sábado, 31 de diciembre de 2011

"MANOEL XOSÉ DE OLIVEIRA" - Manuel Olveira Hortas



Iniciamos hoxe unha experiencia, que tiven proxectada vai xa moito tempo, someter a amizades e persoas que admiro por algún motivo ao famoso cuestionario Proust, por ser o prestixioso novelista francés, Marcel Proust, un dos primeiros en contestalo, de aí quedoulle o nome. (Dicir que admiro e deléitome coa prosa de Proust, quen se recrea nas palabras, no período longo; teño que confesar que aínda é hoxe o día en que non din rematado de ler na lingua orixinal: A LA RECHERCHE DU TEMPS PERDU, tarefa pendente).

Coas persoas que acepten a miña proposta, iremos recuperando o tempo perdido e coñecendo un pouco máis ás persoas que contesten o inquérito. Irán aparecendo por orde de entrega.

E o primeiro en aceptar foi meu querido e vello amigo, "Manoel Xosé de Oliveira", Manuel Olveira Hortas, quen naceu en Vilagarcía de Arousa, e dende moito tempo atrás é un amante da palabra, da poesía. É unha persoa sincera, tenra, chea de humanismo; unha persoa auténtica, digna de ser querida.
Eu trabei o seu coñecemento e iniciamos unha mutua amizade a principio da década dos 80 do pasado século, sendo eu primeiro Vicepresidente e despois Presidente daquel lembrado e tristemente efímero "Club Juvenil Villagarciano", onde tantas e interesantes iniciativas xuvenís tiveron lugar (xa temos falado desto noutra entrada), como a revista poética, RODADA, auspiciada polo mencionado clube e da que o socio e despois terceiro Presidente do Club, Manoel Xosé constituiuse en alma mater. Aí descubrín o grande poeta que é Manoel Xosé. Quen hoxe se atopa afincado en Vigo, onde, entre outras cousas, exerce como Vicepresidente do Grupo Poético "Brétema", el sustenta o seu magnífico blog, que unha vez máis recomendamos:

www.grupo-bretema.blogspot.com

Velaquí as súas respostas:


CUESTIONARIO PROUST


1.- Cal é o principal trazo do seu carácter? R: Supoño que a rebeldia (ben entendida, Rebeldia Social)

2.- Que calidade prefere nun home? R: O humanismo coma elemento integrador de outras moitas calidades: humildad, sencillez e capacidade infinda por seguer aprendendo

3.- E nunha muller? R: Cabe deferenza…? A mesmas

4.- Cal é a túa principal característica? R: A iñorancia ( a capacidade de comprensión para seguir aprendendo)

5.- Que aprecia máis nas súas amizades? R: O humanismo, senxileza e humildade

6.- Cal é o seu principal defecto? R: A impotencia

7.- Cal é a súa ocupación favorita? R: alquimista e argallador de verbas e berros no silenzo

8.- Cal é o seu soño de felicidade? R: Vivir que non e pouco

9.- Cal sería a súa maior desgracia? R: Deixar ca miña ialma deixe de falar, de berrar, de comunicar

10.- Como lle gustaría ser? R: Coma un home con ialma de neno

11.- Cal é o país onde desexaría vivir? R: Na miña terra, onde vivo, en Galicia

12.- Cal é a súa cor preferida? R: Unha…? Negro, azul, gris, blanco, verde… todas forman parte de min mesmo, da miña terra

13.- Cal é a flor que máis lle gusta? R: A rosa, a margarida… todas son fermosas!

14.- Cal é o seu paxaro preferido? R: Non teño preferencia especial

15.- Cal é o seu prosista preferido? R: Cervantes, Hermann Hesse, Valle Inclan…

16.- E o seu poeta favorito? R: Un só???

17.- Cal é o seu heroe de ficción? R: Robin Hood, O Quixote…

18.- E a súa heroína de ficción? R: Pocahontas…?

19.- Quen é o seu pintor favorito? R: Goya, Rembrand, Matisse, Sorolla, Van Gogh, Dalí, Velazquez…

20.- E o seu compositor musical? R: Haydn, Mozart, Falla, Albéniz, Granados…

21.- Quenes son os seus heroes da vida real? R: Ghandhi

22.- E as súas heroínas da vida real? R: Juana de Arco, Rosalía…

23.- Que acontecementos ou características da Historia detesta máis? R: O Xenocidio da Segunda Guerra mundial, os actos de terrorismo en todolos seus xeitos: independentista, fanatismo relixioso, a violencia gratuita no conflicto Árabe/ Israeli, e todo poder absolutista ou dictactorial

24.- Quenes son os seus heroes e/ou heroínas da Historia Mundial? R: Os mesmos cos da vida real
25.- Cal é a súa comida preferida? R: Grelos con patacas, Xamón, Mexilóns, Ameixa de Carril, Polvo, Pementos de Padrón, tortilla, empanada…

26.- E a súa bebida? R: Zume de limón, laranxa, Albariño, Sidra…

27.- Cales son os nomes que máis lle gustan? Xanela, Brétema, Bágoas, Dorna, Ladaiña, Donicela, Arousa…

28.- Que detesta por riba de todo? R: A Vaidade e a Prepotencia

29.- Que personaxes históricos detesta máis? R: Fanáticos: Hitler, Stalin…

30.- Que feito militar admira máis? R: Ningún

31.- Que reforma valora máis? R: A que inda non se fixo

32.- Que don natural lle gustaría posuír? R: Non sei… chegame dabondo con vivir!

33.- Como lle gustaría morrer? R: supoño que sen ruido

34.- Cal é o estado actual do seu espírito? R: Agora, nestes intres, non está, foi dar unha volta

35.- Que defectos ou faltas lle inspiran máis indulxencia? R: Non son rexidor ou xuez, outros carguen con isa teima

36.- Cal sería o seu distintivo ou a súa divisa? R: Só duas palabras: Esperanza e Vida



* Para rematar indique unha lembranza ou algo que queira destacar sobre a comarca de Arousa-Salnés.

Os tempos da miña mocedade e xuventude, á caza de rás no Barrio dos Durans, o tempo dos Maios, ás andanzas co meu amigo Xosé Lois Vila pólo monte Lobeira e outras corredoiras, O Clube Xuvenil de Vilagarcía e a miña amizade com Xermán, presidente do Clube, Ney, Suso, Luciano, Loreto e irmán Mari Carme, e outros moitos que de seguer, seria unha longa lista. O meu tempo de estudos en Cambados i ás argalladas que faciamos de cativos, batallas de tiros ou intercâmbios de pedras ( Un feixe de cicatrices quedan na miña cachola de tales “Batallas”). A revista literária Rodada e moitas outras lembranzas que darian pra faceres un grande e longo libro biográfico.

Espero que che sirva de algo, botei toda a noite.
Unha aperta, Manoel Xosé

jueves, 22 de diciembre de 2011

BO NADAL, PRÓSPERO ANO; FÓRA CRISE


FOTO R. VARELA: Montaña galega en inverno. Arquivo: GEG.



“(...) a Terra é tan grande, na súa estensión e na súa profundidade, que non abondan os días dunha vida para coñecela; e amámola tanto que soio pensamos en facer dela unha Patria feliz”. (CASTELAO: Sempre en Galiza).

TRABALLO, XUSTIZA E LEDICIA

Cos mellores desexos da familia TORRES-SÁNCHEZ

lunes, 12 de diciembre de 2011

POESÍA, MÁIS POESÍA POR FAVOR


Xa comentamos que o pasado día 11 de novembro, desenvolveuse no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa un moi interesante I OBRADOIRO CREATIVO DE POESÍA, que tivo o seguinte guión:

I.- MOTIVACIÓN - 2'/3'

II.- CREACIÓN - 30'

III.- AUDICIÓN - 8'

IV.- LECTURA

V.- REPASO / MURAL

NA AUDICIÓN, POIDEMOS DISFRUTAR DE:

1.- MACHADO, Antonio: RETRATO. Campos de Castilla. MÚSICA: ALBENIZ: Suite Iberia: Triana. Interpretada por Stejepan Radic, piano.

2.- ALEIXANDRE, Vicente: NIÑEZ. Ámbito. MÚSICA: BEETHOVEN: Sinfonía nº 6, Pastoral en fa mayor op. 68, Allegro.

3.- ROSALÍA DE CASTRO: Santa Escolástica II. En las orillas del Sar. MÚSICA: Ara Solis de Xan Cerqueiro, interpretada por Luar na Lubre.

4.- PEREIRA VALCÁRCEL, Manuel: A traza rilla a madeira do tempo. TODO MORTE. (Mesmo fondo musical).

5.- CASTRO, Luisa: Os nenos do grupo son salvaxes coma min. De Baleas e baleas.

O pasado 8 de decembro celebramos a X MESA DAS VERBAS, na que compartiron versos:

- María Palacios (BRÉTEMA)

- Enrique Brumbéck (recitador)

- Rafa Gómez (Brétema)

- José Tizado (Brétema)

- Antonio Pinedo

- Ángeles Conde

- Antonio Quiñoy

- Carmen Darriba (Brétema)

- Evcalo

- Manoel Xosé (Brétema)

- Carmen Abalo

- Isabel Pintos

- Jean Carballo (Brétema)

- Andrea Fernández

- Xermán Torres

- Alfonso Saavedra

Atrás quedaba aquella calle adusta, / camino de los frailes y los muertos, / siempre vacía y misteriosa siempre, / con sus manchas de sombra gigantescas / y sus claros de luz, que hacen más triste / su soledad y que los ojos hieren.

ROSALÍA DE CASTRO: En las orillas del Sar.

A traza rilla a madeira do tempo / No baleiro o recendo morno dun infindo aloumiño / Pola cheminea ascenden ecos de antigas labaradas / Casa dos avós, Ranil, Sísamo / Lugar e aldea, xeografía que na distancia non esquece / renxen as táboas do sobrado / Un gato atravesa áxil os cuartos da memoria / O tellado resiste o costume dos invernos. (MANUEL PEREIRA VALCÁRCEL).


Os nenos do grupo son salvaxes coma min. / Tragamos os cristais e son o xefe indio. / A tribo obedéceme / porque teño a lingua chea de cristais / e como terra.

(Luísa Castro, Foz-Lugo, 1967)




SEGUIREMOS DANDO "A GUERRA" COA POESÍA.

domingo, 27 de noviembre de 2011

D. MARCELINO TORRES VILLAR, In memoriam


Entre os anos 1966 e 1968, eu frecuentaba case diariamente a parroquia de Santa María de Caldas de Reis, da que a igrexa parroquial é unha xoia do románico galego. Daquela era o cura párroco, D. Marcelino Torres Villar, do que gardo unha grata lembranza, eu sendo un neno trabei unha relación de amizade cun sacerdote, que penso foi un gran párroco de Santa María. Organizaba unha catequese exemplar, con moita asistencia de nenas e nenos. En 1967, tendo eu apenas dez anos, encargoume dunha sección do catecismo parroquial, ademais facía as lecturas e cantaba na misa da catequese e noutras misas. Tamén dirixín moitas veces o rezo do Santo Rosario na parroquia. O que si me arrepiaba e se podía excusaba a miña presencia, era no rezo do Rosario nos velatorios. Daquela tíñalle pánico ás cerimonias funerarias e aos cemiterios.
D. Marcelino exercía unha moi boa acción pastoral, comunicaba ben coa xente, preocupáballe a vida da parroquia, con el de párroco alí en 1968, asistín por primeira vez a unha misa en galego ou case toda en galego e lin por primeira vez unha lectura na nosa lingua na liturxia dominical. Foi un acontecemento inesquecible, aínda que co paso do tempo, algo borroso na miña memoria.
Hai outro episodio que recordo ben, a visita de Filgueira Valverde cunha máquina fotográfica nas mans e que lle reprochaba a D. Marcelino a situación dunhas pedras, que había por alí nun valado preto de cemiterio parroquial, indicándolle que aqueles restos merecían un lugar máis digno. Andado o tempo, souben que aquelas antigas pedras eran os restos dun baldaquino do século XV, que tal vez sería unha das primeiras testemuñas da Descuberta de América. Ese baldaquino está hoxe no interior do templo, nun lugar de honra. D. Marcelino seguindo o consello do ilustre e sabio pontevedrés buscou mellor sitio para aquelas históricas pedras, que naqueles lonxanos intres estaban abandoadas á intemperie. Sobre este baldaquino temos feito unha antiga entrada nesta bitácora.
D. Marcelino tamén emprendeu a mellora e ampliación do cemiterio parroquial, asunto que o tivo moi preocupado e con moito traballo.
Souben moitos anos despois que D. Marcelino estivera destinado en Pontevedra en anos anteriores á Guerra Civil (1936-39) e no transcurso da mesma e que alí dera clase nunha academia, tal como recolle Rafael Landín Carrasco nun dos seus escritos sobre a súa cidade natal e que fora capelán dos carlistas (requetés) e ponse na súa boca unha brabuconada tan típica daqueles momentos de extrema violencia.
Nesa época, xa o tildaran como "Miss Clero", porque debía ser un bo e garrido mozo. Cando eu o coñecín xa era un home maior; pero, tiña boa planta e era moi elegante, tiñan as mulleres máis interés por el, que el por elas, neste aspecto había moita lenda, moitos chismes e pouca realidade. Parecíame un sacerdote íntegro, un gran pastor e un excelente párroco.
Despois, andado o tempo, trasladaríase de novo para Pontevedra e souben nos anos oitenta do pasado século que fora capelán do Hospital Montecelo. Precisamente, por razóns laborais e de xubilación, D. Marcelino gañáralle un preito á Seguridade Social.
Era un gran tipo, D. Marcelino; gardo a lembranza da súa amizade con moito agarimo.

viernes, 18 de noviembre de 2011

AFECCIÓN POLA HERÁLDICA





Estudiabamos, cando eramos uns mociños, alá en 3º e 4º do antigo bacharelato elemental, na década dos setenta do pasado século que había unhas ciencias auxiliares da historia, como a xeografía, a cronoloxía, a numismática, a epigrafía, a heráldica,... A min sempre me atraeu a heráldica, aínda que confeso a miña supina ignorancia no tema, aínda que me guste.

O pouquiño que sei, transmítollo cada ano, no primeiro trimestre do curso a uns alumniños e alumniñas de sete anos, que prestan moita atención e aprenden catro cousiñas, unha moi pequena e moi somera introducción á heráldica.

Programamos un PASEO POR VILAGARCÍA. Empezamos pola rúa Vista Alegre, avanzamos e paramos fronte ao muro do convento das relixiosas "Agustinas Recoletas", o que está preto das escalinatas que van cara o Montiño e o Castro de Alobre, berce da cidade, e descuberto e estudiado por Fermín Bouza Brey. Alí explícolles como recoñecer os escudos eclesiásticos, observando os tres que alí podemos observar. Escudos cos seus bordóns (que eles chaman cordiñas con nudos). Camiñamos un pouquiño máis e examinamos a fachada da igrexa conventual e topamos con outro escudo eclesiástico. Dígolles que os edificios antigos fálannos cos seus símbolos de pedra, como os escudos que nos falan de personaxes e da súa xenie. Xirámonos e miramos cara as fachadas dos edificios que forman parte do Pazo de Vista Alegre, o pazo dos marqueses de Vilagarcía e encontramos outro tipo de escudos, os escudos civís, mirámolos ben e por contraste recoñecemos as súas diferencias cos eclesiásticos; os escudos civís ("non teñen cordiñas con nudos") e estes rematan cunha coroa, neste caso a coroa de marqués. Dun xeito sinxelo aprenden a distinguir os dous tipos de escudos e que hai máis coroas que as de rei e que son distintas.
Fixáronse máis detidamente nos escudos, nos que quizais antes non repararan e que Vilagarcía ten a súa riqueza heráldica, malia os nobles e antigos edificios que se teñen destruido.
Logo fixámonos na placa que hai no muro norte da igrexa conventual, onde se fala de D. Fernando de Andrade y Sotomayor, que chegou ser arcebispo da arquidiócese de Compostela, pertencía á familia do marquesado de Vilagarcía, foi o fundador do convento e da igrexa de Vista Alegre, os escudos son os seus escudos; así queda a testemuña histórica do seu nome e apelidos nos muros destes edificios antergos do século XVII, dos poucos que quedan en pé en Vilagarcía, sobre todo os de carácter civil.

Deixamos a rúa Vista Alegre, cruzamos o río do Con, atravesamos a rúa Castelao, a praza de Galicia, a rúa Rey Daviña, Castor Sánchez; por fin, chegamos á Casa do Concello, onde nos recibiron o Sr. Alcalde, a Sra. Concelleira de Educación e o Auxiliar de Protocolo, fomos recibidos no Salón Noble do Concello. Alí dannos explicacións sobre o escudo de Vilagarcía, coa súa coroa real, os distintos cuarteis: o superior coa representación dos tres castros, a chave, o pino e as frechas, o barco, a espada sobre fondo vermello, que indica as loitas patrióticas pola defensa da cidade (sobre todo a Guerra da Independencia, 1808-1809),...

Os nenos descubriron un mundo novo e abraiante; o dos escudos, o da heráldica. Cando teña máis tempo afondarei nesta ciencia auxiliar da historia.

Regresamos, non sin antes pasar por diante da igrexa parroquial de Santa Eulalia de Arealonga, igrexa barroca, que na súa fachada principal ten dous escudos xemelgos, que xa nos soan, porque son da familia do marquesado de Vilagarcía, xa que o arcebispo de Andrade y Sotomayor foi promotor e sostén da súa construcción. Na fachada de entrada á capela do Pilar ou de San Miguel atopamos un escudo eclesiástico. Así, finalmente, podemos repasar os sinxelos contidos sobre escudos civís versus eclesiásticos.

Oxalá algúns destes meniños e meniñas poidan chegar a ser historiadores expertos en heráldica. Nós pretendimos espertar o interese por coñecer un pouco a súa cidade e poder albiscar o que nos contan as pedras que tamén falan e contan as súas historias.

PARA MÁIS INFORMACIÓN:

- Viana Martínez, Víctor, Clopés Burgos, Juan José: EL ARZOBISPO ANDRADE, UN VILAGARCIÁN ILUSTRE. Pontevedra, Concellería de Cultura / Concello de Vilagarcía de Arousa, 2004.

- Naveguen pola WEB do CEIP O PIÑEIRIÑO:

www.centros.edu.xunta.es/ceipopineirino

miércoles, 9 de noviembre de 2011

IX MESA DAS VERBAS



CELEBRAMOS COMO SEMPRE UNHA MESA DAS VERBAS MUY PARTICIPATIVA. COMPARTIRON VERSOS, OS SEGUINTES AMANTES DA POESÍA:

- Juan Antonio Porto (neto de Porto Rey), leu poemas do seu avó

- Enrique Brumbéck (recitador)

- Antonio Pinedo

- Ángeles Conde

- Carmen Darriba (Brétema)

- José Tizado (Brétema)

- Antonio Quiñoy

- María Palacios (Brétema)

- Mª Isabel Pintos

- Carmen Abalo declamou o poema da súa nai: GALICIA ESPERTA

- Andrea Fernández

- Jesús Recio

- Manoel Xosé de Oliveira (Brétema)

- Jean Carballo (Brétema)

- Ramón Torrado

- Alfonso Saavedra

- Xermán Torres

arousatv fixo unha reportaxe que pode verse en



www.arousatv.com



A quen lle agradecemos a súa xentileza.


CAOS

Outono infernal,
sequía cerebral.

Sociedade insaciable
con capitalismo adorable
que ofrece igualdade,
traballo, oportunidades a eito.

Vivimos no mellor
mundo posible...
Podedumbre, miseria,
corrupción...
Quen dixo medo?

A solidariedade reina por doquier,
Maio do 68,
movementos de liberación,
revolucións.
Oh! Mundo ideal,
imperio da lei,
estado do benestar;
quen se pode queixar?

Que mundo!
ONU, OTAN,
UNICEF, OUA...
Alguén quere máis?

Todo o solucionarán
a UE, o FMI, o BM...
Pobre Dámaso Alonso!
Neste mundo
formidable de siglas
e máis siglas.

Nelas podes afogar,
con elas
todo se pode arranxar.

Que mundo feliz!
Que mundo!

XERMÁN TORRES, outubro-2011


O venres 11 de novembro ás 21:00 h., celebramos no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa o I OBRADOIRO CREATIVO DE POESÍA, ao que asistiron once persoas; nove de forma activa participando nunha proposta creativa: LEMBRANZAS DA MIÑA INFANCIA (a rúa da miña infancia, o pobo da miña infancia, personaxes da miña infancia, medos da miña infancia) e dúas a xeito de observadoras. Os asistentes disfrutaron, nunha nova oportunidade, da poesía, foi unha ocasión interesante, outra alternativa para o tempo de lecer.



LEMBRAMOS QUE A X MESA DAS VERBAS, ÚLTIMA DESTE ANO, TERÁ LUGAR O DÍA XOVES 8 DE DECEMBRO ÁS 21:00 H. NAS INSTALACIÓNS DO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA DE AROUSA DA RÚA CASTELAO, Nº 5. ALÍ ESPERAMOS A TODOS OS QUE DISFRUTAN DEBULLANDO VERSOS.

sábado, 29 de octubre de 2011

X MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE (II)







26/10/2011 - 20:00 h.: A P U N T A M E N T O S

CONFERENCIANTE: Xosé Fuentes Alende - Secretario Técnico do Museo de Pontevedra.

CONFERENCIA: Casto Sampedro Folgar e a Antropoloxía Cultural de Galicia.

O Director do Museo, Xosé Carlos Valle Pérez, presenta ao conferenciante como un home da casa, formado no Museo como froito da creación dos alumnos colaboradores a partires dos anos corenta do pasado século. Somos compañeiros de traballo e antes de bacharelato. (Ambos discípulos de Filgueira Valverde). Xosé é un especialista en estudos antropolóxicos e folclóricos.

Xosé Alende comenza a súa disertación dando as gracias a Valle polas súas palabras de inicio, froito da nosa amizade.
Manifesta tamén a súa gratitude á Cátedra Filgueira e a quenes a sosteñen, Universidade de Vigo, Nova Galicia Banco e Museo-Deputación de Pontevedra, a quenes felicita por terlle adicado este Memorial á figura de D. Casto Sampedro Folgar.

Nos libros de Antropoloxía Cultural de Galicia apenas aparece a figura de Casto Sampedro y Folgar. Cando pensamos que é un personaxe fundamental nesa disciplina na nosa terra.
Ten traballado moito o tema dos gremios:

- Regulamentos dos Gremios.

- Gremio dos Mareantes de Pontevedra, do que é un dos máis grandes especialistas.

Que se facía en Galicia en Antropoloxía Cultural en tempos de Casto Sampedro?

Definindo o folclore como ciencia do pobo, podemos indicar os seguintes precedentes:

- S. XVIII:

. Frei Sarmiento
. Frei Feijoo
. Frei Sobreira

- 1878: Fúndase en Londres a Sociedade do Folclore.

No século do Rexurdimento en Galicia, contamos con Murguía, Saco e Arce, entre outros. Aparecen artigos relacionados, coleccións de refráns, ditos, costumes en publicacións senlleiras como: A MONTEIRA, EL HERALDO GALLEGO.

Neste século XIX, créase na Coruña, a Sociedad del Folclore Gallego co apoio da condesa, dona Emilia Pardo Bazán e que tiña como obxectivos:

- Recoller costumes, ditos,... en perigo de desaparecer
- Elaborar cuestionarios para as recolleitas como os de 1885

Pero, os resultados desta sociedade parecen máis ben pobres.

Por estas datas, Pérez Ballesteros recolle unha colección de refráns. En 1895, José Rodríguez López realiza un traballo sobre Supersticiones de Galicia.

En 1902, o Ateneo de Madrid realiza un cuestionario co fin de rexistrar aspectos relacionados con:

- Nacemento
- Casamento
- Morte

En 1904, Rovira publica EL CAMPESINO GALLEGO.

En 1905 dase o primeiro paso na Habana para crear a Real Academia Galega, que empeza a funcionar en Galicia no ano seguinte, 1906, ano que coincide co do nacemento de Xosé Fernando Filgueira Valverde. A RAG terá como obxectivos a creación dun Diccionario e unha Gramática Galega. Desde o ano da súa creación, publícase o boletín da institución. Desde 1910, mantense unha sección de folclore para a recolleita e publicación de romances, cantares, parrafeos, adiviñas,...

En 1920 aparece o Boletín Mensual da Cultura Galega, a coñecida e prestixiosa revista "Nós", voceiro da importante xeración homónima. No seu primeiro número figura o Arquivo filolóxico e etnográfico de Galicia.

O 12 de outubro de 1923, celébrase unha xuntanza no Castro de Ortoño, que se considera o acto fundacional do imprescincible Seminario de Estudos Galegos, que contaría cunha sección de Etnografía e Folclore, dirixida por Vicente Risco. En 1927 salen do prelo os ARQUIVOS, senlleira publicación do SEG.

En canto a Antropoloxía Cultural, que se facía en Pontevedra?

Na Arqueológica estábase a recoller todo o que estivera a piques de desaparecer, diversos materiais, obxectos; non tan só do patrimonio material, senón tamén do patrimonio inmaterial, oral. De aí xurdiron moitos materiais etnográficos, moitas recolleitas de carácter oral, que formarían parte da colección de Música Popular de Sampedro. Os seus fondos pasarían ao Museo de Pontevedra.
Os materiais de Casal darían lugar a uns Cantares Gallegos.
A Sociedade adiántase dez anos na confección de modelos de cuestionarios para a recolleita de vocabulario. Encárgaselle a Casal e a López de la Ballina a recolleita e a confección dun vocabulario sobre a verba dos canteiros, a xerga dos canteiros; que non da os froitos esperados.
Xa na data de 1905, deséñase un cuestionario para a recolleita de vocabulario.
Á fin sería o propio Sampedro quen se pon na tarefa da recolleita do "latín dos canteiros" e publicaría sobre o tema, moitos anos despois, García Alén no Boletín do Museo de Pontevedra.
En 1919, tamén traballa sobre a lingua dos canteiros, Julio Ballesteros Curiel.

José Casal recolle datos das aldeas de Pontevedra, e confecciónase unha Guía da parroquia de Salcedo. Trátase da primeira guía sobre unha parroquia, nela recóllense, entre outros aspectos, os seguintes:

- Muíño da Tablada
- Diversións
- O bautizo prenatal

Sampedro realizaría un estudio sobre a súa terra natal, Redondela, no que entre variadas cuestións, trata sobre:

- Topónimos acabados en -onde
- O Corpus
- Cruceiros

Pero, Casto Sampedro, tan importante como recopilador de cantigas populares galegas, destaca como antropólogo do mar:

- Costumes dos homes do mar
- Mareantes de Pontevedra
- Arquivo de Mareantes

En 1946, aparece unha publicación sobre estes temas, cun amplo estudo preliminar por parte de D. Xosé Filgueira.

Sampedro adopta o método que Sarmiento emprega no seu COLOQUIO DE GALEGOS RÚSTICOS. Sarmiento recolle coplas, logo fai un glosario de palabras que vai comentando.
D. Casto fai o mesmo sobre as ordenanzas de 1577 do gremio de Mareantes, que tiña sobre trinta páxinas, aproximadamente, e os comentarios sobre as palabras que elabora Sampedro ocupan máis de oitocentas páxinas.

Plantéxase un proxecto de estudio das Rías Baixas, Sampedro encrgaríase da de Pontevedra, Sequeiro Matos da de Vigo, a ría de Arousa corresponderíalle a Antonio Santos Hermo, avogado da Pobra do Caramiñal.

Entre a documentación que emprega e temas que trata Sampedro podemos subliñar:

- Foros e privilexios reais e arzobispais
- Pleitos
- Rede de corresponsais que lle facilitan información
- Diccionarios específicos e documentación varia

Fai acopio de material dabondo para os seus comentarios sobre as ordenanzas, que se desenvolvían en 15 artigos. Nos que se trataba sobre:

- Oficio de marear para pescadores (oficio de marear = oficio de pescar).
- Leises e pragmáticas en vigor.
- Estudo etnográfico:
. Material: embarcacións, redes, apeiros,...
. Inmaterial: costumes, xantares, reparto do pescado.

- Deberes relixiosos (prohibición de marear nos domingos e días santos, levantada a prohibición por circunstancias especiais: marear en días festivos para axudar aos menos favorecidos).
- Privilexio dos Mareantes na procesión do Corpus (dende 1568).
- Confrarías do Corpo Santo (especialmente a de San Miguel).
- Describe as artes de pesca.
- As comidas.
- As prácticas relixiosas.
- Os cercos, que para el tiñan unha gran importancia na economía de Pontevedra.
- As técnicas e trebellos da pesca (moitas veces fonte de conflictos). As xábegas, introducidas polos cataláns e das que fala o irmán de frei Sarmiento, Francisco Xabier.
- Menciónase aos arroaces como perxudiciais para a pesca da xardiña.
- Refírese á figura dos Vicarios ou Vigarios (en 1927, Filgueira Valverde publicaría na editorial Lar o seu relato titulado: O VIGAIRO).

O tomo IV dos documentos para a Historia de Pontevedra, que sería o segundo dedicado á Confraría do Corpo Santo e Gremio de Mareantes, este tomo permanece inédito, aínda que fose presentado á Deputación para a súa publicación en 1929 ou 1930. Este sería o seu índice:

- Exposición de motivos
- Textos das ordenanzas posteriores a 1577
- Documentos soltos sobre pesca
- Privilexio dos Mareantes

Anexos

Pretendíase recopilar documentos sobre o folclore dos pescadores nas tres Rías.

Remata, Fuentes Alende, indicando que sería preciso facer xustiza e poñer a Casto Sampedro no lugar que lle corresponde na Antropoloxía Cultural de Galicia.