martes, 30 de noviembre de 2021
lunes, 15 de noviembre de 2021
POBRIÑA DA TOLA! Unha lembranza da infancia en Caldas de Reis
sábado, 6 de noviembre de 2021
ELIGIO VILA ESTREA "EL RINCÓN DE LOS ESPÍRITUS"
lunes, 1 de noviembre de 2021
Xosé Filgueira Valverde, profesor innovador (1928 - 1976)
Na súa etapa como catedrático en Lugo (1935-1939)
martes, 14 de septiembre de 2021
UN MEU ENCONTRO CON MANUEL FRAGA IRIBARNE - 20-11-1998 17:30
Quería manter conversas
con persoas significativas que me puideran ofrecer a súa testemuña persoal
sobre Xosé Filgueira Valverde, centrándonos no seu labor como profesor e como
educador.
Informacións que
puideran ser útiles para a elaboración da miña tese de doutoramento.
Unha desas persoas foi
Manuel Fraga Iribarne, xa que don Manuel foi alumno de Filgueira Valverde cando
este estivo destinado como catedrático de “Lengua y Literatura Española” no
Instituto de Lugo (1935-1939), fora o seu primeiro destino como catedrático,
despois de ter aprobadas co número 2 as súas oposicións en 1935.
Despois de facer
xestións e dirixirlle dúas cartas, Manuel Fraga accede a recibirme.
Sabendo do valor que
Fraga lle daba á puntualidade, eu intentei acudir á nosa cita coa máxima
puntualidade. Estaba citado para as cinco e media da tarde do venres, 20 de
novembro de 1998. Ás cinco eu xa estaba na antesala do despacho de Manuel Fraga,
que como presidente tiña no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en San
Caetano, na cidade de Santiago de Compostela. Un policía nacional que estaba de
garda acompañárame ata alí e díxome que á hora fixada xa me farían pasar.
E efectivamente, ás
cinco e media en punto, fixéronme pasar xunto ao Sr. Fraga, quen me recibe e
saúda moi amablemente e faime sentar cabo del dicíndome que xa podiamos
empezar.
Eu estaba moi nervioso,
o personaxe impoñía, ao sentares, cáeme o caderno de notas. Axiña preparo todo,
o magnetófono prendido, víase a luceciña vermella. Empezo a preguntar e
simultaneamente tomo notas, Fraga, moi amable, contestou a todas as miñas
preguntas.
Ao rematares, recollo o
magnetófono, pecho o caderno de notas e ofrézolle como agasallo ao Sr. Fraga,
ademais de darlle as grazas, un exemplar do meu libro Ó galego polo teatro e el a súa vez agasállame e dedícame un seu
libro.
Despedímonos con total
afabilidade e ao saíres, cáeme das mans o libro e o caderno de notas, como podo
recollo todo apresuradamente e por fin salgo do despacho.
Teño que manifestar do
trato exquisito e educado do Sr. Fraga, foi moi considerado ao ofrecerme unha
parte do seu tempo para atender ao meu cuestionario. Era un venres á tarde,
final supoño dunha dura xornada de traballo para el, tiña os ollos moi
vermellos, semellaba estar xa canso; pero, contestou a todo o que eu levaba
preparado.
Tan axiña como estiven
no meu coche, que estaba situado no aparcadoiro do Edificio Administrativo da
Xunta, quixen escoitar a gravación, inténtoo con insistencia e nervioso, pero
nada, non gravara nada! Estaba perdido! Sen me mover do coche, collín as notas
que tomara da nosa conversa e púxenme a escribir, a redactar para non perder
nin esquecer os datos da entrevista.
Que sucedera? O maldito
magnetófono tiña un botón de pausa, que debín premer sen decatarme e así foi
como non gravara ren.
Despois de repasares e
redactares as notas da conversa, envieillas ao Sr. Fraga Iribarne para que as
dera por auténticas o que fixo con absoluta exquisitez.
Souben que nunha
ocasión a unha xornalista pasoulle co
Sr. Fraga o que me pasou a min e a periodista pretendía repetir a gravación ao
que Fraga contestoulle que publicara as notas da conversa que non estaba pola
labor de repetir a entrevista.
Así foi aquela azarosa
conversa con Manuel Fraga, polos meus nervios. Quedei moi compracido e
agradecido pola inestimable colaboración de D. Manuel. Quen, desde aquela,
sempre me enviaba unha postal polo Nadal ao que eu tamén lle correspondía. O
fixo ata o ano do seu falecemento alá en Madrid.
sábado, 4 de septiembre de 2021
PROTESTA - Jazz poema - 1978
Cada vez que sigo afondando na figura do profesor e intelectual pontevedrés Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) quedo máis abraiado por descubrir todas as facetas que desenvolveu na súa poligrafía humanista.
Tamén foi un gran poeta, como o demostra nas súas cantigas neotrobadorescas: Seis cantigas de mar in modo antico.
Eu tamén son amante da poesía, non un poeta, e gústame xogar e experimentar coas palabras. Escribín, que eu recorde e quedara rexistrado, o meu primeiro "poema" entre os 14 ou 15 anos e no ano 1978 experimentei coas palabras acompañadas dunha imaxe, a xeito de protesta, de inquedanza e de preocupación xuvenil, nunha cousa que eu chamaba jazz poema, polo que tiña de experimental e de improvisación.
Ofrezo aquí aquel meu experimento daquel significativo ano de 1978:
jueves, 5 de agosto de 2021
CASTELAO, MÁGOA NON TELO COÑECIDO
É sabido que levo uns anos estudiando a figura de Xosé Filgueira Valverde na súa faceta de educador e de profesor. Achegándome a este personaxe podo comprobar a riqueza do seu entorno persoal, a enorme riqueza das súas relacións humanas.
Ademais da importancia
da súa familia, quero subliñar a súa relación cos membros da Xeración Nós e co
grupo dos fundadores e compoñentes do Seminario de Estudos Galegos, unha
institución da que nunca faremos o necesario para loar a súa importancia
capital na historia da cultura galega.
Mais, hoxe, quero
centrarme na figura de Castelao, personaxe sobranceira da historia galega do
século XX. El entregou con xenerosidade a súa vida ao servicio de Galicia, á
que tanto amaba.
Filgueira Valverde tiña
en moi alta estima e moitísimo aprecio pola persoa de Castelao. Todos os de Nós
e todos os do Seminario de Estudos Galegos querían moito ao irmán Castelao.
Filgueira dedícalle integro o IV tomo da súa colección de ensaios titulados Adral.
Tamén apreciaban e
admiraban moito a Castelao dous íntimos amigos e mestres de Filgueira, como
foron Francisco Xabier Sánchez Cantón e Antonio Iglesias Vilarelle. Sánchez
Cantón e Filgueira Valverde costearon e mimaron a edición do álbum Nós da autoría do gran Castelao.
Filgueira fixo todo o
posible e máis por xuntar no Museo de Pontevedra a maior parte da obra e do
legado de Castelao. Museo moi querido polo rianxeiro e que axudou a configurar
nos máis mínimos detalles.
Castelao tiña especial
aprecio e debilidade por Pontevedra, onde pasou anos cruciais e moi produtivos
da súa vida.
Desgraciadamente e por
motivos políticos a partires do ano 1935 Castelao e Filgueira comezan a se
distanciar e xa dun xeito definitivo a ruptura total confírmase a partires dos
tristes sucesos de xullo de 1936, tal como nos indicou e manifestou nunha
conversa mantida en 1998 Francisco Fernández del Riego.
Estas lembranzas
viñeron ao meu maxín ao visitares hoxe, entre outras salas, as dedicadas a
Castelao no Museo de Pontevedra. Sen dúbida, eu desexaría ter coñecido ao
grande Castelao, que aparte de político, artista, escritor, creo que foi un
home simpático, irónico, gran persoa; foi un dos “bos e xenerosos” da Nosa
Terra.
sábado, 12 de junio de 2021
ÁLVARO CUNQUEIRO MÁIS EU
Imaxe: Faro de Vigo
O
HOME QUE SOÑABA E INVENTABA AS PALABRAS E AS HISTORIAS
De
cando coñecín a Álvaro Cunqueiro en 1969
Era unha tarde luminosa
e calorosa de verán, posiblemente do mes de agosto de 1969. Eu atopábame no
recibidor do Hotel Balneario Dávila de Caldas de Reis, onde traballaba de
botóns. Era pouco despois do xantar, na sobremesa.
Senta moi preto de min
un ilustre hóspede do hotel, unha persoa moi respectada e moi ben considerada.
Saúdame e fálame moi amablemente. Para miña estrañeza dirixíase a min en
galego. Daquela o galego era moi desprezado. Cando os nenos intentabamos
falalo... –Fala ben! Na escola os nenos que se expresaban en lingua galega eran
aldraxados e obxecto de burlas. Naquelas alturas da historia eu non tiña
consideración ningunha cara o galego. Iso que os meus avós o falaban entre eles
e a miña avoíña cantábame unha cantiga galega que a min me gustaba moito: Se vas a San Benitiño. Mais sorprendíame
que un cliente do hotel, un señorito se dirixira a min en galego.
Contoume unha historia
fantástica e moi bonita, chea de imaxinación e de cousas sorprendentes. E
falaba, falaba... e contaba, contaba... Semellaba que desfrutaba e se recreaba
en cada palabra que pronunciaba. Eu, a dicir verdade, estaba un pouco aburrido
e dábame o sono, pero por respecto aguantaba o tipo. E escoitaba ao cliente
aparentemente con moita atención e interese.
Mágoa que non fora hoxe
cando Don Álvaro Cunqueiro narraba a súa historia para min en exclusiva. Todo
un privilexio que no seu momento non estaba capacitado para escoitar e valorar,
que pena!
Don Álvaro e a súa dona
estaban instalados na suite do hotel e cada mañá á hora do almorzo eu leváballe
ao seu cuarto a prensa, o Faro de Vigo,
(do que fora director), e o ABC. A
min dábame a sensación de que o matrimonio non tiñan moi boas relacións entre eles.
Moitas tardes Álvaro
Cunqueiro pasaba uns momentos de descanso, á sombra do fermoso e fresquiño
canaval do hotel, botaba unhas cabezadas e tamén lía algo.
Don Álvaro Cunqueiro
apreciaba moito a boa cociña do Hotel Balneario Dávila, sobre todo a magnífica
repostería de dona Balbina, a nai da dona do hotel.
Tamén combinando
literatura e gastronomía don Álvaro xuntábase co grupo dos Endovélicos, unha
serie de intelectuais e escritores, entre os que se atopaban Maximo Sar e penso
que tamén andaba entre eles Hipólito de Sá, este grupo de eruditos compartían
mesa e mantel nun bar restaurante que coñecíamos como O Cabaret, que estaba situado no Cruceiro e alí entre bos viños e
gorentosos manxares da terra discorrían letras e historias.
É para min moi grato
rememorar estas vellas lembranzas da miña infancia de botóns, aos meus doce e
trece anos, foron dous veráns inesquecibles que vivín no Dávila, que valen máis
que algúns cursos universitarios.
Ademais de don Álvaro
ían alí de veraneo personaxes tan importantes, e que tiven a sorte de coñecer e
de tratar, como o Dr. Santos Junior, un grande intelectual e profesor da
Universidade de Porto, sabio portugués moi amigo de Filgueira Valverde,
Cunqueiro tamén foi grande amigo do vate pontevedrés. Tamén o escritor lugués
Trapero Pardo e posiblemente outros dos que xa non teño lembranzas.
Os amigos aos que lles contei estas historias e anécdotas anímanme a que as poña por escrito, para que o paso do tempo e a mingua da memoria non as fagan perder. Non obstante, creo que noutras ocasións xa me teño dedicado a narrar ditos feitos, mesmo nalgún programa de televisión. A miña infancia en Caldas foi moi rica e feliz. Pero, imos vellos, e sen dúbida, ás veces, repetímonos. A vida vai e ben nunha continua e cíclica narración.
Hotel Balneario Dávila - Caldas de Reis
domingo, 30 de mayo de 2021
A PRIMEIRA NOVELA DE PAULA CASCALLAR
IMPRESIÓNS
E CONXETURAS SOBRE UN RELATO DE PAULA CASCALLAR LATORRE
Arañar el cielo. A los
pies de Aloia y Xurés de Paula Cascallar é unha
experiencia narrativa que semella un labirinto a xeito de aventura onde se
atopa o amor de AloiaóXurés. E eles achéganse e sepáranse;
pero ámanse.
Por outra banda,
atopamos tamén coa loucura, coa tristeza, coa amargura da vida, mesturada de
fantasía e realidade, unha estrutura envolvente onde o máxico e o real se
confunden na aventura vital dos protagonistas. De súpeto temos diante a
incomprensión dun ser sensible que ama ou desexa amar ata o infinito, nunha
confusión de tempo e de espazo.
Que ten Aloia de Paula
Cascallar? Misterio imposible de responder; mais encontramos a sensibilidade, a
paixón, a creatividade; seres con gran sinceridade e gran espontaneidade e un
repouso de tristura, de angustia, de náusea vital nun universo cheo de
esperanzas, de medos, de interrogantes...
Unha personalidade
complexa, atordada e sufrinte á da autora, quizais a protagonista que loita por
ser ela mesma nunha sociedade hostil que non comprende ás persoas sensibles,
creativas, propias, distintas.
Aloia e Paula inmersas
no labirinto do xardín da vida na busca do amor e da felicidade.
Unha primeira novela de
Paula Cascallar para sufrir con ela e participar nas loitas para saír a frote
nas augas turbias do océano da vida e no alto a lúa e as estrelas escintilantes
que presiden o ceo das persoas inquedas e en constante busca.
Unha novela para vivir
e sentir e para saír fóra de nós na procura do outro no círculo labiríntico da
roda da vida.
Xermán Manuel Torres
30
de maio de 2021