Mostrando entradas con la etiqueta Filgueira-Alcalde-1959/1968. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Filgueira-Alcalde-1959/1968. Mostrar todas las entradas

jueves, 10 de diciembre de 2015

PRESENTACIÓN DO LIBRO: XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, ALCALDE DE PONTEVEDRA (1959-1968). ASPECTOS EDUCATIVOS E CULTURAIS



Presentación do libro de Xermán Manuel Torres:
XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, ALCALDE DE PONTEVEDRA (1959-1968). ASPECTOS EDUCATIVOS E CULTURAIS. Valencia, Pasiónporloslibros, 2015.

Deica o de agora, realizáronse os seguintes actos de presentación:

- 11/12/2015; 20:15 h., no salón de actos da parroquia Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa.

- 18/12/2015; 20:00 h., no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

- 22/12/2015; 21:00 h., no Salón García do Concello de Vilagarcía de Arousa.

Os eixes sobre os que xira a acción política de Filgueira na súa alcaldía son:
EDUCACIÓN-CULTURA-DEPORTE
sen olvidarse doutras parcelas moi importantes nun concello como a limpeza, a auga, o servizo de bombeiros, etc. Traballou moito, tiña moitos proxectos e moi pouco diñeiro. Outra preocupación de Filgueira era a ampliación e aumento dos orzamentos e das achegas económicas para o seu Concello e vaia se o conseguiu, aínda que non na medida que desexaba, cando el chega a alcaldía o orzamento do Concello de Pontevedra era de 19.500.000 ptas e cando a deixa o orzamento ascendía a 57.500.000 ptas.
No meu libro, con datos e cifras concretas pode comprobarse o traballo de Filgueira Valverde sobre todo nos aspectos educativos e culturais. Na súa etapa configurase a Pontevedra de hoxe co máximo respecto pola riqueza monumental, artística e histórica da cidade. Tamén queda claro que o "sambenito" que lle colgaron a Filgueira de que trouxo a Celulosas queda totalmente esclarecido e cunha resposta contundente: non tivo nada que ver. Non lle quedou máis remedio que asistir como alcalde a súa inauguración, pero a decisión da instalación viña de antes e foi responsabilidade do Instituto Nacional de Industria (INI) e do Goberno Civil de Pontevedra.
O libro é froito dunha miña investigación levada a cabo no Arquivo Municipal do Concello de Pontevedra nos meses de verán de 2002 e para ser aproveitada na miña tese de doutoramento presentada na UNED:
JOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE, SU PROYECCIÓN COMO INTELECTUAL Y EDUCADOR.

DIARIO DE AROUSA, 10/12/2015:


http://www.diariodearousa.com/articulo/vilagarcia/filgueira-valverde-colgaronlle-sambenito-da-celulosa-non-tivo-nada-ver/20151210002113130931.html

“A Filgueira Valverde colgáronlle o sambenito da celulosa, pero el non tivo nada que ver”

| Actualizado 10 Diciembre 2015 - 00:40 h.



Xermán Torres presenta un libro sobre Filgueira Valverde borja arcos


 Son moitos anos os que o vilagarcián Xermán Torres leva dedicado ao estudo da figura de Xosé Filgueira Valverde. Este, ademais de escritor, intelectual e divulgador, foi alcalde de Pontevedra entre os anos 1959 e 1968. Foi xusto este periodo de tempo o que Xermán Torres analizou con motivo da súa tese de doutoramento e é dese estudo de donde xurde o libro que este vilagarciá presentará oficialmente nos próximos días.
       “É un libro que, pese a ser un estudo de 140 actas plenarias de cando Filgueira Valverde era alcalde de Pontevedra, é apto para todos os públicos. De feito, aínda que é un libro de investigación, aqueles interesados na cultura tamén o van atopar interesante”, sinala o autor.
       Con este traballo Xermán Torres pretende sobre todo destacar o labor educativo e cultural que a figura de Filgueira Valverde tivo en Pontevedra. “En termos educativos foi unha persoa moi importante. Abriu comedores, creou escolas e vivendas para mestres, sobre todo no rural, tamén o Conservatorio e foi o que mercou o Estadio de Pasarón, entre outras cousas”, explica o vilagarcián estudoso da figura de Filgueira.
      Na obra de Torres tamén se abordan cuestións polémicas como o problema da celulosa que a capital de provincia ten dende hai anos. “A Filgueira Valverde intentóuselle colgar o sambenito da celulosa, pero non foi el o que a autorizou, senón que é unha cuestión que viña dende moito antes de que el fose alcalde e que viña ordenada dende o goberno do Estado”, explica.
      Filgueira Valverde foi alcalde de Pontevedra durante o Franquismo. “Aínda que si, é certo que era rexedor cando vivía Franco o certo é que era un alcalde bastante independente. Decidiu selo porque llo pediron uns amigos. El condenaba o falanxismo e, de feito, nos actos aos que asistía do Réxime el nunca levantaba a man como indicaba o saúdo feixista”, explica o estudoso.
         O libro de Xermán Torres presentarase  mañá venres ás 20.15 horas na parroquia de Santa Baia de Arealonga. O día 18 será a quenda do salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, ás oito da tarde. O día 22 ao fío das nove da noite presentarase no Salón García, en Vilagarcía.

En La Voz de Galicia - Arousa, 10/12/2015:

 http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/vilagarcia-de-arousa/2015/12/10/libro-sobre-filgueira-valverde/0003_201512A10C11995.htm




viernes, 12 de junio de 2015

PRESENTACIÓN DO LIBRO: Filgueira Valverde, crónica de una alcaldía (1959-1968)



(Foto: Faro de Vigo)


O xoves 11 de xuño de 2015, ás 20:00 h. no Café Moderno de Pontevedra tivo lugar a presentación do libro sobre a época de Filgueira como alcalde de Pontevedra, da autoría do xornalista Rafael López Torre, coa presencia de autoridades, representantes da familia de Filgueira e numeroso público.

Abriu o acto o director do Faro de Vigo, Juan Carlos Da Silva, que presenta ao autor, da as gracias a todos os que fixeron posible esta publicación, especial mención para o Concello de Pontevedra e a súa Concellaría de Urbanismo e Obras Urbanas, representada no acto por Antón Louro, concelleiro titular da mesma neste últimos catro anos. Tamén manifesta a súa gratitude ás autoridades, familia e público presente. Seguidamente relata a relación de Filgueira Valverde co Faro de Vigo, do que chegou ser o decano dos seus colaboradores, pois empeza a publicar neste diario desde o ano 1925, sendo moi mozo. Destacan os seus artigos no xornal vigués, publicados co rótulo Adral, que logo constituirían a maioría dos seus ensaios na colección de nove volumes publicados nas Edicións do Castro co mesmo nome. Por iso, Faro de Vigo, decide apoiar ao máximo este Ano Filgueira.

A continuación toma uso da palabra Antón Louro, quen subliña a importancia de Filgueira para Pontevedra como home de Letras, erudito e científico e logo como “home da cultura metido a alcalde”. O que non se pode poñer en dúbida é o amor de Filgueira pola súa cidade natal.

Na parte central do acto, intervén Rafael López Torre, quen tamén fai unha rolda de gratitudes, pero moi especialmente para o Arquivo Municipal de Pontevedra.

Logo propón esta cuestión: Foi Filgueira un bo ou un mal alcalde de Pontevedra?

Indica que a resposta entra dentro da subxectividade ou dos valores que un teña.

No seu libro pretende a obxectividade, o rigor e a verdade por medio das súas pescudas nos libros de actas de Plenos, Comisións e demais documentación municipal manexada durante os últimos seis meses dedicados ao estudo, ademais da utilización da prensa diaria da época, que aporta a frescura fronte da seriedade e rixidez dos documentos municipais.

Faltan as testemuñas persoais, pero xa quedan moi poucas persoas vivas que compartiran os labores de Filgueira como responsable da alcaldía e para non perder obxectividade, evita esta cuestión. El trata de ofrecer unha información completa e exacta.

Hai dous tópicos sobre Filgueira alcalde:

-         Para uns foi un bo alcalde porque salvou o casco vello.
-         Para outros foi malo porque trouxo e consolidou Celulosas.

Filgueira antes, durante e despois da alcaldía tivo a máxima preocupación e coidado polo casco vello.

Os propietarios da zona monumental pretendían ampliar alturas dos seus edificios ao que Filgueira sempre se opuxo contundentemente o que lle ocasionou máis dun desgusto e dalgún inimigo.

En canto a Celulosas, na súa xénese, aterraxe e consolidación Filgueira non tivo ningunha responsabilidade, era un proxecto estratéxico do franquismo e un asunto supramunicipal. Decisión gobernamental por medio do Instituto Nacional de Industria (INI) e responsabilidade do Goberno Civil de Pontevedra e da Comisión Provincial de Servicios Técnicos. Nos anos 1964-1965 están os sucesos ocasionados polos problemas que provocaba a factoría en canto a malos olores e contaminación. É un “sambenito que lle cargan a Filgueira”, pero quizais  habería que mirar para Ramón Encinas Diéguez, Gobernador Civil de Pontevedra desde 1965 e ata 1970.

Tamén habería que contemplar o contexto de hai 50 ou 55 anos e a Lei de Bases de Réxime Local vixente naqueles anos.

A situación municipal daquela época nada ten que ver coa realidade actual. Filgueira foi un alcalde elixido a dedo, non tivo nada que ver na elección dos concelleiros que o acompañaron nas catro distintas corporacións que presidiu, os concelleiros éranlle impostos. Renovábase o Concello por metades cada tres anos. Por iso, como a maioría dos alcaldes daquela, foi un alcalde moi presidencialista, as circunstancias obrigábano a elo. Foi un alcalde que traballou moitísimo. Non rexeitou ningún tema por difícil e alleo que fora para el.

Eu destacaría, engade López Torre, que o seu mellor labor foi o deporte, fai unhas moi boas xestións e negociacións para mercar e construír o Campo de Deportes de Pasarón. Constrúe o Pavillón de Deportes cun proxecto final de Alejandro de la Sota, a quen consideraba un irmán menor pola súa relación coa familia do prestixioso arquitecto pontevedrés.

Tiña moitos proxectos e moi pouco diñeiro. O concelleiro co que mantivo mellor colaboración foi con Emilio Vázquez González, concelleiro de Facenda, entre os dous propuxéronse aumentar os orzamentos. Filgueira era un hábil negociador para conseguir todo tipo de subvencións e axudas; para esto era un as.

Como el pensaba, obras son amores e polas súas obras o coñeceredes. Fixo moitas pequenas obras, pero obras útiles.

Hai catro actuacións que destacan:

-         O Campo de Deportes de Pasarón
-         A seca das Xunqueiras (polo que se suspiraba desde o século XIX)
-         Pavillón de Deportes
-         A instalación do CIR en Figueirido

Filgueira tiña unha relación privilexiada co Exército. Protestou coa marcha do Goberno Militar para Vigo, que conseguiu ao fin recuperar despois.

Comenta o autor do libro que lle quedan tres espiñas cravadas:

  1. Conseguir a foto do automóbil Jaguar que lle fora regalado á alcaldía.
  2. Que pasou para que se frustrase o traslado das ruínas do Mosteiro de Carboeiro que el pensaba utilizar para a construcción da igrexa de Campolongo, para o que fixera unhas xestións con desenvolvemento favorable, diante da Comisión de Belas Artes de Madrid e co Arcebispado de Compostela. Non topei explicación da paralización deste proxecto.
  3. Por que tampouco foi adiante a compra de todo Monteporreiro? Cando tivo a opción de compra para o Concello. Imaxínanse o que puidera ser esto nas sabias mans de Filgueira?

El tiña a teima de que a el non o cesaba ninguén, que se iría da alcaldía por renuncia persoal.

Hai un primeiro intento de renuncia a finais de 1966, que non lle foi aceptada.

Pasouno moi mal no seu último período na alcaldía, foi un ano e medio no que sufriu moito, tivo que contemplar impotente o “desmadre urbanístico” e tragarse moitos sapos.

A renuncia definitiva será en 1968. Sobre o “desecuentro entre Filgueira y Encinas, ellos sabrán, se llevaron el secreto a la tumba”.

Filgueira fai un acto de desafío e presenta a candidatura a Procurador en Cortes polo tercio familiar xunto ao alcalde de Vigo, Portanet.

Filgueira obtén 109.000 votos, sendo representante dunha cidade tres ou máis veces máis pequena que Vigo. Tivo moito respaldo popular.

Portanet consigue 101.000 votos.

No seu discurso de despedida como alcalde, ¾ partes do mesmo corresponden a agradecementos. Filgueira despídese como un señor, ao grande.

Ten un recoñecemento xeral polo seu amor e dedicación a Pontevedra.

Sería moi interesante publicar un libro sobre anécdotas e feitos curiosos da vida de Filgueira. Para rematar eu vou ofrecer como primicia unha e no meu libro hai outra moi boa que Vdes., queridos lectores, teñen que descubrir e que ten como testemuña a Joaquín Queizán Taboada, quen me fai a revelación pouco antes de morrer.

Pero imos coa primicia de agora:

Un día a saída dunha exposición coincidimos D. Xosé, Guillermo Campos e mais eu. Filgueira ía no medio. Había pouco tempo que a empresa canaria, Prensa Ibérica, mercara Faro de Vigo, Guillermo Campos traballaba neste periódico e coa sorna que o caracteriza, pregunta:

-         “D. Xosé que lle parece a compra de Faro de Vigo por Prensa Ibérica?"

Filgueira sempre se tomaba dous segundos antes de contestar, dous segundos que lle abondaban, e logo di:

-        " Imos ver como cantan estes canarios?"


                               Por Xermán Manoel Torres
                                                         11/06/2015    

lunes, 2 de marzo de 2015

XIII MEMORIAL FILGUEIRA - XOSÉ CARLOS VALLE (IV)


Imos rematar os nosos apuntamentos sobre a conferencia de X. C. Valle no XIII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE, nesta última entrega o Sr. Valle Pérez refírese fundamentalmente á

ALCALDÍA

Xosé Fernando Filgueira Valverde toma posesión da alcaldía de Pontevedra, tal como anotou na súa axenda, o día 10 de novembro de 1959, Santa Florencia, ás 12:30 h. Pola tarde dese mesmo día, asiste en Cambados ao enterro do Poeta da Raza, Ramón Cabanillas.

Filgueira foi alcalde no franquismo, mais non foi un alcalde franquista.

O seu labor foi moi importante para a cidade: Urbanización da Xunqueira, creación do barrio de San Antoniño, No Ano Santo de 1965, importante peregrinación a Pontevedra relanzando o Camiño Portugués, a declaración da festa de San Benitiño como Festa de Interese Turístico, revalorización de Lérez como zona turística, Festivais da Canción, ponse en marcha ENCE (1963) como culminación dun proxecto anterior, funciona Tafisa (buscábase emprego e riqueza industrial). A implantación dunha celulosa e aproveitamento de todo o proceso pastero, e da repoboación forestal era un proxecto dos anos 30 do pasado século coa idea da industrialización de Pontevedra e xeración de riqueza para a cidade, descoñecíanse as consecuencias ambientais.

Hai un desvelo de Filgueira por preservar a riqueza monumental e artística. Tíñase a idea de conservar e potenciar o carácter histórico. Filgueira como todos somos fillos do noso tempo, e das zonas monumentais e artísticas pretendíase recuperar o seu estado primitivo. Fixo todo o posible por repectar e conservar a enorme riqueza monumental. Coidou como alcalde o patrimonio histórico-artístico.

E así rematamos as referencias a este memorial, agardando que cheguemos ver a realidade dun novo memorial, o XIV, do que se chegamos alá, tamén daremos conta.