domingo, 19 de octubre de 2014

O HOME QUE DISCURSABA COAS ÁRBORES NA AVENIDA DE DONA URRACA DE CALDAS DE REIS


   A avenida de Dona Urraca, sen os plátanos das súas beiras, coas que Paco tantos discursos ten compartido. Todo acaba.


Alá nos lonxanos anos sesenta do pasado século, coñecín en Caldas de Reis a un home que se chamaba Paco García, que era barrendeiro de profesión e que vivía na Avenida Dona Urraca, máis coñecida como a "carretera de Portas", tiña unha querida e respectada familia numerosa, a familia García Gamallo, cunha esposa exemplar e admirable. Daquela, dita bonita e pintoresca avenida estaba flanqueada nas súas dúas marxes por candasúa ringleira de plátanos que lle confería un aspecto moi particular, que a facían moi fermosa, as árbores chegaban ata a estación de ferrocarril de Portas, tristemente desaparecida igual que as árbores, xa que viñera unha febre de talar árbores e todo perdeu o seu propio aspecto de tantos anos. Paco e as súas árbores xa son historia.

Pero, ao que íamos, Paco era un traballador moi cumpridor coas súas tarefas como funcionario municipal, cunha familia numerosa á que manter. Daquela os barrendeiros elaboraban a maioría dos elementos cos que traballaban con materiais obtidos da propia natureza, con pequenas ponlas e ramallos confeccionaban as súas basoiras e outros útiles para o seu traballo cotiá. O noso home traballaba arreo e sacaba a súa familia adiante naqueles tempos de penuria e atraso. Como xa teño dito máis dunha vez, aquela Caldas de Reis dos anos sesenta, anos da miña nenez, era unha vila entrañable e familiar, onde todos os veciños nos coñeciamos e tratabamos.

Pois ben, algunhas veces, á tardiña, cando Paco volvía para a súa casa, ía un pouco bébedo e dando pequenos tombos polo camiño, paraba e con acenos e braceando, poñíase a pronunciar os seus discursos, tendo como público oínte, ás sofridas árbores das beiras da avenida, falaba de todo e dalgunhas cousas que daquela non era doado falar en circunstancias normais; pero, que se lle permitían aos bébedos e aos tolos. Pero, Paco non tivo problemas, ningunha árbore o denunciou nunca. Ninguén o escoitaba, só as silandeiras e maxestuosas árbores e algún que outro meniño coma min. Sen dúbida as árbores e os nenos podían apreciar e estar de acordo con aqueles solemnes e sentidos discursos. Os marmurios das follas e o bater das ponlas coa brisa eran os aplausos daquel público entregado e como as árbores tamén falan, expresaríanlle as súas opinións e daríanlle palabras de aprobación polos seus elaborados parlamentos, cando só eran sempre os mesmos os que parlamentaban e sen disensións. Naqueles tempos, quen podía falar e opinar libremente? Só Paco e as súas árbores, as árbores da súa avenida. Coas que discursaba cando volvía algo contento para a súa casa, na Avenida de Dona Urraca. Que Caldas aquela dos 60? Quen poderá esquecer aquelas lembranzas e vivencias xa idas? A Paco e ás árbores oínos falar máis dunha vez, naqueles tempos felices e inocentes da miña infancia caldense e hoxe como naquel onte aínda esbozo un sorriso vendo a Paco cunha man na botella e coa outra facendo acenos, arengando a aquelas árbores desparecidas.

martes, 14 de octubre de 2014

II FESTIVAL CÁRITAS PARROQUIAL DE SANTA BAIA DE AREALONGA


TODOS CON CÁRITAS PARROQUIAL DE SANTA BAIA DE AREALONGA DE VILAGARCÍA DE AROUSA

Coa túa colaboración axudarás a financiar o labor a prol da xustiza  e do sentido humanitario e solidario da vida.

Este ano, ademáis de todo o que vimos facendo, comenzamos un proxecto ilusionante, para ir dando pasos en solucionar o 100% de fracaso na ESO da mocedade cigana do poboado da rúa Depuradora de Vilagarcía de Arousa.

A partir de xaneiro de 2015, tentaremos poñer en marcha un plan de arranxo de infraviviendas e mellora de vivendas  de persoas marxinadas.

TI CONTAS, A TÚA AXUDA É IMPRESCINDIBLE

jueves, 9 de octubre de 2014

XOSÉ NEIRA VILAS RECIBE O PREMIO OTERO PEDRAYO








Hoxe xoves, día 9 de outubro de 2014, o famoso escritor e académico galego, Xosé Neira Vilas, vén de recibir o prestixioso premio OTERO PEDRAYO nun acto solemne celebrado no Salón de Plenos da Deputación Provincial de Pontevedra, a partires das 20:00 h. Dito premio está auspiciado polas catro deputacións galegas e a Xunta de Galicia. Precisamente, o presidente galego presidiu o acto, no que interviron por orde de actuación, Xesús Alonso Montero, Presidente da Real Academia Galega; o premiado, Xosé Neira Vilas; o Presidente da Deputación, Rafael Louzán Abal e finalmente, o Presidente da Xunta de Galicia, Xosé Núñez Feixoo. No intermedio e ao final do acto interviu un dúo musical, voz e teclados, que versionaron poemas de Otero Pedrayo e de Xosé Díaz Castro.

Ampliaremos a feliz nova próximamente, despois desta reseña de urxencia. 

O primeiro discurso foi pronunciado polo Presidente da RAG, Xesús Alonso Montero,  quen comezou indicando que existen moitas concomitancias entre Neira Vilas e mais el, incluso cronolóxicas xa que os dous naceron en novembro de 1928, Neira Vilas o 3 e Alonso Montero o 28 (axiña estarán os dous de cumpreanos). Os dous son homes de aldea, Neira, fillo de labregos; Xesús Alonso Montero síntese un neno campesiño.

Neira Vilas, na súa emigración en Bos Aires, achégase antes que Alonso Montero ao mundo dos intelectuais galegos, sobre de todo aos exiliados alí. Neira sabe antes que Alonso de Castelao, recibe unha formación galeguista por contacto. 

Casa en 1957 con Anisia Miranda, escritora cubana de pais galegos. Ambos os dous fundan en Bos Aires a librería, editorial, distribuidora FOLLAS NOVAS, de tanta importancia para o libro galego.

Marchan para Cuba, onde desenvolven un gran labor cultural e educativo.

Logo, Xesús Alonso Montero fala do Neira Vilas escritor (narrador, poeta, ensaísta, divulgador...) Fala da súa variada e voluminosa obra; pero MEMORIAS DUN NENO LABREGO, é un fito fundamental da historia da literatura e da cultura galega; o libro máis editado e traducido da lingua galega. Ademais da súa monumental obra é un extraordinario activista da literatura e da cultura galega. Nos destacaríamos polo seu interese para os cativos galegos o libro infantil, tan fermoso, ESPANTALLO AMIGO.

A continuación fala o premiado, XOSÉ NEIRA VILAS, que fai un canto de loanza a D. Ramón Otero Pedrayo, patriarca das Letras Galegas, extraordinario intelectual, profesor, escritor e subliñou varias veces HOME DE BEN.

Sempre tivo en conta á emigración galega, cancro da nosa terra, na liña de Rosalía quen se laia da miserenta vida dos emigrados e das súas tristes consecuencias: despoboación da terra, o deixar orfos de pais vivos a tantos nenos e mozos. Otero Pedrayo comparte os laídos rosaliáns e rexeita ese éndemico mal da Nosa Terra. Otero Pedrayo foi homenaxeado pola diáspora galega en América, a onde viaxou varias veces.

Mantivo unha relación de amizade con Neira Vilas, a quen se dirixe en varias ocasións como irmán, na liña das Irmandades da Fala. Neira Vilas repite varias veces que o lembrado e querido do Ramón era un home de ben, un galego bo e xeneroso.

Seguidamente, os discursos dos representantes políticos, clausurando o acto o Presidente da Xunta de Galicia e poñendo o final musical o dúo de voz e teclados. Finalmente houbo un viño galego e ágape de confraternidade.

jueves, 2 de octubre de 2014

UNHA SESIÓN DE TRABALLO CON XESÚS ALONSO MONTERO








Hoxe, xoves 2 de outubro de 2014, entre as 16:30 h. e as 18:00 h. no despacho de Xuntas do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, mantiven unha segunda xuntanza de traballo (a primeira tivo lugar no Carabela en Pontevedra, seguida de xantar tamén de intercambio de información, acompañados da profesora Ana Acuña e de José Fernando Filgueira Iglesias, o domingo 14 de setembro), co eminente profesor e ilustrísimo Presidente da Real Academia Galega, don Xesús Alonso Montero, foi un pracer compartir estes intres co entrañable e agarimoso, D. Xesús. O obxectivo dos nosos encontros foi falar, cambiar impresións e datos sobre José Fernando Filgueira Valverde, a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas do ano 2015.

Tamén estamos a deseñar e a organizar algo que leva o título (ideado por D. Xesús) de FILGUEIRA RIMA CON ARMENTEIRA, cuestión na que se quere implicar á Mesa das Verbas e aos centros de ensino de Vilagarcía de Arousa, e a cantas persoas se queiran xuntar; pero, desto cando todo xa vaia máis preparado e madurado, xa daremos noticias.

Para min foi unha honra este xoves, primeiro asistir á conferencia que impartiu D. Xesús sobre Díaz Castro, no Salón de Actos do IES "Fermín Bouza Brey" de 12:00 h. a 13:00 h. e dirixida, especialmente, para o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato de dito centro. E logo pola tarde, a sesión de traballo sobre Filgueira.

Agradézolle a D. Xesús esta oportunidade de compartir uns intres de pescuda e estudo tan interesantes e ilustrativos. E como dicía Cunqueiro, ata outra millorada!

jueves, 25 de septiembre de 2014

OFRENDA FLORAL A SAN ROQUE DO CLUB XUVENIL


A imaxe que ilustra esta entrada refírese a unha ofrenda floral a S. Roque por parte de representantes do "Club Juvenil Villagarciano". Ofrecimos o ramo de flores preceptivo e un meu poema a S. Roque naquela xornada inicial das festas. Quizais se corresponda coas Festas Patronais de Vilagarcía de Arousa dun mes de agosto do ano 1982 ou 1983, xa non me lembro ben. Estou acompañado de catro socias e amigas do Club, nestes intres só recoñezo a dúas, empezando pola dereita aparece Mª del Carmen Conde Durán e Andrea Fernández Maneiro "Nei". O "Club Juvenil Villagarciano" estaba moi presente na vida social e cultural da Vilagarcía dos ano 80 do pasado século. Foi unha experiencia breve, pero intensa e fructífera a deste Club.

viernes, 29 de agosto de 2014

XL MESA DAS VERBAS - HOMENAXE A JOSÉ MANUEL OLVEIRA HORTAS




Xa van alá 40 citas coas Musas das artes e das letras, o sábado 13 de setembro na Sala de Conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa (Avda. da Mariña), unha nova oportunidade para compartir versos e música, esta última será ofrecida polas nosas amigas e amigos do Coro Voces Amigas de Vilagarcía. E volveremos a homenaxear e a facer presente ao noso amigo, o poeta sensible, ao poeta da xustiza e da solidariedade , o inesquecible, José Manuel Olveira Hortas. Xa sabedes, temos un encontro, non faltedes.

OLLO CAMBIO DE UBICACIÓN, NESTA OCASIÓN VERÉMONOS NA SALA DE CONFERENCIAS DO AUDITORIO MUNICIPAL. 

Tivemos unha Mesa moi emotiva e sentimental, ceibamos versos o ar en homenaxe a Olveira, escoitáronse e sentíronse os seus propios versos. Acompañados coa música ben temperada e coas cancións ben interpretadas con musicalidade e sensibilidade por parte do Coro "Voces Amigas" de Vilagarcía, dirixido maxistralmente por Chiruca Rivera. A todos mil gracias.

Participaron ceibando os versos ao ar:

18 membros do Grupo Poético "Brétema" de Vigo, acompañados polo seu Presidente e Secretaria.

E os seguintes asíduos da Mesa das Verbas: 

Andrea Fernández

José González

Enrique Brumbéck

Tito Porto

Eduardo Víctor Castro López

Antonio Quiñoy

Carmen Abalo

Tere Briones

Augusto Guedes

Xermán Torres

Agradecemos moi especialmente a presenza da viúva, do irmán e dos fillos de José Manuel Olveira Hortas, quen permenecerá sempre con nós na súa lembranza e nos seus versos.

Manoel Xosé, in memorian

miércoles, 27 de agosto de 2014

Lembranza do Club Xuvenil e de Ramón Rubianes



Como moitas cousas e experiencias boas, lembro a existencia do Club Juvenil Villagarciano, en pleno apoxeo alá polas décadas do setenta e dos oitenta do pasado século. Un grupo entusiasta de mozos e mozas, respaldados por unhas persoas xenerosas e altruístas viviron e organizaron toda unha serie de actividades culturais e deportivas moi enriquecedoras para a Vilagarcía daqueles tempos idos. Unhas dez edicións do chamado Marathon Popular, que convocaba a tantos atletas de toda Galicia e que espertou aquí verdadeiras vocacións atléticas. (A foto correspóndese cunha desas edicións e nesa imaxe, na parte superior esquerda, figura Ramón Rubianes, gran amigo e colaborador do club, dinlle clases particulares aos seus fillos Ramón e Manuel, dos que gardo felices e agarimosas lembranzas, sirva esta entrada como unha homenaxe ao inesquecible amigo, Ramón Rubianes). Tamén organizamos torneos escolares de xadrez, de fútbol, de fútbol-sala, de tenis de mesa, conferencias, concertos, concursos literarios, os seis números da extraordinaria revista de poesía RODADA, festas infantís e xuvenís, a convivencia nas instalacións da chamada Casa da Xuventude, sede do Club, e tantas e tantas vivencias. Foi mágoa que Vilagarcía e as súas autoridades non souberon ou non quixeron apoiar na súa xusta medida, esta iniciativa xuvenil aberta, de todos e plenamente democrática, agás o apoio recibido pola primeira Corporación democrática de Vilagarcía, é xusto recoñecelo. Na súa breve existencia, o Club Juvenil Villagarciano desenvolveu un gran labor e unha intensa actividade, foi unha oportunidade para Vilagarcía de Arousa, á que aqueles mozos e mozas, hoxe homes e mulleres, amaban moito e desexaban o seu crecemento cultural e deportivo, co protagonismo e participación de todos. De cando en vez, é de xusticia volver a vista atrás e lembrar a unha institución xuvenil exemplar, de Vilagarcía para Vilagarcía.