lunes, 25 de abril de 2016

IMPRESIÓNS SOBRE UNHA OBRA DE TEATRO: Palabras malditas








1.- LIMIAR

Nun primeiro momento quixera precisar, mesmo berrar que o teatro galego existe, que a lingua galega aínda está a existir; existe o teatro en lingua galega e existen a pesar dos pesares e de todos atrancos, mesmo dos aldraxes de moitos.
Penso que é máis necesario que nunca manter unha programación estable de teatro en lingua galega, crear hábito de asistir ás representacións como esta que logo imos comentar.
Podemor ir do teatro á lingua e da lingua ao teatro. Non vou repetir os beneficios evidentes que nos aporta o teatro. Mais as entidades públicas e privadas deberan apoiar xenerosamente ao noso teatro. Sería desexable promover e estimular a asistencia do público ás representacións. O teatro galego, como catarse do pobo galego, quen proba do veleno do teatro xa non o pode deixar.

2.- COMENTARIOS, POSIBLE ANÁLISE E CONXETURAS

Despois deste limiar que coido necesario ou innecesario, non sei, vou referir que o sábado 9 de abril, nunha tarde "parda y fría" decidín ir o teatro por riba de todo, precisamente na miña vila, en Vilagarcía e no seu Auditorio Municipal, ás nove da noite poñían, Palabras malditas de Eduardo Alonso. Foi unha boa decisión. Teño que dicir que a obra agradoume moito, penso que é moi rica en recursos, en detalles e ademais de facer pasar uns intres interesantes de lecer, tamén para facer pensar, para reivindicar; é unha obra chea de contido, posúe a maxia das verbas, dos versos.

Imos coas impresións, conxeturas e sinxela análise: 

- TÍTULO: Palabras malditas.     AUTOR-DIRECTOR: Eduardo Alonso.

- GRUPO TEATRAL: Teatro do Noroeste.

- TEMAS: Relacións humanas, poesía, drama da Guerra Civil (1936-1939) e das súas consecuencias.

- ARGUMENTO: Imos sabendo que un profesor de Francés de Vilagarcía, Vicente Rincón, ten que agocharse por mor de ser perseguido polas súas relacións homosexuais, as patrullas incontroladas de falanxistas andaban tras del.

Acaba por refuxiarse na pensión de dona Ermitas e alí, desde o primeiro día, entra en relación cunha moza, Clara, que será a súa compañeira de pensión. Ela víase obrigada, para sobrevivir naquel ambiente frío e hostil da Guerra Civil e da postguerra, a practicar a prostitución. Desde o primeiro momento, ambos os dous manteñen unha curiosa relación e atracción. Entre outras cousas porque os dous eran poetas, buscadores de esperanza e sementadores de palabras malditas. Pero, aquela sociedade pechada e cruel que condicionaba as súas vidas, era o seu cárcere, a gaiola que impedía dar a luz a súa experiencia creadora. Ela propón a fuxida a México en busca de mellor vida, alí, sen dúbida, serían ben recibidos por tantos galegos republicáns exiliados. Vicente sabía que para el eso sería imposible, pero dille a ela que é nova, que intente fuxir sen el. Vai existir un acontecemento, un elemento reflectido na obra que vai cambiar, dar un xiro total ao que vai suceder, este feito condicionao todo, como moitas veces tamén sucede na vida real. Ela pretende amañar con algún rico amante o tema das pasaxes que permita a fuxida dos dous. Pero ese incidente capital que o cambia todo e que da un senso de dramatismo e de crueldade á trama (e que non imos dar a coñecer para que Vdes. se aínda non foron, acudan a ver esta interesante obra), fai que cando Clara voltaba cos dous billetes para a liberdade que supuña México, Vicente xa non está na pensión, segundo lle informa Dna. Ermitas os falanxistas deran con el e levarono preso.
Clara á fin ten que marchar soa para México cargada coa maleta chea de versos de Vicente. Co recurso moi ben utilizado na obra de flash-back Clara regresa despois de corenta anos, convertida nunha afamada e recoñecida poetisa. Nunha entrevista a unha moza periodista e tomando un café decláralle a verdadeira historia de Vicente Rincón e da súa relación con el e cos seus poemas de palabras malditas. A obra comeza como termina con Clara xa moi maior facendo o seu relato e as súas confesións á moza xornalista e cunha intención, renderlle tributo a Vicente Rincón, o profesor de Francés de Vilagarcía, co que descubriu a maxia dos versos e a anguria das palabras malditas dun tempo maldito.

Xogando a facer unha pequena crítica, dicir que na obra, como xa dixemos, emprégase o recurso do flash-back para ir narrando a historia do perseguido profesor e poeta, así como a súa relación coa moza Clara. Chégase a unha perfecta identificación entre Vicente<->Clara, protagonistas da peza.

Entran no xogo os aspectos connotativos e denotativos e hai unha magnífica utilización da elipse, suxírese tanto como o que se di e como o que pasa na escena. Grazas ao manexo maxistral de todos estes recursos a obra énchese de contido e podemos entender ben a historia no seu contexto.

A posta en escena moi ben lograda. Decoración con elementos sinxelos, pero con moita verosimilitude.

A luminotecnia ben empregada e ao servizo do drama. Créase un ambiente lúgubre, como correspondía ao país no tempo histórico no que se desenvolve a historia. Os vídeos que se proxectan na pantalla de fondo, acentúan ese aspecto mouro e gris e frío, de nubes e chuvia reforzan esa impresión gris, fría daquel tempo e daquel país. Incídese así no clima do drama e da traxedia da Guerra Civil (1936-1939) e da conseguinte longa e triste noite de pedra da postguerra.

Outro engado da obra constitúeo o seu contido poético e da literatura dentro da literatura, a metaliteratura, cítase e lese poesía francesa de autores (falo de memoria e pódome trabucar) como Paul Eluard, Gallimart, Baudelaire. Como contrapunto para pasar o tempo Vicente Rincón le aventuras da autoría de Emilio Salgari.

Tamén o recurso de sintonizar unha radio conectada coa recén creada Radio Nacional de España (RNE), a radio ao servizo e á maior gloria do réxime autoritario, reflicte a triste realidade, trátase dun xeito de conectar con ela.

Outro detalle a ter en conta e para valorar é a música en vivo e en directo de piano. A propia iluminación do piano debeu ser menos visible, pois é un estorbo, pode distraer ao expectador, constitúese nun elemento distractor. Ten o valor de música propia, especialmente composta para a función, aínda que mellorable para adaptala máis ao climax da propia obra,

Moi bo traballo de actores, podemos falar dunha boa economía de actores e en xeral do desenvolvemento conxunto da obra, cun moi bo resultado artístico e cunha boa economía de medios. Sen grandes alardes e parafernalias pódese obter un magnífico producto artístico, teatral como é neste caso.

Pódese tamén consultar: VIEITES, M.F.: "Palabras malditas. Da bendita memoria" en Faro da Cultura - p. VIII, Faro de Vigo, 14/04/2016.

Donas e cabaleiros compre ir ao teatro

ÁBRESE O PANO

martes, 12 de abril de 2016

LVIII MESA DAS VERBAS-23-ABRIL-2016-18:30 H.


Vinde soltar versos ao ar, na nosa fermosa e agarimosa lingua galega, nun marco de liberdade e amizade.

Neste Día do Libro, lembraremos tamén á Miguel de Cervantes.

E non deixaremos de facer memoria dos nosos poetas mortos.

Lembrade o 23, vémonos no Auditorio ás 18:30 h. Agardámosvos a todos e todas, non faltedes. 

domingo, 27 de marzo de 2016

DÚAS CARTAS DE RAMÓN PIÑEIRO A FILGUEIRA VALVERDE

 
 (Filgueira Valverde con Fernández del Riego e Ramón Piñeiro nun acto galeguista na década dos 70 do pasado século XX)


Ramón Piñeiro López (Armeá, Láncara, 1915 - Santiago de Compostela, 1990). Foi un importante e influinte intelectual e político galego. Antes da Guerra Civil vinculado coas Mocidades Galeguistas. Despois da Guerra e na dictadura franquista mantivo vivas as inquedanzas galeguistas e foi líder indiscutible do galeguismo interior, tendo sido represaliado e sufrindo a cadea polos seus ideais. Alentou sempre a defensa de Galicia e do galego. Foi membro fundador e director literario da editorial Galaxia (1950-1963). Iniciou a importante revista de pensamento galeguista Grial, axudou a crear o Partido Socialista Galego (1963). Na chamada época da Transición é cofundador con outros intelectuais galeguistas do grupo Realidade Galega. Tivo un forte peso no activismo galeguista nesa etapa, foi famosa a chamada "mesa camilla" de Piñeiro en Santiago de Compostela, apoiaba todo tipo de iniciativas culturais e políticas co fin de conseguir o maior grao posible de autonomía política para Galicia nun plano de igualdade coas outras comunidades históricas. Foi deputado independente polo PSOE no primeiro Parlamento galego (1981-1985) e primeiro Presidente do Consello da Cultura Galega (1983-1990), neste cargo sucederíao Filgueira Valverde por mor do seu pasamento. Foi o chamado filósofo galego da saudade. Foi membro da Real Academia Galega e recibiu a Medalla Castelao en 1985. As súas principais obras:

- La saudade, ensayos (1953).

- Olladas no futuro (1974).

- Filosofía da saudade (1984).

Estivo en contacto permanente con Xosé Filgueira Valverde para apoialo e felicitalo polas súas accións e obras a prol de Galicia e do galeguismo. Os dous compartían inquedanzas pola lingua galega e a súa defensa, así como polo traballo en favor da nosa cultura co obxectivo de soerguer Galicia.
Piñeiro pensaba que en todas as opcións políticas que actuan en Galicia tiña que haber unha ponla galeguista. Desexaba convencer que hai que loitar polo progreso de Galicia e polo uso e defensa activa da lingua e da cultura galegas.

Estando de pescuda no Arquivo Documental e Gráfico do Museo de Pontevedra, fonte inesgotable de información e de documentación valiosa para os estudosos galegos, atopeime cun pequeno epistolario de Ramón Piñeiro para Filgueira Valverde. E na sinatura: Filgueira, 380-83, topeime con dúas cartas de Ramón Piñeiro a Filgueira Valverde do ano 1951. A primeira transcríboa completa e textualmente, da segunda reflicto algúns dos fragmentos que considero máis salientables.

Vigo, 11-2-1951

                            Meu querido amigo:


     O xoves teño mentes de ir a Pontevedra e pasar ahí a tarde. Tamén irá Paco, que ten que facer ahí algunhas xestións e aproveito a ocasión pra irmos xuntos. Farei por atopalo e así charlaremos de "Galaxia".

                                                        Unha aperta do seu amigo

                                                                    R. Piñeiro


Carta de Ramón Piñeiro a Filgueira Valverde, datada en Lugo, 6-3-1951. Fálalle da posible creación "da seicción de Filoloxía Románica" incluindo unha cátedra de "Língoa e Literatura galaico-portuguesa" na Facultade de Filosofía de Santiago. E Ramón Piñeiro soña como primeiro catedrático nesa posible Cátedra na figura do Dr. Filgueira Valverde.
Finaliza o anverso desta carta do seguinte xeito: "E n-iste soño de nos sentire orgaizadores libérrimos da seicción de Filoloxía Románica na Universidade Galega o primeiro titular da cátedra de língoa e literatura galaico-portuguesa é inevitablemente o Dr. Filgueira. Xa veremos si é verdade que os soños se cumpren. Ninguén se folgaría máis".
No reverso da mesma misiva, Ramón Piñeiro manifesta que pensa viaxar algún día a Pontevedra desde Santiago para "discutir" con Filgueira de cuestións de lingua, tendo presente ao padre Sarmiento.

E remata así esta carta:

"En fin, quizais seña ista unha das groriosas aportacións da futura cátedra de 'Língoa e Literatura galaico-portuguesa' baixo a direición do seu titular Dr. Filgueira Valverde... si é verdade que os soños se cumpren.


                                                    Unha forte aperta do seu amigo

                                                                             Ramón Piñeiro"


Resulta curioso por que Ramón Piñeiro insiste no seu soño de que Filgueira Valverde fose ese primeiro Catedrático de Lingua e Literatura galaico-portuguesa na Universidade Galega. Pensamos que pola súa solvencia científica e categoría intelectual, porque sería quen de desenvolvela e consolidala axeitadamente, polo que significaba Filgueira Valverde e pola consideración que tiña no réxime anterior. Con el dita cátedra seguiría adiante. Por fin esa cátedra chegaría máis tarde a ser unha realidade e o seu primeiro catedrático sería o profesor e tamén galeguista, Ricardo Carballo Calero. E desta cátedra e da Facultade conseguinte sairían tantos e bos lingüístas e filólogos galegos, moitos dos cales exerceron e aínda exercen fructífero maxisterio. O soño de Ramón Piñeiro cumpriuse en parte, loxicamente sen ser o catedrático soñado Filgueira Valverde.

jueves, 17 de marzo de 2016

PRESENTACIÓN DA REVISTA GALEGOS




Previamente á presentación da revista Galegos en Pontevedra, o luns 14, ás 20:00 h. asistimos a súa presentación na sede da Fundación Torrente Ballester na rúa do Villar en Santiago de Compostela, que se centrou nos contidos plásticos da revista, a obra pictórica de Manuel Quintana Martelo, quen ademais é presidente da Real Academia Galega de Bellas Artes, que dedicou o Día da Arte Galega a Castelao neste ano 2016. Tamén participou na mesa de presentación o fotógrafo Vari Caramés, que firma un traballo sobre o Xardín do Pasatempo de Betanzos. Interviu asimesmo Alejandro Diéguez como editor e presidiu e coordinou o acto o presidente da Fundación Torrente Ballester como anfitrión. Destacouse a calidade da revista tanto desde o punto de vista formal como dos contidos. Vari Caramés plantexou o seu desexo de realizar a revista nun formato máis pequeno, tamaño buzón de correos, que facilite e faga máis barata a súa distribución.

Ao día seguinte, martes 15, ás 20:00 h. tivo lugar a presentación no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Presidiu o acto o deputado provincial de Cultura Xosé Leal Fariña, en representación da Deputación Provincial de Pontevedra, acompañado na mesa polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o pintor e presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, o director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez, a vicepresidenta da Fundación Filgueira Valverde, Araceli Filgueira Iglesias, e o editor da revista Galegos, Alejandro Diéguez.

Da comezo o acto coas palabras de acollida e de agradecemento Xosé Leal, quen a continuación cédelle o uso da palabra a Xosé Carlos Valle que describe a revista Galegos con palabras de eloxio, destacando os magníficos aspectos formais da revista en canto a edición, as imaxes e recoñece que ten unha feitura moi coidada. Destaca tamén a gran calidade dos contidos e das persoas que colaboran na revista ao longo dos seus vintedous números, que teñen como constante esa característica de calidade, que fan desta revista un verdadeiro luxo editorial e anima a seguir nesta liña, ao mesmo tempo felicita ao editor polo labor realizado.

Subliña a parte gráfica, onde se recolle a obra e a personalidade do pintor Quintana Martelo, un dos grandes valores da pintura galega contemporánea, así como o interesante traballo sobre o Pasatempo de Betanzos do fotógrafo galego, Vari Caramés, quen tamén retrata a Quintana, protagonista do caderno central deste número 22 da revista Galegos.

Valle tamén destaca o contido máis literario da revista, as entrevistas, os artigos sobre o sector lácteo galego, o artigo sobre a galeguidade de Franco; pero facendo fincapé sobre o apartado persoeiros, dedicado nesta ocasión a Xosé Filgueira Valverde, con artigos de Xesús Alonso Montero, Xosé Fuentes Alende, Xermán Manuel Torres de Aboal e del mesmo. Filgueira, un intelectual galego de múltiples intereses que ademais da literatura e a erudición tamén dedicou liñas fundamentais da súa obra ás artes gráficas e á historia da arte galega.

Tamén intervén Alejandro Diéguez, editor da revista Galegos, que reitera o seu agradecemento a todos os asistentes a este acto e a todos os colaboradores da revista. Lembra ao igual, que o fixera antes o director do Museo, as veces que a revista, nalgúns dos seus anteriores números, como os dedicados a Castelao e ao arquitecto Alejandro de la Sota foran presentados no Museo de Pontevedra. Anima a esta exemplar institución a seguir adiante, promovendo o desenvolvemento da cultura galega.

Araceli Filgueira, en nome da Fundación e da familia Filgueira Valverde agradece a atención e os traballos que suscitou a figura do seu pai co gallo da celebración do Día das Letras Galegas-2015. E fai unha relación das principais obras que xurdiron con tal motivo en lembranza e homenaxe do seu pai.

Intervén Manuel Quintana Martelo que manifesta sentirse moi satisfeito por ter presencia neste número 22 da revista Galegos, que fai unha mostra dalgúns dos seus traballos, desde o seus inicios en 1978 e ata o día de hoxe. Recoñece que o caderno está deseñado con moita intelixencia. Indica que ten a Rembrant como o seu referente pola vibración da súa pincelada, destaca que o pintor holandés é o "animal máis salvaxe da Historia de Pintura". Na revista recóllese unha obra del un tanto inacabada, que está inspirada na Muchacha da Ventá de Rembrant. Manifesta que no ano 1968, mantivo unha loita intensa entre figuración e abstración. Sempre na búsqueda da liberdade. Despois desto caiu nun caos pictórico. E hoxe debido a informática e aos medios dos que se dispón semella que se da o fenómeno de "como pintar sen pintura". Co motivo do Maio de 1968, deséxase levar a "arte na rúa" e que é aí onde se atopa. Hai un impacto da abstración, da "pintura sen imaxe". Manifesta que no ano 1978 gaña a súa Cátedra de Debuxo, que exerce no IES Xelmírez de Santiago, para abandonala no ano 1992, foi o mellor que puido facer, deste xeito puido facer a súa viaxe a New York. El é quen de entender o volume dentro do plano, posúe o dominio do debuxo. Centrouse como inspiración da súa obra nos contenedores por exemplo da cidade de New York e agora da cidade de Madrid. Tamén manifesta a súa satisfacción de ser retratado nesta revista polo fotógrafo Viri Caramés, autor do interesante traballo sobre o Pasatempo tamén recollido neste número.

Finalmente fai uso da palabra o presidente da Real Academia Galega, quen manifesta o seu asombro de como esta revista pode pervivir. Xa que ten unha grande calidade, un traballo admirable do seu editor e unha revista admirable. E loxicamente esto ten un enorme custe. Trátase dunha revista cultural con coidados traballos de carácter gráfico e humanístico. Tamén lle agrada topar na revista unha reportaxe sobre o séctor lácteo, de tanta importancia na economía galega. Os contidos e os colaboradores son dun moi grande nivel. Alegrándose do protagonismo do presidente da Real Academia Galega de Belas Artes neste exemplar da revista. Parécelle moi positiva a atención que se lle presta á figura do médico Roberto Nóvoa Santos, unha das luminarias da medicina galega. Expresa que el ten lido a Patoloxía da autoría de tan eminente médico. Lembra a frase de Gregorio Marañón, que manifestaba que o médico que só sabe medicina, nin medicina sabe. E xunto ao doutor Nóvoa Santos menciona a outros grandes médicos humanistas de Galicia como Roff Carballo, García Sabell, que no seu tempo era quen máis sabía de Historia da Arte, menciona tamén como médico humanista ao doutor Xosé María Filgueira Martínez, pai de Xosé Filgueira Valverde. Precisamente sobre este último personaxe, gran polígrafo galego, hai un caderno na revista con artigos de Xosé Carlos Valle, Xosé Fuentes, Xermán Manuel Torres e un del mesmo, que se detén sobre a Cantiga CIII de Afonso X, obxecto da impresionante tese de doutoramento de Filgueira Valverde. Este escoitou cantar a "passarinha" no bosque dos arredores do mosteiro da Armenteira. Relata a cantiga e reflicte a tese a noción do gozo eterno e do paso do tempo, xa que nuns segundos que foron trescentos anos o monxe Ero da Armenteira escoitou extasiado o canto deste paxariño paradisíaco, que lle fai ver os goces celestiais de quenes pasaron pola Terra facendo o ben. Foron moi grandes as repercusións da tese de Filgueira. Entre outras moitas cousas, provocou un poema laudatorio do gran ensaísta, Eugenio D'Ors, outro de José Valente e outro moi recente de Franco Grande, a quen llo inspiraron as alocucións sobre Filgueira Valverde, pronunciadas na sesión aberta e solemne da Real Academia Galega do día 17 de maio de 2015, celebrada aquí mesmo, neste lugar. Tamén indica Alonso Montero que el mesmo, nese ano filgueirián, compuso dúas versións da Cantiga CIII de Afonso X, na honra de Filgueira Valverde. (Nunha delas, a un famento e pobre labrego galego amosaráselle o que lle depara Deus aos que son bos na Terra cando chegan ao Ceo. E como o labrego pasaba tanta fame neste val de bágoas, demóstraselle que "comerase no Ceo e comerase ben") . Tíñan tamén dedicado o seu interese sobre dita cantiga, realizando algún interesante traballo, Valle Inclán e Castelao. Aínda que Filgueira en 1925, dez anos antes de defender a súa tese na Universidade Central de Madrid, dedicou varios artigos sobre o tema na prestixiosa revista Nós. Sobre o tema da cantiga, cos seus elementos, o monxe, o paxariño, o bosque do mosteiro da Armenteira e inspirado nun grabado do propio mosteiro, Castelao debuxa e compón o ex libris de Xosé Filgueira Valverde.  Alonso Montero remata lembrando que este ano será o ano do poeta, ensaísta, dramaturgo, home da nosa cultura, Manuel María, o poeta da Terra Chá.

Pon fin ao acto, o deputado provincial, Xosé Leal, quen reitera a súa gratitude. Ao mesmo tempo lembra que Castelao será protagonista este ano, e especialmente aquí en Pontevedra, ao térselle dedicado o Día das Artes Galegas. E Manuel María o será por ser homenaxeado este ano co gallo do Día das Letras Galegas, motiva a todos a participar nos actos en memoria de tan egrexios personaxes.

No meu artigo, publicado neste número 22 da revista Galegos, titulado: Xosé Filgueira Valverde, paradigma do humanista galego do século XX, trato de amosar porque considero a Filgueira como modelo de humanista galego. En síntese:

- Pola súa extraordinaria formación multidisciplinar, recibida no seo da súa familia, no instituto de Losada Diéguez, na universidade de Cotarelo Valledor e Salvador Cabeza de León, pola súa pertenza e o seu traballo no inesquecible e insuperable Seminario de Estudos Galegos.

- Polo seu coñecemento da cultura grecolatina, polo dominio do Latín, en xeral polo seus coñecementos da nosa cultura na Idade Media, no Renacemento, na Ilustración,...

- Pola súa práctica da erudición e das ciencias humanísticas, sendo considerado unha autoridade en temas como: as cantigas medievais, as cantigas da Afonso X, Camoens, Cervantes, Sarmiento, Rosalia de Castro,...

- Polo seu oficio de lector e de escritor, el que tanto leeu e escribiu. Escribiu máis de trescentos libros e folletos, pronunciou 1.600 conferencias, a súa función de divulgador da cultura nos medios de comunicación social (prensa escrita, radio, televisión).

- Por participar na fundación de institucións fundamentais que o trascenden (SEG, Museo de Pontevedra, Bibliófilos Galegos,...).

-Pola súa poligrafía e actitude de traballo multidisciplinar e de traballo en equipo.

- Polo seu afán didáctico (sempre aprendo, sempre ensino).

- Por ser un intelectual que non queda pechado na súa torre de marfil, senón que participa activamente na vida social, cultural e política.

- Porque foi un home de ben e procurou o ben,

Por todo esto e, sen dúbida, por moitas cousas máis podemos considerar a Xosé Filgueira Valverde como o paradigma de humanista galego do século XX.

Manifestar, finalmente, os meus parabéns e noraboa á revista Galegos e que me sinto moi compracido por ter colaborado neste número 22. Longa vida a Galegos.

sábado, 5 de marzo de 2016

LVII MESA DAS VERBAS -12-MARZO-2016; 18:30 H.


Temos unha nova oportunidade para compartir versos e amizade na sala de conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa o vindeiro sábado, ás 18:30 h. Nun acto libre e aberto á participación de todos os interesados sen ningún tipo de condicionantes, agás respecto para todos e procurar ser breves para dar a oportunidade da expresión poética a todos os que desexen ceibar os seus versos ao ar. Faremos unha especial lembranza para Rosalía e Manuel María, procurando recitar algúns dos seus poemas.

domingo, 28 de febrero de 2016

10 EN PISA - 0 EN HUMANIDADE


Xa se pode ter un sistema educativo punteiro e con moito éxito nas listas de PISA que se non formamos seres humanos capaces de ser solidarios e empáticos, en situación de aceptar, comprender e axudar ao distinto pouco senso tería ese exitoso sistema educativo.

Se fracasamos como humanos e non sabemos ou non queremos axudar ao irmán ou vemos no outro a un estranxeiro que non ten un lugar na nosa casa de nada nos serve un exitoso e monstruoso sistema educativo.

Por eso, sorpréndeme moito a actitude e a postura dos países nórdicos (Finlandia, Dinamarca, Suecia, Noruega) diante das desgrazas dos inmigrantes sirios, afganos e doutras nacionalidades que tratan de buscar unha vida mellor na rica e educada Europa.

Todos os europeos deixamos moito que desexar, sendo despreciables e inhumanos diante da traxedia que están a padecer tantos seres humanos. É o maior fracaso de Europa (unha Europa vella, que se está a destruír ela mesma sen líderes valentes, humanos e carismáticos, cunha poboación, en termos xerais, egoísta e materialista, que non sabe mirar máis alá). Síntome avergoñado e triste diante de tan lamentable e inxusta situación). Os españois tamén fomos emigrantes e exiliados en terras estrañas.

Para min todo esto constitúe o fracaso da nosa sociedade, fracaso dos nosos sistemas educativos, fracaso de nós mesmos como persoas, non merecemos o título de humanos. Temos que cambiar, transformarnos; a educación que propoñen algúns non é tal, é deformación educativa, unha vez máis: "homes máquina, con corazóns de máquinas", que mágoa de século XXI!

sábado, 20 de febrero de 2016

TIC, ACOSO ESCOLAR, PLANES DE CONVIVENCIA


Dentro dun ciclo de conferencias organizadas pola Concellería de Educación do Concello de Vilagarcía de Arousa, que coordina o Concelleiro Miro Serén, o martes, 23, ás 20:00 h., na sala de conferencias do Auditorio Municipal, disertarei sobre o Acoso Escolar, tristemente posto de relevo por algúns últimos acontecementos reflectidos pola prensa.

Non cabe dúbida que as víctimas de acoso escolar sufren tremendamente e lles ocasiona ter secuelas e padecementos moi traumatizantes e indesexables. Hai que protexer sobre todo ás víctimas e paliar e evitar os seus padecementos. E os acosadores deben ser sancionados como se merecen. A min paréceme un paradoxo e unha inxusticia (un dobre castigo) que as víctimas sexan as que teñan que trasladarse de centro, deberían ser os acosadores os expulsados. Agás que a contorna física fose insoportable para as víctimas e non se topasen cómodas no centro. Pero, aínda así, os acosadores deberían abandonar o centro e recibir unha sanción exemplar para facerlles ver que o seu comportamento é intolerable.

Non obstante, sempre é mellor a prevención e tratar de resolver os conflictos pacificamente. Ensinarlle ao alumnado a convivir civilizadamente e a utilizar á razón, para ter verdadeiramente comportamentos humanos.
Hai que evitar que se produza o acoso escolar e distinguir acoso do que non é. Distinguir que o acoso é unha acción sistemática e intencionada para facerlle mal a unha persoa. Non confundir un incidente aillado, unha pelexa escolar puntual, que hai que atallar e frear. Na escola, lugar de ensino-aprendizaxe, acubillo do saber e do coñecemento non teñen lugar a violencia e os comportamentos inhumanos, humillantes; non se poden permitir, tolerancia cero con todo tipo de violencia, sexa verbal, física, moral, de aillamento social. Nun centro educativo non cabe un acosador. Hai que poñer todos os medios, hai que estar moi vixilantes para que o acoso non teña lugar. Un centro educativo non é un sitio de sufrimento, todo o contrario, é un espazo de goce por saber, por descubrir, por aprender. Un lugar de convivencia cos compañeiros e cos profesores para educármonos e ser cada vez mellores persoas, cun corazón humano, cheo de respecto para con todos e para buscar a ledicia de compartir o coñecemento para construir un mundo mellor, onde todos teñamos un lugar para crecer e desenvolvernos como persoas felices con alegría de vivir. Tolerancia cero co acoso escolar, non ten cabida nos nosos centros.

Tratarei na miña charla de motivar o diálogo e a participación para chegar a conclusión de que hai que desbotar o acoso escolar e facer tarefas de prevención na casa e na escola. Seguirei o seguinte guión:

1.- Pequeno audiovisual motivador e para a reflexión (Todos somos distintos, debemos prepararnos para a aceptación de todos).

2.- Exposición, mediante a axuda dunha presentación.

3.- Conclusións.

(En todos os pasos da charla se pode dialogar, preguntar, expoñer, participar).