sábado, 7 de julio de 2018

BOLETÍN - NÚM 3 - MESA DAS VERBAS










Seguimos a colgar o boletín da Mesa das Verbas, Medulio, o presente correspóndese co nº 3. Na LXXXIV MESA DAS VERBAS - POESÍA NA RÚA, que se celebrará o sábado, 4 de agosto de 2018, a partires das 18:00 h. na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa (caso de mal tempo, trasladaríase o acto poético á Pza. da Peixería da mesma cidade); pois ben, ese día poñerase en circulación o boletín nº 10.

De paseniño, poderemos ir lendo aquí o boletín, outro medio de expresión do colectivo da Mesa das Verbas.

lunes, 11 de junio de 2018

Meu segundo premio no I Concurso Literario Letras Galegas



Nese mencionado Concurso, organizado polo Centro Comercial Arousa e a Mesa das Verbas, o traballo que ofrezo nesta entrada levou o 2º premio:


BUCLE NO LABIRINTO

Sentados na ponte pequena, preto da fermosa fervenza e dos antigos muíños, mollando os nosos pes no río saudoso, que se perde nas brétemas do espazo e do tempo... eu co avó a soñar coas estrelas e cos mundos ignotos poboados de verbas e maxestosas bolboretas.

-        -   Avó colleranos aquí a noite?
-        - Ti es aurora; eu lusco e fusco, a noite moura virá.
-        -   E veremos o campo de estrelas que vai cara o norte?
-        -   Así será, ti verás durante lúas e lúas ese campo, eu axiña ficarei nel.
-        -   Nese campo haberá años e ovellas?
-        -   E haberá, irán pastar nas leiras de algodón que ti verás. Nos recunchos escuros estarei eu.
-        -   Non digas iso avó que me pos triste, poderei eu levarte a luz?
-        -   Ti es a luz, albíscase nos teus ollos.
-        -  E pasearemos ti e máis eu por alí?
-        -  Sempre que me nomees e me lembres eu estarei en ti.
-        - Entón, avó, sempre, sempre direi o teu nome, berrareilles aos ameneiros e aos bidueiros como te chamas, non si?
-         - E o murmurio das súas follas, levado polo vento xunguirán as nosas voces, eu desde alá.
-         -  Avó porque agora me sinto tan triste?
-        -  Cala, cala... non me fagas chorar e deitar as bágoas secas dos meus vellos ollos. Aquí, no río está o noso lugar por sempre. As ninfas ancho lembrar.
-        -  Avó dille ás ninfas que non se esquezan diso, por favor!
-        -   Cala, cala... que non o esquecerán...
                                                                                            ... ... ...
O avó colle da man ao seu netiño (e lémbrase da pasada e lonxana conversa co seu avó xa ido). Venus comezaba a despuntar no ceo e cara a estrela Polar o campo de estrelas comezaba a brillar... camiñaban de paseniño a carón do río, que deitaba mansamente as súas augas cara o mar, que estaba ao lonxe, ben lonxe... O neto a soñar co seu ledo parolar, o avó coa tristura nos seus ollos, en silencio, sabedor de que axiña deixarán de alumear. Pasa o río como a vida para as súas augas finar no mar e así a roda da vida, roda que roda sen parar.
                                                                               
                                Xermán Manuel Torres





domingo, 20 de mayo de 2018

RICARDO URIOSTE MESANA

(+ Vilagarcía de Arousa, 16/09/1947 )
Noutro tempo dinamizador cultural de Vilagarcía. Home agudo, simpático, mordaz, uraño. Unha personaxe curiosa e atractiva da nosa historia local.


Imaxe de D. Ricardo conservada no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa




Formaba un famoso trío, cuxos pertencentes recoñecíanse a si mesmos como os “hermanos claraboya”, autores de divertidísimos “apropósitos” e de tantas iniciativas artísticas, cómicas e barulleiras. Cantos sorrisos e bos momentos fixeron pasar aos nosos avós e aos nosos pais (aínda mozos e nenos). Estes tres famosos elementos da vida cultural da Vilagarcía do primeiro terzo do século XX, non eran outros que Ricardo Urioste Mesana, Manolo Rey Posse e Juan Buhigas Olavarrieta.

Ricardo Urioste Mesana, funcionario do Concello de Vilagarcía de Arousa e do Consulado do Reino Unido na capital arousá, era quen de dirixir a orquestra e o coro, tocaba e ensinaba o piano, ademais doutros instrumentos, exercía tamén de director de escena,... en fin, un artista total, dirixiu o cadro artístico do Recreo Liceo da capital arousá. Un home inspirado, con grande creatividade e un extraordinario sentido do humor, que non lle faltou nunca. Era o del un humor satírico e burlesco.
É mágoa que fora un home de obra inédita, un home de acción, de obras para o momento, encadraría hoxe como un artista de “perfomances”. Quédanos a publicación do periódico El Cacahuete, da súa propiedade e autoría, consérvanse algúns exemplares no Fondo Local da Biblioteca Municipal Rosalía de Castro da nosa cidade, en concreto tres: o núm. 1 (18/04/1907), o núm. 4 (12/05/1907), e o núm. 5 (19/051907)
Transcribimos algún fragmento de poemas e ideas literarias de Urioste, que circula nun documento fotocopiado, que nos facilitou Alfonso Saavedra Lourido:

Ao seu médico de cabeceira:

“En el lecho de dolor a 19 de Carnestolendas de 1921
A mi doctor en cápite
D. Valentín Viqueira
                Villagarcía
Mi amigo Don Valentín;
Apenas me di la untura
Con la pomada de cinc
Ya se me inició la cura”.

      ============

HOTEL CARBALLINÉS
         Reservado Nº 3
              MENÚ
Consomé a la col grelé
Laconade a la chauchadé
Pixote puré a la futuré
    ______________
Filloes a la Luguess
Otres dessets variés
      ____________
            VINS
Chateau Rivieri
Café – Malté”

E rematamos coas seguintes simpáticas expresións de Urioste no El Cacahuete (1907):


"Hállase enfermo el ministro de la Guerra general Loño. / ¡Loño con la noticia!". (Núm. 1).

E na sección de Anuncios do mesmo número:

"¡OJO! ¡OJO! ¡OJO!  /  ¡LA MEJOR LECHE! / En la redacción de EL CACAHUETE informarán. / NO CONFUNDIRSE".

"P.P. con D. / Afeita, rasura, corta y riza a tenacilla toda clase de pelos. / NO CONFUNDIRSE / NO REPARA EN SITIOS".


BIBLIOGRAFÍA:


  • Mercedes Castro Nogueira, Guía do Fondo Local da Biblioteca Pública Municipal de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra: Concellería de Cultura, Concello de Vilagarcía de Arousa, 2000), 18. 
  • Xosé Núñez Búa, Revoeira (Montevideo: Patronato da Cultura Galega: 1971), 35-36; 166.
  •  Ricardo Urioste Mesana, El Cacahuete (1907).
  •  Ricardo Urioste Mesana, Poemas Satíricos (material fotocopiado e sen data facilitado por Alfonso Saavedra Lourido).
  •  Xosé Lois Vila Fariña et Víctor Viana Martínez, Diccionario Biográfico de la Comarca de O Salnés (Vigo: Deputación Provincial de Pontevedra: 2001), 293.


WEBGRAFÍA:

sábado, 5 de mayo de 2018

LXXXII MESA DAS VERBAS - ESPECIAL LETRAS GALEGAS



Será unha edición especial no Día das Letras Galegas do 2018, dedicado a María Victoria Moreno, no que se procederá a entrega de premios do I CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS e contaremos ademáis coa colaboración musical de Xosé Duarte Rañó. Os premiados no concurso lerán os seus traballos.

Vinde ceibar ao ár de Arousa versos e verbas!!!

domingo, 22 de abril de 2018

I CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS - 18





Reunido o xurado o mércores, 18/04/2018    18:00 h, baixo a presidencia de Enrique Brumbéck e integrado ademais por Andrea Fernández, Ramón Torrado e Luís González, despois das súas deliberacións, emitiron o seguinte fallo:

1º PREMIO:   Cristian Díaz Araújo, por "Esquecinme"

2º PREMIO:   Xermán Manuel Torres, por "Bucle no labirinto"

3º PREMIO:   Augusto Guedes, por "Miño"

O xurado tamén decidiu establecer un accésit para Alejandro Guanella, por "Vibracións"

A entrega de premios terá lugar o xoves, 17 de maio de 2018, Día das Letras Galegas, ás 20:00 h. na sala de xuntanzas, no 3º andar do Centro Comercial Arousa de Vilagarcía, nunha edición especial, a LXXXII Mesa das Verbas.

Parabéns para os máis de 70 participantes e noraboa a todos os premiados.


miércoles, 18 de abril de 2018

A UNHA "EUGENIA DE MONTIJO"



Esplendorosa cor, vida
dunha "Eugenia de Montijo",
ledicia en vermello,
plenitude de camelia;
un segundo de carmesí,
instante cromático paralizado,
amor no meu corazón,
instantánea sensación
de xenerosidade natural.

---

Na sinxeleza das cousas,
como nunha flor,
agóchase a plenitude da vida.