Mostrando entradas con la etiqueta Manuel María. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Manuel María. Mostrar todas las entradas

miércoles, 26 de noviembre de 2025

UNHA MIÑA INTERPRETACIÓN DE O MEU BURRIÑO


Xerais, 1994 (3ª ed.)

Dedicatoria de Manuel María, no meu exemplar de OS SOÑOS NA GAIOLA

Eu teño unha grata lembranza deste libro, nos meus longos anos de mestre no ensino público empreguei este poemario e o disco homónimo de Suso Vaamonde no proceso de ensino-aprendizaxe da nosa lingua e como divertimento nas clases para gozar da poesía e da música, tamén nos coros escolares que dirixín, que eu chamáballes: CANTAMOS XUNTOS, gozabamos coa poesía de Manuel María e coa música de Suso Vaamonde. Hoxe sigo facendo o mesmo cos meu netos e así pasamos uns intres de felicidade.

O meu alumnado, co auxilio da música, ademais de cantar, aprendían e recitaban fermosos poemas como este, que eu interpretei o pasado 21 de novembro na CLVI Mesa das Verbas, que celebramos no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa e que agora podedes apreciar grazas ao vídeo da miña querida amiga, a poeta Pilar Lojo.

Ah! Un dato, no mes de marzo de 1999, xestionei a visita e o encontro de Manuel María, acompañado de Saleta co meu alumnado do meu querido e inesquecible colexio de O PIÑEIRIÑO, acto realizado coa colaboración das Edicións Xerais de Galicia.











 

miércoles, 11 de mayo de 2016

I MOSTRA DA POESÍA EN HOMENAXE A MANUEL MARÍA

A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa coa colaboración da Mesa das Verbas organizou toda unha serie de actividades na honra do poeta da Terra Chá, Manuel María, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas.


Entre os actos poéticos, subliñamos os seguintes:

- 18/05/2016; 11:00 h. - Na Pza. de España de Vilagarcía: OS ESCOLARES DE VILAGARCÍA RECITAN E CANTAN A MANUEL MARÍA. Participan os seguintes colexios: CEIP O PIÑEIRIÑO, CPR SAGRADA FAMILIA, CEIP DE RUBIÁNS, CEIP AREALONGA, CPR SAN FRANCISCO. Intervirán activamente 247 alumnos/as coa colaboración dos seus profesores/as e dalgúns pais e nais.

- 21/05/2016; 18:30 h. - Na Pza. de España de Vilagarcía: Recital poético dos consagrados, coa intervención de:

  • Xesús Alonso Montero
  • Tito Porto
  • Enrique Brumbéck
  • Mª Goretti Fariña
  • Elvira Riveiro
  • Antón Blanco
Acompañamento musical: O pianista, Germán Jesús Torres Sánchez, interpretará unha selección de música clásica.

Xesús Alonso Montero
Tito Porto
 Enrique Brumbéck

- 22/05/2016; 18:30 h. - Na Pza. de España de Vilagarcía: 
LIX MESA DAS VERBAS EN HOMENAXE A MANUEL MARÍA


OS DOUS ÚLTIMOS RECITAIS CELEBRARANSE NA PEIXERÍA POR MAL TEMPO.
PATROCINAN:

sábado, 5 de marzo de 2016

LVII MESA DAS VERBAS -12-MARZO-2016; 18:30 H.


Temos unha nova oportunidade para compartir versos e amizade na sala de conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa o vindeiro sábado, ás 18:30 h. Nun acto libre e aberto á participación de todos os interesados sen ningún tipo de condicionantes, agás respecto para todos e procurar ser breves para dar a oportunidade da expresión poética a todos os que desexen ceibar os seus versos ao ar. Faremos unha especial lembranza para Rosalía e Manuel María, procurando recitar algúns dos seus poemas.

jueves, 7 de enero de 2016

REMATOU O ANO FILGUEIRA


 Neste pasado 2015 tivemos a sorte de celebrar o Día das Letras Galegas e o Ano dedicado ao profesor e erudito pontevedrés, Xosé Filgueira Valverde. Foi unha posibilidade de afondar máis na figura deste polígrafo galego asistindo a mesas redondas, conferencias, xornadas, estrea da súa peza teatral, Agromar, creación da web da Fundación Filgueira Valverde, concertos, o XIV Memorial Filgueira, poder ler a maioría das novas publicacións a el dedicadas. Foi, sen dúbida, un ano moi intenso. Non imos entrar no rexeitamento inxustificado de algúns pola dedicación do Día das Letras e do Ano a súa persoa. El foi un home moi traballador e un gran cultivador do idioma galego, cunha obra literaria de grande calidade e cunha obra erudita moi recoñecida.

 Pola banda das letras (que é do que se trataba) non debería haber contestación nin controversia. No que ten que ver coa súa actividade política, hai xente que non chega a comprender as intencións de Filgueira e o labor que desenvolveu neste eido o que é unha mágoa.

 Penso que a decisión da Real Academia Galega foi acertada e dentro do libre exercicio das súas competencias e cunha mentalidade aberta e plural. Aínda hai xente tan pechada e antidemocrática que ou ben pensas e actúas como eles, senón nin auga nin sal.

 Felizmente o Ano Filgueira desenvolveuse e transcorreu con naturalidade e aceptación crecente, os primeiros rexeitamentos tan soados foron apagándose pouco a pouco. Se ben houbo certos grupos e persoas que trataron de boicotear os actos, non exercendo a súa representación pública neles. Pero, fíxose xustiza a este “obreiro da causa galega”. El procuraba non falar mal de ninguén, no caso, optaba polo silencio. E consta que intentou sempre facer o ben.

 Pola calidade e cantidade da súa obra e pola intensidade da súa vida, chégase á conclusión de que tanto Filgueira Valverde como a súa obra serán obxecto de estudo por sempre, nunca remataremos por descubrir e afondar nas súas múltiples facetas e os seus matices, tense dito máis dunha vez que é unha figura poliédrica.

 O seu legado está para ser investigado e estudado no Museo de Pontevedra, unha das súas principais casas na súa cidade natal. Queda que a Deputación Provincial volva a habilitar os espazos e os tempos do Arquivo e da Biblioteca de dito Museo para que os estudosos e investigadores poidan acceder con facilidade a estas dependencias e aos seus servizos, que eran exemplares antes das medidas restrictivas que erroneamente se adoptaron. Ese Museo e o seu Arquivo documental e gráfico, así como a súa Biblioteca e Hemeroteca son uns tesouros que temos moi de preto e Filgueira Valverde tivo moito que ver na súa creación e configuración.

E seguindo a simboloxía, como a rei morto, rei posto; viva o Ano Manuel María! E aproveitemos a oportunidade de homenaxear ao poeta da terra Chá no seu día Das Letras Galegas 2016. E como ocorre con calquera autor, o mellor é coñecer a súa obra. Gocemos da obra de Manuel María, como podemos seguir a facer coa obra de Filgueira e de tantos grandes autores da nosa rica literatura.