lunes, 24 de abril de 2023
CASTRO LABOREIRO, ONDE A ACOLLIDA E A SOLIDARIEDADE IDENTIFICAN A UN POBO (I)
lunes, 13 de febrero de 2023
PETO
FLASH
DUN VERÁN
Xermán
Torres
Peto, In memoriam
Na praia de Compostela nun
solpor de calquera día dun verán da década dos 70 do pasado século XX.
A néboa do tempo tan só me
permite contemplar a catro de entre outros mociños xuntos, sentados na daquela fina
e dourada area da praia de Compostela.
Embaixo da terraza do
Balneario vexo a Peto coa súa inseparable guitarra, ao meu curmán Alfonso con
algunhas das súas frautas, Xulio coa súa non menos inseparable cámara
fotográfica, máis eu coa miña frauta doce e coa miña harmónica.
Parolabamos do divino e do
humano, sobre todo de música e faciamos soar os nosos instrumentos, sobre todo
Peto, era un virtuoso coa guitarra. Pasabamos as longas e cálidas tardes de
verán na nosa praia. Estabamos placidamente alí ata a noitiña. Incluso nos
temos bañado nalgunha daquelas madrugadas de mocidade.
Eu pedíalle a Peto, tócaa
para min, amigo Peto, tócaa outra vez... e interpretaba maxistralmente na súa
guitarra para min, porque sabía que me gustaba moito A casa do sol nacente de Animals. E así pasabamos de vagar aqueles
pracenteiros seráns da canícula arousán dun tempo pasado, perdido; mais
inesquecible.
Agora, alá, no alén, Peto
interpretará para sempre, nun tempo sen fin calquera canción nos seus máis de
trescentos instrumentos de corda de case todas as latitudes. Quizais A casa do sol nacente de Animals...
miércoles, 8 de febrero de 2023
ACRÓSTICO DE LUÍS GONZÁLEZ BRAVO "LOIS DO SALNÉS"
Xuntos
loamos esa tarefa
en
compartir vocacións afines
reconducindo,
Xermán, camiño,
mesa,
proxectos e moitas verbas
á vez
que ideas que son firmes
nacementos
dos nosos escritos.
Talmente
es obreiro activo,
obreiro
e desta Terra servo,
resultas
eficaz, de amplo saber,
recorrente
xestor e ben lido,
eu
coido non coñecer suxeito
sexa
tan implicado como el;
de
non existir o noso Xermán
estariamos
como fillos sen pai.
A
manchea de gratitude douche
bo
home, meu compañeiro de lei.
¡Oxalá, Deus pague as débedas
a tanta
entrega que das decote
luz
que brilla na Mesa das Verbas.
19/7/22 17:13
Versos e verbas agarimosas dun amigo, non merecidos. Mais gábome de ser amigo de Lois e compartir parte do meu tempo, noso tempo para argallar ideas, proxectos e actividades na nosa querida Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa.
Parabéns e mil grazas amigo Lois.
sábado, 17 de diciembre de 2022
lunes, 21 de noviembre de 2022
COLEXIATA DE SANTA MARÍA DEL MERCADO DE BERLANGA DE DUERO
Berlanga de Duero é un concello e unha vila da provincia de Soria na Comunidade Autónoma de Castela-León. Constan nesta zona poboamentos da etapa prehistórica; pero, a vila cobra singular importancia na etapa medieval, onde os Tovar e os marqueses de Berlanga chegan a ter moito poder e influenza ao vincularse e relacionarse estreitamente cos Condestables de Castela.
Berlanga
posúe unha enorme riqueza patrimonial. Nós ímoslle prestar especial atención á
Colexiata de Santa María del Mercado xa que fixemos unha visita moi detida e un
percorrido moi atento por tan impresionante monumento o sábado, 22 de outubro
de 2022.
Pero,
entre outros tesouros patrimoniais, tamén contemplamos dun xeito máis xeral o
Castelo, que preside este fermoso e interesante pobo. Tamén e digno de especial
interese o Pazo dos marqueses de Berlanga.
Foi
a parte cultural da nosa visita ao CEINCE, ao que xa lle temos dedicado unha
entrada.
A
Colexiata é construída grazas ao apoio económico e ao interese dos Señores de
Berlanga, titulares do Castelo e da estirpe dos Tovar e co fin de afianzar o
seu poder e a súa influenza e vinculacións coa Igrexa.
O
arquitecto da obra é Juan de Resines. É un templo de estilo
gótico-renacentista. Impresionan as súas naves e principalmente a súa nave
central cunhas extraordinarias e grandes columnas que semellan unhas enormes
palmeiras, que sosteñen unhas fermosas bóvedas.
Destacar
o coro de madeira cos 63 asentos para os cóengos, estando só decorado o
dedicado ao prior, que consta con dúas esculturas que representan a San Pedro e
a San Paulo.
O
altar maior está presidido pola escultura tardorrománica da Virxe do Mercado de
fins do século XII. O retablo de estilo churrigueresco de madeira de pino sen
policromar, datado en 1704. Cunha pintura no centro que representa á Asunción
de María, atribuída a Antonio Palomino. Sinalar, finalmente, o retablo hispano
flamenco da capela de Santa Ana.
Como
curiosidade, preto da porta norte e no interior amósase o “Lagarto de Frei
Tomás”, trátase dun caimán negro desecado que foi traído de América por frei
Tomás de Berlanga en 1543. Frei Tomás foi o terceiro bispo de Panamá, quen
chegou ser conselleiro de Carlos V e descubridor das Illas Galápagos.
(Foi
posible a redacción destas liñas grazas ás exhaustivas e amplos datos ofrecidos
polo guía da Colexiata que nos acompañou no noso percorrido ese día).
E todo tivo lugar grazas á viaxe formativa e informativa a Berlanga de Duero organizada polo Dr. Cid Fernández, Decano da Facultade de Educación e de Traballo Social do Campus Sur de Ourense da Universidade de Vigo e pola acollida e as suxestións do Dr. Escolano Benito “alma mater” do CEINCE e ilustre veciño de Berlanga de Duero.
miércoles, 2 de noviembre de 2022
VISITA AO CEINCE EN BERLANGA DE DUERO
O venres 21 e o sábado 22 de outubro de 2022, un grupo do alumnado de primeiro curso do Grao de Mestres de Primaria e do alumnado do Programa de Doutoramento e Ciencias da Educación e do Comportamento da Facultade de Educación e de Traballo Social do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, comandados polo Sr. Decano de dita Facultade, Dr. Xosé Manuel Cid Fernández e algúns profesores de dito centro universitario realizaron unha visita formativa e informativa ao CEINCE en Berlanga de Duero. Alí tivemos como extraordinarios anfitrións ao Dr. Agustín Escolano Benito e a súa dona Puri, "almas mater" dese extraordinario centro de investigación e documentación, como é o CEINCE.




































