoo de novo. Tamén recordo nesa aprendizaxe da lectoescritura e do cálculo outros libros como: Amiguitos, Rayas e os cadernos de escritura e cálculo, os famosos cadernos Rubio. E daquela os polvos de cacao, que eu tomaba no leite e que me gustaban moito, chamábanse: Tody.

E finalmente, non me esquecerei dunha monxiña que era tan pequeniña coma nós, que cando estabamos en parvuliños cantábanos e ensinábanos cancións moi bonitas con xestos e acenos que nos gustaban moito, era unha monxa moi alegre e simpática, a madre Aurelia... Que tempos aqueles!

domingo, 23 de agosto de 2020

A BOBI, NOSO CANCIÑO

 

Lembro o teu gruñido primeiro cando eras un cachorro recén chegado ao fogar, teu fogar de toda túa vida


Tivemos un bo canciño

moi gracioso e algareiro,

dounos todo o seu cariño

amoroso compañeiro.

 

Agora foi durmir fóra,

ladra baril ás estrelas,

move con frenesí a cola,

alí comerá máis costelas

 

e ósos moi gorentosos.

Rube por todas as nubes

cos seus ollos tan xeitosos

ollará por onde subes

 

a levarlle á súa amiga

a nosa gatiña bonita

para bicar súa barriga,

que amizade tan infinita!

 

Adeus ao noso canciño,

lembrarémoste con amor

sempre guiado e mansiño,

o pequeno labrador!


Todo un carácter, moi vivo!



domingo, 26 de julio de 2020

TOMA DE POSESIÓN DA DIOCESE DE ASTORGA

Mons. D. Jesús Fernández González tomou posesión como pastor da diocese de Astorga o sábado 18 de xullo de 2020, miña dona e máis eu fomos partícipes como asistentes a tan feliz acontecemento para D. Xesús, para nós o bispo amigo.

Todo comezou cun acto de entrada, por medio dunha procesión desde o Seminario á Catedral de Astorga, D. Xesús ía acompañado de numeroso público, así como dunha banda de música e un grupo folclórico, e de diversas autoridades e dignidades, e arroupado polo Nuncio da Súa Santidade en España e do Arcebispo de Santiago de Compostela.

Xa na Catedral de Santa María e despois de dar a coñecer e ler as Letras Apostólicas, das palabras do Nuncio, de cederlle a sede e de entregarlle o báculo, D. Xesús pasou a presidir unha Eucaristía solemne coa que oficialmente se procedía a súa toma de posesión da diocese asturicense. A presencia na catedral dun bo número de bispos, de representanción do Cabildo, do clero e de leigos da diocese de Astorga, así como de dioceses veciñas, sobre todo tamén estivemos unha boa representación da Arquidiocese de Santiago de Compostela encabezados polo noso Arcebispo Mons. D. Julián Barrio, destacar tamén a presencia do Cardeal Arcebispo de Madrid e Vicepresidente da Conferencia Episcopal Española Mons. Osoro e do Cardeal Arcebispo de Valladolid e ex Presidente da Conferencia Episcopal Española Mons. Blázquez.

A Eucaristía foi unha vivencia inesquecible pola súa significación, a entrada do seu bispo nº 138, nunha diocese, a de Astorga, de máis de 1.700 anos de existencia, conxugaba solemnidade, emotividade e historia. E para nós acompañar a unha persoa moi especial, que entrou nas nosas vidas coa súa ledicia, humanidade, humildade..., un amigo para sempre que nos fai lembrar a Xesús de Nazaret e á súa mensaxe.

D. Jesús, presidindo a Eucaristía
(Imaxe: Xermán Manuel Torres)

D. Xesús incensando o altar
(Imaxe: Xermán Manuel Torres)

Rematada a Misa, D. Xesús saúda e bendí á xente
(Imaxe: Xermán Manuel Torres)

Na comida, D. Xesús lucindo o pectoral agasallo de Compostela
(Imaxe cedida pola Arquidiócese de Santiago de Compostela)

O pazo episcopal de Astorga, obra de Gaudí
(Imaxe de Germán Jesús Torres Sánchez) 

lunes, 6 de julio de 2020

A BONDADE E O TRABALLO, CARACTERÍSTICAS DO NOVO BISPO DE ASTORGA

D. JESÚS FERNÁNDEZ GONZÁLEZ, NOVO BISPO DE ASTORGA

Por que non dicilo, sinto tristura pola marcha do noso Bispo Auxiliar, fixo "tanto en tampouco tempo", amou e traballou tanto pola nosa Arquidiocese de Compostela, deixa aquí tantos amigos, tanta xente que respodía ao seu afecto e ao seu benfacer. Pero, o bo é que el avanza no seu camiñar, na súa misión como sucesor dos Apóstolos.

Eu ben sei da súa amabilidade, do trato exquisito coa xente, da súa capacidade de traballo, da ilusión que poñía en todo o que facía, da súa alegría, foron tantas vivencias xuntos: o traballo na fase final do Sínodo, a posta en marcha da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral, foi fundamentalmente, nesas tarefas, nas que traballamos e colaboramos xuntos nun ambiente de amizade, de cariño, de eficacia, de respecto mutuo... moitas bágoas deitei despois da rolda de prensa do día 8 de xuño de 2020, cando se fixo pública a noticia da súa elección para a Sé da diocese irmá de Astorga, que boa nova para Astorga, que mala nova para Compostela, un sentimento agridoce; tristeza pola súa marcha, ledicia polo seu avance e logo xa Deus proveerá.

Tampouco esqueceremos na parroquia Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa a súa visita pastoral á nosa parroquia o 8 de marzo de 2020, un feito inesquecible, unha xornada histórica que permanecerá por sempre na nosa lembranza.

D. Xesús, que Deus o bendiga e acompañe na misión que vai comezar, sempre nos quedan os camiños que levan a Compostela e sempre nos volveremos a atopar.

Con afectuosa lembranza, unha aperta agarimosa, porque a palabra que mellor o define na nosa lingua é esa: agarimo. 


viernes, 5 de junio de 2020

Antón Fraguas Fraguas e Xosé Filgueira Valverde



Antón Fraguas (1905-1999) and Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), were two Galician scholars that shared a lifelong friendsship with the same goal. They both dedicated their life and work to uplift Galician education, culture, and science during the 20th century. In this article, we honoured their achievements  aiming to keep their memory alive.

Prezadas amigas e amigos teño o pracer de compartir convosco o novo libro que veño de publicar, no seu día, será unha satisfacción presentar este libro na presencia e compaña queridas de todos vós.

SAÚDE E LETRAS!!!

Tamén o podedes atopar on-line clicando aquí: