Mostrando entradas con la etiqueta música. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta música. Mostrar todas las entradas

sábado, 5 de agosto de 2017

LXXIII MESA DAS VERBAS - 10-08-2017; 21:30 H



O XOVES, 10 DE AGOSTO DE 2017, ÁS 21:30 H., NA PRAZA DE RAVELLA (NA PZA. DA PEIXERÍA EN CASO DE MAL TEMPO) LXXIII MESA DAS VERBAS COA COLABORACIÓN MUSICAL DE VÍCTOR CASTRO E OS SEUS SOBRIÑOS, JOSÉ LUÍS BARREIRO, E OS TERRIBLES DE AROUSA.

VINDE CEIBAR OS VERSOS AO AR DE AROUSA

SAÚDE E POESÍA

Coido que tivemos unha edición especial da Mesa das Verbas memorable, a pesares da inconveniencia do cambio horario e da forte e desagradable brisa, pero xa se sabe, estamos en agosto. Aprenderemos da experiencia para intentar unha mellor ubicación e unha hora máis axeitada, ademais doutros pequenos detalles. Aínda así, é unha edición para a lembranza. O público excelente, sobre todo os valentes que rexistiron ata o final.

No apartado musical excelente actuación de overtura por parte do fillo e netos do noso compañeiro Eduardo Víctor Castro López "EvCalo". Principiaron o fillo, Víctor Castro, profesor de música, acompañado dos seus sobriños Anxela Castro e Alejandro Pazó, que cantan como os anxos, interpretaron unha peza chamada "Cristal".

Logo, outros netos de EvCalo, Juan e Miguel Froján interpretaron o poema de Curros "O maio", con musica de X. Emilio Batallán.

José Luís Barreiro del Río interpretou varias pezas melódicas, entre elas, a súa versión de "Negra Sombra" de Rosalía, con música da autoría de Amancio Prada.

Os Terribles de Arousa, terribles como sempre, convocaron, animaron e puxeron o remate de pratino coa súa extraordinaria actuación chea de simpatía e bo facer. Son o mellor do folclore arousán. 

Ceibaron os versos ao ar nestas festas de San Roque de Vilagarcía:

- Tere Briones
- Carmen Abalo
- José Tizado
- Ramón Torrado
- Carme Darriba
- Enrique Brumbéck
- Isaura Lago
- Víctor Eduardo Castro López "EvCalo"
- Ramón Torrado
- Sergio Pazó, quen declamou o poema do seu avó "EvCalo" titulado "Raíces"
- María José Rubianes
- Jean Carballo
- Isabel Peleteiro
- Manuel Lage
- Xermán Manuel Torres

Anunciouse que a LXXIV Mesa das Verbas terá lugar o sábado, 23/09/2017, ás 18:30 h. na Sala de Conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.

San Roque nos conceda SAÚDE E POESÍA!!!

domingo, 27 de abril de 2014

X ANIVERSARIO DA FUNDACIÓN DO CONSERVATORIO PROFESIONAL DE MÚSICA DE VILAGARCÍA DE AROUSA




Con tal motivo estanse a celebrar distintos actos na nosa cidade, aos que procuramos asistir xa que este centro musical significa moito para nós, é unha parte duns intres vitais, da nosa traxectoria particular, o traballo con outros compañeiros da Asociación Atril para lograr a súa creación e a súa posta en funcionamento, polo que estamos de noraboa por esta primeira década de existencia. Sempre apoiamos aos centros de ensino musical da nosa cidade, máis agora toca gozar da nova do cumpreanos do Conservatorio.

Un dos actos celebrados foi o magnífico Concerto de Cámara celebrado este próximo pasado venres, 25 de abril, no Auditorio Municipal e a partires das 20:00 h. Cunha puntualidade máis que británica, arousá dou comezo este concerto que contentou a todos os asistentes polos entusiastas aplausos e polos comentarios moi favorables que se escoitaban.

Os músicos protagonistas e que nos deleitaron coa súa arte, foron a mestra de piano, Vladimira Samausova, profesora e Xefa de Estudos do Conservatorio, verdadeira bendición musical que afincou aquí entre nós e que é guía e mestra de tantos mozos pianistas que teñen o privilexio de recibir e gozar o seu maxisterio musical, algúns xa cos seus estudos rematados e que accederon aos estudios superiores de Música, ou que xa se estrearon como profesionais, como intérpretes e como profesores. O gran labor de Vladimira está aí para velo e para valoralo. Que dicir de Vladimira que xa non se saiba? Unha verdadeira artista na súa vocación docente e na súa executoria como intérprete. Atópase na madureza musical, ten moito que ensinar, todos debemos aprender dela e estar moi agradecidos pola súa dedicación e polo seu traballo diario no noso Conservatorio. Como sempre, Vladimira Smausova, estupenda.

Iván Maia Boullosa, mestre clarinetista e tamén profesor do Conservatorio, un mozo profesor e intérprete, cheo de moitas cualidades e con moita ilusión por seguir coa súa prometedora carreira. Pese a ser aínda novo, ten xa unha traxectoria musical importante e danos a impresión que polo seu carácter amable e entusiasta é quen de engaiolar ao alumnado do conservatorio vilagarcián. Dámoslle os nosos parabéns e que siga a nos entusiasmar coas súas iniciativas.

Lucía Lugrís Casares, moza flautista e tamén docente, por nós menos coñecida, pero gustounos moito a última peza do concerto que interpretou acompañada ao piano por Vladimira Smausova, cambiouse a orde desta peza no programa por razóns técnicas, a obra coa que nos engaiolou foi: FANTASÍA BRILLANTE SOBRE CARMEN de F. Borne. Desexámoslle moita sorte nos seus estudios superiores de Música, que vén de principiar e que axiña poidamos volver a gozar da súa música aquí en Vilagarcía.

Finalmente, reiteramos os nosos parabéns para o Equipo Directivo (que leva os dez anos ao fronte deste noso Conservatorio) e ao Claustro de Profesores do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa, de titularidade municipal, neste seu décimo aniversario, toda unha década formando profesionais da Música na nosa cidade, o que sen dúbida, constitúe unha gran boa nova. Parabéns para toda a Comunidade Educativa e que o Concello de Vilagarcía de Arousa non deixe de apostar polo ensino musical.

MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA O NOSO CONSERVATORIO!

miércoles, 28 de agosto de 2013

DAVID ÁLVAREZ CANEDA EN CONCERTO NO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA DE AROUSA

O noso bo amigo e extraordinario exalumno, David Álvarez Caneda, dará un concerto de acordeón cun variado programa na terraza da cafetería do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, na rúa Castelao, 5. O mozo acordeonista estará no Liceo Casino este venres día 30, a partires das 20:30 h., sen dúbida, teremos a oportunidade de gozar, unha vez máis, coa música deste mociño, que a parte de excelente músico, é mellor persoa. Eu tiven o pracer de compartir con el xeiras educativas no colexio O Piñeiriño de Vilagarcía. Noraboa, David, pola túa traxectoria e o magnífico futuro que te agarda.

jueves, 9 de mayo de 2013

XXVI MESA DAS VERBAS - CONSERVATORIO DE MÚSICA

O vindeiro martes 14 de maio de 2013, en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía teremos un CONCERTO-RECITAL, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, este ano dedicadas ao dramaturgo VIDAL BOLAÑO. Será ás 20:00 h. no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa con entrada libre e de balde ata completar aforo. Todos os amigos da Música e da Poesía non poden perderse este acto, estades todos especialmente convidados. Viva Galicia! Saúde e Poesía!