domingo, 30 de mayo de 2021

A PRIMEIRA NOVELA DE PAULA CASCALLAR

 



IMPRESIÓNS E CONXETURAS SOBRE UN RELATO DE PAULA CASCALLAR LATORRE

 

Arañar el cielo. A los pies de Aloia y Xurés de Paula Cascallar é unha experiencia narrativa que semella un labirinto a xeito de aventura onde se atopa o amor de AloiaóXurés. E eles achéganse e sepáranse; pero ámanse.

Por outra banda, atopamos tamén coa loucura, coa tristeza, coa amargura da vida, mesturada de fantasía e realidade, unha estrutura envolvente onde o máxico e o real se confunden na aventura vital dos protagonistas. De súpeto temos diante a incomprensión dun ser sensible que ama ou desexa amar ata o infinito, nunha confusión de tempo e de espazo.

Que ten Aloia de Paula Cascallar? Misterio imposible de responder; mais encontramos a sensibilidade, a paixón, a creatividade; seres con gran sinceridade e gran espontaneidade e un repouso de tristura, de angustia, de náusea vital nun universo cheo de esperanzas, de medos, de interrogantes...

Unha personalidade complexa, atordada e sufrinte á da autora, quizais a protagonista que loita por ser ela mesma nunha sociedade hostil que non comprende ás persoas sensibles, creativas, propias, distintas.

Aloia e Paula inmersas no labirinto do xardín da vida na busca do amor e da felicidade.

Unha primeira novela de Paula Cascallar para sufrir con ela e participar nas loitas para saír a frote nas augas turbias do océano da vida e no alto a lúa e as estrelas escintilantes que presiden o ceo das persoas inquedas e en constante busca.

Unha novela para vivir e sentir e para saír fóra de nós na procura do outro no círculo labiríntico da roda da vida.

 

           Xermán Manuel Torres

           30 de maio de 2021





sábado, 23 de enero de 2021

FILGUEIRA VALVERDE E AFONSO X

800 ANIVERSARIO DE AFONSO X 




 Esta efeméride canto lle daría a Xosé Filgueira Valverde para escribir riolas de artigos sobre o rei chamado Sabio e a súa obra e a súa relación con Galicia. Ben é sabido que don Xosé era un dos máximos especialistas sobre a obra afonsina, sobre as súas cantigas, especialmente as dirixidas á Virxe María. A súa tese de doutoramento sobre a Cantiga CIII foi considerada, no seu momento, en palabras que lle teño escoitado ao filólogo e académico Xesús Alonso Montero, como unha xoia dos estudos da literatura comparada.

 A colaboración de D. Xosé na edición do chamado Códice Rico do Escorial e sobre todo o referido coas cantigas afonsinas e os seus coñecementos sobre o medievo déronlle unha proxección e un prestixio internacional. Como experto canto desfrutaría escribindo e conferenciando sobre estes temas que tanto lle acaían!

 Afonso X tivo a fortuna de cultivar e promover a lingua galega, que daquela era a lingua literaria de prestixio e estaba de moda; porque a nivel persoal e político o aprecio por Galicia parece ser que non era moito. Pero, por ese uso do idioma galego, mereceu en 1980 ser homenaxeado no Día das Letras Galegas. 

Nese ano, eu invitei, como presidente do Club Xuvenil Vilagarcián, a D. Xosé Filgueira Valverde para que pronunciara unha conferencia en Vilagarcía de Arousa, foi o 9 de maio daquel ano, no Auditorio da Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Invitara ao meu alumnado a escoitar tan douta conferencia que se titulou: Galicia na obra de Afonso X, que segundo o catálogo de María Xesús Fortes Alén (1996) era a núm. 875 que ditaba.

Esta conmemoración é unha oportunidade para achegarse ao coñecemento de Afonso X e a súa obra e de paso tamén para ler as obras e artigos de Xosé Filgueira Valverde sobre o tema.


Castelao
Ex-Libris de Filgueira Valverde

miércoles, 30 de diciembre de 2020

lunes, 7 de diciembre de 2020

REMEMBERING FILGUEIRA VALVERDE - RELEMBRANZAS DE FILGUEIRA VALVERDE

 

Derradeira conferencia de Filgueira Valverde en Vilagarcía de Arousa

(17-NOV.-1994)


Agora, en tempos de invernía e ao carón do lume agarimoso da lareira, facemos lembranza dun grande “obreiro da causa galega” como foi Xosé Filgueira Valverde.

A primeira vez que tiven contacto con Filgueira Valverde debeu ser no verán do ano 1967, tiña eu 10 anos, cando eu frecuentaba a parroquia de Santa María de Caldas de Reis, da que era párroco daquela D. Marcelino Torres Villar. Dicía inquedo don Marcelino, vai vir o alcalde de Pontevedra... e chegou don Xosé coa súa cámara fotográfica enfundada nunha cartucheira de cor marrón e lle reprochaba ao crego o abandono e a mala colocación dunhas pedras, que estaban tiradas preto dun valado no adro, medias cubertas de silvas, segundo Filgueira Valverde tiñan moito valor e era indigno que estiveran así, reprochaba duramente ao crego aquela situación e pedíalle un mellor trato para aqueles valiosos restos.

Andando moito tempo e lendo un Adral (en concreto o primeiro, de 1979, páxs. 263-266) de D. Xosé, dinme conta do que eran aquelas abandonadas pedras, nada máis e nada menos que un baldaquino do século XV e que hoxe pódense contemplar nun dos muros interiores da nave central da igrexa románica de Santa María de Caldas de Reis.

A segunda vez que tiven a sorte de establecer contacto co sabio pontevedrés foi no ano 1978, nunha visita que realicei ao Museo de Pontevedra cuns nenos da miña academia de Trabanca Badiña de Vilagarcía de Arousa. Nesta oportunidade falabamos con el sobre o Pazo de Patiño dese barrio vilagarcián, amosabámoslle unhas moedas que alí atoparamos e as fotos do escudo da dita casa señorial, atendeunos con moita amabilidade e explicounos as cousas de interese para facer un estudo dos restos do pazo, que hoxe lamentablemente xa non existe ao ser derruído por unha especulación inmobiliaria o seu espazo está ocupado por unha anódina urbanización de chalets.

Coincidimos no ano 1980, o ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Afonso X, das súas cantigas era Filgueira Valverde un grande especialista, á CIII dedicoulle a súa renomeada tese de doutoramento en 1935. Con tal motivo, era eu daquela presidente do Club Xuvenil Vilagarcián, inviteino o 9 de maio a dar unha conferencia (a 875) no Salón de Actos (gran salón de actos) que a Caixa de Aforros de Vigo tiña na rúa Dr. Tourón en Vilagarcía.

 

Nos anos 1993, 1994, 1995 e 1996 mantiven con el un trato frecuente epistolar, telefónico e presencial. Fixo o prólogo para o meu libro Ó GALEGO POLO TEATRO (Cumio, 1996), o 17 de  novembro de 1994, inviteino a pronunciar unha conferencia, a número 1.544 (a derradeira en Vilagarcía) co motivo dunha homenaxe que lle rendemos na parroquia de Santa Baia de Arealonga a Aquilino Iglesia Alvariño.

 

Tamén é posible que na década dos 60 do pasado século XX coincidira con el nalgún acontecemento académico no colexio San Fermín dos Padres Somascos en Caldas de Reis; pero, era eu moi neno e xa non teño recordos.

 

Gábome de ter mantido unha relación de amizade co home que máis sabía de Galicia e á que deixou para agasallo da súa cultura unha magna obra.   

lunes, 19 de octubre de 2020

QUE BOA XORNADA TIVEMOS O SÁBADO 17!

 Un grupo de amigos xuntámonos este pasado sábado para celebrar a CIV Mesa das Verbas e a VI Xornada Filgueira Valverde, sempre en Galicia, entre versos e verbas fomos gozando da poesía e da lembranza dun ser inigualable na cultura de Galicia, como é Xosé Filgueira Valverde.




Xosé Ramón Quintáns brindounos unhas fermosas palabras de benvida e de acollida e de agradecemento aos representantes da familia Filgueira, representados por X. Fernando Filgueira Iglesias, presidente da Fundación Filgueira Valverde, quen nos dirixiría unhas sentidas palabras na segunda parte do acto na VI Xornada Filgueira Valverde, sempre en Galicia.
Seguiron desgranando versos, entre os que declamamos algunhas das fermosas cantigas de D. Xosé, da súa obra: 6 cantigas de mar in modo antico, e poemas propios:
Quintáns, Luis González, Maru (que declamou un poema da nosa querida compañeira Isaura Lago), Paula Cascallar, Manuel Lage, Al Guanella (recitou un fermoso poema de Rafael Alberti dedicado a un can), Rafa Villar e Xermán M. Torres, esto foi na primeira parte, na CIV Mesa.

Na segunda parte, na VI xornada, Xermán presentou o seu libro:
Antón Fraguas Fraguas e Xosé Filgueira Valverde, dous grandes amigos na galeguidade, Novas Ediçoes Academicas, 2020. E desenvolveu unha pequena disertación, titulada: Antón Fraguas e Xosé Filgueira, dúas vidas que converxen. A continuación tivo o uso da palabra X. Fernando Filgueira Iglesias, fillo de D. Xosé, a quen lembrou, ao mesmo que recoñeceu aos galeguistas que mantiveron aceso e vivo o espírito do galeguismo en circunstancias non favorables, tamén agradeceu a Vilagarcía por organizar estas xornadas en lembranza do seu pai. Pechou o acto cunhas verbas de recoñecemento aos galeguistas que en tempos complicados souberon manter o lume aceso da nosa cultura, quen o presidía no nome do Concello de Vilagarcía de Arousa, a nosa Concelleira de Cultura, Sonia Outón, a quen a proveitamos para agradecerlle o seu respaldo á Mesa das Verbas.
Logo continuamos en boa compaña e compartimos parladoiro con algo de comer e de picar no bar A Tertulia do Paseo da Mariña da nosa cidade, tal como se recolle na seguinte reportaxe gráfica, e ata outra millorada, como dicía o grande poeta Álvaro Cunqueiro.








miércoles, 14 de octubre de 2020

VI XORNADA, FILGUEIRA SEMPRE EN GALICIA-17-10-2020

 Para manter vivo e acceso o lume da galeguidade. E lembrar a Xosé Filgueira Valverde, gran "obreiro da causa galega". A súa magna obra e a pegada da súa personalidade permanecerán por sempre connosco. A lembranza vai relacionada coa efeméride do seu nacemento: Pontevedra, 28 de outubro de 1906. Parabéns Filgueira, ti que nos contemplas no alén, despois de ben cumprida a túa misión na Nosa Terra!!!



domingo, 20 de septiembre de 2020

SUCEDEU NA ENCARNACIÓN


Meu compañeiro da infancia Eugenio Torres, o fillo do veterinario


 O colexio da Encarnación de Caldas de Reis é un dos colexios máis queridos da vila termal. Alí cursei nos meus tempos de parvuliño, rexentaban o colexio daquela as "Hermanas de la Doctrina Cristiana".

De cando empecei, teño unha anécdota verídica e un pouco rocambolesca, era o ensino daquel tempo e por persoas que tiñan pouco de mestras, esta historia é posible que a contara máis dunha vez, perdoade, son cousas da vellez. Como ten o seu chiste vouna relembrar outra vez.

Xa levaba o curso empezado, alá a principios dos anos sesenta do pasado século XX, e un compañeiriño, Eugenio Torres, o fillo do veterinario, veu ao colexio uns días máis tarde, chegou chorando, sentárono na miña mesa, ao meu carón, e o pobre seguía a chorar sen parar, desconsoladamente. Eu para ver se se calmaba, tiven unha idea, cunha folla da miña libreta, que fun plegando ata facer unha especie de acordeón e dinllo como agasallo, non me lembro se parou de chorar ou non. Decatouse deste xesto unha profesora seglar, que era moi ruín por certo, colleu o acordeón, fíxome levantar e colocoume o acordeón na cabeza a xeito de laciño e non tivo outra feliz idea que levarme a recorrer o resto das clases desta maneira, para que se riran e burlaran de min.

Chegamos a unha clase onde estaba unha nena, que era veciña miña, a filla da señora Nilda e do señor Manuel que tiñan unha panadería na rúa dos Fornos. Cando me veu daquel modo, botouse a rir e a min tamén me deu a risa; dounos un ataque de risa e non parabamos. Nesta clase estaba a directora, unha monxa que rivalizaba en ruindade con aquela malvada mestra, era mala e fea, o terror do colexio, castigounos aos dous poñéndonos de xeonllos, como no parabamos de rir, non tivo outra ocorrencia que lanzarnos, ás reboladas, unha campaíña de bronce que tiña na súa mesa. Sorte que non tivo puntería algunha e non nos deu con ela, senón houbéranos mancado e podería ter sido unha desgraza.

Pero, nese cole, a Deus grazas, había algunhas monxas boas e excelentes mestras, lembro unha moi boíña coa que rompín a ler, colléralle moito cariño a un libro, Hemos visto al Señor, que andado o tempo recupereino, comprándoo de novo. Tamén recordo nesa aprendizaxe da lectoescritura e do cálculo outros libros como: Amiguitos, Rayas e os cadernos de escritura e cálculo, os famosos cadernos Rubio. E daquela os polvos de cacao, que eu tomaba no leite e que me gustaban moito, chamábanse: Tody.

E finalmente, non me esquecerei dunha monxiña que era tan pequeniña coma nós, que cando estabamos en parvuliños cantábanos e ensinábanos cancións moi bonitas con xestos e acenos que nos gustaban moito, era unha monxa moi alegre e simpática, a madre Aurelia... Que tempos aqueles!