Mostrando entradas con la etiqueta Cátedra Filgueira Valverde. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cátedra Filgueira Valverde. Mostrar todas las entradas
domingo, 11 de noviembre de 2012
MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE-2012
Nesta ocasión o XI MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE está dedicado a un gran amigo de Filgueira e dunha familia moi significativa para Pontevedra, trátase de ALEJANDRO DE LA SOTA (Pontevedra,1913- Madrid,1996), gran arquitecto e fillo de Daniel de la Sota, o lembrado presidente da Deputación de Provincial de Pontevedra (1924-1930), nos anos da dictadura de Primo de Rivera, alá polos anos vinte do pasado século, cando empezan os anos de esplendor de Pontevedra que finalizarán cando caeu a II República.
O memorial desenvolveuse durante os días 6, 7, e 8 de novembro de 2012, a partires das 20:00 h. no marco do Salón de Actos do edificio VI do Museo de Pontevedra. O primeiro día constituíuse a mesa presidencial na que se atopaban a deputada provincial, Ana Isabel Vázquez Reboredo; representando á Universidade de Vigo, Antonia Blanco Pesqueira; o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa Silva; o director do Museo de Pontevedra e secretario da Cátedra Filgueira, Xosé Carlos del Valle Pérez; pola fundación Filgueira, Xosé Fernando Filgueira Iglesias, o fillo do personaxe central do Memorial, Juan de la Sota; e o conferenciante, o xornalista, Rafael López Torre. No acto protocolario de inauguración recoñécese o labor da Cátedra Filgueira, organizadora xunta ao Museo deste acto e a significación de Alejandro de la Sota como un dos máis importantes arquitectos españois do século XX, cunha obra moi variada e moi estudiada, destacando o traballo da fundación que leva o nome do ilustre arquitecto e que difunde o seu legado persoal, os seus arquivos e a súa obra, que son obxecto de estudio por expertos en arquitectura de todo o mundo e polo público en xeral. Seguidamente, Rafael López Torre comeza a súa disertación con palabras de agradecemento á Cátedra Filgueira, á Universidade de Vigo, ao Museo de Pontevedra e ao seu director, Xosé Carlos del Valle. Posteriormente, precisa que a súa conferencia non ten nada que ver coa arquitectura e si coa vida e a obra de Alejandro de la Sota a quen lle dedicou moito tempo de estudio, indica que foi un arquitecto que creou escola, a forxa do artista que foi e a configuración da súa personalidade veñen marcadas pola familia, a casa, a cidade, deulle moita importancia aos trinta anos da súa vida que pasou na cidade de Pontevedra. Naceu no seo dunha familia acomodada e distinguida. O seu pai, Daniel de la Sota, cántabro de orixe humilde, que nun determinado tempo foi militar, aínda que en 1917 cando obtén o destino forzoso de Melilla co emprego de comandante solicita o seu pase a supernumerario e nunca máis volveu ao exército, pasara un tempo na Escola de Debuxo da VIII Rexión Militar e é notoria a súa intervención na remodelación do cuartel de San Fernando en Pontevedra. D. Daniel era un gran debuxante (como tamén o chegaría a ser Alejandro, quen naceu cun lapis na man, aprendeu antes a debuxar que a andar), D. Daniel era algo así como arquitecto, enxeñeiro, mestre de obra; o seu fillo recoñéceo xunto con Castelao como os seus únicos mestres no debuxo. A súa nai era descendente dunha rica familia de propietarios de grandes fincas agrícolas de Salcedo, moi relacionada coa influínte e poderosa familia dos Muruais, tamén era prima de D. Xosé Mª Filgueira Martínez, pai de Filgueira Valverde polo que os de la Sota e os Filgueira tiñan unha relación moi familiar. Así como o marcaron a súa familia e as súas amizades e relacións aquí en Pontevedra, relacionouse con Castelao, seu mestre, foi amigo do seu fillo Alfonsiño e do seu sobriño “Turiñas”, un trío inseparable. Pero tamén ten influencia un edificio emblemático de Pontevedra, o do Café Moderno, onde naceu e pasou a súa infancia e mocedade, o dono deste edificio era D. Bernardo Martínez Bautista. Tamén subliñar a casa do verán, a casa solariega dos seus avós en Salcedo que lle propiciou gozosas experiencias infantís.
Outra das súas paixóns era a música, chegou a ser un virtuoso do piano e formou parte do coro de nenos da mítica Coral Polifónica de Pontevedra nos seus inicios e baixo a dirección do marinense, Blanco Porto, el tiña a avantaxe de que sabía solfexo. Emilio Quiroga presentoulle ao seu irmán, o prestixioso violinista, Manuel Quiroga, quen quedou marabillado das destrezas de Alejandro para a caricatura. Alejandro foi discípulo na música do mestre Jané, quen lle transmitiu o seu amor por Bach. Tivo unha infancia feliz, sendo tamén moi mañoso no xogo das canicas e do trompo. Estudiou no colexio dos Maristas e logo o bacharelato no Instituto de Pontevedra, situado primeiro no edificio da antiga Escola de Oficios, logo Normal, incluso cárcere, hoxe ese edificio pertence á Deputación; pasando logo ao edificio que hoxe pertence ao Instituto Valle-Inclán. Aos quince anos prodúcense dos feitos de distinto signo, un ledo: a primeira exposición da súa vida, unha exposición de caricaturas baixo a inspiración de Castelao; outro triste, precisamente a morte do fillo de Castelao, Alfonsiño, do que era grande amigo. Nestes anos da nenez e mocedade prodúcese o florecemento cultural de Pontevedra, nesta pequena cidade provinciana conflúen extraordinarios personaxes que enriquecen á capital do Teucro, entre eles, por só citar a uns poucos: Casto Sampedro, Losada, Iglesias Vilarelle, Castelao, Osorio Tafall, Sánchez Cantón, Filgueira Valverde,... Un momento único para Pontevedra. Uns dos feitos desa riqueza cultural foi a creación da revista CRISTAL, precisamente a figura feminina que aparez na portada do número 1 da revista é de Alejandro de la Sota, os debuxos do seu amigo Turiñas aparecerán nos números do 4 ao 10 de Cristal, precisamente o 10 será o último, con el púsoxe fin a este extraordinario experimento cultural. Lorca compartiu cos membros da revista Cristal unhas xornadas memorables en Pontevedra, xornadas de arte e de música, o poeta granadino ofreceu para uns poucos privilexiados un recital de cancións populares andaluzas acompañándose ao piano, entre eses elexidos estivo Alejandro de la Sota e que acompañaron ao lembrado poeta do 27 na benvida e en toda a súa estancia na cidade do Lérez. O golpe de estado co que comenza a Guerra Civil sorprendeu ao seu pai, D. Daniel, na cidade de Madrid, onde quedou aillado da súa familia, esa guerra foi orixe de moita dor para todos. Alejandro foi ferido no frente nun ollo, esa ferida de metralla deixoulle afectado o ollo para sempre; pero, non lle impediu seguir coa súa vida normal. Nestas circunstancias tan terribles deixou de debuxar, finalizou unha guerra absurda que non creou máis que separación e sufrimento, Ventura de Dios, “Turiñas”, o seu amigo de sempre, finou na guerra e en 1947, morreu de tuberculose a súa irmá maior, María; circunstancias todas tristes e mouras. El pertencería a primeira promoción de arquitectos da postguerra da Escola de Arquitectura de Madrid. “La Pastora” foi a primeira casa que deseñou, seu primeiro traballo arquitectónico. Traballou para o denominado Instituto de Colonización no deseño de pobos, tamén colaborou co Patrimonio Forestal e co CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) na Misión Biolóxica. Foi un bo irmán e preocupouse moito do seu irmán menor ca el once anos, Jesús de la Sota, quen chegaría ser un bo artista, costeoulle os seus estudos de pintura. Tanto Alejandro como Jesús foron moi independentes no seu traballo artístico, aínda que a Pontevedra da súa infancia e mocedade tivo moita influencia neles. Remata Rafael López Torre lanzando un órdago cara o centenario de Alejandro de la Sota (1913/2013), por se alguén o recolle, que se rehabilitara e volvese ao seu estado inicial o Pavillón de Deportes de Pontevedra, unha das grandes obras dun dos seus fillos máis egrexios, sería a mellor homenaxe para honrar a memoria de Alejandro de la Sota, arquitecto. Pon fin ás súas palabras agradecendo no acto a presencia de Juan de la Sota, fillo de quen centrou todo o noso interés nesta conferencia. Os sucesivos días do Memorial dedicáronse ao estudio das súas obras arquitectónicas, por medio da observación de debuxos, croquis, planos e fotografías.
- AS IMAXES POR ORDE DE APARICIÓN: A PRIMEIRA PERTENCE AO FOLLETO DO XI MEMORIAL, A SEGUNDA CORRESPONDE Á GALERÍA DE IMAXES DOS PRESIDENTES DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, que se pode consultar en www.depontevedra.es
sábado, 29 de octubre de 2011
X MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE (II)
26/10/2011 - 20:00 h.: A P U N T A M E N T O S
CONFERENCIANTE: Xosé Fuentes Alende - Secretario Técnico do Museo de Pontevedra.
CONFERENCIA: Casto Sampedro Folgar e a Antropoloxía Cultural de Galicia.
O Director do Museo, Xosé Carlos Valle Pérez, presenta ao conferenciante como un home da casa, formado no Museo como froito da creación dos alumnos colaboradores a partires dos anos corenta do pasado século. Somos compañeiros de traballo e antes de bacharelato. (Ambos discípulos de Filgueira Valverde). Xosé é un especialista en estudos antropolóxicos e folclóricos.
Xosé Alende comenza a súa disertación dando as gracias a Valle polas súas palabras de inicio, froito da nosa amizade.
Manifesta tamén a súa gratitude á Cátedra Filgueira e a quenes a sosteñen, Universidade de Vigo, Nova Galicia Banco e Museo-Deputación de Pontevedra, a quenes felicita por terlle adicado este Memorial á figura de D. Casto Sampedro Folgar.
Nos libros de Antropoloxía Cultural de Galicia apenas aparece a figura de Casto Sampedro y Folgar. Cando pensamos que é un personaxe fundamental nesa disciplina na nosa terra.
Ten traballado moito o tema dos gremios:
- Regulamentos dos Gremios.
- Gremio dos Mareantes de Pontevedra, do que é un dos máis grandes especialistas.
Que se facía en Galicia en Antropoloxía Cultural en tempos de Casto Sampedro?
Definindo o folclore como ciencia do pobo, podemos indicar os seguintes precedentes:
- S. XVIII:
. Frei Sarmiento
. Frei Feijoo
. Frei Sobreira
- 1878: Fúndase en Londres a Sociedade do Folclore.
No século do Rexurdimento en Galicia, contamos con Murguía, Saco e Arce, entre outros. Aparecen artigos relacionados, coleccións de refráns, ditos, costumes en publicacións senlleiras como: A MONTEIRA, EL HERALDO GALLEGO.
Neste século XIX, créase na Coruña, a Sociedad del Folclore Gallego co apoio da condesa, dona Emilia Pardo Bazán e que tiña como obxectivos:
- Recoller costumes, ditos,... en perigo de desaparecer
- Elaborar cuestionarios para as recolleitas como os de 1885
Pero, os resultados desta sociedade parecen máis ben pobres.
Por estas datas, Pérez Ballesteros recolle unha colección de refráns. En 1895, José Rodríguez López realiza un traballo sobre Supersticiones de Galicia.
En 1902, o Ateneo de Madrid realiza un cuestionario co fin de rexistrar aspectos relacionados con:
- Nacemento
- Casamento
- Morte
En 1904, Rovira publica EL CAMPESINO GALLEGO.
En 1905 dase o primeiro paso na Habana para crear a Real Academia Galega, que empeza a funcionar en Galicia no ano seguinte, 1906, ano que coincide co do nacemento de Xosé Fernando Filgueira Valverde. A RAG terá como obxectivos a creación dun Diccionario e unha Gramática Galega. Desde o ano da súa creación, publícase o boletín da institución. Desde 1910, mantense unha sección de folclore para a recolleita e publicación de romances, cantares, parrafeos, adiviñas,...
En 1920 aparece o Boletín Mensual da Cultura Galega, a coñecida e prestixiosa revista "Nós", voceiro da importante xeración homónima. No seu primeiro número figura o Arquivo filolóxico e etnográfico de Galicia.
O 12 de outubro de 1923, celébrase unha xuntanza no Castro de Ortoño, que se considera o acto fundacional do imprescincible Seminario de Estudos Galegos, que contaría cunha sección de Etnografía e Folclore, dirixida por Vicente Risco. En 1927 salen do prelo os ARQUIVOS, senlleira publicación do SEG.
En canto a Antropoloxía Cultural, que se facía en Pontevedra?
Na Arqueológica estábase a recoller todo o que estivera a piques de desaparecer, diversos materiais, obxectos; non tan só do patrimonio material, senón tamén do patrimonio inmaterial, oral. De aí xurdiron moitos materiais etnográficos, moitas recolleitas de carácter oral, que formarían parte da colección de Música Popular de Sampedro. Os seus fondos pasarían ao Museo de Pontevedra.
Os materiais de Casal darían lugar a uns Cantares Gallegos.
A Sociedade adiántase dez anos na confección de modelos de cuestionarios para a recolleita de vocabulario. Encárgaselle a Casal e a López de la Ballina a recolleita e a confección dun vocabulario sobre a verba dos canteiros, a xerga dos canteiros; que non da os froitos esperados.
Xa na data de 1905, deséñase un cuestionario para a recolleita de vocabulario.
Á fin sería o propio Sampedro quen se pon na tarefa da recolleita do "latín dos canteiros" e publicaría sobre o tema, moitos anos despois, García Alén no Boletín do Museo de Pontevedra.
En 1919, tamén traballa sobre a lingua dos canteiros, Julio Ballesteros Curiel.
José Casal recolle datos das aldeas de Pontevedra, e confecciónase unha Guía da parroquia de Salcedo. Trátase da primeira guía sobre unha parroquia, nela recóllense, entre outros aspectos, os seguintes:
- Muíño da Tablada
- Diversións
- O bautizo prenatal
Sampedro realizaría un estudio sobre a súa terra natal, Redondela, no que entre variadas cuestións, trata sobre:
- Topónimos acabados en -onde
- O Corpus
- Cruceiros
Pero, Casto Sampedro, tan importante como recopilador de cantigas populares galegas, destaca como antropólogo do mar:
- Costumes dos homes do mar
- Mareantes de Pontevedra
- Arquivo de Mareantes
En 1946, aparece unha publicación sobre estes temas, cun amplo estudo preliminar por parte de D. Xosé Filgueira.
Sampedro adopta o método que Sarmiento emprega no seu COLOQUIO DE GALEGOS RÚSTICOS. Sarmiento recolle coplas, logo fai un glosario de palabras que vai comentando.
D. Casto fai o mesmo sobre as ordenanzas de 1577 do gremio de Mareantes, que tiña sobre trinta páxinas, aproximadamente, e os comentarios sobre as palabras que elabora Sampedro ocupan máis de oitocentas páxinas.
Plantéxase un proxecto de estudio das Rías Baixas, Sampedro encrgaríase da de Pontevedra, Sequeiro Matos da de Vigo, a ría de Arousa corresponderíalle a Antonio Santos Hermo, avogado da Pobra do Caramiñal.
Entre a documentación que emprega e temas que trata Sampedro podemos subliñar:
- Foros e privilexios reais e arzobispais
- Pleitos
- Rede de corresponsais que lle facilitan información
- Diccionarios específicos e documentación varia
Fai acopio de material dabondo para os seus comentarios sobre as ordenanzas, que se desenvolvían en 15 artigos. Nos que se trataba sobre:
- Oficio de marear para pescadores (oficio de marear = oficio de pescar).
- Leises e pragmáticas en vigor.
- Estudo etnográfico:
. Material: embarcacións, redes, apeiros,...
. Inmaterial: costumes, xantares, reparto do pescado.
- Deberes relixiosos (prohibición de marear nos domingos e días santos, levantada a prohibición por circunstancias especiais: marear en días festivos para axudar aos menos favorecidos).
- Privilexio dos Mareantes na procesión do Corpus (dende 1568).
- Confrarías do Corpo Santo (especialmente a de San Miguel).
- Describe as artes de pesca.
- As comidas.
- As prácticas relixiosas.
- Os cercos, que para el tiñan unha gran importancia na economía de Pontevedra.
- As técnicas e trebellos da pesca (moitas veces fonte de conflictos). As xábegas, introducidas polos cataláns e das que fala o irmán de frei Sarmiento, Francisco Xabier.
- Menciónase aos arroaces como perxudiciais para a pesca da xardiña.
- Refírese á figura dos Vicarios ou Vigarios (en 1927, Filgueira Valverde publicaría na editorial Lar o seu relato titulado: O VIGAIRO).
O tomo IV dos documentos para a Historia de Pontevedra, que sería o segundo dedicado á Confraría do Corpo Santo e Gremio de Mareantes, este tomo permanece inédito, aínda que fose presentado á Deputación para a súa publicación en 1929 ou 1930. Este sería o seu índice:
- Exposición de motivos
- Textos das ordenanzas posteriores a 1577
- Documentos soltos sobre pesca
- Privilexio dos Mareantes
Anexos
Pretendíase recopilar documentos sobre o folclore dos pescadores nas tres Rías.
Remata, Fuentes Alende, indicando que sería preciso facer xustiza e poñer a Casto Sampedro no lugar que lle corresponde na Antropoloxía Cultural de Galicia.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)

