martes, 30 de noviembre de 2021
lunes, 15 de noviembre de 2021
POBRIÑA DA TOLA! Unha lembranza da infancia en Caldas de Reis
sábado, 6 de noviembre de 2021
ELIGIO VILA ESTREA "EL RINCÓN DE LOS ESPÍRITUS"
lunes, 1 de noviembre de 2021
Xosé Filgueira Valverde, profesor innovador (1928 - 1976)
Na súa etapa como catedrático en Lugo (1935-1939)
martes, 14 de septiembre de 2021
UN MEU ENCONTRO CON MANUEL FRAGA IRIBARNE - 20-11-1998 17:30
Quería manter conversas
con persoas significativas que me puideran ofrecer a súa testemuña persoal
sobre Xosé Filgueira Valverde, centrándonos no seu labor como profesor e como
educador.
Informacións que
puideran ser útiles para a elaboración da miña tese de doutoramento.
Unha desas persoas foi
Manuel Fraga Iribarne, xa que don Manuel foi alumno de Filgueira Valverde cando
este estivo destinado como catedrático de “Lengua y Literatura Española” no
Instituto de Lugo (1935-1939), fora o seu primeiro destino como catedrático,
despois de ter aprobadas co número 2 as súas oposicións en 1935.
Despois de facer
xestións e dirixirlle dúas cartas, Manuel Fraga accede a recibirme.
Sabendo do valor que
Fraga lle daba á puntualidade, eu intentei acudir á nosa cita coa máxima
puntualidade. Estaba citado para as cinco e media da tarde do venres, 20 de
novembro de 1998. Ás cinco eu xa estaba na antesala do despacho de Manuel Fraga,
que como presidente tiña no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en San
Caetano, na cidade de Santiago de Compostela. Un policía nacional que estaba de
garda acompañárame ata alí e díxome que á hora fixada xa me farían pasar.
E efectivamente, ás
cinco e media en punto, fixéronme pasar xunto ao Sr. Fraga, quen me recibe e
saúda moi amablemente e faime sentar cabo del dicíndome que xa podiamos
empezar.
Eu estaba moi nervioso,
o personaxe impoñía, ao sentares, cáeme o caderno de notas. Axiña preparo todo,
o magnetófono prendido, víase a luceciña vermella. Empezo a preguntar e
simultaneamente tomo notas, Fraga, moi amable, contestou a todas as miñas
preguntas.
Ao rematares, recollo o
magnetófono, pecho o caderno de notas e ofrézolle como agasallo ao Sr. Fraga,
ademais de darlle as grazas, un exemplar do meu libro Ó galego polo teatro e el a súa vez agasállame e dedícame un seu
libro.
Despedímonos con total
afabilidade e ao saíres, cáeme das mans o libro e o caderno de notas, como podo
recollo todo apresuradamente e por fin salgo do despacho.
Teño que manifestar do
trato exquisito e educado do Sr. Fraga, foi moi considerado ao ofrecerme unha
parte do seu tempo para atender ao meu cuestionario. Era un venres á tarde,
final supoño dunha dura xornada de traballo para el, tiña os ollos moi
vermellos, semellaba estar xa canso; pero, contestou a todo o que eu levaba
preparado.
Tan axiña como estiven
no meu coche, que estaba situado no aparcadoiro do Edificio Administrativo da
Xunta, quixen escoitar a gravación, inténtoo con insistencia e nervioso, pero
nada, non gravara nada! Estaba perdido! Sen me mover do coche, collín as notas
que tomara da nosa conversa e púxenme a escribir, a redactar para non perder
nin esquecer os datos da entrevista.
Que sucedera? O maldito
magnetófono tiña un botón de pausa, que debín premer sen decatarme e así foi
como non gravara ren.
Despois de repasares e
redactares as notas da conversa, envieillas ao Sr. Fraga Iribarne para que as
dera por auténticas o que fixo con absoluta exquisitez.
Souben que nunha
ocasión a unha xornalista pasoulle co
Sr. Fraga o que me pasou a min e a periodista pretendía repetir a gravación ao
que Fraga contestoulle que publicara as notas da conversa que non estaba pola
labor de repetir a entrevista.
Así foi aquela azarosa
conversa con Manuel Fraga, polos meus nervios. Quedei moi compracido e
agradecido pola inestimable colaboración de D. Manuel. Quen, desde aquela,
sempre me enviaba unha postal polo Nadal ao que eu tamén lle correspondía. O
fixo ata o ano do seu falecemento alá en Madrid.
sábado, 4 de septiembre de 2021
PROTESTA - Jazz poema - 1978
Cada vez que sigo afondando na figura do profesor e intelectual pontevedrés Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) quedo máis abraiado por descubrir todas as facetas que desenvolveu na súa poligrafía humanista.
Tamén foi un gran poeta, como o demostra nas súas cantigas neotrobadorescas: Seis cantigas de mar in modo antico.
Eu tamén son amante da poesía, non un poeta, e gústame xogar e experimentar coas palabras. Escribín, que eu recorde e quedara rexistrado, o meu primeiro "poema" entre os 14 ou 15 anos e no ano 1978 experimentei coas palabras acompañadas dunha imaxe, a xeito de protesta, de inquedanza e de preocupación xuvenil, nunha cousa que eu chamaba jazz poema, polo que tiña de experimental e de improvisación.
Ofrezo aquí aquel meu experimento daquel significativo ano de 1978:
jueves, 5 de agosto de 2021
CASTELAO, MÁGOA NON TELO COÑECIDO
É sabido que levo uns anos estudiando a figura de Xosé Filgueira Valverde na súa faceta de educador e de profesor. Achegándome a este personaxe podo comprobar a riqueza do seu entorno persoal, a enorme riqueza das súas relacións humanas.
Ademais da importancia
da súa familia, quero subliñar a súa relación cos membros da Xeración Nós e co
grupo dos fundadores e compoñentes do Seminario de Estudos Galegos, unha
institución da que nunca faremos o necesario para loar a súa importancia
capital na historia da cultura galega.
Mais, hoxe, quero
centrarme na figura de Castelao, personaxe sobranceira da historia galega do
século XX. El entregou con xenerosidade a súa vida ao servicio de Galicia, á
que tanto amaba.
Filgueira Valverde tiña
en moi alta estima e moitísimo aprecio pola persoa de Castelao. Todos os de Nós
e todos os do Seminario de Estudos Galegos querían moito ao irmán Castelao.
Filgueira dedícalle integro o IV tomo da súa colección de ensaios titulados Adral.
Tamén apreciaban e
admiraban moito a Castelao dous íntimos amigos e mestres de Filgueira, como
foron Francisco Xabier Sánchez Cantón e Antonio Iglesias Vilarelle. Sánchez
Cantón e Filgueira Valverde costearon e mimaron a edición do álbum Nós da autoría do gran Castelao.
Filgueira fixo todo o
posible e máis por xuntar no Museo de Pontevedra a maior parte da obra e do
legado de Castelao. Museo moi querido polo rianxeiro e que axudou a configurar
nos máis mínimos detalles.
Castelao tiña especial
aprecio e debilidade por Pontevedra, onde pasou anos cruciais e moi produtivos
da súa vida.
Desgraciadamente e por
motivos políticos a partires do ano 1935 Castelao e Filgueira comezan a se
distanciar e xa dun xeito definitivo a ruptura total confírmase a partires dos
tristes sucesos de xullo de 1936, tal como nos indicou e manifestou nunha
conversa mantida en 1998 Francisco Fernández del Riego.
Estas lembranzas
viñeron ao meu maxín ao visitares hoxe, entre outras salas, as dedicadas a
Castelao no Museo de Pontevedra. Sen dúbida, eu desexaría ter coñecido ao
grande Castelao, que aparte de político, artista, escritor, creo que foi un
home simpático, irónico, gran persoa; foi un dos “bos e xenerosos” da Nosa
Terra.



















