domingo, 11 de junio de 2023

CASTRO LABOREIRO, ONDE A ACOLLIDA E A SOLIDARIEDADE IDENTIFICAN A UN POBO (II)

 O domingo, 23 de abril de 2023, nun mediodía chuvioso e frío o pobo de Entrimo (Ourense) rendeu unha homenaxe ao pobo irmán do outro lado da raia, entregando unha placa conmemorativa ao solidario pobo de Castro Laboreiro en recoñecemento da vital e humana axuda aos fuxidos e refuxiados galegos e españois por mor dunha cruenta e terrorífica Guerra Civil (1936-1939) e a posterior ditadura (1939-1978), fascista, arbitraria e non menos terrorífica e cruel. Repetimos os nosos parabéns e fraterno agradecemento aos irmáns portugueses, presidiron o acto no Centro Social de Castro Laboreiro os primeiros rexedores de Melgaço e de Entrimo.




Así remataba o Seminario de Doutorado da Facultade de Educación e de Traballo Social da Universidade de Vigo no Campus de Ourense e o XXXIV Encontro de educadores galegos e portugueses pola Paz, ambas as dúas actividades coordinadas polo Dr. Xosé Manuel Cid Fernández, Decano da citada Facultade universitaria e presidente da Academia do Couto Mixto.




O encontro pola Paz, aínda tivo seu último acto no Museo da Emigración (sobre todo a Francia) en Melgaço, coa visita guiada a dito museo e coa entrega da pomba da paz e da mensaxe ao colexio público de Melgaço.




lunes, 24 de abril de 2023

CASTRO LABOREIRO, ONDE A ACOLLIDA E A SOLIDARIEDADE IDENTIFICAN A UN POBO (I)








Os días 21, 22, 23 deste mes de abril de 2023, tiven a sorte de descubrir un pobo fermosísimo: CASTRO LABOREIRO, cunhas impresionantes paisaxes de montaña. Un pobo moi interesante por moitos motivos históricos, antropolóxicos,... Un pobo da raia portuguesa, doutro lado o pobo de ENTRIMO da provincia de Ourense. A Raia crea vínculos coas xentes dun e doutro lado con historias de contrabando, de refuxiados,... de vivencias inesquecibles.

Pero, descubrín que a maior riqueza do pobo de Castro Laboreiro, pertencente ao Concello de Melgaço do fraterno PORTUGAL é a das súas xentes, persoas acolledoras, solidarias. O demostraron amplamente cando por mor da nosa triste Guerra Civil (mellor Incivil) do infausto ano de 1936, un ano que nos marcou a fogo, acolleron aos pobres refuxiados galegos, que escapaban da barbarie e da senrazón dunha represión cruel e dunha posterior criminal ditadura. Entre eses refuxiados e guerrilleiros houbo moitas mestras e moitos mestres perseguidos e represaliados. E foron acollidos, ocultados e defendidos polo exemplar e heroico pobo de Castro Laboreiro. Serva esta humilde entrada para amosar agarimo, respecto e admiración por estes nosos irmáns portugueses.

Brindoume esta inesquecible vivencia o Programa de Doutoramento de Ciencias da Educación e do Comportamento da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, coordinado polo recén reelexido Decano, o Dr. Cid Fernández, que ademais é o meu director de tese. Agradézoche que me facilitara esta grata e ricaz experiencia, aparte doutras moitas que xa temos vivido. Desenvolvemos o día 21, en Castro Laboreiro, un Seminario de Intercambio sobre teses doutorais.

Mais, como o Dr. Cid é un home polifacético e dinámico, aproveitamos a oportunidade para celebrar alí mesmo os días 22 e 23 o XXXIV ENCONTRO GALEGO-PORTUGUÉS DE EDUCADORES POLA PAZ, organizado pola NOVA ESCOLA GALEGA (con múltiples actividades, mesas redondas, puntos de encontro, un excelente roteiro por Castro Laboreiro para amosar os lugares en que foron ocultos e protexidos os nosos refuxiados e guerrilleiros, naqueles momentos de tanta penuria e miseria en ambos os dous lados da raia, e tamén un interesante acto do Couto Mixto, como foi a admisión como académica da Academia de Ciencias Sociais do Couto Mixto, da antropóloga e profesora portuguesa Paula Godinho, da Universidade Nova de Lisboa, que pronunciou un extraordinario discurso, que foi respostado polo presidente do Couto Mixto, Luis García Mañá. Tamén tivemos unha festa da Paz, onde o pobo de Castro Laboreiro agasallounos nun seu rancho, con ledas músicas, cantos e danzas, onde chegamos a participar todos cos nosos extraordinarios anfitrións, dos que estaban á fronte o inesquecible experto historiador do pobo, Américo Rodrigues, a quen acompañaba a Presidenta da Junta da Freguesía de Castro Laboreiro e Lamas de Mouro.

TESTEMUÑA GRÁFICA



Os profesores Antón Costa, Cid e Xosé Manuel Malheiro

Xosé Manuel Malheiro e Antón Costa


O profesor Antón Costa Rico disertando sobre o mestre republicano Luis Soto, quen estivo refuxiado en Castro Laboreiro


Foron tres días moi intensos, cheos de emoción, de convivencia e de fraterna relación entre irmáns portugueses e galegos e tamén dalgún asturiano que andaba por alí. Iremos dando conta en outras próximas entradas.














 

lunes, 13 de febrero de 2023

PETO

Obra plástica de PLATIS

FLASH DUN VERÁN

Xermán Torres

Peto, In memoriam

 

Na praia de Compostela nun solpor de calquera día dun verán da década dos 70 do pasado século XX.

A néboa do tempo tan só me permite contemplar a catro de entre outros mociños xuntos, sentados na daquela fina e dourada area da praia de Compostela.

Embaixo da terraza do Balneario vexo a Peto coa súa inseparable guitarra, ao meu curmán Alfonso con algunhas das súas frautas, Xulio coa súa non menos inseparable cámara fotográfica, máis eu coa miña frauta doce e coa miña harmónica.

Parolabamos do divino e do humano, sobre todo de música e faciamos soar os nosos instrumentos, sobre todo Peto, era un virtuoso coa guitarra. Pasabamos as longas e cálidas tardes de verán na nosa praia. Estabamos placidamente alí ata a noitiña. Incluso nos temos bañado nalgunha daquelas madrugadas de mocidade.

Eu pedíalle a Peto, tócaa para min, amigo Peto, tócaa outra vez... e interpretaba maxistralmente na súa guitarra para min, porque sabía que me gustaba moito A casa do sol nacente de Animals. E así pasabamos de vagar aqueles pracenteiros seráns da canícula arousán dun tempo pasado, perdido; mais inesquecible.

Agora, alá, no alén, Peto interpretará para sempre, nun tempo sen fin calquera canción nos seus máis de trescentos instrumentos de corda de case todas as latitudes. Quizais A casa do sol nacente de Animals...


 

miércoles, 8 de febrero de 2023

ACRÓSTICO DE LUÍS GONZÁLEZ BRAVO "LOIS DO SALNÉS"

 



 

Xuntos loamos esa tarefa

en compartir vocacións afines

reconducindo, Xermán, camiño,

mesa, proxectos e moitas verbas

á vez que ideas que son firmes

nacementos dos nosos escritos.

 

Talmente es obreiro activo,

obreiro e desta Terra servo,

resultas eficaz, de amplo saber,

recorrente xestor e ben lido,

eu coido non coñecer suxeito

sexa tan implicado como el;

 

de non existir o noso Xermán

estariamos como fillos sen pai.

 

A manchea de gratitude douche

bo home, meu compañeiro de lei.

¡Oxalá, Deus pague as débedas

a tanta entrega que das decote

luz que brilla na Mesa das Verbas.


19/7/22    17:13


Versos e verbas agarimosas dun amigo, non merecidos. Mais gábome de ser amigo de Lois e compartir parte do meu tempo, noso tempo para argallar ideas, proxectos e actividades na nosa querida Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa.

Parabéns e mil grazas amigo Lois.





lunes, 21 de noviembre de 2022

COLEXIATA DE SANTA MARÍA DEL MERCADO DE BERLANGA DE DUERO

Casa do Concello de Berlanga


 Berlanga de Duero é un concello e unha vila da provincia de Soria na Comunidade Autónoma de Castela-León. Constan nesta zona poboamentos da etapa prehistórica; pero, a vila cobra singular importancia na etapa medieval, onde os Tovar e os marqueses de Berlanga chegan a ter moito poder e influenza ao vincularse e relacionarse estreitamente cos Condestables de Castela.

Unha das prazas


Berlanga posúe unha enorme riqueza patrimonial. Nós ímoslle prestar especial atención á Colexiata de Santa María del Mercado xa que fixemos unha visita moi detida e un percorrido moi atento por tan impresionante monumento o sábado, 22 de outubro de 2022.

O impoñente castelo


Pero, entre outros tesouros patrimoniais, tamén contemplamos dun xeito máis xeral o Castelo, que preside este fermoso e interesante pobo. Tamén e digno de especial interese o Pazo dos marqueses de Berlanga.

Foi a parte cultural da nosa visita ao CEINCE, ao que xa lle temos dedicado unha entrada.

A Colexiata é construída grazas ao apoio económico e ao interese dos Señores de Berlanga, titulares do Castelo e da estirpe dos Tovar e co fin de afianzar o seu poder e a súa influenza e vinculacións coa Igrexa.

Altar maior da Colexiata


O arquitecto da obra é Juan de Resines. É un templo de estilo gótico-renacentista. Impresionan as súas naves e principalmente a súa nave central cunhas extraordinarias e grandes columnas que semellan unhas enormes palmeiras, que sosteñen unhas fermosas bóvedas.



Destacar o coro de madeira cos 63 asentos para os cóengos, estando só decorado o dedicado ao prior, que consta con dúas esculturas que representan a San Pedro e a San Paulo.



O altar maior está presidido pola escultura tardorrománica da Virxe do Mercado de fins do século XII. O retablo de estilo churrigueresco de madeira de pino sen policromar, datado en 1704. Cunha pintura no centro que representa á Asunción de María, atribuída a Antonio Palomino. Sinalar, finalmente, o retablo hispano flamenco da capela de Santa Ana.





Como curiosidade, preto da porta norte e no interior amósase o “Lagarto de Frei Tomás”, trátase dun caimán negro desecado que foi traído de América por frei Tomás de Berlanga en 1543. Frei Tomás foi o terceiro bispo de Panamá, quen chegou ser conselleiro de Carlos V e descubridor das Illas Galápagos.


Capela das tumbas dos nobres xemelgos

Sarcófagos dos nobres xemelgos




(Foi posible a redacción destas liñas grazas ás exhaustivas e amplos datos ofrecidos polo guía da Colexiata que nos acompañou no noso percorrido ese día).

 

E todo tivo lugar grazas á viaxe formativa e informativa a Berlanga de Duero organizada polo Dr. Cid Fernández, Decano da Facultade de Educación e de Traballo Social do Campus Sur de Ourense da Universidade de Vigo e pola acollida e as suxestións do Dr. Escolano Benito “alma mater” do CEINCE e ilustre veciño de Berlanga de Duero.

miércoles, 2 de noviembre de 2022

VISITA AO CEINCE EN BERLANGA DE DUERO

 O venres 21 e o sábado 22 de outubro de 2022, un grupo do alumnado de primeiro curso do Grao de Mestres de Primaria e do alumnado do Programa de Doutoramento e Ciencias da Educación e do Comportamento da Facultade de Educación e de Traballo Social do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, comandados polo Sr. Decano de dita Facultade, Dr. Xosé Manuel Cid Fernández e algúns profesores de dito centro universitario realizaron unha visita formativa e informativa ao CEINCE en Berlanga de Duero. Alí tivemos como extraordinarios anfitrións ao Dr. Agustín Escolano Benito e a súa dona Puri, "almas mater" dese extraordinario centro de investigación e documentación, como é o CEINCE.

Desde os xardíns do CEINCE coa vista do impoñente castelo

Nas magníficas instalacións do CEINCE que recorremos coa visita guiada do Dr. Escolano Benito, facendo unha parada moi detida nos fondos de libros de texto de distintas épocas do noso país, pero tamén se atopan interesantísimos libros de multitude de países do mundo.
Tamén se realizaron dúas sesións de discusión de teses doutorais do Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento dirixidas polo Dr. Cid Fernández, coordinador de dito programa. Participou alumnado presente na aula de investigación e de xuntanzas do CEINCE e tamén alumnado presente de xeito virtual, on line. Sendo dúas sesións moi produtivas e de gran interese, a primeira foi sobre teses de formato convencional tipo libro, e a segunda polo formato de compilación de artigos publicados en revistas de gran impacto.

Nunha das salas do CEINCE

Nunha sesión de traballo formativo-informativo co Dr. Escolano

O Dr. Agustín Escolano Benito

O Dr. Cid dirixindo unha das sesións do doutorado

Sala de reunións do CEINCE

O doutorando Torres co Dr. Escolano

A noitiña, o castelo de Berlanga desde os xardíns do CEINCE

As intensas sesións do doutoramento, a visita guiada polo CEINCE,  a sesión formativa-informativa co Dr. Escolano na Sala de Reunións do seu centro non impediron a convivencia, os espazos de lecer, e as visitas turísticas ao Castelo, á Colexiata, ao Pazo dos Marqueses de Berlanga e polas rúas e prazas deste fermoso e ben conservado pobo soriano. Os momentos das comidas, das interminables horas de autobús fomentaron a relación entre os viaxeiros, embaixadores de Galicia nas terras de Berlanga de Duero da Comunidade irmá de Castela e León.

E como dicía o noso poeta Álvaro Cunqueiro: "Ata outra millorada!"


Un microvídeo co inicio da visita ao CEINCE


Podedes visitar o blog do CEINCE:


E a súa páxina web: